O Alcalde socialisto de Vigo é condenado pola xusticia a derrubala de urxencia pero segue negándose

Amosando publicacións coa etiqueta necroloxicas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta necroloxicas. Amosar todas as publicacións

domingo, 19 de xullo de 2015

Falece aos 97 anos Rosina Villaverde, símbolo do socialismo vilagarcián

 
A infatigable defensora dos valores republicanos expresara o seu desexo de ter un enterro civil
 
Vilagarcía / A Voz,  19 de xullo de 2015
Rosina Villaverde faleceu a pasada madrugada na súa casa de Vilagarcía, segundo confirmaron fontes do Partido Socialista na cidade. Os restos mortais desta muller de 97 anos xa se atopan no tanatorio de Cea. Rosina, convertida nun símbolo do socialismo e o republicanismo en Vilagarcía, deixara escrito que quería un enterro civil, e así será.

A pesar da súa avanzada idade, a filla do primeiro alcalde republicano da capital arousá, Elpidio Villaverde, foi unha muller activa ata o final. O pasado 14 de abril acudiu, puntual como sempre, ao acto que o PSOE realiza con motivo do día da República no parque Miguel Hernández. Como todos os anos, depositou unha flor ante o monumento Rosas Rotas e, como sempre tamén, exteriorizó sen andrómenas o seu desexo de ver chegar a terceira República. Rosina, que acudiu a votar nas últimas eleccións municipais, si puido ser testemuña de como o Partido Socialista, do que foi nomeada militante de honra en 2013, recuperaba a alcaldía de Vilagarcía. 


luns, 29 de xuño de 2015

Finou Xosé Luís Bóveda, fillo de Alexandre Bóveda e mentor da súa fundación

 
A Voz Ourense 28/6/15
Na madrugada de onte morría Xosé Luís Bóveda Álvarez, fillo de Alexandre Bóveda e promotor da fundación que leva o nome e mantén vivo o legado do galeguista ourensán fusilado na Caeira (Poio) en 1936. Nacera en 1934 en Pontevedra, na cidade na que estaba radica naquel tempo a familia, e traballou en Caixa Ourense, ademais de colaborar en varios xornais e publicacións.
 
Dende hai anos estaba centrado nas actividades da Fundación Alexandre Bóveda, da que era vicepresidente, e na reivindicación da figura do seu pai.
 
O enterro de Xosé Luís Bóveda Álvarez será esta tarde, a partires das 18.00 horas, no cemiterio de San Francisco.

sábado, 18 de outubro de 2014

Hoxe é un día triste faleceu Ramón Pérez "Moncho"

Membro da Asociación Viguesa pola Memoria Histórica do 36, un dos homes bos e xenerosos
Ramón deixanos un ronsel que temos que seguir (Telmo Comesaña)
 
Ana Mª Aller 17/10/2014
Hoxe é un día triste , vaise como o dicía "á nada " un gran amigo, un compañeiro, e un exemplo de home honrado, sensible, xusto, loitador. Alguén que non necesitaba crenzas en ser supremo algún, para ser boa persoa.

A Moncho detectáronlle un cancro fai tres meses, desde o primeiro día dedicar a pór as súas cousas en orde, deixou aos seus fillos, netos e amigos o seu agarimo e memoria oral.

Unha historia de loita pola verdade e a xustiza, a cuxo último acto asistiu na súa cadeira de rodas o mércores 15 ao pé da cruz do Castro para esixir que o alcalde de Vigo cumpra a sentenza xudicial que lle obriga a sacar ese símbolo franquista.

Mañá  día 18 ás cinco da tarde, sa 10  no tanatorio de EMORVISA de Pereiro será incinerado e alí estaremos todos os que como eu querémoslle, admirámoslle e respectamos.

Un abrazo enorme á súa familia.

