A alcaldesa coloca o cadro de Castelao no despacho. //Foto Faro de Vigo - Santos Álvarez |
Leticia Santos, do BNG, substitúe a imaxe de Juan Carlos I pola de Castelao e envíaa ás dependencias da policía
Luís Carlos Llera. Vigo / A Voz, 16 de xuño de 2015
A nova alcaldesa nacionalista de Moaña (19.365 habitantes), Leticia Santos, do BNG, quixo deixar patente que o Concello entra nunha nova etapa, presidido por primeira vez por unha muller. O primeiro que fixo ao entrar no Concello, no que goberna co PSOE, foi retirar a bandeira de España e tamén a fotografía do rei Juan Carlos I que tiña o seu predecesor o popular José Fervenza no despacho da alcaldía. Só deixou a bandeira galega.
Santos substituíu a imaxe de Juan Carlos I de Borbón por un cadro cun debuxo coa imaxe de Daniel Rodríguez Castelao. Rescatouno das dependencias da Policía Local onde agora han ir a parar a bandeira española e o cadro do rei. «Non son tan radical como para tiralo», sinalou a rexedora.
A dirección do BNG sinalou onte que non impartiu ningunha directriz respecto diso das bandeiras e que descoñecía que a rexedora moañesa tomase esta decisión persoal.
Esta moza de 30 anos, licenciada en Administración de Empresas, pediu a excedencia na súa empresa e púxose a traballar de cheo nun despacho que se atopou sorprendentemente baleiro. Non había nin sequera un computador. «Cando cheguei ao despacho étaba baleiro. Soamente había dous expedientes, un deles sobre a Mancomunidade do Morrazo, que preside Moaña», explicou a rexedora, que onte asinaba resolucións e atendía aos primeiros veciños.
A lei de bandeiras de 1981 sinala que a bandeira de España deberá ondear no exterior e ocupar o lugar preferente no interior de todos os edificios e establecementos da Administración central, institucional, autonómica provincial ou insular e municipal do Estado. Segundo xuristas consultados basta pois con que a bandeira e o cadro do monarca presidan o salón de plenos e a insignia, ademais, a fachada do edificio, cousa que ocorre no caso do Concello de Moaña. «Non é obrigatorio que estean no despacho do alcalde», indican.
A tenente de alcalde, a socialista Marta Freire, sinalou sobre a decisión da rexedora que «a min o tema da bandeira non me molesta. É unha cousa persoal, unha decisión que se toma para ter o mellor entorno para traballar». Freire engadiu que incluso comprende que se quite a fotografía do rei Juan Carlos.
Nenhum comentário:
Postar um comentário