A Xunta pechará o recinto en agosto debido ao veraneo dos Franco cando ten potestade para expropialo forzosamente
O Xornal/ DANIEL PRIETO / C. DÍAZ PARDO 25/07/2011
O Ministerio de Fomento está “disposto” a financiar a través do 1% Cultural –a achega coa que o Goberno central sufraga tarefas de conservación e enriquecemento do patrimonio histórico estatal–, a conversión do pazo de Meirás nun observatorio europeo sobre a memoria da guerra, a reconciliación e a cultura da paz. “O ministerio estaría disposto a apoiar esta iniciativa, que valoramos de forma positiva”, explicou Fernando Puig de la Bellacasa, secretario xeral de institucións e coordinación de Fomento. Segundo o representante estatal, “o problema é facerse coa propiedade do uso vía expropiación, xa que o 1% Cultural non se pode aplicar para compras, co que Fomento só podería actuar cando ese edificio pertencera ao patrimonio público”, engade.
Abel López Soto, o ex rexedor nacionalista de Sada, o municipio coruñés onde se sitúa o pazo, presentoulle o seu proxecto para facer de Meirás un centro europeo da paz a De la Bellacasa e á directora xeral da Unesco, Irina Bokova. Ambos os dous responsables encomiaron este proxecto. O BNG sadense iniciou en 2006 os trámites para a declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) da antiga residencia de Emilia Pardo Bazán, espoliada en plena Guerra Civil pola Junta Pro-Caudillo.
O anterior Goberno municipal de Sada xa anunciara hai meses a súa intención de incorporar o pazo de Meirás ao patrimonio público. O documento de inicio do Plan Xeral de Ordenamento Municipal (PXOM )catalogaba o edificio e a finca como “equipamentos municipais”, o que abriría a porta á súa expropiación. “Os Franco non van ceder nunca o pazo, polo que nós queriamos metelo no plan por sistema de expropiación. Para iso había que catalogar a zona como de equipamento co que, ademais, o solo pasaba a ser rústico”, explica Soto.
O cambio de Goberno en Sada, non obstante, podería afectar á restitución de Meirás ao patrimonio público. Tras as pasadas eleccións municipais, o independente Ramón Rodríguez Ares, franquista confeso e amigo persoal dos Franco, foi nomeado primeiro tenente de alcalde a cambio de darlle o seu apoio a Ernesto Anido, do PP, para que puidera alzar o bastón de mando, xa que a lista máis votada foi a do BNG. En declaracións a Xornal, Rodríguez Ares asegurou que “es estupendo que el pazo se cierre en verano y debería estar así todos los meses”.
A Lei de Patrimonio Cultural de Galicia de 1995 lexitima a Xunta para expropiar forzosamente o pazo, xa que é BIC e a súa propietaria pretende incumprir coa súa obriga de abrilo ao público. O executivo galego pode tomar esta decisión en concepto de “sanción” se detecta un “grave incumprimento” desas obrigas e apelando ao “interese xeral”. Nunha recente entrevista na Cadena Ser, o director Xeral de Cultura, Antonio Fernández-Campa, asegurou que “respectaría que fose o Goberno central o que iniciara o procedemento de expropiación”, se así se desprende “do pergameo” de doazón do pazo, extraviado recentemente. Así, a pelota está agora no tellado da Xunta, tras as declaracións do portavoz do Ministerio de Fomento a favor de financiar en Meirás un centro da paz.
O anterior bipartito da Xunta logrou que Meirás fose declarado BIC en 2008, tras unha longa disputa legal coa propietaria , Carmen Franco, a filla do ditador. Aínda que a Lei de Patrimonio Cultural establece que os bens baixo esa figura da máxima protección patrimonial deben abrir ao público catro días ao mes, a chegada do PP á Xunta freou ese proceso. O actual presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, incluso se opuxo en reiteradas ocasións á apertura de Meirás á cidadanía cando estaba na oposición.
Finalmente, Meirás abriu ás visitas en 2010, con tres anos de atraso, polo que a oposición acusou o PP de “defender os intereses da familia Franco”. A propietaria do pazo, interpuxo numerosos recursos na Xustiza contra a declaración de BIC de Meirás. Tras perdelos todos, viuse na obriga de aceptar a apertura do pazo ás visitas, que tramita a empresa privada Prosegur e, segundo indicou a Xunta, están cubertas ata 2012.
Aínda que non está obrigada por lei, é a Xunta a que afronta os gastos de seguridade, en vez dos Franco, que ascenden a máis de 9.500 euros ao ano procedentes dos cartos de todos os galegos. As última información da Consellería de Cultura é que o pazo permanecerá pechado en agosto xa que os Franco acudirán a Meirás ese mes para veranear. Escudándose no incremento dos gastos de seguridade que suporía abrir o pazo, a Xunta pensa permitir que se incumpra a lei.
A clausura do pazo á cidadanía espertou a indignación de BNG e PSdeG, e de colectivos como a Comisión para a Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, que acusaron o Executivo galego de “favorecer”, unha vez máis, os herdeiros do ditador e de “incumprir” a lei. Para a a deputada do BNG Ana Luisa Bouza os “reiterados atrancos” dos Franco á Xustiza lexitiman a expropiación do pazo.
Nenhum comentário:
Postar um comentário