Medo político e control social na retagarda franquista de Lucio Martínez Pereda
Edicións Xerais de Galicia
En venta febreiro 2015
Medo político e control social na retagarda franquista excede as formulacións
cuantificadoras habituais nos traballos de investigación e proxecta o fenómeno
da represión franquista fóra do seu ámbito estrito para achegarse á sociedade
que o padeceu. Manexando un conxunto documental heteroxéneo –sentenzas e
expedientes xudiciais, informes de servizos de investigación, expedientes de
depuración, peticións de clemencia, cartas de delación…–, a información
recollida por Lucio Martínez Pereda nesta obra vai máis aló dos cárceres, dos
paseos nocturnos e dos pelotóns de fusilamento para estudar os aparellos
represaliadores –comisións de depuración e de incautación de bens, tribunais de
responsabilidades políticas e de represión da masonería– que a modo de tea de
araña integraron un amplo repertorio de castigos: desde o cárcere e o desterro
ata a perda das propiedades, negocios e traballos. Este proceso represivo, non
interrompido ao final da guerra e continuado nun sistema composto de distintas
formas de persecución complementarias entre si, provocou que o medo e a vontade
de sobrevivir se convertesen nunha forma de xerar pasividade que permeabilizou
socialmente a violencia política entre amplas capas da sociedade galega. O medo
político e os mecanismos de control social inherentes ao seu funcionamento
derivaron nun importante axente psicolóxico de acción social e alongaron
temporalmente os seus efectos ata ben entrada a década de 1950.
Lucio Martínez Pereda (Vigo). Licenciado en Xeografía e Historia pola
Universidade de Santiago de Compostela, exerce como profesor de Historia no IES
Valadares de Vigo. O seu labor investigador centrouse en diversos aspectos da
retagarda franquista durante a Guerra Civil: mobilización, propaganda política e
depuración administrativa. Leva publicado os seus traballos en varias revistas
de estudos históricos e é autor das obras La depuración franquista del
Magisterio Nacional en el norte de Zamora 1936-1943 (2008), Propaganda,
mobilización e cerimonias político relixiosas en Vigo durante a Guerra Civil
(2011) e Medo político e control social na retagarda franquista (Xerais, 2015).
Actualmente estuda a mobilización e politización de masas na fase inicial da
ditadura en Galicia.
Nenhum comentário:
Postar um comentário