O Alcalde socialisto de Vigo é condenado pola xusticia a derrubala de urxencia pero segue negándose

Amosando publicacións coa etiqueta Transición. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Transición. Amosar todas as publicacións

luns, 1 de xuño de 2015

A Transición en Galicia


 
Historia del Presente 25. La Transición en Galicia. Emilio Grandio Seoane (ed.)
Eneida 
 
EXPEDIENTE 

Emilio Grandío: Introdución. 

Ramón Villares: Os herdeiros de Daniel: exilio galego e autonomía. 

Julio Prada: De onde vimos e cara a onde imos? A dereita galega entre a transición e a consolidación democrática. 

Emilio Grandío: A maquinaria da transición. Estado e democracia: a UCD en Galicia. 

Víctor Manuel Santidrián: PSOE, PCE, UGT e CCOO durante a transición en Galicia (1975-1981) 

Xosé M. Núñez Seixas: Colonia ou champú? O nacionalismo galego na Transición democrática 
 
La Librería de Cazarabet

domingo, 19 de abril de 2015

O Concello das Pontes cancela a conferencia de Martín Villa


Atribúe a decisión a unha cuestión de "seguridade" pola concentración convocada en rexeitamento á presenza do ex-alto cargo franquista e ministro no Transición
 
Sermos Galiza - A.V. 9/4/15
Un ex-alto cargo do franquismo e da etapa da ‘Transición’ contra o que a xustiza arxentina emitiu hai seis meses orde de detención e extradición pola súa presunta responsabilidade co asasinato de 5 obreiros estará nas Pontes de García Rodríguez o 18 de abril para dar unha conferencia. Rodolfo Martín Villa, coñecido popularmente nos finais dos 70 como ‘La porra de la Transición’ pola violencia e contundencia coas que ordenaba actuar como Ministro da Gobernación contra as manifestación, estará no cine Alvoi para tomar parte no coloquio ‘Transición democrática en España’.

O 31 de outubro do ano pasado a xuíza María Servini-instrutora dunha causa penal contra o franquismo- ordenaba en baseo ao principio de xustiza universal deter Martín Villa e outra vintena de cargos imputados por crimes da ditadura. A Rodolfo Martín Villa considerábao responsábel da 'Matanza de Vitoria', na que a policía matou a tiros a 5 obreiros e feriu a 150.

A mediados de novembro a Interpol iniciaba as dilixencias previas para solicitar a detención de Martín Villa. Mais todo ficou en nada. Desde un principio o goberno español afirmou que non ía proceder a detención nin entrega ningunha do ex-ministro, amparándose na Lei da Amnistía de 1977. O propio Martín Villa, en entrevistas á prensa española, afirmaba que estaba disposto a declarar perante a xustiza arxentina e negaba calquera implicación nos feitos dos que era acusado.

En febreiro deste ano o xuíz Velasco arquivou a petición de asociacións de vítimas para que se detivese o ex-ministro.

Da guerra suxa ás portas xiratorias

Martín Villa ostentou no franquismo varios altos cargos no sindicato vertical e foi procurador en Cortes en 5 lexislaturas. De 1976 a 1979 foi ministro de Gobernación (Interior) do Estado español. Durante o seu mandato, e só en Euskadi, unha trintena de persoas morreron por accións dos membros das forzas de seguridade do Estado -dados dun Informe do Goberno Vasco-. O seu nome estivo relacionado, en reportaxes e investigacións, cos primeiros anos de ‘guerra suxa’ contra ETA, que decorreron na súa etapa como ministro. Tamén se ten indagado sobre a súa responsabilidade en casos como o atentado do Scala ('montaxe' contra a CNT) ou nos atentados contra o independentista canario Cubillo.

Foi deputado no Congreso e ministro nos gobernos de UCD, así como vicepresidente do goberno español despois do golpe de estado do 23-F. De 1997 a 2002 foi presidente de Endesa, no que se describiu xa daquela como un caso de ‘portas xiratoria’. Foi tamén comisionado do goberno español na catástrofe do ‘Prestige’.

Rexeitamento

A presenza de Rodolfo Martín Villa en Galiza xa xerou as primeiras críticas e rexeitamentos das redes sociais. Organizacións como Causa Galiza fan un chamamento a acudir ás Pontes o 18 de abril para evidenciar protestar contra a asistencia dun ex-alto cargo do franquismo sobre o que pende unha orde de detención internacional.

mércores, 11 de febreiro de 2015

«O Partido Comunista foi inxusto con Enriqueta Otero, unha gran loitadora»

 
Quico logrou escapar a Francia nos anos cincuenta pero non todos os seus compañeiros puideron
 
Lugo,
 
 

domingo, 28 de decembro de 2014

Francisco Carballo, sempre no corazón

 
Na Galipedia
Foi un dos fundadores do semanario A Nosa Terra en 1977 e un colaborador constante. Ten colaboracións en A Trabe de Ouro e Encrucillada.

