O Alcalde socialisto de Vigo é condenado pola xusticia a derrubala de urxencia pero segue negándose

terça-feira, 30 de novembro de 2010

Homenaxe ás vítimas do franquismo en Ferrol o pasado día 20 de novembro


Baixo un clima desapacible e unha forte choiva celebrouse no antigo cemiterio de Canido o acto previsto cun pequeno discurso en lembranza dos homes e mulleres que deron a súa vida na defensa da liberdade e unha sinxela ofrenda floral aos pes do muro no que sn lembrados .

O vento rebelde e a auga fixeron que o acto fose rematado no noso local da man do poeta Xoan Abeleira que fixo memoria de tantos homes e mulleres que loitaron e defenderon as ideas libertarias e que hoxe son inxustamente esquecidos. Amelia Ónega puxo o broche de ouro coa interpretación de varias pezas musicais da época. Unha comida de confraternización pechou este acto de lembranza e homenaxe.

Coa súa memoria construímos o noso futuro.

Unión Libertaria



Video da concentración na cruz fascista do Castro en Vigo, Comunicado da As. Viguesa pola MH do 36


segunda-feira, 29 de novembro de 2010

Os tricornios

-Pra que ergen o puño!...Lámina de Castelao

A circular que sirveu de base para o regulamento do corpo (Garda Civil) de data 16/01/1845 dicía: “El guardia civil no debe ser temible sino de los malhechores, ni temido sino de los enemigos del orden y del fisco”.

Este é o remate da carta de Xosé Núñez López do sábado 13 de novembro titulada .

Confeso que eu tamén lle teño medo ós tricornios, e si ban acompañados de capote e mosquetón producenme arrepíos e os cabelos dos brazos alporizanseme.

Nesta cidade na que nacemos e vivimos, a garda civil non foi temible, foi horrible: comenzou pondose ao carón dos que se levantaron contra o poder constitucional, despois de ter xurado a Constitución de 1931.Cumpliron o mandato de Mola “tenemos que exterminar a todos los que no piensan como nosotros. Cualquiera que sea abierta o secretamente defensor del frente popular debe ser fusilado”. A meu pai e a outros moitos sacarono da casa e días despois foron asasinados e tirados nunha cuneta (6 de outubro do 1936)….e seguiron torturando e perseguindo con saña aos que estaban fuxidos nos montes e ós agochados. O tristemente célebre teniente da garda civil Francisco González Rodríguez “O Rabioso”, foi un bó exemplo do que fixeron. Durante a ditadura, sobor de todo nas décadas 40 e 50, atoparse de noite coa ronda era un problema; as experiencias son ruíns e inesquezibeis Eu ben sei que a garda civil de arestora non é a daquela, pero tamén sei que despois dun lume quedan rescoldos, e, nese corpo tamén.

É tarefa dos historiadores esculcar nos arquivos – cando se abran –cantos rabiosos pasaron por esta terra, por Galicia e por España. Eles foron parte dos malfeitores. Castelao e Luis Seoane deixaronnos debuxos moi ilustrativos da mal chamada benemerita.

Telmo Comesaña Pampillón
Vigo
15 novembro 2010

sábado, 27 de novembro de 2010

Joaquín "O carpinteiro de San Pedro"




Atopados

A fosa 2 de San Xián

Investigación histórica

Joaquín Iglesias Portela

Ulpiano Iglesias naceu no agromar primaveral de 1936. Aos poucos meses ficou orfo. Joaquín, o seu pai, foi unha das primeiras vítimas da persecución franquista. Non podemos precisar a data do crime. Ulpiano coida que foi polos primeiros de setembro, ou quizais xa en agosto. Escoitara que ao seu pai o mataran na estrada da Guarda a Baiona, á altura de San Xián, lugar da parroquia do Rosal. Neste Rexistro Civil nunca foi asentada a súa defunción.

Segundo as súas referencias, soterrárano no cemiterio da pequena capela do lugar, baixo unha figueira que estaba fóra do adro.

Aquel crime deixou dolor e miseria para un cativo de catro meses, fillo serodio de Joaquín Iglesias Portela que nacera o 18 de xullo de 1872. Tiña pois 64 anos. Joaquín enviuvara e casara en segundas nupcias con Dolores Portela, residía en San Pedro da Ramallosa. Tivo, neste segundo matrimonio, sete fillos: Eduardo, Generosa, Constantina, Pepa, Antonia, Basilisa e Ulpiano. Ao maior, Eduardo, o único en idade de traballar e gañar o pan para os seus, obrigárono a ir á guerra. No servizo maltratárono, regresou enfermo de tuberculose e morreu ao pouco tempo. Como tamén faleceron de tuberculose e fame as súas irmáns Generosa, Antonia e Basilisa.

Joaquín Iglesias Portela gañaba a vida como carpinteiro. O seu fillo Ulpiano cita, con fachenda, algún dos seus traballos, como a porta da casa do médico Fariña ou os traballos de carpintería na de Laureano Lemos coñecida, daquela como hoxe, por Altamira, no barrio de Cotros, en San Pedro. Tamén relata que o único mal que fixera o seu pai fora pertencer á Sociedade de Obreiros de San Pedro.

