O Alcalde socialisto de Vigo é condenado pola xusticia a derrubala de urxencia pero segue negándose

Mostrando postagens com marcador manifesto. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador manifesto. Mostrar todas as postagens

domingo, 29 de novembro de 2015

Declaración de Vilaboa

 
Iniciativa Galega pola Memoria - Vilaboa, 28 de novembro de 2015
A historia dun país, unha democracia digna de tal nome, non se pode construír sobre o silencio, sobre o esquecemento das vítimas da represión, sobre a ocultación e a desmemoria que aínda perviven hoxe, 79 anos despois do golpe militar fascista, 40 anos após a morte do Ditador.

Proclamámolo aquí, á beira da ría de Vigo, a maior foxa común de Galiza, estación última dos corpos de ducias de sindicalistas, obreiros, traballadores fondeados nas augas deste mar frío, fermoso e profundo. Depósito de loitadores pola República e a liberdade cuxos corpos nunca voltaron.

Berrámolo aquí, fronte ao Lazareto, “a illa dos amores para a morte confiscada”, lugar de prisión, de sufrimento, de humillación, de fame, de frío, de morte. Da morte que presentiron os que saíron da illa para seren fusilados en Pontevedra e en Vigo. Da morte que sufriron os que saíron da illa de noite –as noites da raposa, chamábanlle os presos- rumbo a unha curva, a unha cuneta, a unha praia da que nunca volveron.

Dicímolo alto e forte aquí, ao pé da estrada que construíron centos de presos da illa con man de obra escrava. Neste lugar de memoria que queren prohibir os herdeiros do franquismo, o continuadores da ignominia , os instauradores do Esquecemento.

E neste lugar cargado de simbolismo, de memoria e de dor, denunciamos que o sistema político vixente se instaurou sobre o esquecemento, sobre a amnesia, sobre unha amnistía que contravén o dereito internacional e os dereitos humanos. 

Neste lugar anunciamos que non imos parar a nosa loita. Aquí fronte a San Simón, ao pé do cemiterio mariño, proclamamos unha vez máis a nosa decisión de seguir adiante no labor a prol da memoria histórica en Galiza. A nosa vontade de exercer con firmeza a defensa dos dereitos humanos a nivel local e no seo da Iniciativa Galega pola Memoria.

En consecuencia, e tendo en conta a singularidade do ano 2016 -80 aniversario do 36, do inicio da represión- facemos pública a seguinte táboa reivindicativa

1. Demandamos a aprobación dunha política pública da memoria de carácter estatal e por parte do goberno galego. Como punto de partida desta política, consideramos de máximo interese as recomendacións do informe do relator da ONU para os dereitos humanos, Pablo de Greiff. Entendemos portanto que a política da memoria debe fundamentarse no respecto aos dereito humanos; e particularmente no respecto ao dereito á Verdade, á Xustiza, á Reparación e a Non Repetición. En consecuencia co anterior, esiximos a derrogación da Lei de Amnistía de 1977.

2. Reclamamos aos gobernos municipais e deputacións –nomeadamente aqueles con gobernos de esquerdas- que inclúan a política da memoria histórica nas súas prioridades políticas.

3. Esiximos ao goberno galego que a Illa de San Simón volva ser Illa da Memoria, e acolla prioritariamente actividades relacionadas coa memoria histórica. Demandamos que nas visitas á Illa se informe con amplitude sobre o seu pasado como cárcere e como corredor da morte, e sobre as sacas das que foron vítimas ducias de militantes republicanos. E que se non se organicen actividades contrarias ao respecto polas vítimas da represión.

4. Demandamos a recuperación e reactivación –con financiación do goberno galego- do Proxecto Nomes e Voces para a investigación e divulgación sobre a represión franquista en Galiza. E a difusión pública da documentación do proxecto: imaxes, documentos escritos, gravacións...

5. Solicitamos o apoio por parte do goberno galego ao labor das asociacións de recuperación da memoria histórica.

6. Apelamos a consciencia democrática de maxistrados e maxistradas para que non amparen a fascistas, integrantes activos da ditadura franquista, aínda vivos; favorecendo o seu xulgamento no noso territorio, así como a colaboración co proceso xudicial aberto desde Arxentina contra o rexime franquista.
 
7. Solicitamos unha decidida política de cara a facilitar o acceso aos arquivos que albergan documentación relacionada coa represión, así como a dotación de medios para a clasificación e a divulgación dos fondos na rede.

8. Esiximos a desaparición da simboloxía franquista e de todo tipo de elementos que lembren a Ditadura e sexan ofensivos para as vítimas: nomes de rúas e praza, monumentos, símbolos...

9. Propoñemos a organización ao longo de 2016 -en colaboración con concellos e deputacións- dun programa de actividades de investigación, divulgación e homenaxe sobre as vítimas do franquismo. No que atinxe á divulgación, prestarase especial atención aos centros educativos. Neste eido, solicitamos a inclusión na programación dos diferentes niveis educativos, de materiais pedagóxicos sobre a historia recente, sobre o golpe militar do 36, e sobre as súas causas e consecuencias.

10. Demandamos a creación dunha rede galega de Lugares da Memoria, sinalizados mediante unha imaxe e simboloxía común. E a edición dun mapa guía dos Lugares da Memoria Democrática de Galiza.

Nesta iniciativa daráselle prioridade a lugares de represión, lugares de resistencia, espazos de solidariedade, foxas comúns, e a ría de Vigo como a maior foxa común de Galiza.

Aquí estamos, seguindo o ronsel que deixaron tantos homes e mulleres valentes, solidarias, xenerosos. En pé de loita, coma eles e elas, que retornan con nós da noite do esquecemento para convertírense en fachos de luz.

Fronte a San Simón, ao pé da ría, en Vilaboa, aquí estamos. Para reclamar Xustiza, Verdade, Reparación. E Memoria, sempre. 

Iniciativa Galega pola Memoria
Vilaboa, 28 de novembro de 2015

domingo, 30 de agosto de 2015

Manifesto: Anguieiro, lugar de resistencia republicana e lugar de morte pola liberdade


Vítimas de Anguieiro, “honor para vosoutros”, porque fostedes o mellor deste pobo e ninguén pode menosprezarvos nin esquecervos.

A pesar dos 79 anos transcorridos,  hai unha desleixo cara ás vítimas da guerra civil, do franquismo e da Segunda Guerra Mundial, estamos volvendo ao pasado. Hai ausencia de discurso nos partidos políticos e organizacións sociais.

