Foto Pontevedraviva.com |
Pontevedra.gal 24/11/15
Dentro do programa municipal A memoria das mulleres,
o Concello de Pontevedra organiza este venres, 27 de novembro, unha
homenaxe institucional ás mulleres que sufriron a represión franquista. O
acto que se celebrará ás 20.30 horas no Teatro Principal, é froito dun
acordo da Corporación, que prevé tamén reforzar a presenza das mulleres
nos espazos públicos mediante a denominación de parques, prazas e rúas; a
creación de roteiros urbanos; e creación de murais artísticos e a
instalación de rótulos e inscricións que recoñezan e divulguen a achega
das mulleres á historia da cidade, tanto desde o punto de vista
individual como colectivo.
Na homenaxe deste venres lembrarase o
nome de case un cento de mulleres que foron vítimas de todos os tipos de
represión: asasinato, como Consuelo Acuña ou Elvira Lodeiro; o rapado
do cabelo, como Custodia Gama, Camila Pintos Blanco, Carmen Echevarría,
Aurelia Garrido, Olivia Tomé, Asunción Vilas A Vidala ou
Encarnación Silva; prisión, como Enma Mourón, Josefina Arruti, Carmen
Abuín, Josefina Blanco ou Asunción Vilas, presa en Saturrarán.
Mulleres que sufriron castigos
económicos e laborais como as mestras Peregrina Martínez Santos, Nieves
Adrio Sobrido, Pilar Poza Juncal, as irmáns Exclavitud e Serafina Dios
(tamén encarceradas), Ernestina Otero, ou as traballadoras do concello
Aurora Garrida e Delia Gendra.
Mulleres exiladas como Virxinia Pereira, Mercedes Magdalena ou Isabel Gómez Costas.
Mulleres que agocharon a perseguidos,
que lles levaron alimento e amor aos agochos e aos cárceres, como Rosa e
Oliva Fariña, Eulalia Carro, Maruja Álvarez, ou as irmás Aurora,
Nicereta e María Martínez Fernández (As Corseteiras), que tamén foron
encarceradas.
Tamén serán protagonistas da homenaxe as
mulleres que sobreviviron ao asasinato e á prisión dos seus familiares:
as nais, fillas, irmás e esposas que tiveron que convivir coa dor sen
dereito ás bágoas, sen dereito ao dó (duelo), porque mesmo estaba
prohibido chorar os seus, poñerlles unha lápida ou levar loito. E que
tiveron que sacar adiante as familias, e sufrir o silencio e a inxustiza
do esquecemento durante décadas.
As mulleres que sobreviviron, as que
protagonizaron escenas de solidariedade e resistencia no tempo do
terror, as que conservaron a memoria no interior das casas terán tamén
un espazo na homenaxe do venres, que pretende ser un acto de memoria e
de xustiza.
Publicación e vídeo
Este acto é resultado do traballo de
pescuda e investigación desenvolvido durante anos polo historiador Xosé
Álvarez Castro e complementado con ducias de entrevistas a familias que
realizou a xornalista e escritora Montse Fajardo.
Na homenaxe participará unha
representación das familias represaliadas e haberá intervencións de
Montse Fajardo, María do Carme Lores (neta de Isolina Villaverde e de
Aurelio Torres, asasinado o 23 de agosto do 36) e do alcalde de
Pontevedra, Miguel Fernández Lores. Tamén se proxectará un vídeo con
imaxes de mulleres represaliadas, algunhas delas inéditas, e entregarase
unha publicación divulgativa sobre o tema.
Desde o Concello queremos facer fincapé
en que a listaxe de nomes é interminábel e fica incompleta, por iso é
necesario seguir traballando na recuperación da cada historia, de cada
nome, de cada rostro, sacándoos do esquecemento inxusto ao que foron
condenados durante a ditadura e nas décadas posteriores, xa en plena
democracia.
Nenhum comentário:
Postar um comentário