O Alcalde socialisto de Vigo é condenado pola xusticia a derrubala de urxencia pero segue negándose

Amosando publicacións coa etiqueta nota de prensa. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta nota de prensa. Amosar todas as publicacións

martes, 6 de agosto de 2013

A Iniciativa Galega pola Memoria pide a dimisión do alcalde de Baralla


Polas suas declaracións "fascistoides" e antidemocráticas

SR. GONZÁLEZ CAPÓN, A QUÉN SE REFIRE VOSTEDE CANDO DÍ “SERÁ PORQUE LO MERECÍAN”?
 
No último pleno municipal do concello de Baralla, celebrado o pasado 26 de xullo, o alcalde, Sr. González Capón, xustificou a negativa do PP a condear os crimes da ditadura franquista cunha frase bastante significativa “será porque lo merecían”. Imos ver, Sr. González Capón, a quén se refire vostede?

-Ás máis de 6000 persoas asesinadas polo franquismo –lembre vostede que en Galicia non houbo guerra civil, só houbo represión-?

-Ás mulleres violadas, ás que foron torturadas, ás persoas que tiveron que tragar aceite de ricino nunha das prácticas moi comúns por parte dos falanxistas?

-Ás máis de 115.000 persoas que aínda constan como desaparecidas –bastante probablemente enterradas nas cunetas- en todo o estado español, segundo fontes recollidas por Amnistía Internacional –un organismo de probada reputación apartidista-.

- Merece o pobo de Baralla que o seu alcalde falte así o respeto ás vítimas do franquismo? Coa mellor das intencións, diríalle que as súas declaración, Sr. González Capón, poden ser interpretadas por moitas persoas familiares das vítimas do franquismo como apoloxía do terrorismo, pois en nada axudan á paz e á convivencia democrática.

- Pode vostede cargar na súa conciencia o feito de estar ocupando unha alcaldía desde o ano 1987 e non ter evoluído o suficiente como para despegarse desas ideas reaccionarias, propias máis doutro tempo e do réxime franquista que dun dirixente democrático no século XXI?

- Sr. González Capón, en qué século vive vostede? Para vostede aínda goberna “El Caudillo”? Porque así o parece, as suas declaracións son máis própias dun alcalde máis interesado quedar ben cos dirixentes franquistas que as dun alcalde democrático deste tempo.

Agradecedíamoslle, xa que logo, que, logo de ter rectificado as súas palabras dicindo que foron “sacadas de contexto”, o seguinte que faga é “sacarse vostede mesmo do contexto” da vida política galega, dimitindo do seu cargo, pois non é de recibo  que un responsable político faga esas declaracións ofensivas e humillantes ás vítimas do franquismo en xeral. Non pode ser que un dirixente democrático adopte este tipo de declaracións nestes tempos que corren. Porque o tempo do franquismo xa pasou, Sr. González Capón. A ver se vostede se da por enterado.

xoves, 8 de novembro de 2012

Charla do guerrilleiro "Quico" en Marín

 
Martes 13 de novembro ás 20 horas no salón de actos da Biblioteca Pública "Vidal Pazos" de Marín

Nota de Prensa
A Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica de Marín convídavos á charla de Francisco Martínez-López, "Quico", guerrilleiro nos infernos da posguerra española e loitador sempre pola recuperación da memoria "esquecida".

Quico naceu no ano 1925 en Cabañas Raras, preto de Ponferrada, no seo dunha familia campesiña, e desde os 17 anos colabora coa oposición antifranquista. Posteriormente súmase aos grupos guerrilleiros que se enfrontaron coas armas á ditadura.

Na clandestinidade armada desde 1947, foi membro da mítica guerrilla de Manuel Girón, que mantivo entre Galicia e León unha inxente actividade de combate e propaganda até o ano 1951 no que, nunha evasión chea de perigos, consegue penetrar en Francia, país onde se exilia.
No prólogo do libro de Carlos G. Reigosa "A agonía do león. Esperanza e traxedia dos escapados", Manu Legineche nos di:
"Dúas escolas de pensamento: os que aseguran que é mellor esquecelo todo, partidarios de cancelar a historia dun golpe, que isto é o sentimentalismo retórico para compensar o pensamento único, e os que, pola contra, esixen a memoria, luz e taquígrafos, convocan á Historia, piden por unha vez que a escriban tamén os vencidos".
 
Creemos que é de xustiza a segunda opción para romper o dobre muro do silencio e do esquecemento.