Presentouse como candidato ao senado polo BNPG nas eleccións de 1979. En 1981 foi condenado a seis meses e un día de prisión menor e a 20.000 pesetas de multa por calumnias á policía no libro Historia de Galicia.

Desde que se xubilou viviu no Morrazo
 

Video sobre Francisco Carballo proxectado en Maceda, durante a Homenaxe celebrada o 27 de decembro de 2014

martes, 1 de abril de 2014

“A negación do xenocidio franquista é a visión social hexemónica, transversal a todas as ideoloxías políticas”


Praza Pública 30/3/14 - Montse Dopico
O historiador Antonio Míguez comezara xa a explorar a posibilidade de reconceptualizar a represión franquista como xenocidio no seu ensaio O que fixemos en Galicia, publicado no 2009. Seguiu investigando nesta liña ata chegar a La genealogía genocida del franquismo. Violencia, memoria e impunidad, que acaba de publicar Abada. Un libro que defende non só que o réxime franquista se pareceu moito máis do que se chegou a asumir ás ditaturas latinoamericanas ou mesmo ao nazismo. Senón que o Estado actual, a súa lexitimidade democrática, se asentan na negación da súa orixe mesma nun proceso de exterminio masivo dunha parte da sociedade. Porque son moitas as continuidades co Estado franquista. Máis das que a propia memoria militante antifranquista quixo, moitas veces, admitir.
 
Xa nun libro anterior, O que fixemos en Galicia, tratabas o mesmo tema, se cadra dunha forma máis intuitiva.
Si, este libro vén de aí, de cando escribín O que fixemos en Galicia, que fora premio Alexandre Bóveda de Ciencias Sociais. Era a etapa do goberno bipartito, o momento álxido do movemento de recuperación da memoria histórica, con dotacións públicas para proxectos como o Nomes e Voces, no que traballei. A orixe do meu interese nesta cuestión é esa. Fixen moito traballo de campo en Nomes e Voces, e a partir do meu contacto coas fontes e o tema xurdiu a inquedanza de considerar unha reconceptualización do acontecido tras o golpe de Estado do 1936 como práctica xenocida.
 
A túa proposta é artellar outro paradigma interpretativo, desde unha perspectiva comparada. Por que se precisa, entón, esa mudanza conceptual e de enfoque?
Eu son historiador e escribo desde o debate historiográfico, iso o primeiro. Comezo cuestionando o paradigma dominante, baseado na dicotomía franquismo-antifranquismo. Na perspectiva antifranquista situáronse os primeiros estudios sobre a represión, a finais da transición e primeiros dos anos 80, conducidos polo afán de reparar moralmente o sufrimento das vítimas do franquismo, nun contexto no que o Estado non era quen de satisfacer esa demanda moral de xustiza. Isto impulsou moito a investigación, mais tamén condicionou o tipo de interpretación que se fai sobre a cuestión. A consecuencia foi que se entende a chamada represión franquista como un fenómeno esencialmente político, é dicir, atribúese a violencia a cuestións de ámbito político-partidista. Isto significa que, se os verdugos, os vitimarios, son definidos como fascistas, entón as vítimas terán que ser antifascistas, militantes antifranquistas. Outro efecto é que non se distingue entre a violencia do propio proceso bélico e a violencia da retagarda. Porque, se se entende a guerra como un enfrontamento entre franquistas e antifranquistas, a violencia da retagarda sería a mesma violencia da guerra mais levada a outros lugares. Ademais, o paradigma dominante considera esa violencia como un fenómeno intrinsecamente español, non comparable a outros procesos violentos do século XX, e iso é unha carencia moi grande.
 
Partes da distinción entre crimes contra a humanidade, crimes de guerra e xenocidio. E decántaste polo terceiro. Por que?
Creo que o concepto de represión é insuficiente para definir o que sucedeu. Sería ridículo, por exemplo, falar de represión hitleriana. E aquí fálase, con naturalidade, de represión para definir tanto o acontecido en agosto do 1936 como o que pasou en outubro de 1975. O que eu propoño é utilizar unha linguaxe que ten mellor acomodo no propio argumentario internacional. Opto, por iso, por esa triloxía de conceptos. No ano 36, ademais, esta tipoloxía conceptual estaba a asentarse a nivel internacional. Non se trata de se é unha violencia máis ou menos mala se lle chamamos dunha maneira ou de outra. Non fago un xuízo moral: só tento que o que ocorreu poida explicarse mellor. Os crimes de guerra están circunscritos ás prácticas do propio conflito bélico: o trato dado aos soldados ou aos prisioneiros, ou o caso de José Couso, por exemplo. Hai unhas convencións internacionais que identifican prácticas que non se xustifican polo contexto de guerra. O obxecto dos crimes contra a humanidade son, porén, os combatentes, os civís. Neste caso, non se precisa que exista un plan predeterminado, unha intencionalidade que estea detrás da masacre de civís. O outro gran concepto, que achegou o xurista polaco Raphael Lemkin nos anos da Segunda Guerra Mundial, é o de xenocidio, que si precisa que haxa unha intención de acabar cun grupo social concreto. Non só exterminando aos individuos que o forman, senón borrando a identidade do grupo.
 
