Concentración de protesta o vindeiro mercores 15 ás 20 horas diante da Cruz do Castro
Praza Pública - Marcos Pérez Pena
Ducias de colectivos reclaman a derruba da Cruz do Castro
Ducias de colectivos reclaman a derruba da Cruz do Castro
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, decidiu este luns, xusto cando o prazo legal estaba a piques de rematar, recorrer a sentenza do TSXG que obriga a derrubar a Cruz do Castro, símbolo franquista, por contravir a Lei de Memoria Histórica. De feito, fíxoo fóra dos 15 días habituais que se outorgan para realizar estes recursos, aproveitando as últimas horas do día de gracia que concede. E fíxoo coincidindo co pleno municipal no que PSOE e PP renovaron o seu apoio ao mantemento da Cruz.
En resposta a esa decisión do Concello, este xoves representantes dalgunhas das entidades que piden o derrubo do monumento, entre as que destacan a Asemblea Republicana de Vigo, sindicatos, entidades veciñais e partidos políticas, ofreceron unha rolda de prensa, para amosar a súa valoración polo recurso presentado e anunciar novas accións e mobilizacións, entre elas a defensa da sentenza xudicial ante o propio Tribunal Superior.
Condenan "de forma unanime e coa maxima contundencia" a decisión do alcalde de recorrer a sentenza, convocando unha concentración de protesta o vindeiro mercores 15 ás 20 horas diante da Cruz do Castro
Na rolda de prensa, leuse un texto conxunto das entidades convocantes, na que manifestan "a nosa máis enerxica protesta pola inopinada e incoherente defensa que o alcalde socialista quere facer do símbolo maximo da ditadura na nosa cidade, ergueito, e non por casualidade, fronte ao Concelllo, nun lugar de patente privilexio e publica ofensa". E condenan "de forma unanime e coa maxima contundencia" a decisión do alcalde de recorrer a sentenza, convocando unha concentración de protesta o vindeiro mercores 15 de setembro ás 20 horas diante da Cruz do Castro.
Contestan ademais o argumento empregado por Caballero de que "o monumento xa non representa un homenaxe ao fascismo porque agora so é unha cruz cristiá" e sinalan que "tal pretexto reforza o negacionismo franquista e a pretensión de que os crimes contra a humanidade se consoliden nun modelo de impunidade perefecta: os simbolos relixiosos que lexitimaron a infamia do 36 se invocan agora para perpetuala".
Engaden que "a connotación política dese monumento é ineludiblemente franquista e o alcalde socialista incurre en autoengano cando trata de reconvertilo para compracer, de feito ou de intención, aos complices da ditadura" e lembran que "a represión en Galicia sucedeu na retagarda, baixo a sobreactuación terrorista duns golpistas que trataban de afastar, a medio da crueldade extrema, o temor da derrota". E así mesmo sinalan que "a ofensa popular pola decisión do alcalde é a mellor medida do vivo que esta na lembranza a infamia do 36".
"Cando nós iniciamos este traballo para a retirada destes elementos, tratábase só de retirar unha cruz. Pero a teima de Caballero en mantela está facendo que esta cuestión se estenda por toda Galicia e que se convirta nun debate máis amplo"
O presidente da Asociación Viguesa pola Memoria Histórica do 36, Telmo Comesaña, considera "moi positivo" que a sociedade se "organice" nun movemento contra a simboloxía franquista que está "en crecemento". "Cando nós iniciamos este traballo para a retirada destes elementos, tratábase só de retirar unha cruz", di, "pero a teima de Caballero en mantela está facendo que esta cuestión se estenda por toda Galicia e que se convirta nun debate máis amplo". "Amólame que o debate se acabe centrando na cuestión de 'a cruz si ou a cruz non' e non no fondo da cuestión", destaca Comesaña, ao tempo que denuncia o mantemento en España de "cuestións inaceptables, que non se producen por exemplo en Alemaña". "O día 15 estaremos na concentración, eu coa foto de meu pai, para que se vexa que tiña rostro", conclúe.
Apoio masivo ao derrubo
CCOO, CIG e UGT difundiron un manifesto conxunto no que rexeitan o apoio outorgado por PSOE e PP no pleno municipal de Vigo ao mantemento da Cruz do Castro
A acatamento da sentenza e o derrubo deste símbolo franquista acada o consenso da meirande parte dos partidos e entidades sociais da cidade. Este mesmo mércores, os tres sindicatos maioritarios, CCOO, CIG e UGT, difundiron un manifesto conxunto no que rexeitan o apoio outorgado por PSOE e PP no pleno municipal de Vigo ao mantemento da Cruz do Castro. Os tres sindicatos sinalan que "non se trata simplemente dunha cruz", senón dun "símbolo fascista ao pé do cal foron fusiladas persoas desta cidade que non eran afíns ao réxime" e lembran que "a sentenza recoñece o trasfondo e a significación desta cruz e obriga o Concello ao seu derrubamento". Critican sobre todo a postura dos socialistas, "un goberno que presume de que modificou o dito símbolo fascista por acordo unánime dun pleno de 1981, non debería hoxe poñer tantos atrancos para cumprir unha sentenza que ditamina o cumprimento da lei de memoria histórica"
Hai uns días, ademais, Esquerda Unida remitiulle un escrito ao bispo da diócese Tui-Vigo no que denunciaba “o uso absolutamente falaz e arbitrario que o chamado bando nacional fixo da simboloxía cristiá deixou centos de monolitos, estatuas, placas, etc… que, sen perder a súa significación de lembranza da vitoria sobre os opositores, pretendían identificar o pensamento e práctica cristiá coa brutalidade da represión absolutamente incompatible cos valores da igrexa católica na súa formulación doctrinaria”. EU reclamaba ao bispo que fixera valer a autoridade que a súa figura otorga para que o Concello retire o recurso. Na súa resposta o bispo afirma literalmente “que nunca deixarei de intentar que todos, crentes ou non crentes, tratemos de descubrir e respectar o sentido cristiano da cruz, como símbolo supremo de reconciliación e perdón”, o que para EU supón unha defensa velada da permanencia do monumento fascista no Castro. Xa o pasado ano denunciábase a existencia dun pacto entre o Concello e o Bispado para o mantemento da Cruz.
Nenhum comentário:
Postar um comentário