Detidos durante a revolta de outubro do 34 |
Manuel Mera - Sermos Galiza 13/10/14
Este mes cúmprense 80 anos do movemento revolucionario de 1934, que tivo especial relevancia en Asturias, e certa repercusión en Cataluña e Euskadi. Moitos historiadores coidan que este feito é o principal antecedente do levantamento militar de 1936 e da ditadura franquista. A revolta foi consecuencia da designación do novo goberno presidido por Lerroux, onde se integraban tres membros da CEDA, considerada unha forza fascista, e dirixida por Gil Robles. A esquerda valorou esta decisión como a constatación de que se pretendía desandar todo o avanzado dende a proclamación da Segunda República, e así o veu asemade unha parte considerábel do nacionalismo.
A folga revolucionaria encetou o 5 de outubro. En Madrid producíronse asaltos aos cuarteis. A revolta sería controlada axiña cun saldo de varios mortos e feridos e 400 persoas detidas, aínda que o paro duraría, como noutras zonas do Estado, máis dunha semana. Presidida por Compays, e con hexemonía de Esquerra Republicana, a Generalitat de Catalunya decidiu apoiar o 6 de outubro o movemento revolucionario e proclamar o Estado Catalán e a República Federal Española. Ese mesmo día, Lerroux anunciou por radio a declaración do estado de guerra en todo o Estado español. O 9 de outubro, La Vanguardia informaba do confronto armado a noite do 6-7 de outubro entre as forzas da República e da Generalitat, e a capitulación desta última, despois duns 20 disparos de canón contra a sede do Goberno Catalán. Comezaban os xuízos sumarísimos. Un día despois, o Congreso aprobaba unha lei que restablecía a pena de morte e afirmaba controlar a situación.
A revolución en Asturias acadou unha grande dimensión social e eco internacional. Corenta pobos da conca mineira, así como a cidade de Oviedo, foron tomados pola UHP (Uníos Hermanos Proletarios) integrada pola CNT e a UGT. O Goberno convocou 40.125 recrutas a filas e procedeu contra os rebeldes con total dureza, alentado por Gil Robles. A represión do movemento estivo a cargo de Franco, con plenos poderes e unidades de regulares mouros e a Lexión. O cruceiro “Libertad” bombardeou o monte Santa Catalina en Xixón, e as forzas desembarcaron o día 7, ocupando Xixón tres días despois e Oviedo o día 15. Producironse 1.335 mortos, dos que 1.051 eran revolucionarios, e serían detidas máis de 30.000 persoas. Cómpre lembrar que dos 60.000 mineiros calcúlase que uns 15.000 eran de orixe galega. Como contraste, a revista Vida Gallega destaca a participación de tropas do país na represión da revolta en Asturias, e reproduce fotografías da recepción triunfal cando retornan á Coruña e Lugo.
Agora ben, debido á importancia que esta revolta tivo en Asturias e á presenza de tropas con base na Galiza na represión, esquécese que o noso país non estivo á marxe da folga xeral, das protestas e da solidariedade coa insurrección. E, malia que El Pueblo Gallego destacaba o día 11 que a tranquilidade voltaba á cidade de Ferrol, porque entraran a traballar o día anterior uns 200 obreiros ao arsenal e estaleiros, tiña que recoñecer que faltaran un milleiro ao traballo, seguindo as consignas da UGT e CNT (en realidade o estaleiro tiña 3.000 operarios, polo que a incidencia do paro foi moi elevada). Mentres que La Zarpa, do día 12, indicaba que en Ferrol: “rexistráronse graves sucesos a consecuencia de choques entre os revoltosos e a forza pública”; mais en titulares salientaba todo o contrario: “os obreiros reintégranse ao traballo restabelecendo a normalidade”. Tamén relataba que forzas de artillaría fixeran unha batida polos barrios periféricos perseguindo a algúns grupos. Seica houbo un tiroteo no que resultaron feridos dous mozos. Noutro número deste periódico, informábase que fora atopado un agocho con armas, e que se fixeron consellos de guerra sumarísimos.
