A placa estaba nun lavadoiro. A peza que rompeu Cliff Torrents |
Cliff Torrents, fillo dun republicano catalán, alega que quitou un «símbolo ilegal»
Laura López - Lugo / La Voz
06 de setembro de 2013
Un escocés residente no concello lucense de Negueira de Muñiz, Clifford
Torrents Colman, foi condenado polo Xulgado de Instrución da Fonsagrada a
pagar 434,28 euros por romper unha placa franquista (50 euros de multa e
o abono de 384,28 euros ao Concello polo valor da insignia). Contra
esta resolución presentou recurso de apelación pedindo a súa absolución
porque afirma que o que fixo é eliminar «un símbolo ilegal por
constituír unha homenaxe a unha persoa e un réxime antidemocrático» e
porque considera que «a miña acción estaba amparada por unha
autorización municipal emitida polos cargos competentes do Concello de Negueira» e tamén «polo articulado da lei de memoria histórica».
Este curioso episodio da historia de Negueira
ocorreu en xullo do 2011. Segundo consta na sentenza, Clifford Torrents
achegouse á fonte pública de Ouviaño e rompeu unha placa conmemorativa
na que rezaba: «Reinando Francisco Franco e sendo alcalde D. José M.
López, inaugurouse esta o día 24-5-53». Fíxoo, segundo consta no fallo
xudicial, despois de ter falado do asunto co alcalde, o socialista José
Manuel Braña, e co concelleiro José Antonio Fernández, aínda que «sen
previa autorización de ningunha Administración pública». Por iso, o
rexedor denunciouno e foron a xuízo.
O maxistrado recoñece que a lei obriga ás
Administracións públicas a tomar «as medidas oportunas» para retirar os
obxectos conmemorativos de exaltación da sublevación militar, da Guerra
Civil e da represión da ditadura. Sinala que os cidadáns poden solicitar
esta retirada ás Administracións, «pero non pode retiralos por se
mesmo».
Na sentenza faise constar que Clifford non domina
o galego nin o castelán e que isto, unido ás diferenzas entre o Dereito
español e británico, «puideron orixinar en don Clifford erro vencible
sobre estar a obrar licitamente».
Pide ao PSOE unha investigación
O xulgado deulle a razón ao Concello, pero o
alcalde non quixo facer ningunha declaración respecto diso porque afirma
que o fallo non é firme. Pola súa banda, Torrents recorreu e ademais
enviou unha carta ao PSdeG-PSOE para pedir que investiguen «a conduta»
do alcalde.
No seu recurso di que contaba con autorización
municipal, aínda que de palabra, para retirar a placa. Ademais, Clifford
considera un absurdo que deba indemnizar ao Concello por unha insignia
que xa debía retirar. Explica que o seu valor «era negativo» e que coa
súa acción, ademais de aforrar diñeiro ás arcas municipais, reconduciu
ao Concello pola vía da legalidade.
Clifford naceu en Escocia en febreiro de 1953. A
súa nai era de Glasgow, pero o seu pai era un republicano catalán que
emigrou ao Reino Unido despois de combater na Guerra Civil no bando
republicano e na Lexión Estranxeira Francesa. Fai uns catro anos,
Clifford asentouse en Ouviaño.
Arriba, o lavadoiro no que se situaba a placa. Na parede apréciase o lugar exacto no que estaba colgada |
sempre pagan os mismos
ResponderExcluir