O Goberno galego rexeitou asinar o convenio para a elaboración do mapa de fosas, subscrito o pasado mes de xaneiro por sete comunidades
DANIEL PRIETO / M. PARDO Actualizado 17/04/2010 En Galicia hai detectadas case cen fosas da Guerra Civil que conteñen máis de 400 vítimas da represión franquista. Trátase dunha cifra moi aproximada “que de seguro é moi superior xa que hai moitas fosas sen identificar”, explica un investigador do proxecto Nomes e Voces, que botou a andar en 2006, o Ano da Memoria, impulsado pola anterior Xunta. A investigación, a cargo das tres universidades galegas, naceu co obxectivo de sacar á luz os nomes dos represaliados e os lugares onde foron asasinados. No entanto, a chegada do PP a San Caetano freou en seco a iniciativa, que viu reducido o seu orzamento nun 90% . Ademais, o período a cubrir, que inicialmente ía de 1936 a 1977, quedou restrinxido entre 1936 e 1939.
Os datos barallados polos historiadores, aos que Xornal tivo acceso, reflicten que Galicia conta cun total de 95 fosas que conteñen, como mínimo, 474 corpos. Ademais, só foron escavados 16 deses enterramentos irregulares, un 12%. “Os ósos dos represaliados están mesturados cos dos vagabundos nas fosas comúns dos cemiterios, pero é indubidable que se trata dun número aproximado que na práctica é máis elevado”, precisan desde o proxecto interuniversitario.
É previsible que as pescudas queden estancadas neste punto, xa que, por outra banda, o Goberno de Alberto Núñez Feijóo –en consonancia coas outras comunidades gobernadas polos populares– rexeitou asistir ao convenio para a elaboración do mapa de fosas. Por contra, Cataluña, País Vasco, Andalucía, Estremadura, Castela-A Mancha, Aragón e Cantabria asinaron o acordo co Ministerio de Xustiza. A Lei de Memoria Histórica recolle a creación dese mapa estatal para localizar o paradoiro dos represaliados durante a Guerra Civil e a ditadura e darllo a coñecer á cidadanía.
Fontes de Nomes e Voces sinalaron que, debido ás circunstancias que atravesou Galicia no conflito armado, “exceptuando a de Aranga, no territorio non se rexistran grandes fosas como noutros lugares de España”, e precisaron que “os corpos que se estiman proveñen de enterramentos irregulares en campo aberto; de fosas comúns dos cemiterios; dos campos de concentración como o da Illa de San Simón e do mar, que actuou como unha inmensa fosa común”.
Aínda que hai constancia de dez lugares ao longo do litoral galego nos que se arroxaron aos represaliados ao mar, os especialistas cren que, “foi un fenómeno que se produciu en toda a costa, mediante o que se puideron cometer numerosos asasinatos”. Fronte a Massó, nas Illas Cíes, por exemplo, os historiadores teñen documentado o caso de dez persoas que foron tiradas ao mar, das que se recuperaron os corpos de cinco deles. A praia da Magdalena, en Cedeira; o areal do Ancoradoiro, en Bueu e a costa da Serra de Outes son outras zonas onde se levaron a cabo este tipo de asasinatos.
Esta última peculiaridade foi a que máis chamou a atención aos membros da Oficina estatal para as vítimas da Guerra Civil e a ditadura –do Ministerio de Presidencia–, que contactou cos investigadores galegos para obter información da represión en Galicia, ante o desinterese da Xunta no proceso de recuperación da memoria histórica.
Esa apatía fai lembrar casos como o de Celso Pérez, alcalde do municipio ourensán de Gomesende asasinado en 1936. A comezos dos anos 80, o seus familiares viaxaron a Galicia desde Arxentina para desenterrar os seus restos. Arturo e Alberte Pérez, fillo e neto do rexedor represaliado, fixéronse cargo da exhumación e déronlle sepultura dignamente.
Fontes do Ministerio de Xustiza informaron que, malia a “inacción” dalgunhas comunidades no cumprimento da Lei de Memoria Histórica, trátase dunha norma “e como tal debe cumprirse”. Neste sentido, o Goberno fixo público recentemente o censo coas persoas que están soterradas no Val dos Caídos, cifra que ascende ás 33.832. Isto abre a porta a que os familiares dos represaliados que alí xacen poidan reclamar os seus restos.
Nenhum comentário:
Postar um comentário