domingo, 10 de xullo de 2016
Homenaxe nacional ás vítimas do franquismo 2016
Iniciativa Galega pola Memoria 7/10/2016
A Iniciativa Galega pola Memoria un ano máis organiza a homenaxe
nacional ás vítimas do franquismo que terá lugar o vindeiro domingo 17
de xullo na Illa de San Simón. Este ano, polo seu 80 aniversario ten
especial relevancia para chamar a atención sobre este espazo que debera
ser fundamentalmente un lugar para a memoria.
Na illa de San Simón houbo moitos presos na súa colonia penitenciaria agardando en moitos casos un desenlace tráxico. É un sitio para o recordo mais tamén para reivindicar a xustiza nun presente onde aínda segue vixente a impunidade, a mentira e a apoloxía dese réxime de terror. Desde a Iniciativa Galega pola Memoria queremos un ano mais defender a verdade, a xustiza, a reparación e as garantías de non repetición.
As persoas que estean interesadas en asistir teríanse que poñer en contacto coa Asociación memorialística da súa comarca que sexa membro da IGM co fin de organizar o embarque xa que as prazas son limitadas. A inscrición pecharase en canto se complete o número que lle corresponden a nosa comarca. Confirmarase e darase un tiquet a aqueles que poidan embarcar. Ninguén que non estea confirmado e co tiquet poderá embarcar por necesidades da propia limitación de prazas que teñen os barcos.
mércores, 6 de abril de 2016
Moción en Narón relativa á conmemoración o 14 de Abril da proclamación da II República
Naron Esquerda Unida 31 mar. 2016
Parafraseando
a ese gran comunista e poeta que foi Miguel Hernández, que rematou a
súa luminosa vida un mes de Marzo de fai 74 anos nunha cadea fascista,
“Xamais renunciaremos nin ao máis vello dos nosos sonos”.
O 14 de abril cumpriranse 85 anos da proclamación da II República, o primeiro réxime democrático da nosa historia que instaurou un verdadeiro Estado de Dereito e proclamou a primeira constitución democrática de España. Esta Constitución plasmou o principio de igualdade dos españois ante a lei, ao proclamar España como “unha república de traballadores de toda clase que se organiza en réxime de Liberdade e de Xustiza”, o principio de soberanía popular, establece o sufraxio universal para homes e mulleres maiores de 23 anos. En economía a propiedade privada quedou suxeita aos intereses da economía nacional, constituíuse un “Estado integral, compatible coa autonomía dos Municipios e as Rexións”, o principio de laicidade “o Estado, as rexións, as provincias e os Municipios, non manterán, favorecerán, nin auxiliarán economicamente ás Igrexas, Asociacións e Institucións relixiosas”, ademais recoñeceuse o matrimonio civil e o divorcio así como o ensino primario laico, gratuíto e obrigatorio, e recoñécese a liberdade de cátedra.
Este sistema democrático acabou coa derrota na Guerra Civil para dar paso a máis de 40 anos de franquismo, de represión e de retrocesos.
O 14 de abril ten que ser unha data reivindicativa para reclamar o dereito á República e facer unha homenaxe a todos os alcaldes e concelleiros que coma nós defendían entón a legalidade e os intereses da veciñanza, moitos deles pagaron coa vida esta defensa, coma tamén o fixeron moitos veciños e veciñas dos concellos daquel período escuro, así como para condenar o golpe de estado contra a II República e a represión franquista.
“Quen esquece a súa historia esta condenado a repetila”, isto o dixo fai moito tempo un tal Marco Tulio Cicerón, ala no 106 AC, esta é unha gran verdade, precisamos de ter Memoria Histórica.
Porque a mal chamada Guerra Civil non foi unha guerra, foi un golpe de estado perpetrado por militares traidores as ordenes da oligarquía que defendía os seus privilexios, un golpe de estado contra un goberno lexitimo e referendado nas urnas, un golpe de estado covarde que provocou unha guerra brutal, os fascistas do bando mal chamado “Nacional” contaron con a inestimable axuda do fascista Benito Mussolini que enviou soldados e armas, tamén do NAZISMO de Adolf Hitler que aportou máis armas e a súa aviación, trouxeron tamén a Garda Mora, a todos eles o fascismo español lles abriu as portas para matar o seu propio pobo, no estado español fíxose un verdadeiro xenocidio ideolóxico, as fosas comúns seguen cheas da semente dun pobo que se quería libre.
Lembro agora unha das imaxes de Castelao onde dicía, “Non enterran cadáveres enterran semente.”
