Praza.gal - Marcos Pérez Pena 18/12/14
Neste 2014 celébrase o centenario da creación da Unión de Pescadores A Alianza Mariñeira, un sindicato mariñeiro de Marín, con gran actividade nos anos 10 e 20 do século pasado e cuxos dirixentes sufriron, nalgúns casos, unha forte represión a partir de 1936. Este venres a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica de Marín organiza unha charla sobre a Alianza Mariñeira, que será impartida polo investigador Celso Milleiro Sánchez, a partir das 20 horas na Biblioteca municipal. A Asociación busca con este acto "lembrar os veciños da vila vítimas do Levantamento Militar" e "especialmente os mariñeiros que loitaron dentro das organizacións por mellorar as súas condicións de vida", sendo este colectivo "o máis perseguido e represaliado".
En que contexto nace este sindicato e cal foi a súa actividade e implantación?
Este sindicato xogou un papel importante nos anos 10 e 20 do século pasado. Créase en 1914, no contexto da Primeira Guerra Mundial, nun momento en que a flota de arrastre de Marín chegaba ata as augas de Portugal, grazas ao novo motor de explosión. A Alianza Mariñeira pertencía á Federación Obreira, da UGT. En Marín hai unha parte da nosa historia, sobre todo a que ten que ver co pobo, a nivel político ou sindical, que está completamente anulada. Non hai información de ningún tipo, e por exemplo sobre este sindicato non hai xa arquivos, toda a información que temos tivemos que obtela a partir da prensa da época.
Foi especialmente sinalada a folga de 1915, non si?
A folga de 1915 foi unha das máis importantes que tiveron lugar na historia de Marín, unha folga de case cinco meses e cun ambiente case de guerra civil entre os mariñeiros e os maquinistas, apoiados polos armadores. Hai disparos, bombas, intervencións da garda civil e da cabalería, bloqueos do concello, ameazas de bombardear a vila por un barco da Armada... Mesmo chegan xornalistas de todo o Estado a cubrir os acontecementos e os dirixentes sindicais máis importantes foron detidos. Tamén viaxou a Marín Pablo Iglesias e presentou varias iniciativas no Congreso a raíz da folga.
Que papel xogaba a muller?
A muller xogou un papel moi destacado nas xuntanzas e nas actividades das organizacións obreiras e mariñeiras. Hai unha sociedade de conserveiras moi relevante, El Porvenir de la Mujer, que se implica moito nesta folga. De feito, un dos acordos aos que se chega no remate da folga é a reincorporación aos seus traballos das mulleres que foran despedidas das empresas conserveiras por apoiar o paro. Hai mulleres detidas tamén, a prensa fala de mulleres que se enfrontan á garda civil...
Que outras accións levou a cabo a Alianza Mariñeira?
Eu destacaría a súa oposición á polígono de tiro, unhas mobilizacións nas que tamén participan outros sindicatos obreiros. Este polígono, que estaba no lugar que despois ocupou a Escola Naval, era apoiado pola burguesía e o comercio de Marín, que chegou a organizar unha manifestación ao seu favor, á que acudiron 300 persoas. A Alianza Mariñeira tamén se mobilizou a favor da lonxa pública da vila, organizando unha manifestación en Pontevedra con máis de 3.000 persoas.
Nos anos seguintes, a actividade da sociedade decaeu?
Si, en realidade a sociedade tivo uns vinte anos de vida. A partir dos anos vinte entra nunha crise interna, primeiro por mor da ditadura de Primo de Rivera, pero sobre todo polo crecemento do sindicalismo anarquista entre os mariñeiros, pola actividade da CNT. En 1930 créase o Sindicato da Industria Pesqueira, que era un dos sindicatos máis importantes de Galicia, con 1.500 afiliados só en Marín.
Como afecta aos mariñeiros e aos representantes do sindicato a represión franquista a partir de 1936?
Algúns dos dirixentes da primeira época morreron antes de 1936, pero outros, como Román Landín ou Urbano Mallo, entraron no sindicato anarquista que che comentaba antes, e polo tanto foron perseguidos moi intensamente. Mallo estivo fuxido no monte durante tres anos e ao acabar a guerra entregouse e foi pechado no cárcere, o mesmo que Landín.
A represión fascista en Marín, en xeral, foi especialmente dura?
Houbo moitos consellos de guerra e xuízos, que afectan a uns 200 veciños, con varias condenas a morte, unhas 30. Xunto coas cidades galegas Marín era probablemente o lugar de Galicia onde o movemento obreiro estaba máis establecido e era máis forte, con sindicatos máis activos. Iso nótase moito cando chega a República. Por exemplo, nas eleccións municipais de 1931 en Marín gaña unha conxunción de republicanos, socialistas e agraristas. A partir de 1936 é moi perseguido o sindicalismo uxetista e anarquista. Ademais, por ser Marín un porto da Armada, houbo moitos mariñeiros de Marín que loitaron na guerra no bando republicano. E no Baleares, igualmente, morreu moita xente de Marín.
Nenhum comentário:
Postar um comentário