GRAZAS COMPAÑEIRO HOXE E SEMPRE

Loitando o día 15 ao pé da cruz fascista de caballero

Momentos irrepetibles Santiago 2009
Telmo, Ramón, Monroy, Gonzalo, eu, David e Nores
 
Mª Jesús, Monroy, eu, Nores, Telmo, Dionisio Ramón e David
O meu máis sentido pésame á súa familia
 
Ramón compañeiro sempre no corazón
 
Por ti e por todos os que xa se foron
 
A loita continua
MJBarreiroLG

Necrolóxica que deixou redactada Ramón

domingo, 4 de maio de 2014

Morre o fillo de Amada García, a republicana de Mugardos fusilada tras parir


Gabriel Toimil será enterrado o sábado no cemiterio de Serantes

mércores, 4 de setembro de 2013

Morre Ascensión Concheiro, a Chonchiña de “O lapis do carpinteiro”

Chonchiña con Comesaña
 A biografía de Ascensión Concheiro podería ser unha das esquecidas historias da represión franquista se non fora porque Manuel Rivas a levou á literatura en O lapis do carpinteiro.

Ascensión Concheiro, Chonchiña, morreu en México aos cen anos, o país do seu exilio ao que regresara en 2012

C.V.  Sermos Galiza 2/9/13
Chonchiña, como era coñecida Ascensión Concheiro, viviu en Tui até poucos anos antes da súa morte, acontecida neste peche de agosto en México a pouco de ter feito os cen anos. Tui foi o lugar do regreso xunto con Francisco Comesaña, o médico comunista co que compartiu a súa vida e protagonizou a intensa historia que Rivas novelou. A México regresou hai apenas dous anos, para vivir a súa última etapa na compaña da súa filla, instalada xa para sempre no país do exilio dos pais. 

Con Francisco Comesaña partillara unha intensa historia de amor e resistencia que Manuel Rivas levou a novela en O lapis do carpinteiro e Antón Reixa ao cine na película do mesmo nome. Médico Comunista, Francisco Comesaña estivo preso na cadea de Compostela, entre outros, con Manuel Calvelo e Isabel Ríos e esta mesma lembra nas súas memorias as visitas de Ascensión Concheiro ao cárcere e a súa solidariedade cos demais presos. Como no caso de Isabel Ríos, tamén a Francisco Comesaña a sentenza de morte foille conmutada por cadea perpetua e despois dun tempo en diversas cadeas franquistas, a parella, casada por poderes, atopa a liberdade no seu exilio en Cuba e México até o seu regreso a Tui en 1975.  

Natural de Ordes, onde nacera en 1913, Chonchiña coñece a Francisco Comesaña en Compostela, cando tiña dezasete anos e xa era secretario das Xuventudes Socialistas en Santiago. O 26 de xullo de 1936, cando van xuntos para que coñeza ela coñeza á nai del, Comesaña é detido e encarcelado en Santiago onde a presión do goberno cubano -el nacera en Cuba- fai que a pena de morte de fora conmutada por cadea perpetua.  Casados por poderes, Conchiña e Paco a primeira convivencia despois do matrimonio foi a viaxe en tren dos cárceres de Valencia a Vigo, baixo a custodia da Garda Civil, episodio que Rivas narraría na súa novela. 

Máis de trinta anos vivirían en México, onde Conchiña Comesaña participaría na Asociación de Mulleres Antifascistas Mariana Pineda.  

No congreso, O Exilio Galego, celebrado en Pontevedra no 1999, Ascensión Concheiro foi homenaxeada canda Mariví Villaverde como símbolo das mulleres que sufriron o exilio para fuxiren da represión franquista. 

luns, 16 de xaneiro de 2012

Fraga: ese gran hipócrita en busca do poder en Galicia

Traducción Estación Atlántica
Texto biografico da Comisión pola recuperación da Memoria Histórica da Coruña de enero 2012 a xuíza Argentina:

Algúns datos biográficos do "Camarada Fraga"
Isto dicía o Decreto 154/1961, de 2 de febreiro: "A proposta do Ministro Secretario Xeral do Movemento, cesa o camarada Manuel Fraga Iribarne no cargo de Delegado Nacional de Asociacións de Falange Española Tradicionalista y de las JONS, agradecéndolle os servizos prestados" (Asinado por Francisco Franco e publicado no BOE de 9 de febreiro de 1961). Este cargo non figura na súa biografía oficial.

Manuel Fraga Iribarne recibe en 1968 o título honorífico de Fillo Adoptivo da Coruña cando a represión era brutal, xa que un mes despois o Consello de Ministros declaraba o Estado de Excepción.

Afiliouse moi novo á Falange, iniciando unha carreira política que o levaría en 1951 ao cargo de secretario xeral do Instituto de Cultura Hispánica (1951); secretario xeral do Consejo Nacional de Educación (1953); secretario xeral técnico do Ministerio de Educación (1955-1958); secretario da Comisión de Asuntos Exteriores das Cortes (1958-1962); director do Instituto de Estudios Políticos (1961). Foi conselleiro nacional do Movemento (o partido único), procurador das Cortes franquistas e membro do Consello de Estado.