Algúns din que cando falamos de memoria, xustiza e reparación, reábrense feridas, pero ¿como imos a reabrir feridas que nunca foron pechadas? cando eles mesmos encargáronse de mantelas abertas, de potenciar a separación das DOS ESPAÑAS, ¿como perdoar cando nunca se pediu perdón?, a ninguén se lle ocorre en Alemaña falar de que hai que esquecer o holocausto, alí negalo é un delito.
Por Narón, polo noso concello tamén pasou a besta fascista, as cifras contan unha pequena parte do horror e o terror que se viviu, pero só temos datos estimados, tan só coñecemos a punta do iceberg da barbarie, posto que algúns aínda teiman en perder a Memoria.
Temos documentados un total de 93 asasinados en Narón, unha parte deles foron mariñeiros que se mantiveron fieis a República e a legalidade durante o golpe, no Val foron fusilados e enterrados no cemiterio 48 mariñeiros do “Acorazado España” e do “Vapor Domine”, en San Mateo foron fusilados e enterrados no cemiterio 17 mariñeiros do “Mar Cantabrico”.
Nove veciños de Narón foron fusilados, quince foron paseados e asasinados nas nosas cunetas, un foi apaleado ata a morte, dous morreron en enfrontamento armado, outro morreu en prisión.
Estas 93 persoas foron asasinadas, pero tamén están os represaliados, os que foron depurados, os desterrados, os escapados e exiliados, os presos, os multados...
Como terrible anécdota do terror das hordas Nacional Católicas do Franquismo, destas beatas persoas que loitaban por “Deus” e “España”, esta o feito de que o día 26 de Decembro, supoño que para celebrar o Natal, no Val foron fusilados máis de 20 mariñeiros do “Acorazado España”.
O próximo día 13 de Abril Memoria Histórica acompañada por todas e todos os que queremos ter Memoria fará no cemiterio do Val e no de San Mateo unha ofrenda floral en homenaxe a todas e todos os represaliados.
Honor e Gloria os nosos mártires. Saúde e República.
¡A pola terceira!
Etiquetas:
14 de abril,
A Coruña prov.,
actos,
cemiterio,
Ferrol e comarca,
Ferrolterra,
fusilados,
homenaxe,
Marina,
Mariña,
mariñeiros,
videos,
vitimas
martes, 5 de abril de 2016
luns, 14 de marzo de 2016
77º aniversario do fusilamento de Manuel Barreiro Rey
MJBarreiroLG -14 Marzo 2016
Tal día como hoxe 14 de marzo de 1939
foi fusilado na Punta do Martelo do Arsenal Militar de Ferrol, xunto a
dous compañeiros máis un de Ares e o outro Sevillano.
Os tres asasinados pola loita na defensa dos buques os días 19 ao 21 de
xullo de 1936, ata o seu fusilamiento estiveron na prisión da
Escollera do Arsenal
Manuel Barreiro Rey, 25 a. Ferrol
Manuel A. López Iglesia, 27 a. Ares
Antonio Alcántara Mejia, 24 a. Sevilla
Por todos eles...
E por todos os marinos galegos esquecidos pola sociedade mais polos partidos políticos
E por todos os marinos galegos esquecidos pola sociedade mais polos partidos políticos
Para saber máis del:
Resistente con causa
79º y 77º aniversario de un crimen
Estación Atlántica: @Armada_esp 77º aniversario do fusilamento de Manuel Barreiro Rey para cuando su rehabilitacion? https://t.co/8qbA8IRDDa— MJBarreiroLG (@mjbarreirolg) 14 marzo 2016
![]() | |||
| marinosferrol@gmail.com Asoc. Familiares de Marinos Vitimas do Franquismo na Base Naval de Ferrol |
domingo, 6 de marzo de 2016
10 de marzo, Día da Clase Obreira Galega, coa ofrenda floral e a manifestación en Ferrol
CCOO Galiza 01.03.2016
- 11:00 h: Ofrenda floral diante do monumento ao 10 de Marzo (Ferrol)
- 12:00 h: Inauguración da Rúa de Julio Aneiros
- 19:00 h: Manifestación con saída dende o monumento ao Dez de Marzo ata o Cantón
luns, 28 de decembro de 2015
martes, 1 de decembro de 2015
"Encontros internacionais: Cultura e política / Memoria Histórica"
Próximo mércores 2 de decembro, ás 19.30
horas, na Casa do Saber da USC en
Lugo:
"Encontros internacionais: Cultura e política / Memoria histórica"
Ponentes:
Max-Jean Zins, profesor ad honorem da Facultade de Humanidades da USC e ex director de Cooperación entre Francia e Asia do Sur no campo das Ciencias Sociais.
Claudio Rodríguez Fer, poeta, narrador, dramaturgo, ensaísta, director da Cátedra Valente de Poesía e Estética da USC, doutor Honoris Causa pola Universidade da Alta Bretaña.