O 5 de xuño de 1931 constituíse a corporación municipal de Nigrán que resultara elixida o 31 de maio. O novo alcalde será Manuel Alonso González e Joaquín Iglesias Portela forma parte daquela corporación democrática. O 25 de outubro a corporación municipal foi destituída polo goberno radical-cedista de Lerroux e Gil Robles e nomeou por decreto aos novos concelleiros; a corporación municipal ficará presidida por Ángel Costas Guisandes. Tras as eleccións de febreiro de 1936 o goberno da Fronte Popular resolve destituír as corporacións nomeadas e restituír as elixidas polos votos populares. Así aconteceu en Nigrán, e o 21 de febreiro volveu tomar posesión da alcaldía Manuel Alonso González e con el todos os concelleiros entre os que estaba Joaquín Iglesias Portela. Poucos meses despois acabarían coa súa vida.

Lembra Ulpiano que escoitaba dicir que o viñeran avisar dous mozos da nparroquia, veciños, “daqueles aos que lle deron unha camisa azul”, para que se presentase no cuartel da Garda Civil de Baiona. Cando saíu da casa e virou o camiño, botáronse sobre el e levárono preso. Nunca máis regresou.

Oíu tamén que no cuartel o torturaran salvaxemente e nese labor destacou un falanxista relacionado cunha ferraxería de Sabarís. A dureza destes castigos puidera explicar o que Carmen Cabreira, informante de Juan A.

González Pérez no seu libro Nigrán. memoria dunha guerra, 1936-1939. Vigo 1998, di “… e a Joaquín o “Barriga Verde”, que era carpinteiro da Cabreira, este padecía do corazón e cando ía na camioneta para darlle o tiro, antes de matalo, xa morreu, polo medo, do corazón…”

Ulpiano nunca reclamou nada. Só mantivo, en silencio, a memoria do pai, a quen non coñeceu, e o permanente recordo dunha familia indefensa á que os asasinos deixaron na miseria. Só desexaba recuperar os restos do seu pai para gardalos humildemente xunto aos da súa maltratada familia.

JOAQUÍN "O CARPINTEIRO DE SAN PEDRO"

(Toma posesión o 5 de xuño de 1931. Cesada polo Gobernador Civil o 21 de outubro de 1934. Reposta o 21 de febreiro de 1936 )

Alcalde: Manuel Alonso González

1º Tte. de Alcalde: Manuel Sanromán García

2ºTte. de Alcalde: Eduardo Rial Fernández

3º Tte. de alcalde: José Sanjuán Lorenzo

Rexedor Síndico: Manuel Misa Valverde

Concelleiros: José Vicente Sanromán Pérez; Rogelio Rodríguez Rodríguez; Manuel González Vidal; Manuel Estévez Iglesias; José Rodríguez Calvín; Pedro Salgueiro Rial; Joaquin Iglesias Portela; Eugenio Núñez Rouco; Antonio Rial Lomba; Manuel Costas Rial.

O 31 de xullo de 1936 o Comandante Militar de Baiona, Ramón Blanco Linares, Capitán de Infantería retirado, nomea unha Comisión Xestora presidida por Joaquín Fontán Ozores e integrada por Laureano Lemos Lago, Alvaro Mourelle García, Juan Saavedra Ozores, Benjamín Calvo Areal e Ángel

Costas Guisande (que fora alcalde entre outubro de 1934 e febreiro de 1936)

CORPORACIÓN MUNICIPAL DE NIGRÁN ELIXIDA O 31 DE MAIO DE 1931

Carlos Méixome Quinteiro
Historiador / Instituto de Estudos Miñoranos

Concentración no Castro en VIgo sábado 27 de noviembre


quinta-feira, 25 de novembro de 2010

Rolda de prensa da Asociación Viguesa pola Memoria Historica do 36





CONCENTRACIÓN.


DÍA: Sábado 27.

LUGAR: Monte do Castro.

HORA: 17:00 horas (5 da tarde).

Esixir o derrube da cruz é unha das obrigas que nos impoñen os Estatutos da Asociación.

Fieis os nosos principios, seguiremos denunciando a aldraxe que supón a presenza nun lugar público dun símbolo en homenaxe do horror nazi-fascista inaugurada por Franco o 14 de setembro do 1961.

Insistentemente vimos demandandolle ó alcalde a súa atención para con esta Asociación, nomeada "Viguesa Distinguida" no ano 2007, dando como resposta o silencio.

O desprezo que o Sr. Alcalde demostra, despois de catro requerimentos para ser recibidos, non é propio dun demócrata senon mais ben dun persoeiro intolerante.

Lembrar que o PSOE promoveu e aprobou a lei da MEMORIA HISTÓRICA e tres anos despois seguen sin cumplir o que é unha lei de obrigado cumprimento que non precisa de ningún outro órgano administrativo.

Este incumprimento inclúe tamén aos partidos políticos que no Parlamento español e no Senado votaron favorablemente

Porén, facemos un chamamento aos partidos políticos, sindicatos, asociacións veciñais, deportivas e todos/as aqueles/as persoas demócratas o apoio nesta actividade.

A directiva da A ASOCIACIÓN VIGUESA POLA MEMORIA HISTÓRICA DO 36

Nota da Estación Atlántica: O alcalde de Vigo e Abel Caballero do PsoE.

quarta-feira, 24 de novembro de 2010

"O meu nome é Luis Ferreiro. 9 de Decembro. 20:00 horas en Vigo



"O MEU NOME É LUIS FERREIRO" 

Realizado por Luis Cagiao e Fernado Llor.

LUGAR: Centro Social Caixanova - Vigo

DATA: 9 de decembro

HORA: 20:00
 
Polas altas doses de heroísmo, altruísmo e humanidade contidas na mesma, a historia de Luís González 'Ferreiro', militante comunista durante o franquismo, merece ser contada, escoitada e conservada.