Fraga estaba no Consello de Ministros, participando na represión 10-7-1962. Manuel Fraga entra no Goberno da Ditadura, un mes logo da reunión en Munich de 118 delegados, de todas as tendencias políticas opositoras ao franquismo, convocados polo IV Congreso do Movemento Europeo.

Este congreso solicitaba á Comunidade Económica Europea (CEE) que esixise democracia en España antes do ingreso no organismo europeo. Os asistentes a esta reunión -cualificada pola propaganda oficial como Contubernio de Munich- sofren a represión. Fraga, xa como ministro, apoiaba as medidas represivas e presumía ante a prensa de que co exilio e confinamento en diferentes illas de Canarias, os participantes neste congreso "podran librarse de las justas iras del pueblo español"

1-4-1963. Creación do Tribunal de Orde Pública (TOP), ferramenta para a represión dos demócratas e privación das liberdades, que fai as funcións do Tribunal Especial para a Represión da Masonería e o Comunismo.

20-4-1963. É fusilado o dirixente comunista Julián Grimau.

17-8-1963. Executados a garrote vil os anarquistas Francisco Selecto e Joaquín Delgado.

Outubro-1963. Enfrontamento entre Fraga e 103 intelectuais, encabezados por José Bergamín, que asinaban un escrito denunciando as torturas e abusos cometidos polas forzas represivas contra as folgas da minería asturiana. En carta aberta (a dos intelectuais non foi publicada), Fraga xustifica a represión e o corte de pelo ao cero de mulleres, e contestaba así a Bergamín: "Parece por otra parte posible que se cometiese la arbitrariedad de cortar el pelo a Constantina Pérez y Anita Blaña, aunque las sistemáticas provocaciones de estas damas a la fuerza pública lo hacian más que explicable".

1964. Fraga, como ministro de propaganda, dirixe a campaña "25 anos de paz".

Agosto-1965. Son separados das súas cátedras Enrique Tierno Galván, Luís López Aranguren e Agustín García Calvo. Asembleas e manifestacións de estudantes en apoio dos profesores represaliados.

Marzo 1965. O abade de Montserrat, Aureli Maria Escarré é obrigado a exiliarse pola presión do Goberno. criticara duramente o réxime franquista en Le Monde.

18-3-1966. Promúlgase a nova Lei de Prensa e Información. Continuarían os expedientes, sancións a xornalistas e peches de medios de comunicación.

9-3-1966. A policía asalta o convento dos Capuchinos de Sarriá (Barcelona), cando se celebraba unha asemblea do Sindicato Democrático Universitario.

30-4-1966. O Goberno pecha a Universidade de Barcelona.

28-6-1966. Detención en Madrid de Marcelino Camacho, dirixente de CC.OO.

22-7-1966. Secuestro do xornal ABC por un artigo de Luís María Ansón, titulado "A monarquía de todos".

22-11-1966 . Franco presenta nas Cortes o Proxecto de Lei Orgánica do Estado.

14-12-1966. Celébrase o referendo para aprobar a citada lei. Fraga consegue o imposible: en moitos colexios electorais os votos do SI superan o censo electoral.

14-3-1967. O Tribunal Supremo declara ilegal a CCOO.

21-4-1967. O Goberno declara o Estado de Excepción en Biscaia.

1-5-1967. Numerosas detencións nas manifestacións do Primeiro de Maio.

19-8-1967. Detención de 20 sacerdotes vascos.

7-9-1967. O Tribunal de Orde Pública (TOP) condena a Alfonso Carlos Comín por un "delito de opinión".

28-3-1968. O Goberno pecha por tempo indefinido a Universidade de Madrid.

31-5-1968. Secuestro do diario Madrid.

3-8-1968. O Goberno declara o Estado de Excepción en Guipúscoa.

Novembro-1968. Sesenta sacerdotes vascos ocupan o seminario de Derio en defensa das liberdades.

17-1-1969. É detido en Madrid o estudante Enrique Ruano Casanova, que morre catro días despois en dependencias policiais.