Entrada libre ata completar aforo.
domingo, 29 de novembro de 2015
As cruces de caídos, como a de Vigo, resaltan aos verdugos
![]() |
| Foto: CAPOTILLO |
A investigadora da memoria histórica presenta un libro no que fai unha homenaxe ás vítimas da represión franquista
A Voz - Jorge Lamas
26/11/2015
A cafetería Detrás do Marco, a presentación do libro Un cesto de mazás, de Montse
Fajardo, no que se fai unha homenaxe ás vítimas da represión franquista. Acompañada polo investigador Luis Bará, o crítico literario
Ramón Nicolás e Paloma Reigosa, neta da viguesa Urania Mella.
-¿Que conta no seu libro?
-Recorre 16 historias de vítimas da
represión do 36. Está contado por eles, como no caso do soldado Antonio
Pérez, de Redondela, e Antonio Alejandre, de Vilaxoán, derradeiro
sobrevivente do campo de concentración da illa de San Simón. E en outros
casos, as contan os seus familiares, que para min tamén son vítimas.
-¿Como narra esas historias?
-Eu son xornalista e intento que
sexan as propias fontes quen as conten coas súas propias palabras e
modos de falar, como no caso das mulleres do Grove, nas que lles
conservo a gheada. Cada capítulo está contado dun xeito o máis próximo
posible á propia fonte e como viviu a historia. É un relato xornalístico
pero que tenta que sexan eles quen manteñan o fío da narración.
-¿Mantén o formato que empregou en Matriarcas?
-Si, é parecido a ese libro coa
diferenza de que entón eran as protagonistas quen contaban a historia en
primeira persoa, e aquí, na maioría dos casos, son os seus achegados,
tratando de manter os seus xeitos de falar.
-¿Considera que é necesario este tipo de libros?
-Máis que nunca. O vindeiro ano
cúmprense oitenta anos do pronunciamento militar e corenta da chegada da
democracia pero as vítimas están pouco recoñecidas. Hai moi poucas
persoas que coñecen o que lle aconteceu aos seus propios veciños nas
súas propias vilas. En cambio, polo país, segue a haber rúas con nomes
como General Mola, e segue habendo cruces, como a de Vigo, que resaltan
aos verdugos. Segue habendo recoñecemento dos verdugos e esquecemento
das vítimas; hai moitas familias que non saben onde están enterrados os
seus familiares. É necesario ter empatía con esas persoas.
-En Vigo soubemos onte que o Constitucional rexeito involucrarse no derribo da Cruz do Castro.
-É a tónica do que ven pasado dende
hai corenta anos, os parabéns da democracia ao que pasou durante o
franquismo. As vítimas seguen tendo a sensación de que os seus verdugos
están aceptados. Unha cousa é o que é legal, e outra, o que é xusto.
-¿As mulleres foron dobremente vítimas da represión?
-É unha teima miña. Adoitamos poñer
un acento especial sobre os homes porque son maioría nos asasinatos e no
encarceramento, pero as mulleres non só padeceron esa represión senón
que tamén houbo castigos específicos para elas, como a rapa do pelo, o
aceite de ricino ou as violacións. Hai tamén un tipo de represión
difícil de recoller porque moitas sentiron vergoña e a sufriron en
silencio. Penso que todas as mulleres foron vítimas do franquismo,
primeiro porque acabou cos seus dereitos e relegounas ao fogar. E sobre
todo, porque as viúvas, dos fusilados, quedaban cos fillos e sen o
principal sustento. Ademais quedaban sinaladas e sen oportunidades.
-¿Cal foi o caso que máis lle chamou a atención?
-Hai moitos e brutais, pero a min o
que máis me impacta son pequenos acenos, como deixar a unha nena de seis
anos sen ir a escola porque eran irmá dun represaliado. Eses pequenos
acenos cos máis febles amosan a crueldade do fascismo.
-¿Foi moi complicado reunir tantas testemuñas?
-Tiven moitas axudas da xente que
investiga na memoria e das testemuñas que me abriron as súas casas. No
acto de Vigo vai estar Paloma Reigosa, neta da viguesa Urania Mella. O
máis duro foi dende o punto de vista emocional porque as historias son
durísimas e as contan os familiares das vítimas ou elas mesmas.
-¿Por que lle puxo este título?