Todas ás vítimas matáronas por defender a liberdade.  As 11 vítimas de Anguieiro  aplicáronlles  a condena a morte sen xuízo. Estes, como outros cangueses defensores do lexitimo goberno republicano, o día 20 de xullo de 1936 fixeron un pequeno foco de resistencia na estrada de Cangas a Pontevedra no lugar da fonte de Anguieiro. O obxectivo da resistencia era impedir o paso dunha posible columna de mariñeiría do Polígono de Tiro Janer de Marín para tomar Cangas. Ás 23 horas chégalles a mala noticia de que Cangas estaba tomada polas forzas de seguridade ( garda civil, carabineiros e gardas municipais) que se pasaran ao bando dos insurrectos.  

“El restablecimiento del principio de autoridad exige inexcusablemente que los castigos sean ejemplares, por la seriedad con que se impondrán y la rapidez con que se llevarán a cabo, sin titubeos ni vacilaciones”, poñía a proclama para a declaración  do estado de guerra do xeneral Mola o 19 de xullo de 1936. A partir desas datas os golpistas puxeron fin a un tempo político de liberdades iniciado en abril de 1931 e fortalecido coa vitoria das esquerdas nas eleccións de febreiro de 1936. Os fascistas instauraron e lexitimaron as súas accións prioritarias como  o uso da violencia e a vulneración dos dereitos humanos, pois non dubidaron en suprimir os dereitos individuais, e transformarse en criminais implantando o caos e a morte.

O asasinato dos once de Anguieiro na noite do 27 o 28 de agosto do 1936 foi un suceso salvaxe e desprezable, cometido polos falanxistas de Cangas baixo as ordes do alemán Bruno Sveiger, coñecido polas súas atrocidades como o  carniceiro do Morrazo.

Fai falta traer unha vez máis ao presente a memoria de:

Secundino  Ruibal  Villar, 38 anos, canteiro, veciño de San Pedro, Darbo, casado.

Nornandino Núñez Martínez, 46 anos, veciño da rúa Sol, Cangas, mariñeiro afiliado a Alianza Mariñeira / CNT . O seu corpo apareceu o 16 de outubro, no Rexistro Civil de Cangas con data de 9/11/1936. Consta como“morto por hemorraxia interna por ferida de guerra”. 
    
José Nores Rodríguez, 16 anos, albanel veciño da rúa Liberdade, Cangas, solteiro, detido na casa dos seus pais o 27 de agosto.   

José Martinez Pazó, 26 anos, canteiro PSO , veciño de San Pedro, Darbo. Casado.  O seu corpo apareceu o 16 de outubro,no Rexistro Civil de Cangas con data de 9/11/1936 consta como “morto por hemorraxia interna por ferida de guerra”.      

Alejandro Martínez Pazó, 19 anos, canteiro PSO, veciño de San Pedro, Darbo. Solteiro. 

Daniel González Graña, 24 anos, ,veciño de Cangas, mariñeiro afiliado a Alianza Mariñeira /CNT. Solteiro. Detido o 27 de agosto. O seu corpo apareceu o 16 de outubro, no Rexistro Civil de Cangas con data de 9/11/1936 consta como“morto por hemorraxia interna por ferida de guerra”, no 1936 os militares ábrenlle causa “por ser membro del comité do Frente Popular”. Despois de morto a mariña de guerra abriulle causa por ser da quinta do 1933 “por non presentarse”.

Guillermo Fernández Fernández, 27 anos, albanel, PSO, veciño de Seixo, Darbo. Solteiro. Detido o día 27 por falanxistas e gardas civís na casa do seus pais en Seixo, Darbo.  No ano 1937, despois de morto, a Mariña abriulle causa por deserción.

Antonio Blanco Rodal, 26 anos, mariñeiro, veciño da rúa Síngulis, Cangas. Casado. Detido no peirao de Cangas cando regresaba de pescar. O seu cadáver apareceu o 16 de outubro e no Rexistro Civil de Cangas, con data de 9/11/1936, consta como“morto por hemorraxia interna por ferida de guerra”.       

Eugenio Bastos Fernández, 18 anos, mecánico do estaleiro de Barreras , afiliado ás Xuventudes Socialistas Unificadas, veciño de rúa Rastro, Cangas. Solteiro.

Estanislao Ferreiro Núñez, 24 anos, canteiro, veciño de San Pedro, Darbo. Solteiro. Detido polos falanxistas e un garda civil o 26 de agosto ás dúas da madrugada na casa dos seus pais en San Pedro.

Antonio Ferreiro Núñez, 32 anos, canteiro, veciño de San Pedro, Darbo. Casado. Detido polos falanxistas e un garda civil o 26 de agosto  ás dúas da madrugada na casa dos seus pais en San Pedro. O seu corpo apareceu o 16 de outubro e no Rexistro Civil de Cangas, con data de 9/11/1936, consta como“morto por hemorraxia interna por ferida de guerra”.

O Estado non debe ignorar as súas obrigacións, e debe garantir a reparación das vítimas, pois, sendo unha exixencia democrática, varias décadas despois seguimos atopando obstáculos case infranqueables. Por riba, o 5 de outubro de 2013 o alcalde de Baralla, Lugo (gobernado polo PP), o señor Manuel José González Capón pronunciou no pleno municipal unhas desafortunadas  declaracións contra ás vítimas, sostendo que “os que foron condenados a morte” durante o franquismo “ sería que o merecían”.

O dereito do Estado é establecer normas penais e exixir o cumprimento delas máis a “lei de Amnistía” de 1977, é un parapeto xudicial en defensa do franquismo e representa a renuncia do Estado ao exercicio do dereito ó castigo, pois  esta lei impide “constitucionalmente” resolver aquel dilatado conflito criminal dunha forma pacífica e institucional. A busca de solucións parece que está fóra de toda discusión política.

Non miredes para outro lado… isto vai para todos.

Finalmente, na memoria dos once de Angueiro, é necesario que se entenda que a xustiza e o contrario da vinganza.

Asc. Memoria Historica 28 de agosto  Cangas 

domingo, 10 de maio de 2015

17 de maio. Galego, garantía de futuro


 
17 de maio: Galego, garantía de futuro. Maniféstate pola lingua!



Asina o manifesto
 
Queremos Galego convoca actos na Coruña, Ferrol, Foz, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago e Vigo

 
Terán lugar ás 12h. O lugar irase confirmando na web

Descarga aquí as imaxes da convocatoria


 

sexta-feira, 21 de novembro de 2014

Conmemoración 96 aniversario do Manifesto de Lugo

Participantes da Asemblea de Lugo

Texto íntegro do manifesto
 
Praza.gal - David Lombao 19/11/14
Uralitas no canto de tellas ou pizarras, fachadas ou edificios enteiros sen rematar, urbanizacións mastodónticas a medio facer, bloques de vivendas propios do centro dunha cidade chantados nunha contorna rural... Son só algúns exemplos do que popularmente se deu en coñecer como feísmo e que persoas expertas prefiren denominar "maltrato da paisaxe" ou "canibalismo urbanístico", entre outras denominacións. Estas mostras de desleixo polo propio territorio, que a Xunta asegura que atallará a futura Lei do Solo, eran parte das preocupacións dos participantes no encontro que, hai este martes 96 anos, serviu para bosquexar o primeiro programa do galeguismo político: a Asemblea Nacionalista de Lugo.
 
