Estimados/as amigos/as,
Hoxe, martes 20 de abril ás 10.30 horas, foi presentado aos medios de comunicación en rolda de prensa o convenio de colaboración entre a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH) e o Proxecto Interuniverstario “Nomes e Voces” para a realización dun monumento-homenaxe ás vítimas da represión franquista da provincia da Coruña.
Este evento tivo lugar na Casa-Museo Casares Quiroga e contó coa presenza de Manuel Monge, Presidente da CRMH, e o investigador Dionisio Pereira, Coordinador do Proxecto Interuniversitario “Nomes e Voces”, que vai explicar polo miúdo dito proxecto de colaboración. Acompañamos nota de prensa.
Para calquera outra información por favor, non dubidedes en contactar con nós.
Grazas e unha aperta,
Chus Martínez
NOTA PRENSA
Rolda de prensa
Martes 20 de abril, Casa-Museo Casares Quiroga
Ao abeiro do convenio de colaboración entre o Proxecto de Investigación Interuniversitario “Nomes e Voces” e a Comisión de Recuperación da Memoria de A Coruña (CRMH), cuxo obxectivo era subministrar o nome dos mortos ocasionados póla represión franquista entre 1936-1977 dos concellos de A Coruña, Betanzos, Culleredo, Oleiros, Arteixo, Cambre, Bergondo, Abegondo, Carral e Sada, constituíuse un equipo de traballo composto polos investigadores-historiadores Dionisio Pereira, Carlos Velasco, Eliseo Fernández e Emilio Grandío. Como resultado entregouse por parte do Proxecto á CRMH 593 nomes de vítimas mortas polo franquismo destes concellos.
Destas vítimas, están excluídos os mortos partidarios dos golpistas e outras mortes violentas non relacionadas coa represión. Estas 593 vítimas son 565 nomes e 28 descoñecidos. En canto a xénero son 583 homes e 10 mulleres. Nesta listaxe tivéronse en conta os mortos executados trás consello de guerra e aplicación do bando de guerra e os mortos extraxudiciais. A isto sumáronselle os desaparecidos con presunción de morte.
Os criterios para a confección desta listaxe son: veciños da zona mortos nestes concellos, os naturais da zona mortos fora dos concellos –Galicia, España, campos de concentración de Francia e Alemaña-, e todas as persoas de fóra destes 10 concellos que foron asasinadas neles.
A metodoloxía utilizada foi o baleirado de rexistros civís de defuncións, rexistros de cemiterios, consellos de guerra, fontes orais e fontes bibliográficas locais e xerais –Memorial de Mathausen, e toda a bibliografía existente relativa á guerrilla, por exemplo-.
Foi este un traballo do equipo de “Nomes e Voces” contando coa inestimable colaboración de historiadores e investigadores locais e asociacións de recuperación da memoria: Xesús Torres, Manuel Pérez Lorenzo, Carlos Pereira e a Asociación Cultura Aberta de Carral. Contouse como referente inescusable os traballos de Luís Lamela
Nenhum comentário:
Postar um comentário