O Alcalde socialisto de Vigo é condenado pola xusticia a derrubala de urxencia pero segue negándose

quinta-feira, 4 de novembro de 2010

Telmo Comesaña: "A cruz dos Caídos fai apoloxía do terrorismo”


“Caballero non se pronuncia e fixo declaracións propias dunha persoa ‘chulesca”

DANIEL PRIETO 03/11/2010 Telmo Comesaña (Vigo, 1934) sufriu a represión franquista nas súas propias carnes, xa que o seu pai foi asasinado en 1936 xunto ao seu tío e outras persoas, o que “truncou para sempre” a súa vida, relata. Incansable loitador, foi un dos máis destacados promotores da Asociación Viguesa pola Memoria Histórica do 36, que preside, fundada o 7 de agosto de 2005. Dous anos despois, o Concello de Vigo recoñeceu a esta asociación co título de entidade viguesa distinguida. Desde entón, o colectivo reclama que o consistorio vigués retire a cruz do Castro que Franco inaugurou en 1961 dedicada aos caídos.

En que estado se atopan as negociacións co alcalde de Vigo, o socialista Abel Caballero, para a retirada da cruz franquista do monte o Castro?

Para nós, eliminar ese símbolo é un obxectivo primordial, para o alcalde ao parecer non porque di que é un tema que causa resentimentos. Na última reunión non houbo un si ou un non rotundo pola súa parte. Presentámoslle 4.046 firmas de vigueses que apoiaban a nosa iniciativa , incluso de xente do seu propio partido, pero nada. Esa cruz fíxose en homenaxe ao fascismo e ao nazismo, inaugurada por Franco en 1961. Así que a actitude de Caballero é algo inédito en toda España. A cruz non está nun ámbito eclesiástico nin ten valor artístico, polo que segundo a Lei de Memoria Histórica habería que retirala porque fai apoloxía do terrorismo. Sería impensable outra cruz semellante en Francia, Alemaña e en calquera país civilizado.

Abel Caballero chegou a definirse como a persoa “que máis fixo” pola memoria histórica en Vigo, pero agora declina falar sobre o tema, ¿por que?

Son unhas declaracións propias dunha persoa chulesca e egocéntrica. Non se quere reunir con nós, pero presentamos o pasado 24 de agosto unha petición para participar no pleno de Vigo para expor os nosos razoamentos e esixir xa a retirada inmediata desa vergoña, para presentar ante todos os grupos políticos as nosas argumentacións sobre a necesidade do derrubo da cruz franquista.

Obtiveron resposta?

Nin sequera se dignaron a contestarnos, o que consideramos unha covardía política. É moi grave que un alcalde dunha cidade como Vigo non se queira reunir cunha asociación que foi nomeada viguesa distinguida, non o entendemos. Pero debe ter claro que nós, ademais da recollida de sinaturas, iniciamos unha campaña de repartición de folletos publicitarios para que os turistas que chegan a Vigo saiban o verdadeiro significado dese símbolo, que nós chamamos cruz da ignominia.

Pensan realizar algún tipo de iniciativa ante o silencio do concello sobre a cruz dos Caídos?

Este mesmo mes faremos unha concentración ao pe da cruz e levaremos pancartas e fotos de moitos represaliados de Vigo. Foi unha mágoa que o alcalde desaproveitara o bicentenario para retirala, porque era unha ocasión de ouro para desfacerse dela e situar alí a estatua en vez de na rúa Venezuela, porque que mellor sitio para esa celebración que fronte ao edificio do concello. Moitos funcionarios municipais nos dixeron que están desexando que leven a cruz de alí. Temos moios apoios nesta iniciativa. Unha señora, católica confesa, asegurou que alí non atopaba a Deus senón a evocación dun tirano que encheu este país de sangue e bágoas.

Desde o Concello de Vigo aseguran que o proceso de retirada de iconas franquistas se efectúa por fases, e que a cruz aínda non entrou en ningunha delas.

Que se deixen de lerias. Eu pídolle ao PSdeG de Vigo que actúe. Coñécennos ben, porque o ano pasado tivemos unha lea polo tema da placa do cemiterio de Pereiró, que por certo aínda non está posta. Pídolle que actúen dunha puñetera vez e retire a cruz. As eleccións están xa aí e temos un traballo intenso que facer de cara a esa data. Nós prefeririamos non ter que incidir máis neste tema e buscar o diálogo, pero non nos deixan outra alternativa. Representamos a un gran número de vigueses e os socialistas de Vigo deben ter isto en conta e tomar cartas no asunto xa.

Como se atopa o proceso de retirada de iconas preconstitucionais en Vigo?

O Concello chegou a un acordo coa Igrexa e retiráronse varios símbolos franquistas en varios templos da cidade, algún día saberemos canto lles custou isto aos vigueses. Pero mentres a cruz dos Caídos estea onde está o resto non ten case importancia. Cando entrou a gobernar o BNG tentou sacar un escudo franquista da Casa das Artes, o antigo Banco de España. Pero os socialistas argumentaron que eles levaban o tema de Patrimonio e aínda non se lle tocou hoxe. E cando Corina Porro estaba gobernando, malia que o PP se opón habitualmente aos procesos de recuperación da memoria histórica, substituíu un escudo franquista do antigo reitorado por un de Vigo, sen facer ruído. Non ten sentido, e iso que os socialistas promoveron en España a Lei de Memoria Histórica, e a lei está para cumprila.

Nenhum comentário:

Postar um comentário