-Nun texto de Luis Bará, que tamén
investiga na memoria, dicía que entrevistara a Tucha García para falar
do seu pai que estivera tres anos nun tubo na corte. Os falanxistas
foron a buscalo e como non o atoparon, destrozaron unha maceira. Luis
dixo que ía volver a casa de Tucha para levarlle un cesto de mazás e
devolverlle un pouco do que o fascismo lle quitara. Pareceume unha
metáfora moi fermosa para definir o que quero facer con este libro,
devolverlle as familias a verdade despois de corenta anos de ditadura
escoitando que eran uns asasinos, e outros corenta de democracia
silenciosa.
Etiquetas:
cruz do Castro,
entrevista,
libros,
mulleres,
negacionísmo,
presentación,
represión,
revisionísmo,
testemuños,
Vigo
Declaración de Vilaboa
Iniciativa Galega pola Memoria - Vilaboa, 28 de novembro de 2015
A
historia dun país, unha democracia digna de tal nome, non se pode
construír sobre o silencio, sobre o esquecemento das vítimas da
represión, sobre a ocultación e a desmemoria que aínda perviven hoxe, 79
anos despois do golpe militar fascista, 40 anos após a morte do
Ditador.
Proclamámolo aquí, á beira da ría de Vigo, a maior foxa común de Galiza, estación última dos corpos de ducias de sindicalistas, obreiros, traballadores fondeados nas augas deste mar frío, fermoso e profundo. Depósito de loitadores pola República e a liberdade cuxos corpos nunca voltaron.
Berrámolo aquí, fronte ao Lazareto, “a illa dos amores para a morte confiscada”, lugar de prisión, de sufrimento, de humillación, de fame, de frío, de morte. Da morte que presentiron os que saíron da illa para seren fusilados en Pontevedra e en Vigo. Da morte que sufriron os que saíron da illa de noite –as noites da raposa, chamábanlle os presos- rumbo a unha curva, a unha cuneta, a unha praia da que nunca volveron.
Dicímolo alto e forte aquí, ao pé da estrada que construíron centos de presos da illa con man de obra escrava. Neste lugar de memoria que queren prohibir os herdeiros do franquismo, o continuadores da ignominia , os instauradores do Esquecemento.
E neste lugar cargado de simbolismo, de memoria e de dor, denunciamos que o sistema político vixente se instaurou sobre o esquecemento, sobre a amnesia, sobre unha amnistía que contravén o dereito internacional e os dereitos humanos.
Neste lugar anunciamos que non imos parar a nosa loita. Aquí fronte a San Simón, ao pé do cemiterio mariño, proclamamos unha vez máis a nosa decisión de seguir adiante no labor a prol da memoria histórica en Galiza. A nosa vontade de exercer con firmeza a defensa dos dereitos humanos a nivel local e no seo da Iniciativa Galega pola Memoria.
En consecuencia, e tendo en conta a singularidade do ano 2016 -80 aniversario do 36, do inicio da represión- facemos pública a seguinte táboa reivindicativa
1. Demandamos a aprobación dunha política pública da memoria de carácter estatal e por parte do goberno galego. Como punto de partida desta política, consideramos de máximo interese as recomendacións do informe do relator da ONU para os dereitos humanos, Pablo de Greiff. Entendemos portanto que a política da memoria debe fundamentarse no respecto aos dereito humanos; e particularmente no respecto ao dereito á Verdade, á Xustiza, á Reparación e a Non Repetición. En consecuencia co anterior, esiximos a derrogación da Lei de Amnistía de 1977.
2. Reclamamos aos gobernos municipais e deputacións –nomeadamente aqueles con gobernos de esquerdas- que inclúan a política da memoria histórica nas súas prioridades políticas.
3. Esiximos ao goberno galego que a Illa de San Simón volva ser Illa da Memoria, e acolla prioritariamente actividades relacionadas coa memoria histórica. Demandamos que nas visitas á Illa se informe con amplitude sobre o seu pasado como cárcere e como corredor da morte, e sobre as sacas das que foron vítimas ducias de militantes republicanos. E que se non se organicen actividades contrarias ao respecto polas vítimas da represión.
4. Demandamos a recuperación e reactivación –con financiación do goberno galego- do Proxecto Nomes e Voces para a investigación e divulgación sobre a represión franquista en Galiza. E a difusión pública da documentación do proxecto: imaxes, documentos escritos, gravacións...
5. Solicitamos o apoio por parte do goberno galego ao labor das asociacións de recuperación da memoria histórica.
6. Apelamos a consciencia democrática de maxistrados e maxistradas para que non amparen a fascistas, integrantes activos da ditadura franquista, aínda vivos; favorecendo o seu xulgamento no noso territorio, así como a colaboración co proceso xudicial aberto desde Arxentina contra o rexime franquista.
7. Solicitamos unha decidida política de cara a facilitar o acceso aos arquivos que albergan documentación relacionada coa represión, así como a dotación de medios para a clasificación e a divulgación dos fondos na rede.