A través da mesma, este documental aborda diferentes etapas e cuestións relativas á loita contra a ditadura en Galicia, tales como o periodo da guerrilla, a relevancia do exilio e a emigración, ou a estratexia da folga nacional pacífica no tramo final do franquismo.

En última instancia, a película constitúe unha reflexión sobre as motivacións do compromiso político e sobre as razóns que levan a un sector social a asumir todo tipo de riscos na loita por conquerir unha sociedade máis libre e xusta.

O vindeiro 9 de decembro, xoves, estrearase o documental na cidade de Vigo.

A elección desta cidade non é casual xa que na mesma se desenvolveu a actividade máis relevante do protagonista do filme.

Porén, e aínda que a película recorre distintas localizacións da xeografía galega, a actividade clandestina en Vigo na loita contra a ditadura nos últimos anos do franquismo ocupa un lugar central na mesma: a constitución das CC.OO., a organización do PCG na comarca, a folga do 72...

Á proxeción do mesmo asistirá o protagonista Luís González López.

terça-feira, 23 de novembro de 2010

O Concello de Nigrán e o IEM realizan unha Homenaxe a Joaquín Iglesias Portela "O carpinteiro de San Pedro", Concelleiro do Axuntamento de Nigrán (1931/1936) paseado en 1936


Salón de Plenos Concello de Nigrán - Sábado 27 novembro ás 12,00 horas

O Salón de Plenos do Concello de Nigrán será o lugar onde a familia de Joaquín Iglesias Portela recibirá de mans do Alcalde Efrén Juanes Rodríguez os restos de este Concelleiro asesiñado no outono de 1936 e no mesmo acto recibiranse os restos dun home de este municipio paseado tamén con Joaquín Iglesias pero do que se descoñece o seu nome e cuios restos serán trasladados o cimiterio civil municipal do Cean en Nigrán.

No mes de abril do pasado 2009, o Instituto de Estudos Miñoranos realizou a exhumación de cinco cadáveres en dúas fosas comúns localizadas en San Xián, concello do Rosal. Os restos foron identificados polo Instituto de Medicina Legal Xenética Forense da Universidade de Santiago de Compostela e pola Unidade de Antropoloxía Forense do Instituto de Medicina Legal de Galicia.

Na Fosa 1 atopáronse tres cadáveres de veciños de Gondomar que foron entregados aos seus familiares o 31 de xullo pasado. Na Fosa 2 apareceron dous cadáveres. A práctica forense permitiu identificar a Joaquín Iglesias Portela, veciño de San Pedro da Ramallosa (Nigrán), carpinteiro e concelleiro electo o 31 de maio de 1931 e que tomou posesión xunto co resto da corporación o 5 de xuño de 1931. Aquela corporación democrática foi destituída polo goberno radical-cedista o 25 de outubro de 1933 e reposta o 21 de febreiro de 1936. En data indeterminada, entre finais de agosto e principios de setembro dese mesmo ano, foi asasinado xunto con outra persoa que polas indagacións históricas considerase que era tamén veciño de Nigrán. Estas dúas defuncións nunca foron inscritas no Rexistro Civil do Rosal.

Joaquín Iglesias Portela foi unha das primeiras vítimas da persecución franquista, asesiñado na estrada da Guarda a Baiona, á altura de San Xián, lugar da parroquia do Rosal. Neste Rexistro Civil nunca foi asentada a súa defunción.

Joaquín Iglesias Portela nacera o 18 de xullo de 1872. Tiña pois 64 anos. Joaquín enviuvara e casara en segundas nupcias con Dolores Portela, residía en San Pedro da Ramallosa e tivo, neste segundo matrimonio, sete fillos: Eduardo, Generosa, Constantina, Pepa, Antonia, Basilisa e Ulpiano. Ao maior, Eduardo, o único en idade de traballar e gañar o pan para os seus, obrigárono a ir á guerra. No servizo maltratárono, regresou enfermo de tuberculose e morreu ao pouco tempo. Como tamén faleceron de tuberculose e fame as súas irmáns Generosa, Antonia e Basilisa.

Joaquín Iglesias Portela gañaba a vida como carpinteiro e o único mal que fixera o seu pai fora pertencer á Sociedade de Obreiros de San Pedro e pertencer a unha corporación municipal democrática que o 5 de xuño de 1931 foi constituida tras ser elexida o 31 de maio. O novo alcalde será Manuel Alonso González, O Muiñeiro de Priegue e que sufriu duramente a represión fascista, e Joaquín Iglesias Portela forma parte daquela corporación democrática.

O 25 de outubro a corporación municipal foi destituída polo goberno radical-cedista de Lerroux e Gil Robles e nomeou por decreto aos novos concelleiros; a corporación municipal ficará presidida por Ángel Costas Guisandes. Tras as eleccións de febreiro de 1936 o goberno da Fronte Popular resolve destituír as corporacións nomeadas e restituír as elixidas polos votos populares. Así aconteceu en Nigrán, e o 21 de febreiro volveu tomar posesión da alcaldía Manuel Alonso González e con el todos os concelleiros entre os que estaba Joaquín Iglesias Portela. Poucos meses despois acabarían coa súa vida.

Lembra Ulpiano, o seu fillo, que escoitaba dicir que o viñeran avisar dous mozos da parroquia, veciños, “daqueles aos que lle deron unha camisa azul”, para que se presentase no cuartel da Garda Civil de Baiona. Cando saíu da casa e virou o camiño, botáronse sobre el e levárono preso. Oíu tamén que no cuartel o torturaran salvaxemente e nese labor destacou un falanxista relacionado cunha ferraxería de Sabarís. Nunca máis regresou.