Aquela xuntanza auspiciada polos "persoeiros das Irmandades da Fala", que supuña subir un chanzo no movemento que antes fora agrarista, provincialista ou rexionalista, tivo entre as súas conclusións máis relevantes a reclamación da "autonomía integral para Galicia" ou a aposta por "nomearse para sempre nacionalistas galegos", toda vez que a "verba rexionalismo" non era quen de "recoller" todas as "aspiracións" do país. Xunto a estas grandes liñas políticas a Asemblea abordou outros "problemas que interesan dun xeito fondísimo a vida nacional da Galicia" en ámbitos tan diversos como a economía, a xudicatura ou as institucións, pero tamén varios "aspectos artísticos".
 
Tal e como recolle o Manifesto resultante daquela asemblea, cuxo manuscrito foi adquirido en 1999 pola Fundación Galiza Sempre e depositado no Museo do Pobo Galego, a asemblea resolveu  "proclamar a soberanía estética da Nazón Galega", un principio inspirador que, sinalaban, tería que concretarse nas leis. Esta soberanía estética, di o manifesto, tería que ser exercida, en primeiro termo, "sobre as construcións urbanas e rurais". Con esta finalidade tería que ditarse "unha lei que obrigue os propietarios a axeitar o estilo das súas construcións ao estilo xeral de cada vila galega". Ademais, o "poder galego" tería a facultade de expropiar "monumentos e paisaxes" e de organizar o "ensino artístico" coa "creación dunha Escola Musical Galega".
 
Estes aspectos estéticos, aínda sen resolver case un século despois, serían parte das responsabilidades da Xunta Gobernadora, isto é, do Goberno galego que propuña a asemblea e que estaría composta por "un presidente e seis secretarios", persoas que xestionarían algo semellante ás actuais consellerías con responsabilidades en "Administración, Xustiza, Ensino, Obras Públicas, Agricultura, Industria e Comercio". Esta Xunta sería a encargada de aplicar as decisións do "poder autónomo" representado "por un xuntoiro ou Parlamento Galego" elixido por sufraxio universal para rexer un territorio no que xa non habería deputacións provinciais, toda vez que a Asemblea apostaba polo seu "acabamento".

Á Xunta Gobernadora teríanlle que corresponder "todas as funcións administrativas" e tamén toda a xestión dos impostos "sen intervención do Poder Central" xa que Galicia, sinalaban, tería que dispoñer dun sistema de concerto económico semellante ao que gozan aínda na actualidade Euskadi ou Navarra. Ese "poder galego" tamén exercería, en exclusiva, a competencia en materia educativa e o ordenamento do sector bancario, "no que intervirá pola función social que hoxe teñen os bancos", abondaban. A Xunta, asemade, tería a responsabilidade de construír e administrar o ferrocarril e de impulsar as leis que correspondesen para tipificar como "crime contra Galicia" o "permanente absentismo dos propietarios da terra".
 
Fragmento do manuscrito do Manifesto de Lugo
 

sábado, 21 de junho de 2014

3.000 voces contra a monarquía na Coruña

 
Traducción Estación Atlántica
O escritor Manuel Rivas clama na Coruña contra a "imposición monárquica" nun marcha convocada por unha veintena de colectivos

EP A Coruña 20 xuño 2014
Unhas 3.000 persoas secundaron onte a protesta convocada na Coruña por unha veintena de organizacións para reclamar unha República en España, no día da proclamación de Felipe VI como Rei. A movilización, apoiada polo BNG, EU, Compromiso por Galicia, a Comisión pola Recuperación dá Memoria Histórica (CRMH), o Ateneo Republicano e movementos do 15-M, entre outros, partiu da Casa do Mar e concluíu ante a sé da Delegación do Goberno en Galicia blandiendo unha pancarta na que se podía ler 'Galiza pola República. Polo dereito a decidir'.

Alí, o escritor e xornalista Manuel Rivas leu un manifesto, no que se rexeita a "imposición monárquica" e denúnciase a "política de cartón pedra, que fan as élites á marxe do pobo". Tamén reivindicou un "si" á "liberdade, que é un tesouro da humanidade". "E dicimos si ao dereito a decidir", sinalou Rivas, quen subliñou tamén que os dereitos "están para exercelos e non para que os teñan conxelados nas neveras do poder". O manifesto incide tamén no "modelo caduco e que agoniza" da Constitución española e acentúase de "incompatible" a monarquía cun sistema democrático. A lectura concluíu cun 'Viva a República. Galicia pola República'.

O presidente da Comisión pola Memoria Histórica, Fernando Souto, pediu que se dea voz" á xente que por idade non puido votar no proceso de Transición. "Non hai que ter medo a que a xente opine", dixo, tras poñer como exemplo a votación realizada en Australia para elixir entre monarquía e república.

sexta-feira, 5 de abril de 2013

14 de abril día da República en Cangas


Por unha nova República
Día 14 de abril
Concentración na Praza do Concello a las 13:00h.
"Música e palabras"
Manifesto Republicano 2013
Ofrenda floral
Solta de pombas

Organiza: Asociación Memoria Histórica 28 de agosto. Cangas

quinta-feira, 21 de março de 2013

Desde Galicia, a por a República

Traducción Estación Atlántica
A Iniciativa Galega pola Memoria, apoiada por figuras da cultura, da política ou dos movementos sociais, lanza un manifesto que chama "á movilización cívica" para loitar por unha consulta popular que permita "deixar atrás unha monarquía caduca".

eldiario.es - Miguel Pardo 21/3/13
"Adhesión á República. Primeira planta". Así rezaba o cartel que indicaba o lugar do hotel coruñés onde se celebrou este xoves a roda de prensa para presentar o Manifesto do Día da República. "Así debería poñer en moitos máis sitios, quitándolle dramatismo ao que é normal, ao contrario do que supón a sucesión no poder dun home por outro home tan só por ser o seu fillo", explicou o escritor e xornalista Xosé Manuel Pereiro, un dos portavoces nun acto no que diferentes figuras do mundo da cultura, da política ou dos movementos sociais e sindicais mostraron a súa adhesión a un documento lanzado pola Iniciativa Galega pola Memoria (IGM).