8. Esiximos a desaparición da simboloxía franquista e de todo tipo de elementos que lembren a Ditadura e sexan ofensivos para as vítimas: nomes de rúas e praza, monumentos, símbolos...
9. Propoñemos a organización ao longo de 2016 -en colaboración con concellos e deputacións- dun programa de actividades de investigación, divulgación e homenaxe sobre as vítimas do franquismo. No que atinxe á divulgación, prestarase especial atención aos centros educativos. Neste eido, solicitamos a inclusión na programación dos diferentes niveis educativos, de materiais pedagóxicos sobre a historia recente, sobre o golpe militar do 36, e sobre as súas causas e consecuencias.
10. Demandamos a creación dunha rede galega de Lugares da Memoria, sinalizados mediante unha imaxe e simboloxía común. E a edición dun mapa guía dos Lugares da Memoria Democrática de Galiza.
Nesta iniciativa daráselle prioridade a lugares de represión, lugares de resistencia, espazos de solidariedade, foxas comúns, e a ría de Vigo como a maior foxa común de Galiza.
Aquí estamos, seguindo o ronsel que deixaron tantos homes e mulleres valentes, solidarias, xenerosos. En pé de loita, coma eles e elas, que retornan con nós da noite do esquecemento para convertírense en fachos de luz.
Fronte a San Simón, ao pé da ría, en Vilaboa, aquí estamos. Para reclamar Xustiza, Verdade, Reparación. E Memoria, sempre.
Iniciativa Galega pola Memoria
Vilaboa, 28 de novembro de 2015
Etiquetas:
actos,
arquivo,
fosas,
lugar de memoria,
manifesto,
Pontevedra provinc,
San Simón,
Vigo,
xusticia
O Concello de Pontevedra rende homenaxe a case un cento de mulleres represaliadas
![]() |
| Foto Pontevedraviva.com |
Pontevedra.gal 24/11/15
Dentro do programa municipal A memoria das mulleres,
o Concello de Pontevedra organiza este venres, 27 de novembro, unha
homenaxe institucional ás mulleres que sufriron a represión franquista. O
acto que se celebrará ás 20.30 horas no Teatro Principal, é froito dun
acordo da Corporación, que prevé tamén reforzar a presenza das mulleres
nos espazos públicos mediante a denominación de parques, prazas e rúas; a
creación de roteiros urbanos; e creación de murais artísticos e a
instalación de rótulos e inscricións que recoñezan e divulguen a achega
das mulleres á historia da cidade, tanto desde o punto de vista
individual como colectivo.
Na homenaxe deste venres lembrarase o
nome de case un cento de mulleres que foron vítimas de todos os tipos de
represión: asasinato, como Consuelo Acuña ou Elvira Lodeiro; o rapado
do cabelo, como Custodia Gama, Camila Pintos Blanco, Carmen Echevarría,
Aurelia Garrido, Olivia Tomé, Asunción Vilas A Vidala ou
Encarnación Silva; prisión, como Enma Mourón, Josefina Arruti, Carmen
Abuín, Josefina Blanco ou Asunción Vilas, presa en Saturrarán.
Mulleres que sufriron castigos
económicos e laborais como as mestras Peregrina Martínez Santos, Nieves
Adrio Sobrido, Pilar Poza Juncal, as irmáns Exclavitud e Serafina Dios
(tamén encarceradas), Ernestina Otero, ou as traballadoras do concello
Aurora Garrida e Delia Gendra.
Mulleres exiladas como Virxinia Pereira, Mercedes Magdalena ou Isabel Gómez Costas.
Mulleres que agocharon a perseguidos,
que lles levaron alimento e amor aos agochos e aos cárceres, como Rosa e
Oliva Fariña, Eulalia Carro, Maruja Álvarez, ou as irmás Aurora,
Nicereta e María Martínez Fernández (As Corseteiras), que tamén foron
encarceradas.
Tamén serán protagonistas da homenaxe as
mulleres que sobreviviron ao asasinato e á prisión dos seus familiares:
as nais, fillas, irmás e esposas que tiveron que convivir coa dor sen
dereito ás bágoas, sen dereito ao dó (duelo), porque mesmo estaba
prohibido chorar os seus, poñerlles unha lápida ou levar loito. E que
tiveron que sacar adiante as familias, e sufrir o silencio e a inxustiza
do esquecemento durante décadas.
As mulleres que sobreviviron, as que
protagonizaron escenas de solidariedade e resistencia no tempo do
terror, as que conservaron a memoria no interior das casas terán tamén
un espazo na homenaxe do venres, que pretende ser un acto de memoria e
de xustiza.