Sobre a cidade da Coruña, La Zarpa destacaba que se clausuraron os sindicatos obreiros por orde do gobernador, practicándose moitas detencións, e que foi incendiada unha igrexa en San Pedro de Visma. Pola súa banda, La Voz de Galicia do día 13, (o primeiro día que saíu á rúa por mor da folga), destacaba que o día 6 cando unha compañía de infantaría proclamaba o estado de guerra no Cantón Pequeno da cidade, diante do Casino Republicano, alguén dende o balcón do edificio botou un aturuxo, polo que arrestaron a máis de trinta persoas que se atopaban no lugar e arredores. Ao día seguinte, tamén na Coruña, foron detidas varias mulleres por exercer “coaccións” (seguramente un piquete informativo). O día nove entraron a traballar algúns afiliados da UGT e, segundo El Pueblo Gallego, esperábase que o día 15 se normalizase totalmente a situación. O Gobernador nomeou delegados, entre outros concellos, na Coruña, Betanzos, Fene, Boimorto, etc. O mércores 10, fixéronse no cuartel de Átocha na Coruña tres consellos de guerra, condenando a cada un dos procesados a quince anos de prisión temporal. Aínda o día doce, estaban amarrados no porto os barcos de pesca, esperando que saísen pescar á mañá seguinte.
En relación a Compostela, dicía o día 12 El Pueblo Gallego que a folga era tranquila, e que a noite anterior fixeran explosión dúas bombas, unha delas colocada nun transformador eléctrico, e que se realizaron unha morea de arrestos. La Voz de Galicia informaba que a Garda Civil detivera catro persoas na estrada de Noia, seica electricistas de Compostela, que pretendían voar a planta hidroeléctrica.
Sobre a provincia de Lugo, faise referencia na Zarpa a que varios números da Garda Civil de Petín (Ourense) e tropas de Lugo arrestaran a unha persoa que participou no movemento sedicioso de San Clodio. Seica unha parte dos revolucionarios fuxiron internándose en Portugal. Chama a atención a noticia de que en Lugo fora atopada unha emisora clandestina de radio, “que emitía novas falsas e alarmistas” e encarcerado o dono da mesma, así como “significados membros de partidos extremistas”. Na provincia foron destituídos varios concelleiros do municipio de Lugo, Láncara, Mondoñedo, Ribadeo, etc. El Pueblo Gallego salientaba, como anécdota, que a folga era total en todas as parroquias da contorna agás na vila de Monforte. Segundo este xornal, o luns 15 incorporáranse ao traballo todos os folguistas na capital provincial.
El Pueblo Gallego daba a coñecer que o 8 de outubro mobilizouse o exército en Ourense; en Baños de Molgas e Maceda, así como na Ravela, houbo protestas que foron sufocadas pola Garda Civil; a estrada de Allariz foi cortada, xa que se tombaron numerosos postes de telégrafos e tendido eléctrico; e ademais foron disolvidas as asociacións de empregados municipais. Neste mesmo xornal, co título de “Ourense, o oitavo día de folga” (ou sexa o 12 de outubro) anunciábase que o día anterior reintegráronse ao traballo os perruqueiros, panadeiros, peóns de ferrocarril, tipógrafos, e camareiros. Informa o xornal que todos foron admitidos agás os camareiros, aos que os patróns anunciaron que estaban todos despedidos. Indícase asemade que no monte da Torre en Paderne (Ourense) xuntáronse unhas 300 persoas pertencentes a asociacións obreiras da comarca; a Garda Civil tomou posicións e realizou varias detencións. En Maside houbo un corte de luz e tamén se fixeron arrestos. O día 17 de outubro, nese mesmo xornal indicábase que Ribadavia recobrou a normalidade e a Casa do Pobo foi clausurada, e que os afiliados da Falange Española e de Acción Popular puxéronse a disposición do alcalde, saíndo pola noite á rúa en roldas armadas. O Gobernador destituíu os alcaldes de Entrimo e Maside e todos os de Ourense.