Ulpiano nunca reclamou nada. Só mantivo, en silencio, a memoria do pai, a quen non coñeceu, e o permanente recordo dunha familia indefensa á que os asasinos deixaron na miseria. Só desexaba recuperar os restos do seu pai para gardalos humildemente xunto aos da súa maltratada familia.

CORPORACIÓN MUNICIPAL DE NIGRÁN ELIXIDA O 31 DE MAIO DE 1931

(Toma posesión o 5 de xuño de 1931. Cesada polo Gobernador Civil o 21 de outubro de 1934. Reposta o 21 de febreiro de 1936 )

Alcalde: Manuel Alonso González

1º Tte. de Alcalde: Manuel Sanromán García

2ºTte. de Alcalde: Eduardo Rial Fernández

3º Tte. de alcalde: José Sanjuán Lorenzo

Rexedor Síndico: Manuel Misa Valverde

Concelleiros: José Vicente Sanromán Pérez, Rogelio Rodríguez Rodríguez, Manuel González Vidal, Manuel Estévez Iglesias, José Rodríguez Calvín, Pedro Salgueiro Rial, Joaquin Iglesias Portela, Eugenio Núñez Rouco, Antonio Rial Lomba e Manuel Costas Rial

Inaugurarase a exposición sobre os traballos de exhumación levados a cabo polo IEM nas fosas 1 e 2 de San Xián, O Rosal.

quarta-feira, 17 de novembro de 2010

Concentración polo derrube da Cruz fascista do Castro en Vigo. ¡¡Abel aparta de nós esta cruz!!



ASOCIACIÓN VIGUESA pola MEMORIA HISTÓRICA do 36

Viguesa Distinguida 2007

CONVIDA

CONCENTRACIÓN

Diante da “cruz de los caidos por Dios y por España y la División Azul” instalada no parque de O Castro-VIGO , inaugurada por Franco o 14 de setembro do 1961.

DÍA: SÁBADO 27 de novembro do 2010

HORA: 17h.

Consideramos esta cruz, simboloxía do exterminio-xenocida. Este acto é un máis dos que estamos a facer para que o alcalde Abel Caballero e os partidos con representación no concello de Vigo, cumplan a lei 52/2007 e derruben ese símbolo franquista

A Directiva

Novembro 2010

sábado, 13 de novembro de 2010

Congreso "Pablo Iglesias. Cen anos de socialismo parlamentario" - Ferrol, 24 ao 26 de novembro


OBXECTIVOS
Concíbese este encontro como un foro de reflexión e debate sobre a figura de Pablo Iglesias, no que participarán historiadores prestixiosos de España e o estranxeiro. A traxectoria biográfica de Iglesias foi a referencia xeral para configurar as diferentes propostas. Os obxectivos que se perseguen nas distintas seccións do programa son, por unha banda, presentar as realidades e situacións vividas nos primeiros anos de vida e mocidade de Iglesias, e sobre todo valorar a dimensión da súa figura como líder dun partido e sindicato, que nacen e vanse consolidando dentro do sistema político da Restauración e constitúen organizacións fundamentais na sociedade presente.

PROGRAMA

MÉRCORES, 24 DE NOVEMBRO

Mañá

10.30 h Entrega de documentación.

11.00 h Inauguración do Congreso.

12.00 h Conferencia inaugural. Memoria e legado de Pablo Iglesias

Abdón Mateos. UNED.

Presenta: Salvador Clotas. Director de la Fundación Pablo Iglesias.

Tarde

Pablo Iglesias na súa cidade natal: nacer e vivir nunha cidade de provincias (1850-1860)

17.30 h Vida e traballo en Ferrol na segunda metade do século XIX.

Carmen Fernández Casanova. Universidade da Coruña.

19.00 h Visita turística á cidade.

XOVES, 25 DE NOVEMBRO

As vivencias de Pablo Iglesias: a cuestión social (1860-1902)

Mañá

10.00 h Pobreza e familia obreira: condicións de vida e oferta de traballo.

Angeles Barrio. Univesidad de Cantabria.

11.00 h O traballo invisible: a muller traballadora.

Mary Nash. Universidad de Barcelona.

12.00 h Pausa.

12.30 h Unha oportunidade para a supervivencia: infancia, beneficencia e vida nos hospicios na segunda metade do século XIX.

Jorge Uría. Universidad de Oviedo.

Tarde

16.00 h Visita ao Arsenal.

18.00 h Escola e alfabetización.

Narciso de Gabriel. Universidade da Coruña.

20.30 h Actividade cultural.

VENRES, 26 DE NOVEMBRO

A consolidación do liderado de Pablo Iglesias. O modelo sindical (1869-1923)

Mañá

09.30 h Revisando un liderado: Pablo Iglesias 1870-1900.

Santiago Castillo. Universidad Complutense.

10.30 h As múltiples caras do liderado de Pablo Iglesias.

Manuel Pérez Ledesma. Universidad Autónoma de Madrid.

11.30 h Pausa.

12.00 h Disciplinar a folga ¿un modelo ben instalado? A cuestión sindical nos primeiros decenios do socialismo.

Michel Ralle. Université de Paris-Sorbonne.

Tarde

O ascenso como político: Pablo Iglesias e os socialistas na vida política da Restauración (1879-1923)

16.00 h A violencia política.

Eduardo González Calleja. Universidad Carlos III.

17.00 h Os socialistas no sistema político da Restauración.

Santos Juliá Díaz. UNED.

18.00 h Pausa.

18.30 h Mesa redonda:

O legado de Pablo Iglesias: unha reflexión final sobre a súa figura.