Desde o punto de vista do dereito internacional, a túa proposta presenta un problema: a Convención para a sanción do delito de xenocidio de 1948 exclúe da súa definición os grupos políticos. Só considera a eliminación sistemática dun grupo social por motivos de nacionalidade, etnia, raza ou relixión. Outra cousa é o debate que creou esta Convención, que é no que te apoias.
É un concepto de orixe académica, moi especializado, que ademais ten un uso popular moi estendido…
 
Que connota unha gravidade maior dos feitos: máis asasinatos...
Si, en xeral non se ten moi clara a definición de xenocidio. Pero o grave é que no ámbito académico se use o concepto sen fundamento. Como sinónimo de Holocausto, por exemplo. É moi importante explicar as orixes do concepto, os debates que arredor del se produciron e as súas consecuencias. É un concepto de codificación, a nivel internacional, moi complexa, que estivo moi condicionada polas circunstancias históricas, que fixeron que se alterase parte do espírito do concepto. Foron excluídos da definición os grupos políticos, pero non significa que o debate rematase. Houbo despois do 1948 sentenzas, por exemplo en Arxentina, que supuxeron condenas por xenocidio tratándose de vítimas que foron tales por motivos políticos. E hoxe pode falarse dun consenso arredor da idea de que a exclusión dos grupos políticos da definición non estaba xustificada. De todas maneiras, a min interésame, máis que a perspectiva estritamente xurídica, o uso do concepto no contexto dos estudos sociolóxicos, politolóxicos e históricos.
 
En que sentido é, entón, máis operativo usar o concepto de xenocidio que o de represión?
Esa é a cuestión: se é máis operativo e funcional. Eu creo que si. E non é unha cuestión de utilizar unha palabra ou outra, senón do que ten detrás. En primeiro lugar, habería que distinguir, como dicía antes, a violencia de retagarda, que tivo un carácter sistemático que vai máis alá da represión política. Porque represión política xa a houbera antes do 36 e tamén a hai hoxe, nas democracias. Outra cousa é se está dentro ou non da legalidade. Quero dicir: no 1917 houbo unha gran folga xeral que acabou con centos de dirixentes obreiros no cárcere. O mesmo pasou coa Revolución de 1934, en Asturias: centos e miles de obreiros no cárcere, e mesmo condenas a morte. Pero a partir do golpe de Estado do 36 produciuse un tipo de violencia especial, unha violencia sistemática cuxo obxectivo era acabar cunha parte da sociedade, borrar a súa identidade.
 
É dicir, un xenocidio. E este cambio conceptual permite incorporar outro tipo de cuestións. Primeiro, os verdugos, os perpetradores. Non se trata só de facer reconto e sistematización dos perfís das vítimas, que tamén é moi importante. Trátase, como se fixo en Ruanda, ou na ex-Iugoslavia, de saber quen foron os responsables: quen matou, por que, como… Outra cuestión é quen participou nesas matanzas e por que, que é un tema que aquí case non se estudou: a mobilización social, a participación da sociedade no xenocidio. Isto implica estudar cuestións moi difíciles e que xeran grandes tensións sociais, como a delación. Todo isto, que foi estudado por exemplo no caso da Alemaña nazi, aquí resólvense con apelacións ao contexto de guerra, aos “excesos de ambos bandos” ou, simplemente, ás consecuencias da “represión franquista”.
 
E supón ademais considerar unha boa parte da sociedade como obxecto pasivo dunhas lóxicas alleas a ela. Nese sentido, a historiadora Ana Cabana estudou as actitudes de consentimento e resistencia non organizada, complexas e cambiantes. 
Si, Ana Cabana ou Daniel Lanero fixeron un traballo moi importante nese sentido, mais aplicado ao desenvolvemento do réxime nos anos 40, 50… O que nos falta por saber é que pasou entre o 36 e o 39, e a primeiros dos 40. Na práctica xenocida son os verdugos os que definen as vítimas como parte dun grupo social a ser exterminado. Por razóns moi amplas, porque as identidades das persoas son complexas e múltiples. E, para min, máis que poñer o aceno na causalidade, o máis operativo é explicar o procedemento, o por que, con que finalidade. Cando traballaba en Nomes e Voces, atopábame con que persoas que os verdugos definían da mesma maneira non poderían, se tivesen oportunidade, nin estar sentadas á mesma mesa, debido ás diferenzas entre elas. Pois resulta que para os verdugos eran todos o mesmo. Por iso, é reducionista quedar só co dato da militancia política. O que importa, para min, son as lóxicas. E aquí entra o concepto de lóxica burocrática: os sublevados utilizaron todo o aparato do Estado para conseguir o seus propósitos de exterminar un grupo social. Seguiron unha racionalidade burocrática, un procedemento sistematicamente ordenado, e por iso hoxe temos fontes para estudalo. Tamén os campos de exterminio nazis foron organizados con esa lóxica burocrática, na que se dilúen as responsabilidades polos crimes.
 
