Telmo Comesaña Pampillón (fillo de José Comesaña Pérez, asasinado o 6 de outubro do 1936)
Vigo 29 xuño 2011 (publicada o venres 1 de xullo do 2011)
Refírome a carta publicada o día 28/06/11, nesta mesma sección do xornal FARO DE VIGO co título ¿CRISIS? NO PARA LA MEMORIA HISTÓRICA e asinada por Jesús Domínguez Martínez. Reflicte este Sr. que o Ministerio de Presidencia mantén os 5,6 millóns de € -o mesmo que no ano 2010- para actividades relacionadas coa Memoria Histórica. E engade:”la crisis económica no afecta a una de las apuestas ideológicas del gobierno a ensalzar la etapa republicana”.
Somente desde a mala fe ou desde a iñorancia ou das dúas cousas se poden facer manifestacións semellantes. Para Vd. D. Jesús 5,6 millóns de € para a Memoria son un aldraxe, pero parece que non se enterou dos soldos que se acaban de subir os/as políticos recén nomeados, nin lle preocupan: o fraude, a corrución, os paraísos fiscais, as SICAV, etc. etc.
Mala fe, porque non é ensalzar a época republicana. Os asasinatos, as torturas, os traballos forzados, Os desaparecidos, os campos de concentración, as incautacións, os desterros, o exilio e a violación dos dereitos humanos déronse ata o ano 1977.
Non D. Jesús non, 5,6 millóns de € son miseria. O Estado español ten unha débeda impagable cos arredor de 20.000 orfos que quedamos sin pai en Galicia; as nosas nais aldraxadas, moitas delas rapadas, perseguidas e insultadas. Como eran viuvas de ROJOS non tiñan dereito a queixarse. Para elas non houbo consolo, so represión. E nesas condicións criámonos.
Non esquecemos, e seguiremos a pedir Verdade, Xustiza e Reparación; e saiba que unha carta como a súa fírenos; non somos merecentes de seguir sendo aldraxados. E pídolle por favor que antes de publicar algo semellante, pense…
Telmo Comesaña Pampillón (fillo de José Comesaña Pérez, asasinado o 6 de outubro do 1936)
Vigo 29 xuño 2011
Nota: esta carta foi publicada o venres 1 de xullo do 2011
Nenhum comentário:
Postar um comentário