25-1-1969. O Goberno declara o Estado de Excepción en toda España, que dura ata o 25 de marzo. Hai detencións masivas e moitos intelectuais son confinados.

22-7-1969. As Cortes franquistas designan ao príncipe Juan Carlos como sucesor de Franco na xefatura do Estado.

30-10-1969. Fraga sae do Goberno, logo dunha remodelación provocada polo caso Matesa.

Manuel Fraga regresa ao Consello de Ministros co último Goberno de Carlos Arias Navarro, sendo vicepresidente para Asuntos de Interior e ministro da Gobernación. Durante o seu mandato nese ministerio, de decembro de 1975 a xullo de 1976, a policía asasinaba a cinco traballadores en Vitoria con motivo dunha folga laboral; no tradicional Vía Crucis que organizaban os Carlistas en Montejurra (Navarra), un grupo de fascistas, dirixidos por un comandante do exército, asasinaba a dúas persoas.

Fraga, con 35 anos de servizos á Ditadura franquista, non pasaba por alí, senón que estaba sentado na mesa dun Consello de Ministros e era partícipe e cómplice de toda a política represiva que alí aprobaban: fusilamentos, cárceres, campos de concentración, despedimentos, exilio, Tribunal de Orde Pública (TOP), graves violacións dos dereitos humanos, expedientes a xornalistas, peche de medios de comunicación, asasinatos de traballadores como en Ferrol en 1972 ou en Vitoria en 1976, sendo Fraga ministro da Gobernación.

Consideramos que con estes antecedentes Manuel Fraga Iribarne debería formar parte da causa que vostede segue polos crimes do franquismo.

A Coruña, 5 de enero de 2012
Fdo. Fernando Souto Suárez
Presidente da Comisión pola recuperación da Memoria Histórica da Coruña

venres, 6 de xaneiro de 2012

Morre o intelectual Isaac Díaz Pardo



Morreu Isaac Díaz Pardo (Santiago de Compostela, 1920), activo intelectual, fillo do pintor e escenógrafo represaliado Camilo Díaz Valiño, paseado con 45 anos en 1936. Por este motivo, Díaz Pardo foi entrevistado polo Proxecto "Nomes e Voces", que conserva esta conversa no seu fondo oral.

Isaac Díaz Pardo dotou ao Proxecto “As vítimas, os nomes, as voces e os lugares” dun anagrama que o identifica desde o mes de xullo de 2008. O autor, membro do Consello pola Memoria en 2006 no marco do Ano da Memoria, quixo colaborar con este xesto na visibilidade da recuperación da memoria da represión e da súa investigación. O deseño está formado por dous círculos, formas xeométricas que abrazan a policromía e que o artista explica como “dúas cores; unha azul que cerca e domina a outra roxa”. Este deseño e simboloxía de vida, de memoria e dignidade, identificación do pasado feito presente a través da recuperación e da posta en valor da historia de Galicia. 

Fonte:



xoves, 1 de setembro de 2011

Na memoria de Jesús Pidre


Luis Chapela - Veciño de Moaña
Faro de Vigo /31 de agosto de 2011/ REDACCIÓN - MOAÑA
O pasado 27 de Agosto non soaron campas, pero pola medio día nos deixaba Jesús Pidre este moañés, que loitou contra a dictadura de Franco. Recibín a mala nova a través dunha chamada de telefono do amigo Michel del Ojo, a mesma persoa que me puxera en contacto con sr. Jesús hai uns anos, co cal mantiven moitas conversas telefónicas pois el xunto con a súa familia residen en Bélxica . Veciño do Redondo ( Moaña) , mariñeiro da ardora, afiliado a CNT como a maioría dos mariñeiros e que tiña unha mocidade cos amigos no seu pobo de nacemento, viviu un verdadeiro calvario co estoupido da guerra civil española, tralo golpe militar dos fascistas comandados dor Franco .

Tiveron que pasar trinta e sete anos no exilio para volver a súa terra nai de novo, en 1976, un encontro entrañable con a súa familia en Moaña. Pasaron unha morea de anos, daquela noite pecha, cando soltaches a terra desde San Simón, as bagoas esvaraban polas meixelas, chegando a boca daquel mozo que soñaba coa liberdade Na túa memoria gardaches o mar, os ríos un carreiro de nomes e outras cousas paisaxes, primaveras, veráns salgados, outonos e invernos lóbregos, que ti recordaches coma si fora onte. Unha tarde me contaches que cando eras cativo, debaixo da vosa casa había unha viña de uvas brancas, e que sabían a gloria, ata que unha tarde a ama te colleu, a túa nai deuche unha boa, pero e como si moitos anos despois aínda seguías saboreando aquelas uvas . Sr. Jesus Pidre, home de camiños percorridos e sempre a procura de un futuro de solidariedade e dignidade para os seus e para todas as persoas de ben , e así desde aquel 25 de Abril de 1914, ata o 27 de Agosto 2011 .