Xunto á lóxica burocrática atopamos a lóxica da vinganza e a da compaixón. Na memoria popular quedou a cuestión das vinganzas e rencillas por enfrontamentos persoais. Por efecto do discurso da represión franquista, este feito quedou obviado: non se trataba de vinganzas persoais, senón de violencia política. Eu creo que as vinganzas si pesaron moito. O que ocorre é que, si, tratábase dunha violencia sistemática organizada dun xeito burocrático, é dicir, non houbo crime que non fose ordenado ou consentido polas autoridades. Mais a implicación persoal dos verdugos eu creo que si tivo ese compoñente de vinganza, por moitas razóns. A lóxica da compaixón está relacionada con esta. Houbo persoas que utilizaron o seu poder para “salvar” a outras. O que ocorre é que mentres unha persoa era salvada, outra era condenada. Se se salva alguén porque “é boa persoa e non fixo nada”, parece que outras persoas si fixeran algo e eran malas. Por último, está a lóxica depredadora. Por un lado, é un proceso de substitución dunhas persoas por outras. Por cada mestre depurado ou cada obreiro encarcerado quedaba un posto de traballo libre. Así, outras persoas puideron ascender ou mellorar profesionalmente. E o mesmo sucede cos bens que foron incautados como sanción económica. Ese foi un proceso de substitución que durante o franquismo se institucionalizou e cuxos efectos chegan a hoxe.  
 
Cando comparas o xenocidio franquista con outros casos subliñas as semellanzas, por exemplo, coas ditaduras latinoamericanas, ou mesmo co nazismo. Nese sentido, houbo un debate sobre se o franquismo era totalitarismo ou autoritarismo, que para uns autores era unha distinción moi relevante a para outros mero revisionismo.
E ese debate sobre a natureza política do réxime está aínda moi vivo. A cuestión, para min, é que é un réxime moi longo, con distintas etapas, polo que é difícil dar unha definición homoxénea. Mais para min, alén dese debate, o importante é a orixe do réxime, é dicir, o xenocidio, o proceso violento do que naceu, o asasinato sistemático de miles de persoas. É difícil medir cal foi o réxime máis brutal, e ao mellor tampouco ten moito sentido. O problema é que no ano 2014 seguimos a ser o Estado con máis fosas por desenterrar non sei se do mundo, pero desde logo si de Europa. Porque hai un problema de negación do que pasou, do xenocidio como base constitutiva do Estado.
 
E a iso apunta o libro. Á pervivencia do negacionismo. Primeiro, a través da asunción social de argumentos como a inevitabilidade da guerra debido aos extremismos ideolóxicos, a loita entre dous bandos...
Non é só que o negacionismo siga vivo. O problema é que a negación do xenocidio, da orixe do Estado na eliminación sistemática dunha parte da sociedade, é a visión social hexemónica, e transversal a todas as ideoloxías políticas. Non é un problema só do franquismo e do neofranquismo representado por Pio Moa, César Vidal…, cos que xa non entro a debater porque non teñen o máis mínimo rigor histórico. O tema da negación é moito máis complexo. E iso lévanos ao que falabamos antes da participación social: por que uns sobreviviron e outros non. En Alemaña debateuse iso moito, ou no caso do xenocidio armenio, ou no caso das ditaduras latinoamericanas. É un problema complexo que o discurso hexemónico non trata. E que inclúe outra cuestión sobre a que se pasa por enriba: a violencia na zona que quedou baixo o control da República. Non basta con dicir que xa foron honrados no franquismo. Nesa zona houbo crimes que poden considerarse crimes de guerra e crimes contra a humanidade. Pero é parte da negación.
 
Ese negacionismo está presente, segundo explicas, nas actitudes de esquecemento de moitas familias ou mesmo no discurso da reparación moral e económica das vítimas que inspirou a chamada Lei de Memoria Histórica.
Ocorre que nun Estado no que non hai políticas públicas de memoria, e aquí non houbo máis que as políticas de exaltación dos vencedores do franquismo porque na democracia non houbo políticas públicas de memoria rigorosas e con continuidade, o que queda é a memoria social fragmentada. Parte dela é a memoria familiar de “era bo” e “non fixo nada”. Que é normal, e non pretendo criticar as familias, pero ten o reverso de banalizar os motivos: se un era bo, debía ser que outros eran malos. O mesmo ocorre coa memoria do esquecemento: mellor non falar, non contarllo aos descendentes… é dicir, negar o que pasou. Que tampouco pretendo criticar a ninguén. Pero ese é o problema de non ter políticas públicas de memoria. Nin temos un museo da memoria…
 
E ves negación, tamén, na memoria militante, na memoria militantemente antifranquista, no marco do que dicías: os franquistas contra os antifranquistas.
Fíxose un enorme traballo de recuperación de memoria histórica. Fíxoo un movemento que traballou contra vento e marea, con moitas dificultades. Pero o que digo é que o seu traballo non tivo a capacidade de cuestionar a visión dominante. Cando non hai unha política pública coherente por parte do Estado, esas memorias fragmentarias non teñen a capacidade de substituír a memoria oficial, e mesmo esas memorias fragmentarias poden, sen querer, contribuír a asentar a memoria dominante. E a memoria militante faino ao poñer o aceno na cuestión político-partidista: na dicotomía entre franquistas e antifranquistas. Para min, ese non é o debate. Porque as vítimas son vítimas, e non vítimas de todos, tamén as da zona republicana.
 