Para elo esta charla, que terá lugar o martes 13 de novembro ás 20 horas no salón de actos da Biblioteca Pública "Vidal Pazos" de Marín e que ten como intención a recuperación da memoria histórica e o recordo de todos aqueles loitadores pola liberdade que perderon a súa vida loitando contra o fascismo, tanto nas montañas coma nos cárceres.

Unha auténtica oportunidade para que a xente nova, os nosos estudantes universitarios, de bacharelato, de secundaria, etc... e os que non somos tan novos saboreemos a compaña dun bo e xeneroso.

xoves, 5 de xullo de 2012

Nota de prensa da entrega dos restos de membros da corporación republicana de Boimorto aos seus familiares


Entrega dos restos de membros da corporación republicana de Boimorto aos seus familiares no acto do pasado día 24 de xuño.

A Caitán García Vázquez, de 42 anos, Isidro Filloy López, de 46 e Andrés Filloy asasináronos o 20 de agosto de 1936. Non morreron sós. Na nota de prensa e no libro Memoria dun Silencio, de Xosé Luís Rivas Cruz, Mini, relátanse os feitos do asasinato dunha corporación municipal case ao completo, e de outras persoas, até chegar a 11.

O avó paterno de quen redacta esta nota, xunto con outro veciño, enterrounos a punta de pistola falanxista.

Meu avó e o seu compañeiro e veciño, Maimixe, mentres tiveron folgos, mantiveron limpas as súas tumbas, á beira da gabia da estrada vella de Compostela a Lugo, nun lugar que aínda é coñecido como a Chousa dos Mortos.

Foi un traballo colectivo, o de recuperación dos restos, aínda que hai unha persoa que puxo toda a súa vontade e empeño para que isto fose posible. Como é de natural discreto, non vou escribir o seu nome. Algúns temos a sorte de saber quen é, e mais tamén de coñecelo e gozar da súa amizade.

Saúde e Memoria.
Xosé Luís Santos Cabanas

Nota de Prensa:

Sen campás
24 de xuño de 2012. Boimorto.
Pola hora solar aínda non era mediodía cando nos reunimos no Salón de Actos da Casa do Concello. O local estaba cheo. Familiares de vítimas do 36, veciños, persoas da Asociación para a recuperación da Memoria Histórica (ARMH), algunhas doutras asociacións. Tratábase de lle entregar os restos, identificados despois de analizar o seu ADN, de Isidro Filloi López, de 46 anos, Andrés Filloi, de 18 e Caitán García Vázquez, de 46, asasinados en agosto do 36, nunha gabia do Amenal, O Pino. Cunetas, cunetas, cunetas, Rodríguez Fer, Galicia ametrallada nas cunetas, Pimentel. Sen campás e sen protestas.

Intervención breve e directa do alcalde, José Portos Vázquez, que asegura que seguirá colaborando na procura dos restos dos veciños de Boimorto que correron a mesma sorte atroz, once en total. Sinxelamente, porque cre na democracia. Breve tamén Marco, o representante da ARMH, ou sexa dos voluntarios e voluntarias que realizan traballos co fondo interese de quen non procura remuneración económica, que abordan tarefas que debían afrontar os poderes do Estado que hogano só parecen mirar para e polos cartos dos banqueiros. Lucía, portavoz das familias, contén con grande esforzo a súa emoción para que nos chegue ben nítida a súa mensaxe: cómpre coñecer o que nos pasou para que non volva acontecer. Xosé Luís Rivas Cruz, Mini, intenso, palabras en fervenza, como o traballo en cadoiro que, coa teimosía de quen ten claro que a Memoria debe ser restaurada, o traballo que desenvolveu para que sexan posibles actos coma o deste día tan limpo de comezos de verán.

A emoción anegou a sala. Aplausos en lembranza das vítimas e en homenaxe á II República Española, moito máis vehementes que as cores borbónicas das bandeiras que nos invaden con pretextos futboleiros.

Pola tarde os enterros. Isidro en Céltigos, Frades, pois así o quixo a familia. O crego non apareceu, seica andaba moi ocupado. No silencio escoitábase como asubiaba, ao saír do tubo, a silicona que selaba a tampa.

En Andabao, na mesma fregresía onde o cura de entón acirrara á Besta 36 que matou os 11 veciños, alí si que, con discreción, o párroco actual despide en galego a Andrés e Caitán. Mortes moito, moito máis incomprensíbeis que outras, nas súas palabras.

Sen campás. Con fonda emoción. Con longos e quentes aplausos.

Xosé Luís Santos Cabanas
Secretario da Oliveira de Teo, asociación para a Recuperación da Memoria Histórica e defensa do Patrimonio Inmaterial.