Publicación e vídeo
Este acto é resultado do traballo de
pescuda e investigación desenvolvido durante anos polo historiador Xosé
Álvarez Castro e complementado con ducias de entrevistas a familias que
realizou a xornalista e escritora Montse Fajardo.
Na homenaxe participará unha
representación das familias represaliadas e haberá intervencións de
Montse Fajardo, María do Carme Lores (neta de Isolina Villaverde e de
Aurelio Torres, asasinado o 23 de agosto do 36) e do alcalde de
Pontevedra, Miguel Fernández Lores. Tamén se proxectará un vídeo con
imaxes de mulleres represaliadas, algunhas delas inéditas, e entregarase
unha publicación divulgativa sobre o tema.
Desde o Concello queremos facer fincapé
en que a listaxe de nomes é interminábel e fica incompleta, por iso é
necesario seguir traballando na recuperación da cada historia, de cada
nome, de cada rostro, sacándoos do esquecemento inxusto ao que foron
condenados durante a ditadura e nas décadas posteriores, xa en plena
democracia.
Comunicado Asc.Viguesa pola MH do 36 - Resposta as declaracions do Alcalde Sr. Caballero
Comunicado da Asociación Viguesa pola Memoria Histórica do 36 en resposta as declaracións públicas do Alcalde de Vigo Sr. Caballero sobre a resolución do TC con motivo da Cruz franquista do Castro de Vigo.
Etiquetas:
comunicado,
cruz do Castro,
lei da MH,
negacionísmo,
revisionísmo,
simbolos fascistas,
Vigo,
xusticia
Cambio dos nomes franquistas de dúas rúas e unha praza na Coruña
CRMH da Coruña 28/11/15
- Martes, 1 de decembro . A partir das 19.00 h., na rúa General Mola (que deixará definitivamente de molar a partir desa hora), o Concello da Coruña celebrará o acto de substitución/eliminación da terminoloxía franquista que nomea esa rúa, cambiándoa pola de rúa ÁLVARO CEBREIRO (debuxante, caricaturista, xornalista gráfico coruñés). Tamén será eliminada/substituída o nome da praza do general Mola, pasando a recuperar a devandita praza o seu nome tradicional: Praza de Santo André.
- Xoves, 3 de decembro. A partir tamén das 19.00 h., a rúa Juan Canalejo perderá o seu sinistro nome -pertencente ao do fundador da Falange na Coruña-, pasando a chamarse Rúa SOCORRO, recuperando tamén así o seu nome tradicional.
Outro acto impulsado polo concello da Coruña, coa colaboración da CRMH:
O xoves, 3 de decembro, a partir das 20.30 h., haberá un acto no Fórum Metropolitano de homenaxe aos fotógrafos coruñeses Julio e Paco Souza Fernández, tamén coñecidos polo nome de "Hermanos Mayo". Este acto será presentado polo concelleiro de Cultura e Deportes da Coruña, Xosé Manuel Sande, e constará da proxección dun documental, da autoría do fotógrafo coruñés Xurxo Lobato, quen participará no posterior debate xunto con Rubén Afonso, secretario da CRMH da Coruña.
martes, 24 de novembro de 2015
Homenaxe en Ourense ao doutor e político galeguista
David Simón en Diario de un médico de guardia 21/11/15
V Asemblea Xeral da Irmandade da Sanidade Galega (ISAGA) 2015
En Ourense, 28 de Novembro 2015
Lugar: Paraninfo del Instituto Otero Pedrayo
(lugar do acto cambiado pola organización)
11.30 horas: Colocación dunha placa no edifício onde exerceu a profesión como médico xinecólogo o doutor Peña Rey. Parque San Lázaro.
12.30 horas: Acto de homenaxe e incorporación de novos irmandiños.
Guión do acto:
Presentación do acto a cargo de Carmen Pérez Vaquero e Carlos Eirea.
- Apertura a cargo do alcalde de Ourense ou representante municipal no acto.
- Intervención de Xaquín Monteagudo, presidente da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística.
-Intervención de Xosé Luís Álvarez Prieto, membro da coordinadora de ISAGA.
-Incorporación de novos irmandiños, imposición de becas, lectura e sinatura do compromiso.
-Intervención de David Simón Lorda (médico psiquiatra): "Semblanza do doutor Manuel Peña Rey, médico xinecólogo e militante galeguista.".
-Intervención de Manuel Peña-Rey Bouzas (médico e dirixente do Partido Comunista), fillo do homenaxeado.
-Intervención do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez.
-Actuación musical.
14.00. Peche do acto
Manuel Peña Rey
(Viascón,
Cotobade, Pontevedra,
1899 - Ourense, 1957).