Recordo cando me contabas das tardiñas na casa do Redondo, entre os campos de millo e o mar, con a túa voz emocionada incansable coma o vento, que falaba a través da túa memoria nos areais anoitecidos de Moaña, onde disparos traidores mataron xente inocente. A memoria tamén e todo aquelo que aconteceu e debe ser recordado , por que e parte da historia do noso pobo. Gracias a vostede sr. Jesus, soubemos algúns episodios daqueles días mais negros da guerra civil en Moaña. A terra que o viu nacer, sentiu as súas pisadas por ultima vez na primavera do 2003, pero sempre estiveches con nos , e a túa voz sentiuse na casa do pobo, aquela tarde a través de unha vídeo conferencia, falando para a familia e para o pobo de Moaña, por que eras a memoria viva. Mentres vai caendo a tarde, quixera saber que código penal ou mesmo moral rexe os incertos destinos do pobo que nacemos e queremos . So nos queda a amizade de dous amigos de distintas épocas , pero de sentimentos e arelas por un mundo mellor, desde un recanto do mundo chamado Moaña, terra que foi o teu berce e que un día te viu exiliarte case que media vida. Aínda teño presente a ultima conversa que tivemos, como apesares das doenzas que xa tiñas, te emocionabas o falar do noso pobo, o que tanto quixeches .

Estas palabras son para honrar a túa memoria, e a dos nosos mártires da Guerra Civil , que os houbo aínda que durante anos nolo negaron . Neste agosto que xa vai caendo vencido , eu mais a miña familia e seguro que moitos veciños /as de Moaña , sentimos e choramos a túa morte . Amigo Jesus , sempre estarás en Moaña e na memoria dos que loitamos contra as inxustizas . Unha aperta moi grande para a túa compañeira María , os fillos : Amalia , Silveria, Jose, Lucía e Cristóbal , sempre un amigo.

luns, 8 de novembro de 2010

Faleceu Rogelio Arca

Claudio Rodríguez Fer, Xurxo Pantaleón, Dionísio Pereira, Rogelio Arca,
. X. L. Escudeiro e Xavier Paz
O seu enterro, que terá lugar o luns 8, ás 17 horas, na igrexa parroquial de San Martiño de Figueroa.

Compañeir@s e amig@s da Asociación Verbo Xido:

Logo do pasamento hai poucos meses de Olga Camiña na Arxentina, hoxe temos que darvos outra mala nova: a morte esta noite pasada de Rogelio Arca.

Como sabedes, Rogelio, cos seus 97 anos era unha das poucas persoas que, no Concello de Cerdedo, conservaba a memoria da represión franquista e a lealdade á figura do seu pai, Francisco Arca, asasinado na Ponte do Barco o 13 de agosto de 1936. Con el váisenos unha das derradeiras faíscas daquel afervoado lume cidadán e proletario que, nesta bisbarra e por toda parte, acendeu no transcurso da IIª República. Rogelio, daquela, xa puido participar dos ideais libertarios e confederais do seu pai (militante destacado da Sociedad "El Trabajo" de Figueroa, integrada na CNT), e coñeceu tamén as duras loitas obreiras do ramo da construción madrileño, nas que participaron non poucos canteiros do país, emigrados alí temporalmente por cuestións laborais. Logo, este colectivo e Rogelio canda eles, participou na contenda civil como voluntario nas unidades, quer das Milicias Confederais, quer do Exército Popular da República, sobrevivindo a situacións extremas e deixándonos unhas Memorias escritas da súa terrible experiencia, Memorias que hoxe teñen á nosa Asociación como depositaria e garante da súa transmisión as xeracións futuras. Rogelio, asemade, agasallóunos coa pequena Kodak de abanico coa que inmortalizou a loita destes canteiros da Terra de Montes na fronte de Madrid a fins do ano 1937, cun mangado de fotografías que, despois de case que 70 anos, puidemos salvar e publicar no su libro "Album de Guerra", editado co noso concurso polos compañeiros ourensáns da "Difusora de Artes e Ideas", no ano 2008.

