Iniciativa Galega pola Memoria - Vilaboa, 28 de novembro de 2015
A
historia dun país, unha democracia digna de tal nome, non se pode
construír sobre o silencio, sobre o esquecemento das vítimas da
represión, sobre a ocultación e a desmemoria que aínda perviven hoxe, 79
anos despois do golpe militar fascista, 40 anos após a morte do
Ditador.
Proclamámolo aquí, á beira da ría de Vigo,
a maior foxa común de Galiza, estación última dos corpos de ducias de
sindicalistas, obreiros, traballadores fondeados nas augas deste mar
frío, fermoso e profundo. Depósito de loitadores pola República e a
liberdade cuxos corpos nunca voltaron.
Berrámolo aquí, fronte ao Lazareto,
“a illa dos amores para a morte confiscada”, lugar de prisión, de
sufrimento, de humillación, de fame, de frío, de morte. Da morte que
presentiron os que saíron da illa para seren fusilados en Pontevedra e
en Vigo. Da morte que sufriron os que saíron da illa de noite –as noites
da raposa, chamábanlle os presos- rumbo a unha curva, a unha cuneta, a
unha praia da que nunca volveron.
Dicímolo alto e forte aquí,
ao pé da estrada que construíron centos de presos da illa con man de
obra escrava. Neste lugar de memoria que queren prohibir os herdeiros do
franquismo, o continuadores da ignominia , os instauradores do
Esquecemento.
E neste lugar cargado de
simbolismo, de memoria e de dor, denunciamos que o sistema político
vixente se instaurou sobre o esquecemento, sobre a amnesia, sobre unha
amnistía que contravén o dereito internacional e os dereitos humanos.
Neste
lugar anunciamos que non imos parar a nosa loita. Aquí fronte a San
Simón, ao pé do cemiterio mariño, proclamamos unha vez máis a nosa
decisión de seguir adiante no labor a prol da memoria histórica en
Galiza. A nosa vontade de exercer con firmeza a defensa dos dereitos
humanos a nivel local e no seo da Iniciativa Galega pola Memoria.
En
consecuencia, e tendo en conta a singularidade do ano 2016 -80
aniversario do 36, do inicio da represión- facemos pública a seguinte
táboa reivindicativa
1. Demandamos a aprobación dunha política pública da memoria de carácter estatal e por parte do goberno galego.
Como punto de partida desta política, consideramos de máximo interese
as recomendacións do informe do relator da ONU para os dereitos humanos,
Pablo de Greiff. Entendemos portanto que a política da memoria debe
fundamentarse no respecto aos dereito humanos; e particularmente no
respecto ao dereito á Verdade, á Xustiza, á Reparación e a Non
Repetición. En consecuencia co anterior, esiximos a derrogación da Lei de Amnistía de 1977.
2. Reclamamos aos gobernos municipais e deputacións –nomeadamente aqueles con gobernos de esquerdas- que inclúan a política da memoria histórica nas súas prioridades políticas.
3.
Esiximos ao goberno galego que a Illa de San Simón volva ser Illa da
Memoria, e acolla prioritariamente actividades relacionadas coa memoria
histórica. Demandamos que nas visitas
á Illa se informe con amplitude sobre o seu pasado como cárcere e como
corredor da morte, e sobre as sacas das que foron vítimas ducias de
militantes republicanos. E que se non se organicen actividades
contrarias ao respecto polas vítimas da represión.
4. Demandamos a recuperación e reactivación –con financiación do goberno galego- do Proxecto Nomes e Voces
para a investigación e divulgación sobre a represión franquista en
Galiza. E a difusión pública da documentación do proxecto: imaxes,
documentos escritos, gravacións...
5. Solicitamos o apoio por parte do goberno galego ao labor das asociacións de recuperación da memoria histórica.
6. Apelamos a consciencia democrática de maxistrados e maxistradas para que non amparen a fascistas,
integrantes activos da ditadura franquista, aínda vivos; favorecendo o
seu xulgamento no noso territorio, así como a colaboración co proceso
xudicial aberto desde Arxentina contra o rexime franquista.
7. Solicitamos
unha decidida política de cara a facilitar o acceso aos arquivos que
albergan documentación relacionada coa represión, así como a dotación de medios para a clasificación e a divulgación dos fondos na rede.
8.
Esiximos a desaparición da simboloxía franquista e de todo tipo de
elementos que lembren a Ditadura e sexan ofensivos para as vítimas: nomes de rúas e praza, monumentos, símbolos...
9.
Propoñemos a organización ao longo de 2016 -en colaboración con
concellos e deputacións- dun programa de actividades de investigación,
divulgación e homenaxe sobre as vítimas do franquismo.
No que atinxe á divulgación, prestarase especial atención aos centros
educativos. Neste eido, solicitamos a inclusión na programación dos
diferentes niveis educativos, de materiais pedagóxicos sobre a historia
recente, sobre o golpe militar do 36, e sobre as súas causas e
consecuencias.
10. Demandamos a creación dunha rede galega de Lugares da Memoria, sinalizados mediante unha imaxe e simboloxía común. E a edición dun mapa guía dos Lugares da Memoria Democrática de Galiza.
Nesta
iniciativa daráselle prioridade a lugares de represión, lugares de
resistencia, espazos de solidariedade, foxas comúns, e a ría de Vigo
como a maior foxa común de Galiza.
Aquí
estamos, seguindo o ronsel que deixaron tantos homes e mulleres
valentes, solidarias, xenerosos. En pé de loita, coma eles e elas, que
retornan con nós da noite do esquecemento para convertírense en fachos
de luz.
Fronte a San Simón, ao pé da ría, en Vilaboa, aquí estamos. Para reclamar Xustiza, Verdade, Reparación. E Memoria, sempre.
Iniciativa Galega pola Memoria
Vilaboa, 28 de novembro de 2015