A CRMH pídelle ao rei Felipe VI que, tal e como fixo coa súa irmá, tamén lle retire os títulos nobiliarios concedidos polo seu pai e por Franco a destacados fascistas.
Galicia Confidencial | A Coruña | 22/06/2015
Carmen Polo, filla de Franco e duquesa de Franco; Arias-Navarro, co Ducado de Mola, o Marqués de Queipo de Llana o Marqués de San Leonardo de Yagüe, o Duque de Carrero Branco, o Marqués de Dávila, o Conde do Alcázar de Toledo, o Marqués de Varela San Fernando, o Marqués de Somosierra, o Duque de Calvo Sotelo, o Marqués de Kindelán e o Marqués de Saliquet. E así, ata quince personalidades relevantes do franquismo que foron premiados cun título nobiliar por Franco e polo ex monarca español Juan Carlos I.
Por iso, a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH) pediulle ao seu sucesor e fillo, Felipe VI que retire estes títulos pola súa clara vinculación co franquismo. E é que agora, din, non hai escusa tras coñecer que retirou á súa irmá o título de duquesa.
Deste xeito, apuntan que o monarca español pode utilizar "a mesma potestade" que a empregada para retirar á infanta Cristina "o título de Duquesa de Palma". “Eses títulos foron dados a xente que participou no levantamento contra o réxime constitucional e democrático da II República, cometeron crimes contra a humanidade ou ocuparon importantes responsabilidades políticas na ditadura".
A CRMH considera "unha ofensa ás vítimas da ditadura franquista" e "unha auténtica vergoña para España" e pregúntase se en Alemaña ou Italia sería posible "a existencia de distincións honoríficas aos descendentes de Hitler ou Mussolini". Censura que "algunhas persoas implicadas na represión criminal da ditadura franquista e no asasinato de miles de persoas" reciban o recoñecemento de "Grande de España".
En total son quince os títulos que pide retirar, en primeiro lugar o Ducado de Franco concedido polo rei Juan Carlos I á filla de Francisco Franco, Carmen Franco Polo. Outro vinculado á familia Franco é o Señorío de Meirás, que desapareceu cando morreu a viúva do ditador, Carmen Polo, pero que recuperou o seu neto Francisco Franco Martínez-Bordiú.
Varios destes títulos concedéronse a título póstumo e hoxe están extintos aínda que a nivel oficial os titulares son xerais do bando sublevado na Guerra Civil ou cargos políticos vinculados á ditadura, como o caso do Duque de Primo de Rivera, que ostenta o fundador da Falanxe Española, José Antonio Primo de Rivera.
Nenhum comentário:
Postar um comentário