Nós entramos en contacto con Rogelio vai para máis de dez anos e podemos acreditar que foi un home que nunca agachou o seu devezo pola liberdade e a xustiza, ao tempo que o seu rexeite do neo-caciquismo local que aturamos arestora, herdeiro en certo modo da sanguinaria Ditadura implantada tras o golpe militar, que tanta dor provocou na súa familia. E tamén sabemos da súa satisfación ao saberse acompañado e valorado nos seus derradeiros anos por persoas que concordamos cos seus ideais, que tamén son os da Humanidade adoecida.

Rogelio, ao cabo, foi consecuente ata o final deste seu pensar e sentir. E tamén nos fixo partícipes de que desexaba que lle soterraran cunha bandeira da República no interior do seu cadaleito. Non puido ser: o "que dirán"; o temor ao estigma; o sometemento desta comunidade servil, na que o laicismo de esquerdas aínda debe superar o temor e a intolerancia xerais, aos dictados dun catolicismo formal que non sentía como seu, teñen como consecuencia que, no canto da bandeira pola que el devecía, sexa acompañado por símbolos relixiosos. Nós, coñecedores da súa vontade máis tamén das limitacións dos seus achegados (lamentablemente moi alonxados das súas ideas e das súas vivencias), non teimamos en levala a cabo por delicadeza e respecto á súa figura, querida polo conxunto da veciñanza, que tamén é sabedora da súa maneira de pensar e actuar.

Con Rogelio, en suma, vaise boa parte da "memoria dos vencidos" das terras cerdedenses, unha memoria que, no seu pasamento, nos comprometemos a que continúe viva e rebelde por estas terras, como garantía dun futuro mellor, tamén para Terra de Montes.

Esa será a nosa mellor homenaxe.

Xunta directiva de Verbo Xido

PD: a Asociación Verbo Xido enviou unha coroa de flores para o seu enterro, que terá lugar o luns 8, ás 17 horas, na igrexa parroquial de San Martiño de Figueroa.

martes, 31 de agosto de 2010

Olga Camiña



Amigas e Amigos:

Recibimos da súa filla Alejandra (amiga da Asociación Verbo Xido alén mar), a triste nova da morte de Olga Camiña Monteagudo, no seu domicilio de Bos Aires.

Olga, filla de Carmen Monteagudo, nacera en Figueroa (Cerdedo) hai xa moitos anos. Da súa nai, dí Dionísio Pereira no seu derradeiro traballo “As vítimas do franquismo na Terra de Montes. Beariz, Cerdedo e Forcarei” (Verbo Xido, 2010):

Carmen Monteagudo (Figueroa): De ideas republicanas, aturou unha tentativa de asalto nocturno do seu domicilio por parte de falanxistas do seu lugar, así como numerosos rexistros. Ameazada de “paseo” por parte dos falanxistas cerdedenses, debeu abandonar a súa casa deixando as tres fillas a cargo doutros veciños. Reclamada dende EEUU polo seu home, a familia abandonou Figueroa en 1948 para non volver.

Por razóns que non veñen ao caso, a familia desfíxose, marchando Olga á Arxentina, onde levaba décadas residindo.

Olga, nunca esqueceu a súa terra, nen o uso da súa língoa.

Olga, conservou a lembranza das penalidades que os franquistas fixeron pasar a súa familia.

Olga, sempre pensou que esta memoria debería servir para construír un mundo mellor.

Olga, criou á súa filla Alejandra Cachafeiro Camiña nestes mesmos valores.

Olga, deixou o seu testemuño da represión falanxista en Cerdedo ao Proxecto Interuniversitario “Nomes e Voces”, para que as novas xeracións coñeceran o que aconteceu.

Olga, autorizou que o seu testemuño servira de proba no xuízo contra Dionísio Pereira, tras a demanda presentada polos familiares do ex alcalde falanxista de Cerdedo, Manuel Gutiérrez Torres.

Olga Camiña Monteagudo era d@s nos@as e a súa lembranza perdurará connosco.

En Cerdedo, 27/8/2010

Asociación Ecoloxista e Cultural da Terra de Montes "Verbo Xido"