Apostando pola "naturalidade" que debe supoñer reclamar un sistema "no que todos sexamos iguais e podamos escoller a quen gestiona" a vida pública, os presentes animan a asinar un manifesto que pretende servir de ánimo para que a sociedade sexa a vanguardia na pelexa pola instauración da República no Estado español. "A solución ante esta grave situación non é a abdicación do rei no Príncipe de Asturias, senón deixar atrás unha monarquía caduca e avanzar na conquista da República", di o texto titulado Fronte a unha monarquía caduca, construamos un futuro republicano.

"Queremos unha República laica, que acabe cos privilexios da igrexa católica, igualitaria, xusta e radicalmente democrática, que legisle para a inmensa maioría da sociedade, poña freo á corrupción e ao enriquecimiento sen límites duns poucos; que acabe cos recortes sociais que empobrecen ás clases populares; que respecte o dereito democrático a decidir o seu futuro da nación galega", di o manifesto, para o que piden apoio a través dunha recolleita de firmas que "non ten límite temporal". "Ata que se vaia, en todo caso", escoitouse.

"A chegada da República dependerá da vontade da cidadanía", destacou Fernando Souto, presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, entidade integrada na IGM, nun acto ao que tamén asistiron, entre outros, Suso Mosquera, Suso Díaz, Xurxo Souto, Francisco Pillada Mayor, Tino Fraga ou Manuel Rivas.

Foi precisamente o escritor Rivas quen destacou o feito de que "a maioría social apoie mayoritariamente a partidos que defenden o sistema republicano" nas súas bases, á vez que hai un camuflaje ou sustracción" dun debate sobre a República que non consegue chegar á política de partidos ou institucional. "Hai unha sustracción da cuestión nos movementos políticos porque hai medo", asegurou. "O debate está fóra dos partidos", díxose tamén na conversación que se abriu entre os asistentes a un acto que pretende servir de ánimo para a "apertura dun proceso constituyente, que debe iniciarse cun pronunciamiento popular en referendo sobre a forma de Estado".

"Chamamos á movilización cívica para que se realice esa consulta. Como demócratas, pensamos que a República será unha realidade cando sexa reclamada pola maioría da sociedade", reivindica o manifesto ante o que queren que sexa "un novo 14 de abril que abra unha segunda transición, que liquide definitivamente os residuos do franquismo, incrustados nas institucións, e permita a libre expresión de todos os que consideren que se poden cambiar as estruturas do Estado para facelas máis transparentes, participativas e ao servizo dos cidadáns".

quinta-feira, 14 de março de 2013

Manifesto Día da República 2013 da Iniciativa Galega pola Memoria


Porque é hora xa de acabar cunha forma de gobernar obsoleta, inxusta, anti-económica e con moitas carencias democráticas que é a monarquía. A República xurde como a alternativa máis racional como forma de organización do estado..

Manifesto Día da República 2013

FRONTE A UNHA MONARQUÍA CADUCA, CONSTRUAMOS UN FUTURO REPUBLICANO.
Celebramos este ano o Día da República cando a monarquía está máis desprestixiada que nunca e diminúe o seu apoio popular, como indican todas as sondaxes de opinión. A solución ante esta grave situación non é abdicación do rei no Príncipe de Asturias, senón deixar atrás unha monarquía caduca e avanzar na conquista da República.

Temos unha monarquía debedora de moitas pexas herdadas da ditadura franquista. Un xefe do Estado, o rei Juan Carlos, imposto polo ditador Franco en 1969 (como persoa “llamada en su día a sucederme a título de Rey”), que foi proclamado rei polas Cortes franquistas en 1975.

Cada vez é máis evidente que a chamada Transición non foi idílica, nin foi pacífica, nin estivo exenta de chantaxes e coaccións. As novas xeracións semellan non estar dispostas a apandar coas estreitas marxes de manobra que se pactaron no seu día a cambio de que os poderes fácticos permitiran certas liberdades á poboación. Sacrificouse a memoria das vítimas da represión fascista e decretouse o seu silenciamento, prohibindo a súa investigación, negándose á reparación e, sobre todo, a anulación das sentenzas que os condenaron en moitos casos á morte polo delito de ter unha ideoloxía diferente á fascista. Ao mesmo temo, amnistiouse aos verdugos.

O rei Juan Carlos desaparecía clandestinamente, en plena crise económica, abandonando as súas responsabilidades institucionais, para cazar elefantes en Botsuana. Sucedía todo isto nunha semana especialmente dura para a cidadanía co anuncio polo goberno do PP de novos recortes sociais en educación e sanidade.

A propaganda oficial fala, interesadamente, da neutralidade e independencia da monarquía, que nunca existiu. O rei Juan Carlos participou recentemente nun consello de ministros para apoiar as políticas económicas neoliberais e os recortes sociais do goberno de Mariano Rajoy. O rei tomaba claramente partido e enviaba unha carta ao Sha de Persia (“Mi querido hermano”) desde o Palacio de La Zarzuela o 22 de xuño de 1977, cinco días despois das primeiras eleccións xerais despois da morte de Franco, pedindo 10 millóns de dólares para UCD. Despois do intento do golpe de Estado do 23 de febreiro de 1981, o rei recibiu aos líderes dos partidos políticos con representación parlamentaria e fixo unhas declaracións de claro apoio aos golpistas: “Sería poco aconsejable una abierta y dura reacción de las fuerzas políticas contra los que cometieron los actos de subversión en las últimas horas”. É público que o rei realizou xestións para o enriquecemento ilegal do seu xenro Iñaki Urdangarín.

En tempos de crise asistimos a un auténtico despilfarro e mal exemplo para a cidadanía. O rei dedícase á caza, asiste en Abu Dabi a unha carreira de coches de Fórmula 1, todo pagado con cartos públicos. Traballan para o rei 507 persoas e o parque móbil ao servizo da Casa do Rei é de 72 vehículos oficiais e 45 condutores.  O presuposto para a Familia e Casa do Rei é de case 9 millóns de euros que, segundo a Constitución, o rei “distribúe libremente”. A esta cantidade habería que sumar outros 5,9 millóns de euros que figuran na sección do Ministerio de Administracións Públicas baixo o epígrafe “Apoio á xestión administrativa da xefatura do Estado”.

É un escándalo o presuposto para garantir a seguridade da Casa Real. En 2011 a Garda Civil gastou 42,5 millóns de euros e 46 millóns a Policía Nacional. O ministerio de Defensa pagou 56 millóns de euros en seguridade, eventos onde participa o rei, desfiles e visitas; ten que facer fronte ao mantemento do Rexemento da Guarda Real cun custo anual de 80 millóns de euros; 45 millóns de euros para o Cuarto Militar e 110,8 millóns de euros para o 45 grupo de Forzas Aéreas ao servizo do monarca.

