Atopados
A fosa 2 de San Xián
Investigación histórica
Joaquín Iglesias Portela
Ulpiano Iglesias naceu no agromar primaveral de 1936. Aos poucos meses ficou orfo. Joaquín, o seu pai, foi unha das primeiras vítimas da persecución franquista. Non podemos precisar a data do crime. Ulpiano coida que foi polos primeiros de setembro, ou quizais xa en agosto. Escoitara que ao seu pai o mataran na estrada da Guarda a Baiona, á altura de San Xián, lugar da parroquia do Rosal. Neste Rexistro Civil nunca foi asentada a súa defunción.
Segundo as súas referencias, soterrárano no cemiterio da pequena capela do lugar, baixo unha figueira que estaba fóra do adro.
Aquel crime deixou dolor e miseria para un cativo de catro meses, fillo serodio de Joaquín Iglesias Portela que nacera o 18 de xullo de 1872. Tiña pois 64 anos. Joaquín enviuvara e casara en segundas nupcias con Dolores Portela, residía en San Pedro da Ramallosa. Tivo, neste segundo matrimonio, sete fillos: Eduardo, Generosa, Constantina, Pepa, Antonia, Basilisa e Ulpiano. Ao maior, Eduardo, o único en idade de traballar e gañar o pan para os seus, obrigárono a ir á guerra. No servizo maltratárono, regresou enfermo de tuberculose e morreu ao pouco tempo. Como tamén faleceron de tuberculose e fame as súas irmáns Generosa, Antonia e Basilisa.
Joaquín Iglesias Portela gañaba a vida como carpinteiro. O seu fillo Ulpiano cita, con fachenda, algún dos seus traballos, como a porta da casa do médico Fariña ou os traballos de carpintería na de Laureano Lemos coñecida, daquela como hoxe, por Altamira, no barrio de Cotros, en San Pedro. Tamén relata que o único mal que fixera o seu pai fora pertencer á Sociedade de Obreiros de San Pedro.
O 5 de xuño de 1931 constituíse a corporación municipal de Nigrán que resultara elixida o 31 de maio. O novo alcalde será Manuel Alonso González e Joaquín Iglesias Portela forma parte daquela corporación democrática. O 25 de outubro a corporación municipal foi destituída polo goberno radical-cedista de Lerroux e Gil Robles e nomeou por decreto aos novos concelleiros; a corporación municipal ficará presidida por Ángel Costas Guisandes. Tras as eleccións de febreiro de 1936 o goberno da Fronte Popular resolve destituír as corporacións nomeadas e restituír as elixidas polos votos populares. Así aconteceu en Nigrán, e o 21 de febreiro volveu tomar posesión da alcaldía Manuel Alonso González e con el todos os concelleiros entre os que estaba Joaquín Iglesias Portela. Poucos meses despois acabarían coa súa vida.
Lembra Ulpiano que escoitaba dicir que o viñeran avisar dous mozos da nparroquia, veciños, “daqueles aos que lle deron unha camisa azul”, para que se presentase no cuartel da Garda Civil de Baiona. Cando saíu da casa e virou o camiño, botáronse sobre el e levárono preso. Nunca máis regresou.
Oíu tamén que no cuartel o torturaran salvaxemente e nese labor destacou un falanxista relacionado cunha ferraxería de Sabarís. A dureza destes castigos puidera explicar o que Carmen Cabreira, informante de Juan A.
González Pérez no seu libro Nigrán. memoria dunha guerra, 1936-1939. Vigo 1998, di “… e a Joaquín o “Barriga Verde”, que era carpinteiro da Cabreira, este padecía do corazón e cando ía na camioneta para darlle o tiro, antes de matalo, xa morreu, polo medo, do corazón…”
Ulpiano nunca reclamou nada. Só mantivo, en silencio, a memoria do pai, a quen non coñeceu, e o permanente recordo dunha familia indefensa á que os asasinos deixaron na miseria. Só desexaba recuperar os restos do seu pai para gardalos humildemente xunto aos da súa maltratada familia.
JOAQUÍN "O CARPINTEIRO DE SAN PEDRO"
(Toma posesión o 5 de xuño de 1931. Cesada polo Gobernador Civil o 21 de outubro de 1934. Reposta o 21 de febreiro de 1936 )
Alcalde: Manuel Alonso González
1º Tte. de Alcalde: Manuel Sanromán García
2ºTte. de Alcalde: Eduardo Rial Fernández
3º Tte. de alcalde: José Sanjuán Lorenzo
Rexedor Síndico: Manuel Misa Valverde
Concelleiros: José Vicente Sanromán Pérez; Rogelio Rodríguez Rodríguez; Manuel González Vidal; Manuel Estévez Iglesias; José Rodríguez Calvín; Pedro Salgueiro Rial; Joaquin Iglesias Portela; Eugenio Núñez Rouco; Antonio Rial Lomba; Manuel Costas Rial.
O 31 de xullo de 1936 o Comandante Militar de Baiona, Ramón Blanco Linares, Capitán de Infantería retirado, nomea unha Comisión Xestora presidida por Joaquín Fontán Ozores e integrada por Laureano Lemos Lago, Alvaro Mourelle García, Juan Saavedra Ozores, Benjamín Calvo Areal e Ángel
Costas Guisande (que fora alcalde entre outubro de 1934 e febreiro de 1936)
CORPORACIÓN MUNICIPAL DE NIGRÁN ELIXIDA O 31 DE MAIO DE 1931
Carlos Méixome Quinteiro
Historiador / Instituto de Estudos Miñoranos
Nenhum comentário:
Postar um comentário