O Alcalde socialisto de Vigo é condenado pola xusticia a derrubala de urxencia pero segue negándose

segunda-feira, 29 de junho de 2015

O alcalde de Baralla, denunciado ante a Fiscalía por humillar as vítimas do franquismo

O alcalde, cos seus partidarios tras evitar a dimisión
CC BY-SA Xosé Salgado
Praza pública.gal 27/6/15
Os polémicos chíos do concelleiro de Ahora Madrid, Guillermo Zapata, provocan que teña que declarar como imputado por un presunto delito de humillación ás vítimas do terrorismo. Un chiste de humor negro de hai catro anos sobre a vítima de ETA Irene Villa levarano ao banco dos acusados. A diferente vara de medir aplicada polo PP respecto de desafortunadas declaracións foi moi criticada por movementos sociais e formacións políticas e agora aos populares vénlle de volta. A Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) presentará a vindeira semana ante a Fiscalía Xeral do Estado un informe con diversas declaracións de dirixentes dese partido nas que se humillaría as vítimas do franquismo. Entre elas, as do alcalde galego de Baralla, Manuel González Capón, que asegurara que aqueles fusilados polo fascismo durante a ditadura "merecíano". 
 
No informe incluiranse tamén declaracións de Pablo Casado, actual responsable de Comunicación do PP, e as de Rafael Hernando, voceiro popular no Congreso. Un menosprezou publicamente as fosas nas que permanecen desaparecidos máis de 114.000 civís desaparecidos durante a represión franquista. O outro asegurou que as vítimas da ditadura só se acordaban de seus pais cando había subvencións. 
 
O 26 de xullo de 2013, Manuel Fernández Capón (PP) considerou, no pleno do Concello de Baralla, que as vítimas dos crimes do franquismo "merecíano" e o 22 de agosto os votos dos seus edís evitaron, no propio pleno, que tivese que abandonar o cargo. Tan só uns meses despois, o PP evitou reprobar no Parlamento o rexedor que xustificara a represión franquista.
 
O PP achegara ao debate unha emenda para substituír a reprobación específica a González Capón que impulsara o BNG para substituíla por un rexeitamento xeral a "calquera manifestación realizara por cargos públicos nas que se xustifiquen os crimes e asasinatos producidos durante o franquismo pola gravidade que supón dar amparo e xustificar a vulneración de dereitos humanos fundamentais naquela época". De ser aceptada ficaría fóra, polo tanto, a condena específica ás verbas de González Capón e a esixencia de que deixe o cargo. O BNG admitía a emenda como adición, non como substitución, pero os populares, representados por Paula Prado, non accederon no medio dun tenso debate.
 
Agora a denuncia da ARMH intenta que tanto o alcalde de Baralla como Casado e Hernando respondan ante a xustiza por este presunto delito de humillaciónás vítimas do fraqnuismo. A entidade tamén incluirá no informe o feito de que estas vítimas sexan obrigadas polo Estado a soster co seu pagamento de impostos a tumba do diatador Franco. 
 
Ademais, incluiranse no documento as declaracións que o ministro do Interior, Jorge Fernánez, fixo na Cadena SER e nas que asegurou que as palabras de Rafael Hernando son desafortunadas pero "non equiparables" con agresións a outras vítimas.
 
Un intre das protestas
CC BY-NC-SA BNG Lugo