Traducción Estación Atlántica
"Manuel Pena Rey foi destituído en agosto de 1936 do seu posto de médico e de director do Hospital Provincial de Ourense, xunto co doutor Vázquez de Parga. É nomeado para substituílo como encargado da Sala de Obstetricia e Ginecología do Hospital o médico Manuel Pol Piñeiro.
Detido o 28 de outubro de 1937 estivo encarcelado en Ourense en O Carballiño por breves períodos entre 1937 e 1938. Líbrase de ser fusilado a través de recomendacions de amigos e coñecidos, pero o TRRP da Coruña manterá aberto o seu expediente ata ben entrados os anos corenta ademais de someterlle a restricciones para traballar e obrigarlle ao pago de diferentes multas e contribucións 'voluntarias' de 5.000 pesetas para o Roupeiro de Guerra, ou 'renuncias voluntarias' a cantidades elevadas (10.000 pesetas) que lle debía a Diputación provincial, etc....
Segundo o informe do Comisario Xefe da Comisión de Investigación e Vixilancia de Ourense de 26 de outubro de 1940, que figura entre a documentación do seu expediente de Responsabilidades Políticas, o doutor Manuel Pena Rey estaba afiliado ao Partido Galeguista e era socio da Agrupación de Oficios Varios na Casa do Pobo. fora apoderado da Fronte Popular en 1936 'pactando con aquel e traballando con denuedo en prol da Independencia de Galicia, o que deu lugar a discusións no seu partido'.
Testificaron ao seu favor durante a instrución do Expediente de responsabilidades políticas diversas persoas como Antonio Saenz Díez. Celso da Torre ou o doutor Luís Santos Ascarza (quen con data 11 de decembro de 1940 defende ante o Tribunal a integridad moral e profesional do doutor Pena).
A sentenza do TRRP da Coruña de data 9 de abril de 1941 declárao incurso en responsabilidade política, imponlle cinco anos de inhabilitación especial para cargos públicos de mando, confianza e directivos, e condénalle ao pago de 500 pesetas.
Tardará máis de oito anos en ser rehabilitado 'farao o Gobernador Civil Vicente Muñoz Calero, por intereses persoais derivados da necesidade de precisar a asistencia do médico Pena Rey para atender a un familiar próximo–" (tomado do libro "Médicos Ourensanos Represaliados en la Guerra Civil y en la Posguerra. Historias de la -longa noite de pedra" (2010), David Simón Lorda, Fundación Dez de Marzo/Concello de Ourense)
A miña queixa ao P$o€ por permitir que o seu alcalde de Vigo negue o derrube da cruz fascista do Castro
Estación Atlántica: Non admisión recurso amparo Trib Constit x cruz fascista #Vigo gracias @PSOE @sanchezcastejon
https://t.co/V4Odyh5EOy
— MJBarreiroLG (@mjbarreirolg) November 24, 2015
@PSOE @sanchezcastejon Gracias a vtras gracias impera negacionismo alcaldia de Vigo que sí ahora vamos y os Botamos pic.twitter.com/zVoWSgbVi6
— MJBarreiroLG (@mjbarreirolg) November 24, 2015
Non admisión a trámite do recurso de amparo do Tribunal Constitucional pola cruz do Castro
Achégase informe do Tribunal Constitucional
INFORMAMOS a socios, simpatizantes e colaboradores que impulsaron e
colaboraron tecnica e/ou economicamente. Para todas e todos o noso
agradecimiento e admiración.
Pechouse un capitulo pero o proceso segue: a loita continúa e a sociedade cada vez máis plural toma o relevo
Telmo Comesaña
Presidente Asociación Viguesa pola Memoria Histórica do 36
domingo, 22 de novembro de 2015
"Declaración de Vilaboa"
Regaduxa Memória Histórica de Vilaboa
O 28 de novembro ás 13:30h. no Peirao de Santa Cristina de Cobres
Despois da xuntanza dos colectivos da memoria
histórica, que terá lugar ás 11h na casa de cultura de Riomaior,
procederase, á 13h30 no peirao, á lectura pública da chamada
"Declaración de Vilaboa".
Texto elaborado por estes colectivos presentes
na reunión que falará das denuncias que temos que facer ante a
inoperatividade do gobernos en materia de memoria histórica, e marcará
liñas de actuación para vindeiras datas.
