O Alcalde socialisto de Vigo é condenado pola xusticia a derrubala de urxencia pero segue negándose

sábado, 26 de março de 2011

Galicia liderou a evasión marítima no franquismo

Prieto, Pereira e Bragado na presentación / ÓSCAR DACOSTA

No 40% dos peiraos galegos houbo fugas

Xornal de Galicia, DANIEL PRIETO 26/03/2011
O 40% dos peiraos galegos rexistraron evasións marítimas entre 1936 e 1938, grazas a “unha verdadeira rede organizada” na que participaron máis de 80 embarcacións que permitiron a fuxida de numerosos galegos das gadoupas do franquismo, un fenómeno “sen parangón no resto do España”. Esta é unha das novas conclusións recollidas polo historiador Dionisio Pereira, que onte presentou na librería Couceiro de Santiago o seu último libro, Loita de clases e represión franquista no mar (1864-1939), de Xerais. A través das súas cincocentas páxinas, esta obra realiza unha exhaustiva análise da evolución do asociacionismo mariñeiro en Galicia. Trátase dun aspecto “pouco investigado ata o momento, xa que a historia marítima é a cincenta da historiografía recente”, admitiu o autor, que onte estivo acompañado polos historiadores Lourenzo Fernández Prieto e Manuel Bragado.

Se ben as fuxidas por mar eran organizadas no 40% dos casos, xa que o investigador constatou “máis de 20 ocasións nos que isto foi así”, como ocorreu “na costa coruñesa cos sectores afíns á CNT, na zona Vigo-Bouzas, en Marín e en Malpica”, outras veces tratouse “de actos espontáneos, protagonizados case sempre por mariñeiros novos que non querían ir á guerra”.

E é que a evasión era o método “máis idóneo” ao que a xente do mar que non comungaba cos valores do franquismo recorría, ante a ameaza dunha morte segura, debido á “vixilancia férrea” á que foron sometidos os portos. “Tras os traballadores manuais das cidades, o sector do mar foi o que máis sufriu a represión en Galicia, xa que rexistrou unhas 1.500 mortes das 4.600 verificadas”, asegurou Pereira, que tamén coordina o proxecto interuniversitario Nomes e Voces, de onde obtivo información para esta magna obra cuxa xestación comezou nos anos 90.

“O franquismo asañouse cos marcos directivos da Fronte Popular e cos sindicalistas”, engadiu o historiador. Moitas veces, o cruel modus operandi dos represores facía que as viúvas quedaran sen cobrar a paga xa que “os mariñeiros eran arroxados ao mar con pesos para que os seus corpos non puideran ser recuperados, o que supuña engadir aínda máis sufrimento para as súas familias, se cabe,”indicou Pereira.