A crítica que poden facerche é, precisamente, esa. Acabar equiparando a violencia franquista coa practicada na zona republicana. Aínda que non o pretendas. É dicir, negar.
Iso é algo que quixen deixar moi claro. Non é igual. Pero tampouco podemos obviar a violencia que se produciu nas zonas republicanas. Non chega con dicir que foi produto da guerra, das circunstancias. O concepto de práctica xenocida non é aí aplicable, aínda que si houbo crimes que poden considerarse de guerra ou contra a humanidade. E non se trata de dicir se foi peor ou mellor. Todos foron vítimas, e todos os verdugos crearon sufrimento. É verdade que na zona que quedou baixo goberno republicano houbo persoas que tiveron pulsións ou intereses xenocidas. Pero non chegou a darse unha práctica xenocida porque sucederon cousas que o impediron: a intervención das autoridades, grupos políticos nos que había xente con esas pulsións e outra xente que non estaba disposto a permitilo...Que foi o contrario do que fan os sublevados, que poñen o aparato do Estado, desde o máis alto ata a base, para facer posible o xenocidio. Non é o mesmo, evidentemente.
 
Outra dificultade, se cadra, é facer esa distinción entre violencia derivada directamente da guerra e violencia da retagarda. Se cadra moitas veces non é doado.
O caso galego é un bo exemplo diso. Porque aquí non houbo guerra, só violencia de retagarda. Non se pode atribuír a violencia a unha guerra que non existe porque aquí a guerra durou só uns días. Noutros lugares pode ser máis difícil, mais non é o mesmo que dous soldados morran nun enfrontamento que que veñan falanxistas a un pobo para matar a todos os rojos. Outro caso claro é o da violencia do ano 39 despois da guerra, ou a do 40 e a do 41. Seguía a mesma práctica, e non había guerra. Porque se trataba de exterminar a unha parte da sociedade. A partir de aí, a violencia xa é outra cousa.
 
Na transición tampouco se distinguiu, segundo comentas, violencia política de xenocidio. E ata hoxe.
É unha cuestión de prácticas de xustiza transicional, que ten que ver con como se resolve, desde as políticas públicas, o tránsito á democracia. En España produciuse unha ruptura do que foi a práctica asentada desde os procesos de Nuremberg, na segunda guerra mundial. É dicir, a tendencia era ir máis alá das medidas de reparación, xulgando os culpables e impulsando procesos de purga, de desnazificación no caso alemán. En Grecia xulgouse aos responsables do réxime dos coroneis. En Portugal houbo purgas: militares, políticos… En España, porén, institucionalizouse a idea de amnistía como elemento fundamental do novo réxime político. A idea de que a reconciliación leva ao perdón, e o perdón ao esquecemento. Que despois foi modelo para as leis de punto final de Chile, Brasil, Arxentina, Uruguai…, que liberan os presos políticos pero fan que queden impunes os que os meteran no cárcere.
 
Mais neses países, despois, houbo medidas que corrixiron inxustizas como as Comisións de Verdade. Pois en España. Unha vez que se optou pola reforma e non pola ruptura, así quedou. E a única iniciativa que cuestionou os resultados disto foi o auto de Garzón, que argumentaba que se trataba de delitos contrarios ao dereito internacional, polo que a Lei de Amnistía non servía para enterralos no esquecemento. E a resposta xudicial e política foi dicir que esa Lei tiña lexitimidade porque se aprobara nun Parlamento democrático e con elevado consenso, que o tema era o perdón e a reconciliación. E aí está o discurso hexemónico, a nivel social, político. E ese é o problema, a negación das orixes constitutivas do Estado español. Por iso temos mortos en fosas.
 
Pode presentar problemas, tamén, a túa perspectiva, noutro sentido. Bastante custou instalar o discurso de que non fora unha guerra inevitable entre dous bandos, senón, precisamente, represión que respondía a fins políticos.   
Eu entendo que coa Lei da Memoria Histórica de Zapatero e, en Galicia, coas políticas do bipartito mudaron cousas. Pero é que o que se fixo foi destruído. Proba diso é a Illa de San Simón, que xa non ten o significado memorial que se lle quixo dar entón. As fosas comúns seguen aí, as placas da memoria están a poñelas iniciativas particulares. E aí está o problema, a negación das orixes do Estado, co que iso supón. A continuidade do Estado anterior, presente na administración, nos poderes fácticos… A especulación urbanística, por exemplo, ten orixe nos plans de desenvolvemento do franquismo e no turismo de sol e praia. É só un exemplo…

luns, 20 de xaneiro de 2014

A CRMH revisa nun caderno o pasado franquista de Manuel Fraga

CRMHC
Presentación do Caderno Republicano nº 3: "O 'Camarada Fraga' e as vítimas da represión franquista
 
Martes, 21 de xaneiro, a partir das 19,30 h., no local da Real Academia Galega (rúa Tabernas, 11, A Coruña).
 
