Monumento en Ferrol |
Alternativagalega.com 2/4/13
Alternativa Galega de Esquerda, a través da deputada, Consuelo
Martínez, presentou na Comisión 1ª celebrada esta tarde no Parlamento
unha iniciativa na que se insta á Xunta de Galicia a instaurar o 10 de
marzo como Festivo Nacional Galego pasando a nomearse oficialmente “Día
da Clase Obreira Galega” en recoñecemento o carácter histórico dos
acontecementos que tiveron lugar en Ferrol ese mesmo día no 1972 O
10 de abril de 1972 ás sete e media da mañá en Ferrol, reuníanse nas
portas da factoría Bazán uns catro mil traballadores. Dende alí
marcharon en manifestación ata o polígono de Caranza. Nese momento, no
cruce da avenida das Pías coa estrada de Castela, a policía armada
impídelles o paso, o que desemboca nun enfrontamento aberto. As cargas
policiais, son respondidas polos traballadores con pedras e paus, ante o
que a policía comeza a disparar contra os traballadores resisten hasta
forzar la retirada de la policía. Atrás queda un traballor morto, Amador
Rey, e outro agonizando, Daniel Niebla, e máis de cen feridos, algún en
estado moi grave. O que reclamaban non era máis que un Convenio Galego
no que se mellorarán as precarias condicións asinadas no convenio
interprovincial en Madrid.
Foi o día 10 o día no que a prensa informa dos feitos con especial
atención ás cargas policiais destacando os disparos e os feridos e tamén
é o día no que a dirección da empresa publica a decisión de peche. A
noticia esténdese e os comercios e colexios pechan asi como
traballadores doutras empresas paran en sinal de solidariedade. O
exército permanece acuartelado e a cidade é tomada pola Garda Civil e a
Policía Armada. As 8 horas do 10 de marzo de 1972, despois de comprobar o
peche patronal de Bazán, unha columna de 4.000 persoas diríxense en
manifestación cara o barrio de Caranza. Hai folga xeral en todas as
empresas e todo Ferrol mobilízase contra a represión. A solidariedade
contra a represión fascista esténdese por todo o Estado, con
manifestacións en Compostela, Madrid, Barcelona e Bilbao, entre outras.
Antes de chegar ao barrio de Caranza prodúcese unha nova carga dos
grises que abren fogo contra os manifestantes rematando cun regueiro de
sangue e coa morte polas balas da policía franquista de Amador Rey e
Daniel Niebla e máis dun centenar de feridos. Aos poucos días da
matanza, chegaron as detencións. Destacados dirixentes obreiros, como
Pillado, Aneiros, Manuel Amor Deus ou José María Riobó, pasaron máis de
catro anos en cárceres da ditadura. Foron os últimos presos obreiros do
franquismo.
Nas loitas do 10 de marzo e nas que tiveron lugar en setembro en Vigo
está a base do movemento obreiro galego. Segundo José Gómez Alén, un
dos escasos investigadores do movemento obreiro galego, dende aquel
fatídico ano 1972, a conciencia democrática que xerminou dentro dos
muros de Bazán acabou trasladándose a toda Galicia. Aquela data pasou á
Historia como Día da Clase Obreira Galega. O Parlamento, en 1997,
recoñeceu institucionalmente a xornada. Sen embargo, nunca se fixo
xustiza, ninguén foi xulgado polos feitos de Ferrol.
Así pois Alternativa Galega de Esquerda defende que os feitos
ocorridos o 10 de marzo de 1972 en Ferrol, deben ser recoñecidos como
feitos históricos que marcaron o rumbo dunha nova Galiza que camiñaba
decidida cara á democracia. A represión fascista exercida sobre os
traballadores de Bazán e o pobo de Ferrol é unha mostra máis da
impunidade coa que actuaba o réxime e a falla de responsables xulgados
por estes asasinatos demostra que a Transición lonxe de facer xustiza,
tivo como obxectivo fundamental ocultar os feitos delitivos do
franquismo, asegurándose que ningún dos asasinos do réxime fora xulgado e
condenado. “A loita sindical de 1972, tanto no mes de marzo en Ferrol,
coma en setembro en Vigo, cambiaron a Historia de Galiza, fortaleceron o
movemento obreiro galego e alimentaron a conciencia democrática do
pobo, iniciando un camiño que xa non tiña marcha atrás” defendeu a
deputada Consuelo Martínez.
Nenhum comentário:
Postar um comentário