19.30 h Conferencia de Clausura.

Alfonso Guerra. Presidente de la Fundación Pablo Iglesias.

20.30 h Recepción no Concello.

Exposicións: Pablo Iglesias no seu tempo.

Coordina:
Carmen Fernández Casanova. Universidade da Coruña.

Comité Cientifico

Santos Juliá Díaz. Universidad Nacional a Distancia (UNED).

Santiago Castillo. Universidad Complutense de Madrid. Presidente de la Asociación de historia social.

Elena Hernández Sandoica. Universidad Complutense de Madrid.

Clara Lida. Colegio de México. México.

Manuel Pérez Ledesma. Universidad Autonóma de Madrid.

Secretaria do Curso

Esperanza Piñeiro de San Miguel. Club de Prensa de Ferrol.

Luís Mera Naveiras. Club de Prensa de Ferrol


ORGANIZAN

Club de Prensa Ferrol, Fundación Pablo Iglesias, Universidade dá Coruña

PATROCINAN

Deputación dá Coruña

Concello de Ferrol. Cultura, Educación e Universidade

COLABORAN

Amigos dá Universidade. Campus de Ferrol

Fundación Luís Tilve

quinta-feira, 11 de novembro de 2010

Vigo borra o penúltimo símbolo do franquismo


Traducción Estación Atlántica

Caballero esquiva a petición de retirar a cruz fascista do Castro

EL País. PRIMITIVO CARBAJO - Vigo - 10/11/2010 A Casa dás Artes de Vigo será "dunha vez por todas, símbolo da liberdade e a democracia" dentro dun mes, cando conclúan os traballos de eliminación do escudo franquista e as inscricións do frontispicio (Ano da Vitoria, Annus Domini MCMXXXIX) que comezaron onte. Así o destacou o tenente de alcalde vigués, o nacionalista Santiago Domínguez, no acto de inicio deses traballos. É o penúltimo símbolo franquista por retirar. A cruz do Castro, o máis ostentoso de todos eles, segue incólume. Domínguez asegurou onte que se dependese do BNG, "xa non estaría aí". Pero o alcalde, o socialista Abel Caballero, nin sequera préstase a falar diso.

O alcalde non recibe nin responde á asociación local de memoria histórica

Domínguez explicou que "é preciso restituír a memoria e a imaxe das institucións públicas para que nunca máis apelen a unha época tremendamente escura". Na Casa dás Artes picaranse os relevos do escudo e inscricións e conservaranse as dúas figuras humanas alegóricas que as acompañan. O baleirado será restituído con pezas similares, recuperadas de demolicións de edificios da mesma época e cunha fábrica de pedra da mesma cantería. E aproveitarase para limpar toda a fachada, cun gasto algo superior aos 43.000 euros.

Apenas quedan xa símbolos franquistas nas rúas de Vigo, salvo nalgunhas igrexas. Unha entrevista do alcalde co anterior bispo de Tui-Vigo permitiu canalizar a aplicación da Lei da Memoria Histórica nese sentido sen maiores traumas nin alharacas. Menos no Castro, de cuxa cruz non quere nin falar. Onte, tampouco, a petición deste xornal.

A cruz, de 12 metros de altura, foi erixida nas saias do Castro, dominando sobre a cidade, por iniciativa da Xefatura Local de Falanxe en 1959. Dous anos despois, inaugurouna Franco, quen ordenara por mor da súa vitoria na Guerra Civil -ou Cruzada de Liberación Nacional, como se recoñeceu entón- que se levantasen por toda España cruces con "a grandeza dos monumentos antigos", que desafiasen "o tempo e o esquecemento". A de Vigo, coa demora, engadiu unha homenaxe específica á División Azul que combateu ao comunismo co exército nazi nas estepas rusas. Pero no mesmo monte do Castro foran fusiladas polo franquismo 136 persoas.

Durante o seu primeiro mandato, o alcalde socialista Manoel Soto retirou do monumento a simboloxía fascista para estender a homenaxe da cruz a todos os caídos na Guerra Civil. Foi un xesto de boa vontade, illado e descontextualizado -un remedo para superar a insoslayable presenza da cruz fronte ao concello, xa democrático- e que tampouco puido borrar a memoria xenuína da orixe do monumento nin as feridas latentes nas vítimas. Ata que chegou a Lei da Memoria Histórica e o subseguinte comportamento enigmático de Abel Caballero, que non di nada respecto da cruz -"sen comentarios", repetiu cando se lle preguntou-, pero que á súa vez prodigou os esquinazos á Asociación Viguesa pola Memoria Histórica do 36, que pugna polo cumprimento desa lei e á que el mesmo recoñeceu como viguesa distinguida en 2007. Non se entende.

Caballero creou un Consello dá Memoria que nunca foi convocado, a pesar de solicitarllo a citada asociación, á que non recibe nin contesta ás súas cartas ou propostas, incluídas as de organizar charlas polos institutos ou permitirlle expor os seus argumentos ao pleno municipal.

Tamén ignora as máis de 4.000 firmas que presentou solicitando a retirada da cruz, que "nin é monumento que estea catalogado como ben artístico nin está en terreo eclesiástico, senón municipal", di Telmo Comesaña, portavoz da asociación, "polo que podería retirarse en mero cumprimento da lei".

"É lamentable, e ignominioso, que cheguemos a estes extremos cun alcalde e un partido que se din socialistas", engade Comesaña. "É unha cruz que honra un xenocidio, e temos o dereito e o deber de erradicala. Somos tenaces e, se fai falta, levarémolo ao fiscal".

