Este sábado, 12 de maio, ás 15 horas portuguesas como estaba previsto comezaron os actos de homenaxe aos homes e mulleres mort@s polo franquismo na Galiza, na ponte Internacional de Monção, co descubrimento dunha placa en que figuran os nomes das 56 persoas homenaxeadas cunha referencia á terra da súa orixe cando esta se coñecer.
Sermos Galiza- Marga Romero
Tomaron a palabra, neste primeiro acto en Portugal para dignificar a memoria das vítimas da persecución franquista de orixe portuguesa, o Presidente da Câmara de Monção, José Emilio Moreira, o Reitor da Universidade do Minho, António M. Cunha e o profesor do Instituto de História Contemporânea da Universidade Nova de Lisboa, Fernando Rosas. Mário Soares, mediante un escrito, desculpou a súa ausencia por motivos de saúde.
O grupo de gaiteiros “Os concheiros” acompañaron a cerimonia coa interpretación do Himno de Riego e Grândola, Vila Morena.
Na sala de conferencias da Casa Museu de Monção da Universidade do Minho, totalmente chea, Lourenzo Fernández Prieto, director do proxecto Nomes e voces da Universidade de Santiago de Compostela, presentou dito proxecto, e falou deste estudo pioneiro no Estado español, posíbel por un “cambio de goberno que se deu na Galiza en 2005 que declarou institucionalmente o ano 2006 como Ano da Memoria, cando foi Concelleira de Cultura do goberno galego Anxela Bugallo”. De seguido tomou a palabra o historiador Dionisio Pereiro, a quen lle debemos esta nova liña de investigación aberta, pioneira no Estado español, que conecta as dúas beiras do Miño, partillou co público a emoción por falar en presenza dunha bandeira republicana que pertence á familia Santiago (á mesma do escritor Silvio Santiago), das Terras de Monterrei, bandeira que permaneceu enterrada desde 1936 até a morte de Franco, símbolo da Memoria que cómpre desenterrar. O historiador partiu dunha característica fundamental das persoas homenaxeadas, eran emigrantes de orixe portuguesa, que desde puntos do Norte de Portugal se achegaron nos primeiros anos do século XX á Galiza: canteiros, xornaleiros, peixeiras, pedreiros, carrilanos do camiño de ferro de Ourense a Zamora, homes e mulleres que sufriron unha sorte parella á da cidadanía galega, sufriron a mesma represión, e non consta que o goberno portugués fixese nada por evitalo. Non morreron por ter orixe portuguesa, son vítimas da represión franquista por seren obreiros, estaren sindicados, organizados e seren antifascistas.
A antropóloga Paula Godinho da Universidade Nova de Lisboa nunha brillante intervención insistiu na necesidade de que a memoria abandone a esfera do privado e conxurou un “Nós”, composto polos falares dos dous lados e polas persoas que rexeitan “o apoliticismo que confisca as memorias”, ese “Nós” herdeiro das persoas hoxe homenaxeadas, portuguesas, que se asentaron na Galiza e que se integraron facilmente pola lingua, pola política, pola clase social, polos sindicatos e polos amores a as familias. Persoas portuguesas de nacemento, antifascista, vítimas, combatentes. Paula Godinho rematou a súa intervención coa lectura do poema de Jorge de Sena “Carta aos meus fillos”, sobre o cadro de Goya do fusilamento do 2 de maio.
Entre o público asistente e familiares das persoas homenaxeadas, salientaba o Presidente da Cultura Galega, Ramón Villares e atopábanse representantes de moitas Asociacións pola Memoria Histórica de Galiza: Amigos da República de Ourense, a Oliveira de Teo ou o Instituto de Estudos Miñoranos.
A xornada rematou coa actuación do grupo cultural “Os sinos da Sé”.
Nomes das Persoas homenaxeadas que figuran no monumento na Ponte Internacional de Monção
Abílio Araújo Barbosa (Paredes de Coura)
Adonís Jesús Teixeira Alonso
Alfonso Alonso “Portugués”
Amador Gómez Agostinho (ou Agustino)
António da Costa Sousa (Viana do Castelo)
António Feernandes Guimarães (Guimarães)
António González Pazos
António Moreira
António Pala Montero
António Ribeiro
Antonio Soler (ou Sober) Monteiro
Arturo Ferreira de Sousa
Augusto Alfonso González
Benito Diz Fernández “o da Portuguesa”
4 Desconhecidos
Domingo da Silva Esteves (Braga)
Domingo Juncal Rodríguez (Viana do Castelo)
Emilio Alonso Alonso
Enrique Acuña Barciela “Crabellón”
Evaristo Monteiro dos Santos
Fernando Nunez da Costa (Vila Real)
Francisco Amedo Parente
Joaquim (ou Juan) Salgado López
Joaquim Carlos Álvarez Ribeiro
Joaquín da Silva Ferreiro
Joaquín Domínguez Ferreira (Leiria)
José Augusto Pereira Rocha
José Brito Val
José da Silva Ferreira “Peixoto”
José da Silva González
José Gonçalves Garmel, Barbeita, Monção
José Manuel da Silva Duro
José María Sena (ou Fena)
José Pereira Lameira (Braga)
José Rocha “O Portugués”
Juan González de Jesús
Julio Azevedo Veiga
Leandro Diz Fernández
Luciano Janeiro Valente (ou Luciano Francisco Valente) (Almodovar)
Luís Castañeda Concepción
Luís Duarte Pedrosa
Manuel Correa de Carvalho Costa (Viana do Castelo)
Manuel Correa González
Manuel Faria
Manuel Felgueiras Coelho
Manuel Graciano Araujo
Manuel Prudencio do Rosario “Manuel Lucinda” (Santarem)
Manuel Silva Álvarez
María Bello Paz
María Nogueira (Chaves)
Mariana do Lazo Chaves (Viana do Castelo)
Miguel Gonçalves Pereira
Ramiro
Ricardo Solla Lemos (Lisboa)
Telmo Freitas Lima (Paredes de Coura)
Nenhum comentário:
Postar um comentário