Todo o relacionado coa monarquía está rodeado dun total escurantismo. O rei queda ao marxe das políticas de transparencia e a Mesa do Congreso rexeitaba 36 preguntas  sobre a Casa do Rei. Non se coñecen, oficialmente, outros ingresos do Rei e tampouco o patrimonio da Familia Real, aínda que a revista Forbes fala de 1.790 millóns de euros.

Queremos unha República laica, que acabe cos privilexios da igrexa católica, igualitaria, xusta e radicalmente democrática, que lexisle para a inmensa maioría da sociedade, poña freo á corrupción e ao enriquecemento sen límites duns poucos; que acabe cos recortes sociais que empobrecen ás clases populares; que respecte o dereito democrático a decidir o seu futuro da nación galega.

Unha República que recupere a memoria histórica, acabe coa impunidade e condene a aqueles que durante a Ditadura cometeron crimes contra a humanidade, que non prescriben. Queremos xustiza e reparación para as vítimas do franquismo. A derrogación da Lei de Amnistía de 1977, tal e como recomendaron Amnistía Internacional e a Comisión de Dereitos Humanos da ONU, porque incumpre o Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos das Nacións Unidas de 1966, asinado polo Estado Español en 1976. Cómpre unha condena explícita da ditadura de Franco e a desvinculación total do sistema político que nos deamos do réxime totalitario anterior que sufrimos.

Ante unha monarquía caduca, avogamos por un novo 14 de abril que abra unha segunda transición, que liquide definitivamente os residuos do franquismo, incrustados nas institucións, e permita a libre expresión de todos os que consideren que se pode mudar as estruturas do Estado para facelas máis transparentes, participativas e ao servizo dos cidadáns. Estamos pola apertura dun proceso constituínte, que debe iniciarse cun pronunciamento popular en referendo sobre a forma de Estado. Chamamos á mobilización cívica para que se realice esa consulta. Como demócratas, pensamos que a República será unha realidade cando sexa reclamada pola maioría da sociedade.

                    Viva a República!

domingo, 18 de novembro de 2012

Manifesto e Causa lidos no MARCO no acto do día 16 de novembro

Ningúen se inventa de novo cada día. As persoas e as sociedades necesitan da memoria para saber o que son, para saber de onde veñen a ata incluso para ter algunha idea a propósito de onde ir. Hai unha época do noso pasado non tan pasado sobre a que caeu durante moitos anos a pesada lousa do olvido. A longa noite de pedra do franquismo agochou feitos, nomes e lugares en relación coa represión que seguíu ó golpe de Estado contra a República o 18 de xullo de 1936.
 
Neste mesmo lugar, que hai máis de 70 anos era Pazo de Xustiza, cárcere e cuartel, o cuartel no que tiña a súa sede a máxima autoridade militar de Vigo, o comandante Felipe Sánchez, neste mesmo lugar, pola tarde do día 19 de xullo de 1936 imprimiuse o bando que ía declarar ó día seguinte a rebelión da guarnición militar de Vigo contra a República. Daquela, proclamar o bando de guerra, anular a autoridade lexítima da República e comezar a represión foi todo un. A media mañá do 20 de xullo de 1936, na Porta do Sol, cando un piquete de soldados ás ordes do capitán Carreró lía o bando de guerra contra a República, caeron as primeiras vítimas entre os que non querían que as armas cambearan o que facía uns meses decidiran as urnas. Os que perderan as eleccións en febreiro de 1936  impuñan coa forza das armas  un cambio político que ía traer cárcere, morte e olvido para os que escolleran ser fieis a República e defender a legalidade constitucional.
Neste mesmo lugar no que hoxe estamos,  un mes despois, o 22 de agosto de 1936, tivo lugar o proceso máis importante dos que se seguiron na nosa cidade contra dirixentes da Fronte Popular. Ós cinco días daquela farsa xudicial, o 27 de agosto de 1936, dez homes, pagaron coa súa vida a lealdade á República.
Fracasado o golpe de Estado contra a República, a guerra civil serviu para que os que sublevaron contra ela limparan a fondo o país e puideran xustificar como actos de guerra a cacería humana e a represión salvaxe que comezou coa guerra e seguiu despois dela. A xeografía daqueles lugares da represión debe ser sinalada como lugares de memoria.
Por rigor histórico, non podemos reconstruir o noso pasado esquecendo aquel tempo de cacería humana, os nomes das vítimas e os lugares onde morreron asasinados.
Por saúde mental, non podemos preferir o olvido a memoria. Unha sociedade democrática madura cando asume tanto as luces coma as sombras do seu pasado.
Por xustiza, no podemos esquecer a xente que neste país deu a súa vida por defender a lei, non podemos esquecer as familias que durante moito tempo foron sinaladas por seren fillos, maridos ou mulleres dos “roxos”. Non podemos esquecer a humillación e o medo que se instalaron nas súas vidas.
Hoxe son os historiadores e as asociacións pola memoria histórica os que estamos enchendo o insoportable baleiro que creou a ditadura e logo mantivo a democracia. Temos que encher este baleiro cos nomes das vítimas e os lugares nos que morreron asesinadas porque hai unha batalla que non podemos perder, a batalla contra o olvido.
Nin cremos que a guerra civil fora inevitable, nin que todos foran iguais nin estamos cunha tímida lei de memoria histórica.
Porque recuperar a memoria non abre feridas, senón que as cerra; porque non queremos ter na nosa historia recente páxinas en branco; porque non hai árbore que medre sen raíces; porque non queremos ser cómplices dun pacto de silencio e porque estamos convencidos de que unha sociedade xusta e democrática non pode construir o seu futuro negando o seu pasado, a "Asociación Viguesa pola Memoria Histórica do 36" quere sinalar hoxe este lugar de memoria para coñecemento da cidadanía dos feitos que nel ocurriron e quere con este acto facer unha vez máis presente a memoria das vítimas daquela barbarie e o facemos pola súa memoria e pola nosa memoria.
-AUTOR: Antonio Giráldez Lómba (Historiador)
 