V Xornadas sobre a represión franquista, Comisión Cidadá pola Verdade do 36 do Baixo Miño


Cartaz co programa das V Xornadas sobre a represión franquista, organizadas pola Comisión Cidadá pola Verdade do 36 do Baixo Miño, que se van celebrar en Tui entre o 18 e 20 de novembro.

Saúdos
Bieito Alonso

segunda-feira, 8 de novembro de 2010

Faleceu Rogelio Arca

Claudio Rodríguez Fer, Xurxo Pantaleón, Dionísio Pereira, Rogelio Arca,
. X. L. Escudeiro e Xavier Paz
O seu enterro, que terá lugar o luns 8, ás 17 horas, na igrexa parroquial de San Martiño de Figueroa.

Compañeir@s e amig@s da Asociación Verbo Xido:

Logo do pasamento hai poucos meses de Olga Camiña na Arxentina, hoxe temos que darvos outra mala nova: a morte esta noite pasada de Rogelio Arca.

Como sabedes, Rogelio, cos seus 97 anos era unha das poucas persoas que, no Concello de Cerdedo, conservaba a memoria da represión franquista e a lealdade á figura do seu pai, Francisco Arca, asasinado na Ponte do Barco o 13 de agosto de 1936. Con el váisenos unha das derradeiras faíscas daquel afervoado lume cidadán e proletario que, nesta bisbarra e por toda parte, acendeu no transcurso da IIª República. Rogelio, daquela, xa puido participar dos ideais libertarios e confederais do seu pai (militante destacado da Sociedad "El Trabajo" de Figueroa, integrada na CNT), e coñeceu tamén as duras loitas obreiras do ramo da construción madrileño, nas que participaron non poucos canteiros do país, emigrados alí temporalmente por cuestións laborais. Logo, este colectivo e Rogelio canda eles, participou na contenda civil como voluntario nas unidades, quer das Milicias Confederais, quer do Exército Popular da República, sobrevivindo a situacións extremas e deixándonos unhas Memorias escritas da súa terrible experiencia, Memorias que hoxe teñen á nosa Asociación como depositaria e garante da súa transmisión as xeracións futuras. Rogelio, asemade, agasallóunos coa pequena Kodak de abanico coa que inmortalizou a loita destes canteiros da Terra de Montes na fronte de Madrid a fins do ano 1937, cun mangado de fotografías que, despois de case que 70 anos, puidemos salvar e publicar no su libro "Album de Guerra", editado co noso concurso polos compañeiros ourensáns da "Difusora de Artes e Ideas", no ano 2008.

Nós entramos en contacto con Rogelio vai para máis de dez anos e podemos acreditar que foi un home que nunca agachou o seu devezo pola liberdade e a xustiza, ao tempo que o seu rexeite do neo-caciquismo local que aturamos arestora, herdeiro en certo modo da sanguinaria Ditadura implantada tras o golpe militar, que tanta dor provocou na súa familia. E tamén sabemos da súa satisfación ao saberse acompañado e valorado nos seus derradeiros anos por persoas que concordamos cos seus ideais, que tamén son os da Humanidade adoecida.

Rogelio, ao cabo, foi consecuente ata o final deste seu pensar e sentir. E tamén nos fixo partícipes de que desexaba que lle soterraran cunha bandeira da República no interior do seu cadaleito. Non puido ser: o "que dirán"; o temor ao estigma; o sometemento desta comunidade servil, na que o laicismo de esquerdas aínda debe superar o temor e a intolerancia xerais, aos dictados dun catolicismo formal que non sentía como seu, teñen como consecuencia que, no canto da bandeira pola que el devecía, sexa acompañado por símbolos relixiosos. Nós, coñecedores da súa vontade máis tamén das limitacións dos seus achegados (lamentablemente moi alonxados das súas ideas e das súas vivencias), non teimamos en levala a cabo por delicadeza e respecto á súa figura, querida polo conxunto da veciñanza, que tamén é sabedora da súa maneira de pensar e actuar.

Con Rogelio, en suma, vaise boa parte da "memoria dos vencidos" das terras cerdedenses, unha memoria que, no seu pasamento, nos comprometemos a que continúe viva e rebelde por estas terras, como garantía dun futuro mellor, tamén para Terra de Montes.

Esa será a nosa mellor homenaxe.

Xunta directiva de Verbo Xido

PD: a Asociación Verbo Xido enviou unha coroa de flores para o seu enterro, que terá lugar o luns 8, ás 17 horas, na igrexa parroquial de San Martiño de Figueroa.

sexta-feira, 5 de novembro de 2010

IEM. Conclusións Xornadas sobre os estudos da represión no primeiro franquismo. Estado da cuestión



Amigos e amigas do IEM

Achego texto definitivo das conclusión elaboradas nas xornadas sobre a represión franquista que organizamos en Gondomar

Saúdos

CONCLUSIÓNS DAS XORNADAS SOBRE O ESTUDO DA REPRESIÓN NO PRIMEIRO FRANQUISMO NA PROVINCIA DE PONTEVEDRA

Gondomar, 22 e 23 de outubro de 2010

As Asociacións da Memoria e persoas (investigadores, historiadores e relatores) que participaron nas “Xornadas” organizadas polo Instituto de Estudos Miñoranos que tiveron lugar na Aula de Cultura “Ponte de Rosas” de Gondomar, o pasado venres 22 e sábado 23 de outubro de 2010, na sesión de posta en común chegaron ás seguintes conclusións:

1º.- Con carácter xeral considerar que o termo represión que se adoita empregar podería xerar algunha confusión, a pesar do seu uso consolidado socialmente, xa que o que realmente se produciu foi unha “persecución”, decretada polas autoridades sublevadas, contra os sindicatos obreiros, sociedades labregas e partidos democráticos e non da represión dunha acción previa. Así mesmo valorouse que a tensión social que seguen a provocar estes estudos está en relación coa non asunción por algúns sectores sociais dun conflito que só asumirá o carácter de “Historia” cando se poida investigar o que aconteceu coas vítimas, e tamén aos verdugos e aos salvadores.

