O Alcalde socialisto de Vigo é condenado pola xusticia a derrubala de urxencia pero segue negándose

quinta-feira, 30 de julho de 2015

A CRMH denuncia a permisividade da Xunta por "permitir aos Franco que sigan veraneando nun pazo roubado ao pobo"

Pazo de Meirás CC BY-SA Merce Blanco
A familia Franco di agora que abre o pazo de Meirás pero xa non permite reservar visitas
 
Miguel Pardo - Praza Pública 29/7/15
Como cada verán desde hai xa uns anos, a polémica volve arrodear o pazo de Meirás. Un día despois de que asegurase que as visitas se suspenderían ata setembro, a empresa privada que organiza as rutas di agora que se abre catro días ao mes, pero que as prazas xa están reservadas. A compañía contratada pola familia de Francisco Franco, que ocupará o inmoble durante o vindeiro mes, pareceu recuar ante as críticas, especialmente as do alcalde de Sada, que censurou o desleixo da Xunta ao "eludir a súa responsabilidade" á hora de asegurarse que a familia do ditador garanta que se cumpre a normativa que obriga a abrir ao público o pazo. 
A familia Franco di agora que si abre catro días de visitas pero que as prazas para os catro días xa están reservadas
Curiosamente, a empresa ofrece visitar o pazo este venres 31 de xullo, pero xa non ningún dos catro días de agosto que se tería que abrir segundo indica Turgalicia na súa web (28, 29, 30 e 31). "Tamén podería vir en setembro", asegura unha empregada de intentarmos reservar praza. "Pero non en agosto porque xa non hai sitio". Pero está pechado? "Si, está pechado... Non hai sitio", responde a compañía. Ao igual que ocorrera noutros veráns, resulta imposible facer reservas xa a finais de xullo, o que incrementa as dúbidas sobre a dispoñibilidade da familia do ditador a cumprir a normativa e o que provoca as críticas do Concello de Sada, que acusa a Xunta de facer "oídos xordos" e de non garantir as visitas. 
A CRMH denuncia a permisividade da Xunta por "permitir aos Franco que sigan veraneando nun pazo roubado ao pobo"
Non obstante, son moitas as voces que reclaman máis. A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH) da Coruña rexeita a permisividade da Xunta de Galicia coa familia Franco por "permitirlles que sigan veraneando no pazo de Meirás, que foi roubado ao pobo mediante impostos revolucionarios". "Descontos nas nóminas de centos de traballadores públicos ou achegas dun 15% dos orzamentos municipais dos distintos concellos da comarca da Coruña", aclara a entidade, que aclara que estes datos "invalidan" o argumento dos Franco, que sosteñen que o pazo de Meirás foi doado polo pobo galego ao ditador.
 
A CRMH critica a "permisividade" da Xunta, máis aínda logo de que o pazo fose declarado Ben de Interese Cultural (BIC), o que obriga á súa apertura ao público. Acordouse que foran catro días ao mes como mínimo, aínda que a Lei de Patrimonio Cultural de Galicia non estipula as xornadas. Pero os Franco adoitan poñer atrancos ou mesmo impedir as visitas, que xa son ben restrinxidas, ao vetar varias estancias da casa e non permitir sacar fotografías nin gravar vídeos na maioría delas. "Os señoritos que veranenan en provincias que non queren ser molestados, coa complicidade da Xunta do PP, que agocha a súa responsabilidade á hora de pedir que se cumpra a legalidade", insiste a CRMH. 
"Nin catro, nin seis nin oito días; se os Franco queren veranear en Galiza, que paguen un hotel, o pobo debe ter a titularidade do pazo"
"O PP que nunca condenou o franquismo é coherente coa permisividade que sempre tivo coa familia Franco ao deixala usar un pazo para veranear cando sabe perfectamente que foi roubado ao pobo polo ditador e que é o pobo quen debería ter a titularidade del", engade a Comisión, que exixe "que se restitúa ao patrimonio público o pazo de Meirás". "Non vale que se abra ao público catro, seis, oito días ao mes. Os que sexan. A familia Franco, se quere veranear en Galiza, que pague un hotel, como fan todas as persoas decentes", di. 
 
"Non é para nada presentable nunha democracia que as persoas descendentes dun ditador sanguinario teñan usufructo de propiedades que deberían de ser públicas para veranear. A ninguén se lle pasa pola cabeza en Italia ou en Alemaña que a familia de Benito Mussolini ou de Adolf Hitler aínda sigan gozando das riquezas que tiñan os seus parentes. Sobre todo se esas riquezas tiñan moito que ver co Estado italiano ou alemán", remata a CRMH nun comunicado que pide a "inmediata devolución ao patrimonio público" do inmoble. 

Nenhum comentário:

Postar um comentário