Participarán nesta presentación:
 
Fernando Souto Suárez, Presidente da CRMH da Coruña.
Manuel Monge González, autor do Caderno Republicano nº 3, e ex-presidente da CRMH da Coruña.
                                                     -------------------------------------------------
 
Cuestiona que non se acepte que se derrogue lei de amnistía e solicitará que lle sexa retirado o titulo de fillo adoptivo da cidade
 
Con esta obra, indicou, preténdese contar a «historia silenciada polo pacto dá Transición». Recordou que Fraga foi «un alto dirixente dá ditadura franquista e de graves violacións aos dereitos humáns». Neste caderno repásase a vida de Fraga e cuéstionase que se lle considere un home de Estado, galeguista, con bondade ou impulsor da liberdade nos medios, cando realizou cuestionables declaracións, cando era dirixente do Goberno exerceuse a represión provocando vítimas mortais e censurouse a medios de comunicación.
 
Monge indicou que aínda que respectaba a elección democrática de Fraga como presidente da Xunta, entende que foi «unha vergonza» para a comunidade manter a un ministro dunha ditadura no poder e apuntou que traballan para que lle sexa retirada a distinción de fillo adoptivo da cidade concedida en 1968.
 
O autor tamén se mostrou moi crítico con que o Goberno español teña evitado calquera tipo de revisión da ditadura. Recordou que a ONU solicitou, sen éxito, a derrogación da lei de amnistía e tamén a exhumación de 150.000 cadáveres. Así mesmo, estimou que se o Executivo segue impedindo investigar á Xustiza arxentina, o caso pode trasladarse ao Tribunal da Háya, danando a imaxe das institucións españolas.
 
Pola súa banda, o presidente da CRMH coruñesa, Fernando Souto Suárez, apuntou que o obxectivo da obra é divulgar con rigor e seriedade os acontecementos da represión e entende que esta visión de Fraga supón un descubrimento para parte da cidadanía. «A historia é interminable e sempre está aberta», apuntou sobre se cre posible que se revise a actuación dos ministros franquistas que aínda viven.

martes, 31 de decembro de 2013

“Queremos que o nome de Manuel Fraga apareza na querela arxentina contra os crimes do franquismo”


Manuel Monge Expresidente da CRMH da Coruña
Preséntase como causa particular na querela que se está a seguir na Arxentina contra os crimes do franquismo pola súa dupla condición de vítima e familiar de represaliados. Manuel Monge, ex-presidente da Comisión para a Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, entidade que tamén se persona na causa, manifesta a vontade de que se faga xustiza e que remate o pacto de silencio que borrou os culpábeis da represión franquista

Sermos Galiza - Carmen Vidal 28/12/13
-Preséntase como particular na querela arxentina contra os crimes do franquismo polo asasinato de catro familiares. Por que decide presentarse como causa no xuízo?
Na querela existe a posibilidade de presentarse como represaliado ou por ter familiares de represaliados. No meu caso danse as dúas circunstancias e asisto como vítima e familiar. Como vítima da represión, no informe conto como en 1968 estiven mes e medio no cárcere de Bilbao, onde coincidín con Nicolás Redondo ou Ibarrola ao ser detido por levar unha pomba da paz de Picasso. No 1973 militaba na ORT e estiven dous meses no cárcere. Entón recibín unha carta do colexio Tirso de Molina de Ferrol, dos padres Mercedarios, anunciándome que me despedían por reiteradas ausencias. No 74 incorporeime como profesor interino do Ministerio e tanto eu como a miña muller quedamos despedidos por orde gobernativa, sen nos poder incorporar até o 79. Cando foron as primeiras eleccións, a ORT non estaba legalizada e puxemos unha mesa informativa dous meses antes de se celebraren e veu a policía e detívonos co cal estivemos toda a noite presos. Estou a falar de dous meses antes das primeiras eleccións.

-En canto a súa familia en Dueñas?
A represión foi brutal. Era unha vila de 3.800 habitantes na que 100 foron asasinados. Eu tiña un tío concelleiro de Unión Republicana, que era tenente alcalde. Cando se produce o levantamento fascista metérono no cárcere e unha noite sacárono e matárono nunha gabia. Dueñas, en Palencia, foi a poboación de todo o Estado na que houbo máis asasinatos por represión porcentualmente, cun 25 % de mulleres. Na miña familia mataron a dous tíos, un de 36 anos e outro de 22 e tamén a unha tía de miña nai de 66. Viñeron a súa casa preguntar polo fillo e como non o toparon matárona a ela. Incorporo tamén no informe a historia dos fillos dos asasinados que os metían no comedor levado por Auxilio social e facían que os rapaces cantaran o Cara ao Sol e escribiran unha carta de agradecemento aos mesmos que mataran aos seus pais.