2º.- Resaltar os avances realizados nos últimos tempos na investigación, nomeadamente das vítimas, a cargo de investigadores particulares, asociacións da memoria e do proxecto interuniversitario “Os nomes, as voces, os lugares”, así como, agás en contadas ocasións, reflectir a ausencia de iniciativa por parte das institucións públicas que se limitan a conceder certas axudas a proxectos concretos ou a actuar ante demandas externas pero non asumen a investigación como responsabilidade propia.

Aínda así constatouse que o estudo da persecución franquista adoece de grandes lagoas entre as que se subliñaron:

• A persecución sobre as mulleres, escasamente documentada e, na actualidade, con limitadas posibilidades de transmisión oral. Acadou unha importancia moito maior da que ata o momento se ten divulgado, con maltrato físico (rapado de cabelo, aceite de rícino…), marxinación social e miseria económica.

• Constatar a importancia do número de persoas naturais de Portugal vítimas da persecución franquista en todas as súas manifestacións, nomeadamente nas áreas lindeiras co país veciño, e demandar o interese das autoridades portuguesas na investigación do acontecido cos seus cidadáns e cidadás.

• Se ben se ten avanzado no estudo dos procesos militares nos que se viron encartadas milleiros de persoas, pola contra pouco se ten avanzado no coñecemento dos presos e presas por orde gobernativa por ter desaparecido boa parte dos rexistros carcerarios así como por terse destruído, no inicio da transición e por orde do daquela Ministro do Interior, Martín Villa, arquivos policiais, da Dirección Xeral de Seguridade, da Falanxe e da Secretaría Xeral do “Movimiento Nacional”. Neste sentido, reclamamos a inmediata dispoñibilidade da documentación penitenciaria relativa a esta provincia, depositada en malas condicións na Prisión de A Lama.

• Outro ámbito de investigación apenas esbozado é o estudo dos que se viron obrigados (para salvarse) ou forzados a alistarse no exercito franquista, así como dos desertores do mesmo (fuxidos nuns casos ou cambiándose de bando) proba palpable da desafección cara ao novo réxime por unha parte importante da xuventude galega.

• Resaltar a importancia da guerrilla no noso país e a insuficiencia dos estudos realizados sobre a mesma, nomeadamente nas áreas do Deza, Trasdeza e Tabeirós nas que tivo un forte impacto.

• Subliñar a importancia e descoñecemento da represión económica, non só no referido á incautación de bens das sociedades labregas, sindicatos obreiros ou partidos democráticos senón tamén das multas e do roubo de propiedades de vítimas da persecución, mediante a tramitación dos Expedientes de Responsabilidades Civís (1937) e dos Expedientes de Responsabilidades Políticas (1939). O estudo desta represión económica podería achegar datos de relevo sobre os beneficiarios dos mesmos e polo tanto dos vitimarios. Neste eido, reclamamos que a documentación existente nos Xulgados de 1ª Instancia de toda a provincia relativa a esta temática, se deposite de xeito inmediato no Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra, tal e como é preceptivo.

• Constatar a existencia de puntos negros na investigación en determinados concellos da provincia, nomeadamente na área do Salnés, dos que só se teñen datos do baleirado dos rexistros civís, libros de cemiterios e causas militares pero escaso coñecemento de información oral.

• Reflectir o descoñecemento do que lle aconteceu a moitos galegos aos que a sublevación militar colleu fóra de Galicia por motivos laborais (canteiros, cabaqueiros, mineiros, mariñeiros, seitureiros, afiadores, xornaleiros, etc.), debido á súa profesión itinerante.

• Sinalar como de especial interese a investigación sobre os métodos e sistemas de represión que permitiría unha achega aos motivos que empurraron a determinadas persoas a cometer os crimes que realizaron.

• Propor a necesidade de considerar a represión nun ciclo histórico máis amplo para entender mellor a súa brutalidade, a súa engrenaxe, as súas motivacións e tamén os seus protagonistas (vítimas e vitimarios) do que se deriva a importancia de ampliar aínda máis os estudos sobre a IIª República e, mesmo, sobre o período da Restauración, nomeadamente os anos da ditadura de Primo de Rivera.

3º.- Seguimos a constatar as dificultades para acceder a moitos arquivos (municipais, follas de servizo da Garda Civil e outros) mediante dilacións de toda caste. Demandar do Estado a posta a disposición de todos os/as investigadores/as destes arquivos e recomendar a demanda xudicial no seu caso.

4º.- Expresar que 74 anos despois do golpe de Estado o medo segue instalado entre unha parte considerable daquelas persoas, nomeadamente familiares, relacionadas coas vítimas.

5º.- Reclamar unha vez máis que o Estado asuma as súas responsabilidades e tome iniciativas no proceso de localización e identificación das vítimas, así como a investigación dos feitos, no canto de delegar nas asociacións da memoria ou persoas dedicadas á investigación, en moitas ocasións de xeito particular. Denunciar a negativa absoluta por parte do actual goberno da Xunta de Galicia a apoiar calquera caste de iniciativa por parte de familiares, asociacións da memoria ou persoas investigadoras, chegando mesmo a non abonar actividades acordadas pola anterior administración e realizadas en tempo e forma.