Pontevedra renderá homenaxe ás mulleres represaliadas e resistentes cun acto no Teatro Principal
PonteVedra Viva! 22/11/15
A memoria das mulleres que está a recuperar o Concello de Pontevedra a través do programa municipal bautizado, precisamente, como A memoria das mulleres, centrarase a vindeira semana nas mulleres represaliadas e resistenes, as mesmas que xa teñan protagonizado tres edicións das Xornadas 'Represaliadas e resistentes' e que nestes días están máis presentes ca nunca na memoria colectiva coincidindo co corenta aniversario da morte do Ditador. Francisco Franco, que inspirou esa represión. Nesta ocasión, será a través dun acto público no Teatro Principal.
O acto está organizado para as 20.30 horas do vindeiro venres 27 de novembro
e servirá para render homenaxe a mulleres asasinadas, rapadas,
encarceradas, depuradas, aldraxadas, sinaladas polo seu compromiso
político ou polo parentesco a raíz do Golpe de Estado de 1936 e durante a
Guerra Civil e os anos do Franquismo.
Dende A memoria das mulleres lembran que " as mulleres foron vítimas dunha cruenta represión que se prolongou no tempo da Ditadura. Sen
dereito ás bágoas, sen dereito á dor, as mulleres conservaron os
recordos no interior das casas, no tempo do silencio e do esquecemento".
A homenaxe servirá para representar nos nomes de case un cento de mulleres, a emoción e o orgullo que debe sentir a sociedade polas súas "vidas xenerosas".
luns, 16 de novembro de 2015
Homenaxe ao médico dos pobres
![]() |
Foto cedida, Telmo Bernárdez, líder agrarista. O médico foi asasinado o 12 de novembro de 1936 en Pontevedra. Contaba con 51 anos e era membro do partido Republicano Galego
|
A familia do médico redondelano fusilado en 1936 Telmo Bernárdez regresa de México
A Voz - Luis Carlos Llera
13 de novembro de 2015
Tal día como onte, Telmo Bernárdez Santomé, o médico
dos pobres de Redondela, morría asasinado. E o Concello quixo renderlle
homenaxe. Non en balde é o personaxe do ano na súa vila. O acto comezou
no cemiterio dos Eidos, un pequeno camposanto rodeado dunha urbanización
dormitorio. Alí depositouse un ramo de flores sobre a tumba que, con
esmero, coida unha achegada da familia durante todo o ano xa que os
descendentes de Telmo residen en México. A ese país tivo que fuxir a
viúva cos seus nove fillos no ano 1936. Para asistir á efemérides
desprazáronse desde o outro lado do océano a nora de Telmo Bernárdez,
Loty da Granxa, unha alacantina que coñeceu no país azteca a Suso
Bernárdez, un dos fillos de Telmo, e dous das súas netas. Unha delas,
Amaya, recordou os «duros anos» da familia durante a posguerra, na que
os seus pais tiveron que «traballar como animais» pero puideron vivir en
paz grazas á xenerosidade do presidente da Republica, Lázaro Cárdenas,
cos exiliados.
O alcalde de Redondela, Javier Bas, descubriu xunto á
súa familia un placa que recorda a casa onde viviu Telmo Bernárdez. No
seu día foi confiscada e hoxe é un albergue onde pasan a noite os
peregrinos do camiño de Santiago ao seu paso polo municipio. Ao
descubrir o recordatorio, un dos dirixentes do Colectivo Republicano,
Raimundo Cal, pronunciou unhas improvisadas palabras nas que criticou
que non se aplicou a Lei de Memoria Histórica para resarcir a «miles de
persoas que morreron nas cunetas». Á homenaxe acudiron políticos de
diferentes ideoloxías e, durante os actos, un grupo de achegados á
familia portou unha bandeira republicana.
Telmo Bernárdez, ademais de axudar a moitos dos seus
veciños como médico, foi o presidente do casino de Redondela no ano
1932. A súa preocupación pola situación dos que traballaban no campo
levoulle a converterse en líder agrarista e utilizou xornais da época,
como Nova xente ou A Opinión, para dar a coñecer as súas ideas. Tamén
foi un destacado membro do Partido Republicano Galego e o 6 de marzo do
ano 1936 foi nomeado delegado da Confederación Hidrográfica do Miño.
Desde o seu cargo fixo intensa campaña a favor do estatuto de autonomía
de Galicia. Tras estalar a guerra, Bernárdez foi asasinado a madrugada
do 12 de novembro en Pontevedra. Estaba casado con Isabel Gómez, filla
do secretario do Concello do Porriño. Tras o asasinato, a súa familia
tivo que fuxir. Primeiro fixérono a Portugal e logo a Francia, desde
onde se marcharon a Nova York para finalmente acabar en México. E alí
seguen.
Etiquetas:
agro,
cemiterio,
exilio,
fusilados,
homenaxe,
latinoamérica,
medicina,
Pontevedra provinc,
vitimas
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)