P.S. Fican outros dous cadáveres de veciños de Boimorto no Amenal, e outros seis en Ortoño. Están empeñadas en seguir na súa procura, a ARMH e a Agrupación de Familiares das Vítimas do 36 de Boimorto. Apoiemos a súa iniciativa.

sábado, 17 de decembro de 2011

A Asociación Ferrolter​ra Nosa Memoria solicita anular o rueiro do Arsenal Militar de Ferrol

Nota de prensa
Ferrol 16/12/11
"Ferrolterra Nosa Memoria" insta a Cortés Uría a suprimir o rueiro do Arsenal

A Asociación "Ferrolterra Nosa Memoria" ven de presentar no Rexistro Xeral do Arsenal de Ferrol un escrito solicitando ó Almirante Xefe a supresión dos nomes das rúas do Arsenal. Esta asociación denuncia que o recinto militar está inzado de nomes de militares que no ano 1936 non dubidaron en sumarse á rebelión de Franco para alzarse contra un goberno legalmente establecido.

Ferrolterra NM cré que manter o rueiro actual do Arsenal é , aparte de ilegal, vergoñento tanto para a Armada como para a cidade de Ferrol. Estase ensalzando a militares golpistas e lexitimando que as Forzas Armadas, nun momento dado , poidan someter a vontade do pobo. Por todo elo insta ó almirante Cortés Uría a borrar das súas dependencias os nomes de afectos ó réxime franquista e cooperadores do que acabou sendo un dos maiores xenocidios de Europa.

martes, 1 de marzo de 2011

Presentación do libro de Manuel Monge A Historia secuestrada polo franquismo


A Historia secuestrada polo franquismo

Xoves, 3 de marzo de 2011 , ás 20 horas

Libraría Couceiro (praza Cervantes) Santiago de Compostela

Ademais do autor, participarán na presentación: Francisco Pillado, de Edicións Laiovento, e Lourenzo Fernández Prieto, catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela.

Manuel Monge González (Valladolid, 1947) é mestre e sociólogo. Dous tíos foron asasinados polo franquismo en Dueñas (Palencia). Sufriu a represión da Ditadura, pasando polo cárcere de Basauri en 1968; en 1973 estivo dous meses no cárcere da Coruña por multa gobernativa, con motivo do Xuízo 1001, e despedido en Ferrol como profesor por “faltas inxustificadas” ao traballo, cando estaba no cárcere; despedido en 1974 por “orde gobernativa”. Pasou varias veces pola Comisaría da Coruña, unha delas o 14 de abril de 1977, pouco antes das primeiras eleccións democráticas. En 1984 foi suspendido de emprego e soldo cando traballaba en Agualada (Coristanco).

Foi concelleiro do BNG na Coruña de 2003 a 2007. Colabora como articulista en diversos medios de comunicación. Publicou en 1999 o libro Autovías Galegas. Crónica dunha farsa; en 2003 A Coruña de Paco Vázquez e en 2007 Outra Coruña é posíbel.

Na actualidade é presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña.

Este é un libro para recuperar a historia secuestrada polo franquismo, mais tamén un libro para a acción, para cambiar as cousas. Aquí, en Galiza, non houbo Guerra Civil, senón un auténtico xenocidio; como sinala o xuíz Garzón, “un plan sistemático e preconcebido de eliminación de oponentes políticos a través de múltiples mortes, torturas, exilio e desaparicións forzadas de persoas”, con máis de 5.000 asasinados polo fascismo en toda Galiza e máis de 600 na comarca da Coruña. Aquí houbo campos de concentración; os franquistas roubaron miles de menas e nenos ás súas familias, sen que o Goberno se implique na súa recuperación; aínda quedan máis de cen mil persoas nas fosas de todo o Estado. Non podemos esquecer!

A chamada Transición, moi valorada polo paso pacífico dunha ditadura á democracia, tivo aspectos moi negativos, como o pacto de silencio dos principais partidos para deixar de lado o tema das vítimas do franquismo e a conversión, na práctica, da Lei de Amnistía nunha impunidade dos crimes do franquismo. Este libro é un acto de xustiza con todas as persoas que deron a súa vida ou sufriron a represión franquista e que foron xermolos de paz e liberdade.

xoves, 10 de xuño de 2010

Publicación da nova páxina web do Proyecto Nomes e Voces hoxe 10 de xuño




Hoxe, xoves 10 de xuño a partires das 12.00 horas
Completando a convocatoria enviada días pasados, lembrámoslle que hoxe xoves 10 de xuño, a partires das 12.00 horas, o Proxecto “Nomes e Voces” fará pública en rede o novo deseño e contido da súa páxina Web nomesevoces.net

Esta nova aplicación está pensada como unha ferramenta de investigación e difusión dos resultados da investigación da represión franquista que o Proxecto Interuniversitario está a desenvolver desde o ano 2006.