CAUSA DE MANUEL DEL RÍO, 224/36
Manuel del Río Vázquez,tranviario,líder  sindical, veciño de Vigo, que tuvo a triste sona de ser o primeiro en ser asasinado despois dun xuizo sumarisimo
…A rapidez en preparar a causa contra Manuel del Río é tal que  ao día seguinte, día 2 de agosto,xa se pode levar a cabo a formación do tribunal que vai a presidir o xuizo; decidindose que, na denominada causa 224/36, sexan conxuntamente xulgados os tres detidos na parroquia de Nespereira. A constitución do tribunal será levado a cabo nas instalación que o “Rexemento de Infantería  de Mérida” tiña  no cuartel de San Sebastián, e será a porta pechada;quedándose alí decidido que o tribunal debería estar composto polo tenente coronel do “Rexemento de Artillería Lixeiro nº 15” acantonado en Pontevedra, Antonio Durán Salgado,, que sería quen exercería de “presidente”; sendo desinados como “vogais” os catro caopitáns das catro compañías pertencentes  ao “Rexemento de Inantería de Mérida nº35” que estaban acantonadas en Vigo e que eran: Gonzálo Pérez Díaz, Luis Castañón de Mena, Antonio Carreró Vergés e José Pérez Navaza; así coomo tamén o do mesmo emprego, pero do “Rexemento de Artillería nº15”, Miguel Varela Berenguer. Actuaban ademáis como suplentes, os capitáns Ricardo Martínez Martínez, da “Caixa de Recrutas nº 53”, e Fernando Ponte Blanco, do referido “rexemento de Artilería nº15”; como  “vogal poñente” o tenente auditor do 2º, Juan de Villavicencio y Pereira, e como “fiscal” o tenente auditor da 3ª José Luis Santalo y Rodríguez viguri, sendo o “xuíz” instructor”, que con tanta prema incoara o expediente o capitán  de Infantería Adolfo Rodríguez Sotelo.

Unha vez asignado o persoal acusador, xa que nestes casos o papel do tribunal e dos fiscais apenas se diferenciaba, estaba todo argallado para levar a cabo o primeiro xuizo sumarísimo levado a cabo en Vigo polos militares traidores, una vez consumada a súa felonía.  Soamente quedaba escoller, como pequeño e último detalle a o defensor dos reos, propoñéndoselle, como logo virá sendo  o habitual, que os acusados designen un de inmediato, ou senón que lles asignarán un de oficio, pero que o dito defensor debería ser, inevitablemente, un militar. Neste caso foilles asignado  un alférez de complemento moi novo chamado José Queizán Hermida; defensor que, ainda que abogado de profesión, se estreaba nestas lides sumariais.
Ao día seguinte, e sin apenas tempo material para que o abogado tuvese tempo para ler a documentación, e menos ainda, preparar una mínima defensa firme, levarase a cabo o xuizo;quedando establecido  que se inicie no “Cuarto de Bandeiras” do cuartel de San Sebastián ás 15 horas do citado 3 de agosto. O desenrolo do mesmo será un calco dos  dos que durante os meses seguintes  iranse  levando a cabo contra os acusados de simpatizar coa “Fronte Popular”  e de opoñerse ó “Movimiento Salvador” A principal acusación que se lle fai a Manuel  non é a de ser un “perigoso líder revolucionario”, senón a de tenencia de armas, xustificando isto nunha disposición que o día 21 de xullo, proclamara o comandante da praza, mediante a cal, todos aqueles  que non entregaran as armas no cuartel de Magallanes serían pasados polas armas, para complicar máis ainda, si cabe, a situación procesual de Manuel del Río, procedeuse a dar letura dun informe reservado confeccionado  polo Delegado de Orde Publica, no que diante dos precedentes políticos e sindicais do detido, o calificaba como…”individuo peligrosísimo”…sinalando tamén que por estes mesmos precedentes se lle supuña como un dos que fixera fogo contra as tropas desde as barricadas de Lavadores; ainda que non houbese probas ao respecto.        

Realmente non fai falta moito máis para condenar ao tranviario. O papel do defensor non pode ser máis que o de estar presente,para gardar as formas, e o de solicitar a benignidade por parte do tribunal; pero nunca o de defender  das acusación sao seu cliente. Esta mesma tarde o tribunal ten decidida a condena para Manuel del Río; “pena de norte”. Para os outros dous acusados será notablemente máis benigna xa que, co medo no corpo, decidirase que queden en liberdade, ao ser sobreseída a súa causa.    
Compre seguir acelerando o proceso para que o castigo contra Manuel del Río  sexa cumprido canto antes,, servindo así de escarmentó xeral a todos os “roxos” da comarca.Ao día seguinte a comunicación  de petición de condena a norte chega a Coruña, onde o auditor de Guerra,  tras una breve análise  daralle o visto bo para que poida ser firmada polo xeneral en xefe da 8ª Rexión Militar, Carlos Bosch Bosch; dándose inmediatamente notificación a Burgos, á chamada Xunta de Defensa Nacional,  que nese momento era o máximo órgano de Poder das Forzas Rebeldes, e quen decidía sobre a vida e a norte Cumpridos eses trámites burocráticos , ao día seguinte, 5 de agosto, o comandante da praza  de Vigo Felipe Sánchez pode xa dispor as ordes precisas para  que a execución poida levarse a cabo ás  cinco da madrugada do día seguinte.

As dúas da madrugada do día 6 de agosto  preséntanse na cela onde está agardando Manuel  del Río, o Xuíz Eventual da praza Benito Otero Brage e o secretario xudicial militar, Luis Fernández;  acompañados do seu abogado defensor; dun delegado do colexio nacional da Coruña e do reitor dos país salesianos. Esta ámpla comitiva ten a misión de informarlle ao reo que a súa execución é inminente, e de que ten tres horas para prepararse  para un bo morrer; debendo, iso si,  antes de nada asinar a recepción oficial da funesta orde.    
Ás cinco da madrugada, cando aínda era escuro sobre a cidade que se alza aos seus pes, o piquete de execución, composto por soldados do “Rexemento de Mérida”, está xa disposto fronte aos muros do Castelo do Castro para levar a cabo a execución; só falta que sexa traído o reo, convidado imprescindible para este tipo de celebracións. […] Manuel del Río morreu só; sendo asi  o primeiro executado, tras a celebración dun consello de guerra sumarísimo, en toda a bisbarra viguesa.
Xunto ao corpo ametrallado do tranviario achegaráse o médico do Batallón Ildefonso Villabona del Rivero, que será quen ditamine a norte do reo, e quen autorice a súa entrega no depósito do cemiterio de Pereiró, onde o seu encargado, Zoilo Rial Iglesias, debería facerse cargo do mesmo ata o día seguinte; comprometendose, ademais, a que ninguén  poida dispor do cadáver  sen unha autorización precisa da autoridade militar.
Ao día seguinte, 7 de agosto, ás 8.30 da mañá, hora escollida especialmente polo intempestiva, unha pequena comitiva, composta pola familia máis próxima do defunto, acompañará a Caixa onde levan o cadáver á fosa nº 175 da zona denominada “15”  do camposanto vigués;, procedendo alí a un rápido, cáseque  clandestino, enterramento.          
Extractado do libro “CEN PERSONAXES EN TORNO A UNHA GUERRA”.
Autor: Xoán Carlos Abad Gallego             Vigo 16 novembro 2012
Texto da placa do MARCO, Lugar de Memoria
En lembranza de todas as persoas que neste edificio entre os anos 1936 e 1977 foron encarceladas, torturadas, xulgadas e condenadas polo franquismo por defender a democrácia e a liberdade
Pola memoria Verdade, Xustiza e Reparación
O POVO NON ESQUECE

quinta-feira, 8 de novembro de 2012

Actos de memoria no MARCO en Vigo

 
Lugar: Museo “MARCO” (antiga cárcere, xulgado e cuartel) rúa Príncipe nº 54 Vigo
VENRES DÍA 9, ÁS 19 HORAS
-Mesa redonda no Auditorio
-Carlos Nuñez, Fernando M. Randulfe e Xoán Carlos Abad Galego
-Roteiro polas instalacións do que foi xulgado, cárcere e cuartel militar
VENRES  DÍA 16,  ÁS 20 HORAS*
-Concentración no exterior
 