Gondomar 23 de outubro de 2010

quinta-feira, 4 de novembro de 2010

Telmo Comesaña: "A cruz dos Caídos fai apoloxía do terrorismo”


“Caballero non se pronuncia e fixo declaracións propias dunha persoa ‘chulesca”

DANIEL PRIETO 03/11/2010 Telmo Comesaña (Vigo, 1934) sufriu a represión franquista nas súas propias carnes, xa que o seu pai foi asasinado en 1936 xunto ao seu tío e outras persoas, o que “truncou para sempre” a súa vida, relata. Incansable loitador, foi un dos máis destacados promotores da Asociación Viguesa pola Memoria Histórica do 36, que preside, fundada o 7 de agosto de 2005. Dous anos despois, o Concello de Vigo recoñeceu a esta asociación co título de entidade viguesa distinguida. Desde entón, o colectivo reclama que o consistorio vigués retire a cruz do Castro que Franco inaugurou en 1961 dedicada aos caídos.

En que estado se atopan as negociacións co alcalde de Vigo, o socialista Abel Caballero, para a retirada da cruz franquista do monte o Castro?

Para nós, eliminar ese símbolo é un obxectivo primordial, para o alcalde ao parecer non porque di que é un tema que causa resentimentos. Na última reunión non houbo un si ou un non rotundo pola súa parte. Presentámoslle 4.046 firmas de vigueses que apoiaban a nosa iniciativa , incluso de xente do seu propio partido, pero nada. Esa cruz fíxose en homenaxe ao fascismo e ao nazismo, inaugurada por Franco en 1961. Así que a actitude de Caballero é algo inédito en toda España. A cruz non está nun ámbito eclesiástico nin ten valor artístico, polo que segundo a Lei de Memoria Histórica habería que retirala porque fai apoloxía do terrorismo. Sería impensable outra cruz semellante en Francia, Alemaña e en calquera país civilizado.

Abel Caballero chegou a definirse como a persoa “que máis fixo” pola memoria histórica en Vigo, pero agora declina falar sobre o tema, ¿por que?

Son unhas declaracións propias dunha persoa chulesca e egocéntrica. Non se quere reunir con nós, pero presentamos o pasado 24 de agosto unha petición para participar no pleno de Vigo para expor os nosos razoamentos e esixir xa a retirada inmediata desa vergoña, para presentar ante todos os grupos políticos as nosas argumentacións sobre a necesidade do derrubo da cruz franquista.

Obtiveron resposta?

Nin sequera se dignaron a contestarnos, o que consideramos unha covardía política. É moi grave que un alcalde dunha cidade como Vigo non se queira reunir cunha asociación que foi nomeada viguesa distinguida, non o entendemos. Pero debe ter claro que nós, ademais da recollida de sinaturas, iniciamos unha campaña de repartición de folletos publicitarios para que os turistas que chegan a Vigo saiban o verdadeiro significado dese símbolo, que nós chamamos cruz da ignominia.

Pensan realizar algún tipo de iniciativa ante o silencio do concello sobre a cruz dos Caídos?

Este mesmo mes faremos unha concentración ao pe da cruz e levaremos pancartas e fotos de moitos represaliados de Vigo. Foi unha mágoa que o alcalde desaproveitara o bicentenario para retirala, porque era unha ocasión de ouro para desfacerse dela e situar alí a estatua en vez de na rúa Venezuela, porque que mellor sitio para esa celebración que fronte ao edificio do concello. Moitos funcionarios municipais nos dixeron que están desexando que leven a cruz de alí. Temos moios apoios nesta iniciativa. Unha señora, católica confesa, asegurou que alí non atopaba a Deus senón a evocación dun tirano que encheu este país de sangue e bágoas.

Desde o Concello de Vigo aseguran que o proceso de retirada de iconas franquistas se efectúa por fases, e que a cruz aínda non entrou en ningunha delas.

Que se deixen de lerias. Eu pídolle ao PSdeG de Vigo que actúe. Coñécennos ben, porque o ano pasado tivemos unha lea polo tema da placa do cemiterio de Pereiró, que por certo aínda non está posta. Pídolle que actúen dunha puñetera vez e retire a cruz. As eleccións están xa aí e temos un traballo intenso que facer de cara a esa data. Nós prefeririamos non ter que incidir máis neste tema e buscar o diálogo, pero non nos deixan outra alternativa. Representamos a un gran número de vigueses e os socialistas de Vigo deben ter isto en conta e tomar cartas no asunto xa.

Como se atopa o proceso de retirada de iconas preconstitucionais en Vigo?

O Concello chegou a un acordo coa Igrexa e retiráronse varios símbolos franquistas en varios templos da cidade, algún día saberemos canto lles custou isto aos vigueses. Pero mentres a cruz dos Caídos estea onde está o resto non ten case importancia. Cando entrou a gobernar o BNG tentou sacar un escudo franquista da Casa das Artes, o antigo Banco de España. Pero os socialistas argumentaron que eles levaban o tema de Patrimonio e aínda non se lle tocou hoxe. E cando Corina Porro estaba gobernando, malia que o PP se opón habitualmente aos procesos de recuperación da memoria histórica, substituíu un escudo franquista do antigo reitorado por un de Vigo, sen facer ruído. Non ten sentido, e iso que os socialistas promoveron en España a Lei de Memoria Histórica, e a lei está para cumprila.