O Alcalde socialisto de Vigo é condenado pola xusticia a derrubala de urxencia pero segue negándose

sexta-feira, 21 de novembro de 2014

Conmemoración 96 aniversario do Manifesto de Lugo

Participantes da Asemblea de Lugo

Texto íntegro do manifesto
 
Praza.gal - David Lombao 19/11/14
Uralitas no canto de tellas ou pizarras, fachadas ou edificios enteiros sen rematar, urbanizacións mastodónticas a medio facer, bloques de vivendas propios do centro dunha cidade chantados nunha contorna rural... Son só algúns exemplos do que popularmente se deu en coñecer como feísmo e que persoas expertas prefiren denominar "maltrato da paisaxe" ou "canibalismo urbanístico", entre outras denominacións. Estas mostras de desleixo polo propio territorio, que a Xunta asegura que atallará a futura Lei do Solo, eran parte das preocupacións dos participantes no encontro que, hai este martes 96 anos, serviu para bosquexar o primeiro programa do galeguismo político: a Asemblea Nacionalista de Lugo.
 
Aquela xuntanza auspiciada polos "persoeiros das Irmandades da Fala", que supuña subir un chanzo no movemento que antes fora agrarista, provincialista ou rexionalista, tivo entre as súas conclusións máis relevantes a reclamación da "autonomía integral para Galicia" ou a aposta por "nomearse para sempre nacionalistas galegos", toda vez que a "verba rexionalismo" non era quen de "recoller" todas as "aspiracións" do país. Xunto a estas grandes liñas políticas a Asemblea abordou outros "problemas que interesan dun xeito fondísimo a vida nacional da Galicia" en ámbitos tan diversos como a economía, a xudicatura ou as institucións, pero tamén varios "aspectos artísticos".
 
Tal e como recolle o Manifesto resultante daquela asemblea, cuxo manuscrito foi adquirido en 1999 pola Fundación Galiza Sempre e depositado no Museo do Pobo Galego, a asemblea resolveu  "proclamar a soberanía estética da Nazón Galega", un principio inspirador que, sinalaban, tería que concretarse nas leis. Esta soberanía estética, di o manifesto, tería que ser exercida, en primeiro termo, "sobre as construcións urbanas e rurais". Con esta finalidade tería que ditarse "unha lei que obrigue os propietarios a axeitar o estilo das súas construcións ao estilo xeral de cada vila galega". Ademais, o "poder galego" tería a facultade de expropiar "monumentos e paisaxes" e de organizar o "ensino artístico" coa "creación dunha Escola Musical Galega".
 
Estes aspectos estéticos, aínda sen resolver case un século despois, serían parte das responsabilidades da Xunta Gobernadora, isto é, do Goberno galego que propuña a asemblea e que estaría composta por "un presidente e seis secretarios", persoas que xestionarían algo semellante ás actuais consellerías con responsabilidades en "Administración, Xustiza, Ensino, Obras Públicas, Agricultura, Industria e Comercio". Esta Xunta sería a encargada de aplicar as decisións do "poder autónomo" representado "por un xuntoiro ou Parlamento Galego" elixido por sufraxio universal para rexer un territorio no que xa non habería deputacións provinciais, toda vez que a Asemblea apostaba polo seu "acabamento".

Á Xunta Gobernadora teríanlle que corresponder "todas as funcións administrativas" e tamén toda a xestión dos impostos "sen intervención do Poder Central" xa que Galicia, sinalaban, tería que dispoñer dun sistema de concerto económico semellante ao que gozan aínda na actualidade Euskadi ou Navarra. Ese "poder galego" tamén exercería, en exclusiva, a competencia en materia educativa e o ordenamento do sector bancario, "no que intervirá pola función social que hoxe teñen os bancos", abondaban. A Xunta, asemade, tería a responsabilidade de construír e administrar o ferrocarril e de impulsar as leis que correspondesen para tipificar como "crime contra Galicia" o "permanente absentismo dos propietarios da terra".
 
Fragmento do manuscrito do Manifesto de Lugo
 

Nenhum comentário:

Postar um comentário