-Manifesto
 -Música: Hímno de Riego
 -Discurso: Mónica González. Letura da Causa do seu bisabó, Manuel del Río Primeira vítima condenado en xuizo sumario, asesinado o 6 de agosto do 36 e soterrado en Pereiró
 
-Agradecementos
 
-Ofrenda floral
 -Hímno Galego e fin do acto

*NOTA: O ACTO DO VENRES DÍA 16, CAMBIA A HORA DAS 19H. PREVISTO PASASE ÁS 20H. POR SUXERENCIA  GUBERNATIVA.

terça-feira, 24 de janeiro de 2012

Manifestación antifascista contra o engano histórico de Fraga

Traducción Estación Atlántica
lacoctelera 23 xaneiro 2012 Fotos Jorge M. de la Calle

Máis dun centenar de persoas manifestáronse pacíficamente a partir das doce do mediodía polas rúas compostelás, para denunciar o engano histórico ao redor de Manuel Fraga. A súa lema era ?Fraga Iribarne foi un fascista. A Transición foi unha fraude contra o pobo galego?. Partiron da Alameda, parque emblemático compostelán, e fixeron un breve percorrido rodeando a zona vella, custodiado por numerosos furgóns policiais, mentres a uns centos de metros comezaba o funeral e acto en honra do ex líder franquista e presidente fundador do PP.

Un abanico de organizacións xuvenís e políticas, entre as que se atopaban a plataforma pola autodeterminación Causa Galiza, os grupos municipais soberanistas Candidatura do Pobo e Ames na Esquerda, os centros sociais Casa do Vento e Arredista, a Assembleia dá Mocidade Independentista (AMI), o Movemento pola Base, o colectivo antirrepresivo Ceivar e a a organización independentista galega de esquerdas OLN. Era unha manifestación antifascista, aínda que a falta de representación doutro tipo de forzas políticas e sociais, ou asociacións da memoria histórica, así como os cánticos de "independencia" e "galiza ceive, poder popular?, fixeron que a reivindicación do dereito á autodeterminación acabase centrando gran parte da manifestación. Así mesmo, a proximidade dos exames desanimó a moitos universitarios, polo que a convocatoria perdeu a forza esperada. Galería fotográfica aquí.

Non houbo incidentes, pero as reaccións dalgunhas persoas maiores non se fixeron esperar. A maioría só miraban, entre curiosas e molestas. Á altura de Praza de Galicia, un home dicíalles "Tiñades que ver ao Caudillo". Por diante dunha parada de bus de Virxe dá Cerca, e sen mediar provocacións por parte dos manifestantes, un grupo de señoras comezou a gritarlles, e outra os chamou "ignorantes", á vez que facía xestos obscenos coas mans. A masa fixo oídos xordos ata chegar á praza Oito de Marzo, á entrada do barrio de San Pedro, onde leu un manifesto. Foi lido polo veterano xornalista Gustavo Luca de Tena, autor de "Fraga: retrato dun fascista".

O texto asinado polas entidades convocantes e veciños e veciñas de Compostela reivindica unha "auténtica memoria histórica" e unha "auténtica democracia". Denuncia a "tergiversación" e "engano histórico" ao redor da morte de Manuel Fraga, ?o máximo responsable da represión en 1962-1969 e logo, en 1976, o asinante de execucións sumarias, o responsable político de asasinatos e arquitecto da fraude que para a maioría social galega foi a Transición Democrática". Segundo os organizadores, ?someteu ao noso País á destrución de todos os seus sectores produtivos estratéxicos, cumprindo as ordes de Madrid como bo "servidor" de España", e "contruyó un armazón de poder caciquil, institucional e empresarial confrontado cos dereitos e necesidades da maioría social dos galegos e galegas", "producindo desemprego, emigración e miseria" para Galicia. A crítica foi tamén polo campo cultural, xa que, nas súas palabras, ?minorizó con gran éxito a presenza social da nosa lingua?, e "facía gala dun galeguismo folclorista". Para rematar, sinala que "a Transición foi unha fraude contra o pobo galego: mantivo a dependencia histórica, furtou o exercicio do dereito de autodeterminación e impuxo un réxime autonómico xestionado polos mesmos que, anos antes, enchesen Galicia de paseados, presos e torturadas".

As reivindicacións continuaron toda a tarde dun xeito "festiva e popular" cun programa de actividades polos bares e pubs da zona vella de Compostela. Desde as cinco da tarde ata a media noite, distintos locais como Gentalha do Pichel, O Xa Chegou, Bar Tolo ou Avante acolleron festas, concertos e pinchadas con distintos estilos musicais.

El veterano portal independentista Galizalivre tamén informa de que non houbo incicidentes importantes na protesta, pero dá conta de catro detencións unha hora despois nel Barrio de San Pedro. Mañá está convocada unha protesta diante de la comisaría local.

quinta-feira, 8 de julho de 2010

Homenaxe nacional ás vítimas do franquismo na Illa San Simón


Día 18 de xullo de 2010

Programa:


10:00 Embarque desde o porto de Cesantes.

11:00 Lectura do manifesto e intervencións das familias dos represaliados

11:30 Actuacións poético-musicais.

12:00 Ofrenda floral no balo do cemiterio

14:00 Embarque de regreso a Cesantes.

domingo, 4 de julho de 2010

Iniciativa Galega pola Memoria


Compañeiras e compañeiros:

Unha vez pasado un tempo prudencial para recoller opinións, rectificacións ou consideracións varias en relación ao documento de mínimos proposto ás asociacións e incluír aquelas no texto, pasamos xa á derradeira fase que non é outra que recabar o apoio explícito de asociacións, colectivos e, como decidimos na xuntanza de Santiago, tamén de individualidades relacionadas coa temática da recuperación e transmisión da "memoria dos vencidos" e dos seus valores democráticos e liberadores. O texto, podédelo comprobar no arquivo axunto, a penas mudou agás nun par de consideracións puntuais que non afectan á súa esencia.

