, Telmo Bernárdez, líder agrarista. O médico foi asasinado o 12 de novembro de 1936 en Pontevedra. Contaba con 51 anos e era membro do partido Republicano Galego
|
A familia do médico redondelano fusilado en 1936 Telmo Bernárdez regresa de México
13 de novembro de 2015
Tal día como onte, Telmo Bernárdez Santomé, o médico
dos pobres de Redondela, morría asasinado. E o Concello quixo renderlle
homenaxe. Non en balde é o personaxe do ano na súa vila. O acto comezou
no cemiterio dos Eidos, un pequeno camposanto rodeado dunha urbanización
dormitorio. Alí depositouse un ramo de flores sobre a tumba que, con
esmero, coida unha achegada da familia durante todo o ano xa que os
descendentes de Telmo residen en México. A ese país tivo que fuxir a
viúva cos seus nove fillos no ano 1936. Para asistir á efemérides
desprazáronse desde o outro lado do océano a nora de Telmo Bernárdez,
Loty da Granxa, unha alacantina que coñeceu no país azteca a Suso
Bernárdez, un dos fillos de Telmo, e dous das súas netas. Unha delas,
Amaya, recordou os «duros anos» da familia durante a posguerra, na que
os seus pais tiveron que «traballar como animais» pero puideron vivir en
paz grazas á xenerosidade do presidente da Republica, Lázaro Cárdenas,
cos exiliados.
O alcalde de Redondela, Javier Bas, descubriu xunto á
súa familia un placa que recorda a casa onde viviu Telmo Bernárdez. No
seu día foi confiscada e hoxe é un albergue onde pasan a noite os
peregrinos do camiño de Santiago ao seu paso polo municipio. Ao
descubrir o recordatorio, un dos dirixentes do Colectivo Republicano,
Raimundo Cal, pronunciou unhas improvisadas palabras nas que criticou
que non se aplicou a Lei de Memoria Histórica para resarcir a «miles de
persoas que morreron nas cunetas». Á homenaxe acudiron políticos de
diferentes ideoloxías e, durante os actos, un grupo de achegados á
familia portou unha bandeira republicana.
Telmo Bernárdez, ademais de axudar a moitos dos seus
veciños como médico, foi o presidente do casino de Redondela no ano
1932. A súa preocupación pola situación dos que traballaban no campo
levoulle a converterse en líder agrarista e utilizou xornais da época,
como Nova xente ou A Opinión, para dar a coñecer as súas ideas. Tamén
foi un destacado membro do Partido Republicano Galego e o 6 de marzo do
ano 1936 foi nomeado delegado da Confederación Hidrográfica do Miño.
Desde o seu cargo fixo intensa campaña a favor do estatuto de autonomía
de Galicia. Tras estalar a guerra, Bernárdez foi asasinado a madrugada
do 12 de novembro en Pontevedra. Estaba casado con Isabel Gómez, filla
do secretario do Concello do Porriño. Tras o asasinato, a súa familia
tivo que fuxir. Primeiro fixérono a Portugal e logo a Francia, desde
onde se marcharon a Nova York para finalmente acabar en México. E alí
seguen.
Nenhum comentário:
Postar um comentário