Máis coñecido pola súa terrible morte tras un xuízo oprobioso, a vida breve pero intensa de Alexandre Bóveda (Ourense, 1903-Poio, 1936 ) tivo diversas facetas tanto artísticas como intelectuais que completan a figura do destacado político galeguista. Unha das máis importantes e destacadas foi a de economista, e esta é precisamente a que queren subliñar a xornalista María Xesús Arias, “Pitusa”, e o ilustrador e deseñador Carlos Sardiña, autores do álbum de banda deseñada “Bóveda, un alegato pacifista contra a inxustiza”. O volume dos autores feneses, que será editado en breve polo colectivo de radios municipais galegas Radiofusión, entrou hai cinco días na plataforma Verkami para o seu financiamento colectivo.
O proxecto ten 40 días para conseguir 4.300 euros dos que onte había 180. Aínda que non o logren, esta biografía visual –xa elaborada– editaríase igual. As persoas interesadas en coñecer o proxecto ou colaborar neste método de mecenazgo poden entrar na páxina web: www.verkami.com/projects/3643-boveda-un-alegato-pacifista-contra-a-inxustiza. En función do aportado obterán distintos beneficios. Antes do 15 de xaneiro os autores queren editar o libro de 46 páxinas.
Conexión coa actualidade
A través do traballo escolar dunha nai que fala co seu fillo vase debullando a biografía de Alexandre Bóveda, atendendo a un dos aspectos que máis o conecta co noso momento actual, o financeiro.
Segundo María Xesús Arias e Carlos Sardiña, “Bóveda defendía unha fiscalidade progresiva, que os que máis teñen pagasen máis impostos e unhas caixas de aforros ao servizo de Galicia e das persoas máis desfavorecidas. Tampouco vía ben a voracidade dos bancos, xa naquela volta. Por iso cómpre reivindicar o seu pensamento, que ten unha sorprendente actualidade nestes momentos”.
Editado a cor e con tapa dura, así pois antes dun mes estará nas rúas esta sorprendente e actual biografía de Alexandre Bóveda dos autores feneses.
O alegato pacifista de Bóveda
Radiofusión 16/12/2012 • Autor: Redacción
"Bóveda, un alegato pacifista contra a inxustiza" é un
relato situado no momento actual, arredor da vida e do pensamento de Alexandre
Bóveda. Carlos Sardiña realizou os debuxos. Pitusa Arias, historiadora e
xornalista, salientou a vixencia das teorías de Bóveda que defendía unha banca
pública axente de dinamización da actividade económica. Tamén insistia na
necesidade dunha fiscalidade progresiva, para utilizar os impostos como fórmula
de redistribución da riqueza.
A banda deseñada demanda a colaboración e a implicación como
público conscente da cidadanía. Búscanse micromecenas para esta recuperación da
figura e da teoría de quen foi dirixente do Partido Galeguista. “A idea xurdiu o
pasado 17 de agosto no acto en lembranza de Bóveda celebrado na Caeira en Poio,
coa intención de facer unha chiscadela a un público novo e divulgar o seu
pensamento” afirma Pitusa Arias. Botan unha ollada atrás, para dar conta da
importancia de Bóveda como fundador da Caixa de Aforros de Pontevedra, como
entidade bancaria implicada co seu entorno social.
Francisco Carballo e Xerardo Álvarez Gallego elaboraron
biografías de Alexandre Bóveda e eses traballos utilizaronse como fonte para
sintetizar e traer a súa traxectoria vital ao linguaxe da banda deseñada. Carlos
Sardiña e Pitusa Arias xa colaboraron na elaboración da biografía de Andrés
Barallobre chamada “Galiza acorda”. Agora pretenden levar adiante unha
publicación en formato europeo, unha banda deseñada a toda cór. Sonradiofusión
colabora na promoción e na edición de “Bóveda” e para iso requiren a
colaboración cidadán a través do portal de verkami. Pódese axudar con diferentes
alternativas situadas entre os 7 e os 450 euros.
Nenhum comentário:
Postar um comentário