La Zarpa informa que o día 6 iniciouse a folga en Pontevedra, que foi secundada polos obreiros dos gremios. E que facían labores de vixilancia forzas de asalto, Garda Civil, carabineiros, artillaría e mariña. Que se practicaron varias detencións. O día 7 declarouse o estado de guerra. O día 8 reincorporáronse algúns sectores ao traballo: ferroviarios, tranvías, bancarios, etc. O Gobernador destituíu o concello de Pontevedra, por falta de asistencia ás autoridades. Por idéntica razón, fixo outro tanto coa corporación de Vigo. Informa este xornal que na Illa de Arousa proclamárase “o comunismo libertario” e que se nomeou un goberno cuxos integrantes foron arrestados. Cando chegou ao peirao da illa un tenente con varios soldados, para poder desembarcar tiveron que efectuar varios disparos ao ar, para dispersar os numerosos habitantes que o ocupaban; indicando que ondeaba a bandeira vermella e o comercio estaba pechado.
Como dado clarificador do modo de proceder dalgúns dos estamentos e clases da sociedade galega durante estes graves acontecementos, recollo deseguido algunhas das noticias da prensa. O comandante da praza militar de Vigo, dicía que a tranquilidade era absoluta, e que se establecera a censura na radio e nas oficinas de telégrafos e teléfonos “pra evitar a difusión de noticias alarmantes”. Pola súa banda a “Federación Gremial de los Patronos” abría unha subscrición pra premiar as forzas e axentes da autoridade que cooperaron no mantemento da orde durante a folga revolucionaria. O grupo de Ferrol do Partido Galeguista pedía ao Goberno o indulto dos condenados a morte. Nesta última cidade, prohibíuselle aos gardas municipais e aos empregados de arbitrios estar afiliados a sindicatos e partidos políticos. Como se pode comprobar, foron uns dez días de conflito que se alargou por todo Galiza, dende as cidades, ate as vilas e parroquias. Foi unha radiografa da confrontación social e política existente. Aínda o día 17 de outubro, nunha zona tan illada como Larouco (preto da Pobra de Trives en Ourense) realizouse unha manifestación “con berros subversivos e alteración da tranquilidade” (segundo El Pueblo Gallego do día 18). Polo que a Garda Civil detivo 22 persoas de entre 19 e 29 anos. Era aquela unha mocidade inqueda.
Por último, algúns dados en relación a nosa nación naquela altura, para que o leitor/a poda facer unha comparación acaída. A poboación galega era no ano 1930 o 10,32% do total do Estado español, e o PIB galego atinxía o 6,05%. A poboación activa adicábase nun 69,5% ao sector primario, un 14,41% ao secundario, e un 14,41% ao terciario. Comparemos con outros territorios que se mencionan no artigo. Daquela a poboación de Cataluña representaba o 11,42% e a de Asturias un 3,49% do total. O PIB catalán era o 21,38% e o de Asturias o 2,75% do total do EE. Con relación á poboación activa, o 54,41% estaba ocupada en Cataluña no sector secundario, e en Asturias atinxía o 46,86%. Son cifras esclarecedoras sobre a composición social, o grao de desenvolvemento, e o peso económico e político de cada territorio no Estado español. Tamén sirve como referencia para comparar a evolución demográfica posterior.
Como conclusión, pódese afirmar que a folga foi importante na Galiza, tal como se pode ollar polos acontecementos referidos, que por suposto este artigo non recolle todos. E pódese afirmar isto, tanto porque durou moitos días en non poucas cidades, vilas e parroquias rurais, cunha confrontación que tivo nalgúns casos carácter violento, como porque a represión non se fixo esperar, tanto en destitucións, como en detencións e condenas de prisión exemplarizantes.
Nenhum comentário:
Postar um comentário