-Que significa que sexa na Arxentina onde se xulgan os delitos da represión franquista?
Unha vergoña de Estado que transcende o noso propio ámbito. Ningún país democrático estivo nesta situación. A xustiza internacional permitiu a Garzón coller a Pinochet ou levar a xulgar aos militares da ditadura arxentina. Cando ao xuíz Garzón se lle ocorre investigar os crimes franquistas paráronlle os pés. O Estado español é un refuxio de criminais. Independentemente do que ocorra co proceso, o realmente relevante é a situación insólita que se está a dar de non colaborar coa xustiza, apoiándose nunha lei de amnistía que está a ser mal aplicada. Eu puiden recobrar o traballo pola aplicación da lei mais non se pode utilizar para amnistiar criminais. No mes de setembro un comisionado da ONU estivo de visita durante dous meses e ao cabo enviou un escrito ao goberno español dicíndolle que tiña que derrogar a Lei de Amnistía. Cando reclaman desde a Arxentina a dúas persoas, fiscalía responde que van investigar aquí. O problema é que se envían aos dous que reclaman, que cometeron barbaridades comprobadas, ábrese a veda e a xuíza xa anunciou que ten datos para encausar a máis persoas, e pode que se estenda aos ministros. Na actualidade viven once ministros que teñen entre 80 e 90 anos. Como membros de órganos como o Consellos de ministros poden ser chamados na causa.

-Que suporía unha condena dos responsábeis vivos?
Sería un acto de xustiza, tamén un acto de reparación ás vítimas do franquismo. A xente e os colectivos que están a reivindicar a memoria reclaman coñecer a verdade, que se faga xustiza e que se reparen os danos. A condena dos responsábeis sería un acto de reparación coas vítimas. Garzón dixo que había entre 130.000 e 150.000 que aínda están desaparecidos. Cando se fala destas desaparicións forzosas en Arxentina fálanse de 20.000 e aquí estamos a dar unha cifra de 150.000. Resulta incríbel que unha represión desta dimensión quede só nas entidades de recuperación da memoria. Houbo tamén 30.000 nenos desaparecidos roubados. Onde se viu que un estado non interveña para buscar o que pasou con trinta mil nenos roubados. Por iso nos mostramos tan esperanzados con que a xustiza arxentina inicie este proceso aínda que o noso obxectivo sería que se xulgaran aquí. Responde ao pacto da transición que foi un de silencio, e supuña que non había que tocar a Fraga, a Martín Villa e demais persoa significadas na ditadura e a represión. O PP e o PSOE son protagonistas dun pacto para non facilitar que se fixese xustiza, un pacto que aínda hoxe se mantén.

-A CRMHC remitiulle á xuíza arxentina documentación sobre a represión máis a relación de ministros franquistas vivos. Cre que teñen que comparecer na querela?
Nós entendemos que a lei non pode supor unha lei de punto final. Imos apoiar as teses dos organismos internacionais e da propia ONU que está de parte das vítimas. En canto ás posibilidades de que os ministros sexan xulgados, a tal altura a xuíza ten material abondo de todo o que fixeron e das decisións que tomaron nos Consellos.

-Por que aportan tanta documentación de Manuel Fraga se xa non vai poder ser acusado no xuízo?
Dedicámoslle un anexo na que contamos toda a súa participación na represión. Relatamos desde o asasinato de Grimau ao exilio do abade de Montserrat que tivo que marchar despois de escribir un artigo en Le Monde contra o réxime franquista. Imos contando o que significou a súa Lei de Prensa e como foi a súa actuación como ministro do réxime e o inaudito que foi que un ministro de propaganda do franquismo chegara a presidente da Xunta. Falamos tamén da súa campaña contra o galego desde o ministerio con casos como a multa a Francisco Pillado, subdirector de 'La Voz de Galicia', pola publicación nese xornal do artigo Sobre el idioma gallego, de Augusto Assía, ou o secuestro do libro de Alberto Míguez El pensamiento político de Castelao. Pasado o tempo, el mesmo foi o encargado de entregar as medallas Castelao. Cando hai unha causa nela poden aparecer moitas persoas. Nesta a xuíza pediu a extradición de catro e na contestación que recibiu constatábase que dúas delas non poderían acudir porque estaban mortas. Nós queremos que Manuel Fraga apareza aínda que logo se diga que morreu, mais queremos que o seu nome estea na causa.
-Como valora que o PP votase en contra da iniciativa do BNG para que apoiase a querela?
Continúa coa política dos últimos anos. Hai máis de catro anos que se aprobou a eliminación de rúas franquistas e o goberno do PP negouse a retirar os seus nomes. Aínda perduran “División Azul”, “Rúa dos Caídos”, “General Mola” ou “General Sanjurjo”. A Comisión para a Recuperación da Memoria Histórica da Coruña levou o tema aos xulgados porque é gravísimo que non execute un acordo plenario. O alcalde Negreira chegou a chamar a Millán Astray “coruñés de pro”, e negábase a retirarlle os recoñecementos. Están a mimar moito os votos da extrema dereita. Antes presentábanse ás eleccións na Coruña candidaturas de extrema dereita que agora xa non existen. Está todo o voto centralizado no PP e non queren perder eses apoios. 