A principal novidade son as bases de datos de imaxes, voces e nomes. Así, pódense consultar ás vítimas que sufriron a represión franquista en Galicia entre 1936 e 1939 - 14.704 nomes- a través dun resumo do seu proceso represivo xunto a unha imaxe e á súa voz ou a dun familiar onde nos relata a experiencia vital desa persoa.

Agardamos que esta noticia sexa do seu interese.
Recibe un cordial saúdo,
Chus Martínez

NOTA DE PRENSA
O PROXECTO “NOMES E VOCES” PUBLICA NOVA PÁXINA WEB


XOVES 10 de XUÑO

O Proxecto Interuniversitario “Nomes e Voces” publica en rede o xoves día 10 de xuño a súa nova Web nomesevoces.net, dedicada á difusión dos resultados da investigación que sobre a represión franquista está a desenvolver desde o ano 2006.

Este novo portal foi desenvolto pola empresa A Navalla Suíza, e conta cun novo deseño e un contido estruturado tematicamente, ofrecendo á comunidade científica e ao público interesado unha ferramenta de pescuda, visibilidade e interpretación histórica sobre un tema, o da represión franquista, que, pola información aportada, a análise á que están sometidos os datos e o feedback cos potenciais usuarios convértese en referente galego e estatal entre outras iniciativas dedicadas a este tema.

O Proxecto Interuniversitario “Nomes e Voces” está dirixido por Lourenzo Fernández Prieto e integrado por Emilio Grandío, Xose Manoel Núñez, Dionisio Pereira, Julio Prada, María Jesús Souto, Andrés Domínguez, Gustavo Hervella, Xurxo Pantaleón, Antonio Somoza e Chus Martínez como responsable da páxina nomesevoces.net. Está ideada como un espazo electrónico de pescuda no que ademais de darse conta da actividade investigadora, de realizar exposicións dixitais e de ofrecer un repertorio bibliográfico, aportamos como principal novidade as bases de datos de imaxes, voces e nomes. Así, pódense consultar ás vítimas que sufriron a represión franquista en Galicia entre 1936 e 1939 - 14.704 nomes- a través dun resumo do seu proceso represivo xunto a unha imaxe e á súa voz ou a dun familiar onde nos relata a experiencia vital desa persoa.

Na actualidade, os fondos do proxecto constan de máis de 15.000 imaxes dixitalizadas, e de 475 entrevistas. Con elas estanse a relacionar imaxes/nomes, fragmentos de audio/nomes e vítimas de fonte oral/nomes.

Así mesmo, e debido á intensa actividade científica que o grupo desenvolve tamén poñemos a disposición do usuario os textos e as conclusións que se elaboran a partir da asistencia de congresos, reunións científicas, moitos destes traballos son inéditos e a súa publicación moi difícil, o que incrementa o

valor intrínseco do que aquí expoñemos.

Un apartado importante polo que significa, é a presenza dunha bibliografía específica sobre a represión en Galicia que reúne os fondos públicos das bibliotecas da Universidade de Santiago de Compostela e que desde nomesevoces.net ofrecemos cunha sucinta descrición bibliográfica que permite todo tipo de buscas

A aplicación práctica da web concrétase en dúas liñas a desenvolver. A primeira delas é a que se establece entre o grupo de investigación e a sociedade civil e a segunda entre a grupo de investigación e os científicos sociais que están a preparar as súas teses e traballos de pescuda. Esta dobre relación establécese a través da oferta de datos a través das bases e, tamén, da posibilidade de poder acceder a informes específicos realizados con rigor máximo a partires dos traballos levados a cabo polos investigadores.

As múltiples demandas de buscas de datos –cunha media de 5.000 visitas mensuais- sobre os represaliados teñen xerado tamén unha frutífera relación coas persoas que consultan a Web na corrección de datos e no aporte de novos materiais gráficos e documentais constituíndo, deste modo un canal imprescindible para poder realizar o noso traballo en contacto cos familiares dos represaliados, feito este moi importante e que era unha das nosas intencións como grupo de investigación. O contacto con cidadáns que, de forma aleatoria teñen chegado a nós é, en boa medida, grazas á aposta firme pola comunicación a través da rede.