En consecuencia, solicitamos formalmente dos colectivos, entidades e persoas que envíen ao enderezo de coordinación da Iniciativa Galega pola Memoria coordinadora@igmemoria.org a súa adhesión ao documento, que, no caso de ter un apoio significativo, será leído no acto de San Simón e presentado aos medios de comunicación, dando lugar a unha nova xeira de colaboración na que todo o mundo se sinta cómodo e poidamos construír pouco a pouco entre todos e todas.

Neste intre xa recibimos as seguintes adhesións colectivas:

"Sempre con Vós", Cidadanía pola Verdade, de Pontevedra

CRMH Coruña

Colectivo Republicano de Redondela

Asociación "Verbo Xido" de Terra de Montes

Comisión Sinhor Afranio, do Norte da provincia de Pontevedra

Asociación Cultural "Adellís" de Silleda

Asociación Memoria do 36 de Vigo

En canto ás adhesións individuais, recibimos a do coñecido historiador Bernardo Máiz Vázquez.

Vos animamos, pois, a enviar canto antes (o 18 de xullo xa está aí) o voso apoio.

Unha forte aperta a todos e todas e vémonos en San Simón, nunha xornada que será importante.

Xoán Carlos Garrido

Dionísio Pereira

PD: coma sempre, vos encarecemos que enviedes este correo a cantos colectivos, asociacións entidades e persoas consideredes convinte.


DECLARACIÓN DE PRINCIPIOS DA INICIATIVA GALEGA POLA MEMORIA

1. Condena do franquismo, que foi declarado en decembro de 1946 pola ONU como un réxime criminal.

2. Recoñecemento explícito da resistencia antifranquista e de todas as persoas que loitaron pola liberdade.

3. Declaración da nulidade dos xuízos franquistas, de todos os procesamentos, sentenzas, expedientes, condenas e sancións, tanto durante a Guerra Civil como na posterior Ditadura, ate a aprobación da Constitución española no ano 1978.

4. Aplicación do dereito internacional sobre as vítimas da represión franquista, incompatible con calquera mecanismo de impunidade: imprescriptibilidade, dereito a saber, dereito á xustiza, dereito á reparación.

5. Consideración dos crimes do franquismo como delitos contra a humanidade.

6. Obrigatoriedade para todas as administracións (central, autonómica e local) de retirar dos espazos públicos os símbolos franquistas e as referencias ás persoas relacionadas coa Ditadura, así como da conservación dos “lugares de memoria” entendidos como referentes dos valores democráticos e recordatorio dos crimes cometidos polo franquismo.

7. Apoio á conservación e potenciamento dos arquivos da memoria, tanto públicos como de partidos, sindicatos, fundacións e outras entidades.

8. Instar á Administración a que apoie aos familiares das vítimas da represión na procura de información, presentación de reclamacións, etc.

9. Intervención pública das distintas administracións nos labores de localización, identificación das foxas de enterramentos das vítimas do franquismo e, no seu caso, exhumación, divulgando os resultados; elaboración dun protocolo de actuación científica multidisciplinar.

10. Revisión dos currículos escolares, fomentando e apoiando a elaboración de materiais didácticos sobre o período republicano, a sublevación militar fascista, a Ditadura e a resistencia antifranquista.

11. Regulación da apoloxía do franquismo como delito e prohibición de toda exaltación do mesmo.

12. Anulación, seguindo a recomendación da Comisión de Dereitos Humanos da ONU datada o 30/10/2008, da Lei de Amnistía do ano 1977.

En base á devandita declaración de principios, os colectivos acordan presentar as seguintes reivindicacións á Xunta de Galicia:

a) Completar o Proxecto xa iniciado pola Consellería de Cultura denominado “As Vítimas, Os Nomes, As Voces, Os Lugares” relativo á represión franquista en Galicia, coa publicación dos seus resultados, conservando o 100% do seu financiamento.

b) Elaboración por parte do Parlamento Galego dunha Lei para a creación dun Centro da Memoria de carácter público, cuxa finalidade sexa a investigación, a documentación e a divulgación da memoria da represión franquista no noso país, así como a promoción de políticas públicas de memoria .

c) Elaboración dunha Lei específica galega, como xa teñen outras comunidades, sobre ás vítimas da represión franquista, que amplíe os dereitos recoñecidos pola lei estatal.

d) Potenciamento de toda a infraestrutura (oficinas) de atención ás vítimas do franquismo, así como facilitar as xestións para solicitar as axudas e recoñecemento que contempla a lei da Memoria Histórica.

e) En aplicación da Lei da Memoria Histórica, elaboración pola Xunta dun catálogo de todas as rúas de Galicia relacionadas co franquismo, así como monumentos, estatuas, escudos, etc. de exaltación da Ditadura e do levantamento militar de 1936, establecendo un plan para a súa eliminación.

f). Continuidade do Convenio coa Universidade de Santiago e o Instituto de Medicina Legal de Galicia para a exhumación das vítimas da represión franquista. Aplicación da Lei aprobada pola Xunta sobre as foxas. Sinatura do convenio de colaboración co Estado para a localización e exhumación das vítimas, que xa foi cumprimentado por varias comunidades autónomas.

g) Apertura inmediata ao público do Pazo de Meirás e aplicación das sancións correspondentes no caso de que a familia Franco continúe coa súa política dilatoria. Que a Xunta realice xestións para a recuperación do Pazo para o patrimonio público.

h) Promoción por parte da Xunta da investigación para a recuperación da Memoria Histórica, así como o fomento da axuda e colaboración para actividades e iniciativas promovidas por entidades, asociacións e institucións sobre o recoñecemento das vítimas da represión franquista.

i) Consolidar a Illa de San Simón como Lugar de Memoria de especial significación na historia de Galicia e como tal debe ser sinalizado, patrimonializado e promovido. Isto concrétase en:

- Respectar a musealización xa acometida na Illa en lembranza da Colonia Penitenciaria, incluíndo a exposición, as placas de homenaxe e as distintas propostas estéticas xa realizadas.

- Potenciar a Illa como espazo para a realización de actividades relacionadas coa recuperación da memoria histórica, facilitando as visitas de grupos promovidas polas asociacións memorialísticas.

- Levar a cabo o Centro Documental sobre a Memoria da Colonia Penitenciaría da Illa de San Simón, incorporando a documentación histórica depositada en malas condicións no Centro Penitenciario de A Lama.

- Facilitar a realización do acto que, dende o ano 2006, vén celebrándose o 18 de Xullo na Illa como homenaxe nacional ás vítimas do franquismo en Galicia.

Illa de San Simón, a 18 de Xullo de 2010

Enderezo de coordinación da Iniciativa Galega pola Memoria