Traducción Estación Atlántica:
A CRMH da Coruña entrega tres novas denuncias por crimes do franquismo dentro da querela arxentina

lainformacion.com - venres, 27/12/13
A Comisión pola Recuperación dá Memoria Histórica (CRMH) da Coruña presentou este venres, no Consulado da República Arxentina en Vigo, tres novas denuncias por crimes contra a humanidade durante a etapa do franquismo.

Nelas, pide o procesamiento, dentro da querella arxentina, de 11 membros do Consello de Ministros de 1969 a 1977, "que aínda viven", precisa a Comisión. Ademais, sinala que o fai "pola súa participación en crimes contra a humanidade que non prescriben".

O expresidente da CRMH da Coruña, Manuel Monge, tamén se sumou á querella arxentina "como vítima da represión franquista e polo asasinato de catro familiares en Doñas (Palencia)", explica esta entidade.

Á súa relación de ministros da etapa do franquismo, a CRMH engade o nome de Rodolfo Martín Villa, ministro do Goberno de UDC, de xullo de 1976 ata abril de 1979.

Respecto diso, argumenta que "neste período, houbo numerosos asasinatos por parte das Forzas de Orde Pública, sendo Martín Villa ministro de Gobernación", apostila.

DENUNCIADOS
Desta forma os exministros que figuran nestas denuncias por crimes contra a humanidade --as cales non prescriben--, que foron dirixidas a un xulgado arxentino, son: José María López de Letona, de 90 anos --ministro de Industria entre 1969 e 1974--; Licinio de la Fuente, de 89 anos --ministro de Traballo entre 1969 e 1975--; Alberto Monreal, de 86 anos --ministro de Facenda entre 1969 e 1973--; José María Gamazo, de 82 anos --subsecretario dá Presidencia entre 1973 e 1974--; e Antonio Barreira, de 84 anos --ministro de Facenda entre 1973 e 1974--.

Ademais, tamén incluíron a Fernando Liñán, de 82 anos --ministro de Información e Turismo entre 1973 e1974--; Antonio Carro, de 89 anos --ministro de Presidencia entre 1974 e 1975--; Fernando Suárez, de 79 anos --ministro de Traballo entre marzo e decembro de 1975--; José María Sánchez-Ventura, de 90 anos --ministro de Xustiza entre marzo e decembro de 1975--; José Utrera, de 86 anos --ministro de Vivenda entre 1973 e 1974--; e Rodolfo Martín, de 79 anos --ministro de Gobernación de xullo de 1976 a abril de 1979--.

Tal e como transmitiu a asociación, estas denuncias responden á petición da xuíza María Servini, que solicitara, "entre outras cousas, información sobre os ministros da ditadura de Franco" desde xullo de 1936 a xuño de 1977.

Con iso, buscan "recuperar a memoria histórica, a verdade, a xustiza e a reparación para as vítimas do franquismo". "Non se trata de xulgar agora a traxectoria persoal dalgúns destes ministros", asegurou a asociación, senón que se está analizando o seu papel como membros activos do réxime de Franco e a súa participación nun órgano colegiado, como o Consello de ministros da ditadura, que aplicaba unha política de graves violacións dos dereitos humanos".

PROPÓSITO
Pola súa banda, o responsable de comunicación dá CRMH dá Coruña, Rubén Afonso, explicou a Europa Press que o propósito da presentación destas denuncias é "que se saiba a verdade, que se faga xustiza ás vítimas do franquismo". Ademais, criticou que "non é de recibo que España sexa o único país en democracia no que non se fixo depuración tras unha ditadura".

Finalmente, Afonso sinalou que a asociación non ten "unha especial inquina" contra estas persoas, senón que queren, "simplemente, que se diga o que fixeron e xúlgueselles". "Por moi vellos que sexan teñen que pagar", finalizou.

(EuropaPress)

sábado, 15 de outubro de 2011

Exposición "A Transición Española" da Asoc. López Bouza


Ata o 17 de outubro do 2011 no Centro Cívico de Caranza en Ferrol

Bernardo Rego 8/10/11
Centro Civico de Caranza en Ferrol, reflexa o cambio de toda unha sociedade da Ditadura á Democracia. O dia da Inauguracion actuaron as Corais Polifonicas : Armonia de Ferrol e Casino Progreso de Franza (Mugardos).

O acto de inauguracion da Exposicion foi a cargo da Concelleira de Servizos Sociais, Rosa Beceiro e o Presidente da Asociación Lopez Bouza, Bernardo Rego