O Alcalde socialisto de Vigo é condenado pola xusticia a derrubala de urxencia pero segue negándose

domingo, 26 de julho de 2015

“Todo o que fago é polo meu pai, asasinado a mans dos falanxistas”

Dario Rivas de camiño a San Simón
 
Darío Rivas era o fillo de Severino, alcalde de Castro de Rei, asasinado polos falanxistas en 1936. Con 95 anos, segue a loitar por restituír a memoria das vítimas da represión e da guerra civil. Hoxe intervén no acto das Asociacións pola Recuperación da Memoria Histórica na Illa de San Simón
 
Sermos Galiza - Marta Obelleiro 20/7/15
Con 95 anos, Darío Rivas continúa con ganas de traballar por recuperar a honra das vítimas da represión. A súa loita en defensa das persoas represaliadas levouno a promover a querela arxentina contra o franquismo. Antes de intervir no acto convocado polas Iniciativa Galega pola Memoria (coordinadora nacional de entidades memorialísticas) na Illa de San Simón –que este ano homenaxea persoas exiliadas “sen relevancia política”-, conversou con Sermos Galiza para nos narrar a súa historia.
 
Este arxentino de adopción aténdenos do outro lado do teléfono, desde Lugo, onde descansa estes días na casa da súa familiar. Ten moito, moitísimo, que contar. De feito, convídanos a conversar en persoa para contarnos como comezou o seu activismo en defensa da recuperación da memoria. “Hai moitos detalles”, avanza. Explícanos que o seu afán por honrar a memoria das persoas que sufriron a represión “vén de hai anos, polo meu pai, que morreu asasinado en Portomarín”.
 
O seu pai, Severino Rivas, levaba tan só tres meses como alcalde de Castro de Rei cando foi apreixado polos falanxistas e asasinado nunha cuneta en Portomarín. A súa familiar intervén na conversa para nos explicar como tiveron coñecemento do lugar onde descansaban os restos do finado. “Foi unha casualidade. Pensabamos que o corpo de Severino ficara sepultado no cemiterio vello, baixo o caudal do río de Portomarín”, expón. Porén, nunha visita de Darío á vila luguesa, nunha tenda de souvenirs, unha veciña reconstruíu a morte do seu pai. “A veciña contou que sendo unha nena vira dous mortos nunha cuneta e que un dos asasinados era de Castro de Rei, segundo comentaban daquela en Portomarín”. Esta coincidencia provocou que, desde entón, Darío Rivas se afanara aínda máis en recuperar os restos do pai.
 
“Foi en 2005, grazas á Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica, cando conseguín recuperar o que quedaba de meu pai para enterrar os seus restos na sepultura da miña nai”, lembra. Severino Rivas convertíase hai unha década no primeiro galego vítima da represión exhumado. Para o resto dos familiares das vítimas reclama xustiza, “quero que os restos das persoas represaliadas que se atopan en fosas comúns lles sexan entregados ás familias”. “Tería que normalizarse a exhumación dos ósos de todas as persoas asasinadas polos falanxistas durante a represión e durante a ditadura”, sinala.
 
Darío Rivas non entende como a día de hoxe sigue habendo “ostentación da guerra civil”. Como mostra, alude ao Valle de Los Caídos, en Madrid, “un lugar construído por prisioneiros de guerra e onde aos falanxistas aínda se lles fan homenaxes”. Considera imprescindíbel reformar a constitución para garantir que as familias das persoas asasinadas recuperen os restos enterrados en fosas comúns e para acabar co enxalzamento da represión e de Franco. “O actual goberno prexudica a memoria, pois non ten problemas en sacar a relucir a guerra civil”, engade.
Franco segue gobernando. Deixou ben atadas as leis, o tipo de goberno e mesmo a Transición
Sobre a querela arxentina que el propio promoveu, lamenta que a xustiza española non aceptara investigar os crimes do franquismo. No Estado español, asevera, non hai democracia, “Franco, o criminal máis grande do século XX, segue gobernando”. “Encargouse de deixar ben atadas as leis, o tipo de goberno e mesmo a Transición”, denuncia.
 
Darío Rivas cóntanos que queda moito por recuperar a memoria, “fai falta que nos apoie o Goberno”. O que máis desexo, insiste, é que o Goberno contemple a situación das vítimas e que se faga cargo da exhumación. Antes de nos despedir, insiste en que non ten interese político nin económico ningún na recuperación da memoria: “todo isto fágoo polo meu pai”.
 
Con retranca, aos seus 95 anos, advírtenos de que teñamos tino co que publicamos “a ver se vos van cortar as subvencións por sacar á luz o que vos estou contando”. Hoxe volve citarse coa memoria na Illa de San Simón.
 

Nenhum comentário:

Postar um comentário