O Alcalde socialisto de Vigo é condenado pola xusticia a derrubala de urxencia pero segue negándose

quinta-feira, 5 de julho de 2012

Nota de prensa da entrega dos restos de membros da corporación republicana de Boimorto aos seus familiares


Entrega dos restos de membros da corporación republicana de Boimorto aos seus familiares no acto do pasado día 24 de xuño.

A Caitán García Vázquez, de 42 anos, Isidro Filloy López, de 46 e Andrés Filloy asasináronos o 20 de agosto de 1936. Non morreron sós. Na nota de prensa e no libro Memoria dun Silencio, de Xosé Luís Rivas Cruz, Mini, relátanse os feitos do asasinato dunha corporación municipal case ao completo, e de outras persoas, até chegar a 11.

O avó paterno de quen redacta esta nota, xunto con outro veciño, enterrounos a punta de pistola falanxista.

Meu avó e o seu compañeiro e veciño, Maimixe, mentres tiveron folgos, mantiveron limpas as súas tumbas, á beira da gabia da estrada vella de Compostela a Lugo, nun lugar que aínda é coñecido como a Chousa dos Mortos.

Foi un traballo colectivo, o de recuperación dos restos, aínda que hai unha persoa que puxo toda a súa vontade e empeño para que isto fose posible. Como é de natural discreto, non vou escribir o seu nome. Algúns temos a sorte de saber quen é, e mais tamén de coñecelo e gozar da súa amizade.

Saúde e Memoria.
Xosé Luís Santos Cabanas

Nota de Prensa:

Sen campás
24 de xuño de 2012. Boimorto.
Pola hora solar aínda non era mediodía cando nos reunimos no Salón de Actos da Casa do Concello. O local estaba cheo. Familiares de vítimas do 36, veciños, persoas da Asociación para a recuperación da Memoria Histórica (ARMH), algunhas doutras asociacións. Tratábase de lle entregar os restos, identificados despois de analizar o seu ADN, de Isidro Filloi López, de 46 anos, Andrés Filloi, de 18 e Caitán García Vázquez, de 46, asasinados en agosto do 36, nunha gabia do Amenal, O Pino. Cunetas, cunetas, cunetas, Rodríguez Fer, Galicia ametrallada nas cunetas, Pimentel. Sen campás e sen protestas.

Intervención breve e directa do alcalde, José Portos Vázquez, que asegura que seguirá colaborando na procura dos restos dos veciños de Boimorto que correron a mesma sorte atroz, once en total. Sinxelamente, porque cre na democracia. Breve tamén Marco, o representante da ARMH, ou sexa dos voluntarios e voluntarias que realizan traballos co fondo interese de quen non procura remuneración económica, que abordan tarefas que debían afrontar os poderes do Estado que hogano só parecen mirar para e polos cartos dos banqueiros. Lucía, portavoz das familias, contén con grande esforzo a súa emoción para que nos chegue ben nítida a súa mensaxe: cómpre coñecer o que nos pasou para que non volva acontecer. Xosé Luís Rivas Cruz, Mini, intenso, palabras en fervenza, como o traballo en cadoiro que, coa teimosía de quen ten claro que a Memoria debe ser restaurada, o traballo que desenvolveu para que sexan posibles actos coma o deste día tan limpo de comezos de verán.

A emoción anegou a sala. Aplausos en lembranza das vítimas e en homenaxe á II República Española, moito máis vehementes que as cores borbónicas das bandeiras que nos invaden con pretextos futboleiros.

Pola tarde os enterros. Isidro en Céltigos, Frades, pois así o quixo a familia. O crego non apareceu, seica andaba moi ocupado. No silencio escoitábase como asubiaba, ao saír do tubo, a silicona que selaba a tampa.

En Andabao, na mesma fregresía onde o cura de entón acirrara á Besta 36 que matou os 11 veciños, alí si que, con discreción, o párroco actual despide en galego a Andrés e Caitán. Mortes moito, moito máis incomprensíbeis que outras, nas súas palabras.

Sen campás. Con fonda emoción. Con longos e quentes aplausos.

Xosé Luís Santos Cabanas
Secretario da Oliveira de Teo, asociación para a Recuperación da Memoria Histórica e defensa do Patrimonio Inmaterial.

P.S. Fican outros dous cadáveres de veciños de Boimorto no Amenal, e outros seis en Ortoño. Están empeñadas en seguir na súa procura, a ARMH e a Agrupación de Familiares das Vítimas do 36 de Boimorto. Apoiemos a súa iniciativa.

Nenhum comentário:

Postar um comentário