O Alcalde socialisto de Vigo é condenado pola xusticia a derrubala de urxencia pero segue negándose

domingo, 6 de junho de 2010

Informe da xuntanza na Consellería de Cultura. Venres día 4. Illa de San Simón


Xuntanza na Consellaría de Cultura sobre a Illa de San Simón.

Estiveron presentes:

Pola Consellaría:

Conselleiro de Cultura, Roberto Varela

Xabier Alonso, Director Xerente da Fundación Illa de San Simón

Polas Asociacións da memoria:

Manuel Monge (CRMH da Coruña)

Telmo Comesaña (Asociación pola memoria do 36 de Vigo)

Ricardo Gurriarán (Fundación 10 de marzo)

Xoán Carlos Garrido (Comisión pola memoria Sinhor Afranio)

Escusou a súa asistencia o colectivo republicano de Redondela que non podías desprazarse até Compostela.

Comezada a reunión manifestóuselle a nosa inquedanza ao coñecer pola prensa os plans da Consellaría cara a Illa de San Simón e presentóuselle a proposta de puntos mínimos aprobada e asinada polas asociacións, entendendo que non ten sentido entrar noutras consideracións sobre as que non se vai chegar a acordo debido as diferentes concepcións das que partimos a respecto da memoria histórica. Expuxo claramente que a nosa intención nesta xuntanza é como mínimo evitar a destrución de patrimonio, documentación, sinalizacións e conseguir que se nos permita realizar actividades relacionadas coa memoria histórica e de homenaxe as vítimas.

Mais o Conselleiro manifestou que non tiña porque haber diferencias a respecto da memoria, que seguramente podíamos confluír e entender a súa concepción de facer da Illa un lugar que non estivera simplemente relacionada coa vida, sen que iso queira dicir que non se respecte o feito da traxedia que tivo lugar alí e o feito histórico das vítimas.

Desde a dirección da fundación tamén se afondou en que a prensa non transmitiu ben o que se pretendía e que el na propia rolda de prensa de presentación das actividades insistiu nas súa preocupación pola memoria das vítimas. Diante disto comentouse o do nome, “illa do pensamento” e mesmo se lle dixo como é que habendo unha actitude integradora non se puido engadir ao nome o termo memoria, isto é, illa do pensamento e da memoria, pero o Conselleiro insistiu en que non era unha nova denominación da illa senón da programación.

En calquera caso, entrando xa en concreto nos puntos:

1º) Se respecta a musealización xa acometida na Illa en lembranza da Colonia Penitenciaria, incluíndo a exposición, as placas de homenaxe e as distintas propostas estéticas xa realizadas

Manifestóusenos que se ía respectar dita musealización e mesmo as dúas exposicións, se ben a da Illa da memoria específica sobre a represión houbo que retirala por inundación do espazo no que se atopaba. Mais que están dispostos a volvela a poñer unha vez restaurada. Tamén se aceptou que non se ía retirar ningún rótulo, monumento ou placa relacionada coa memoria histórica.

2º) Se facilitan as visitas de grupos promovidas polas asociacións memorialísticas.

Indicóuselle que “facilitar” vai máis alá de abrir as portas dada a insularidade do lugar, é preciso facilitar o transporte para desenvolver os actos.

O Conselleiro descoñecía os custo pero non se pechou en banda a isto, se ben el quería unilo a que se lle presentara unha proposta de actividade. Analizaría a proposta e vería a dispoñibilidade. Obviamente non financiaría unha actividade para “poñelos verdes”. El vía un problema en canto a interlocución, a quen financiar e a quen non, e como articular unha relación da Consellaría coas asociacións, para concretar este apartado.

3º) Se leva a cabo o Centro Documental sobre a Memoria da Colonia Penitenciaria da Illa de San Simón nun prazo razoable de tempo.

Non entendían moi ben a concreción desta proposta. De feito, consideraban que se xa existira eles non ían a desmantelala, pero que non sabían como levalo a cabo, non tiñan persoal, etc... O que se lle transmitiu foi fundamentalmente a preocupación polo estado da documentación que haxa en institucións e a nivel privado sobre a colonia penitenciaria e o desexo de que se faga un traballo de recompilación, e se facilite o acceso para a investigación e divulgación.

O Conselleiro falaba de que esa sería o labor do arquivo nacional que se estaba a implementar na cidade da cultura e que quizais ese sería a canle adecuada para realizar ese traballo.

Quedou no ar a concreción desta proposta sen rexeitar levala a cabo senón tomala en consideración para estudar como se podía levar a cabo.

4º) Se permite realizar o acto que, dende o ano 2006, se ven celebrando o día 18 de Xullo na Illa como homenaxe nacional ás vítimas do franquismo en Galicia.

No escrito que se lle enviou a prensa desde a Consellaría puña: Do mesmo xeito, o conselleiro asegurou que “non esquecermos a historia nin as vítimas, terán o seu lugar na Illa e honraremos a súa memoria neste espazo simbólico para a cultura e o pensamento”

Atendendo a isto manifestóuselle que se a Consellaría estaba disposta a levar a cabo o acto institucional de homenaxe as vítimas do franquismo que tradicionalmente se celebra en San Simón e senón é así se pensa colaborar coas asociacións para celebralo.

Non se lle pasou pola cabeza celebrar dita homenaxe e nin sequera se considera adecuado que a Consellería realice este tipo de actos. Pero estaban dispostos a colaborar economicamente co acto, o que lles preocupaba era saber quen era a “asociación” ou o interlocutor que asumía a organización do acto para chegar a un convenio ou mirar outra fórmula para o acordo.
OUTRAS CUESTIÓNS

O Conselleiro, en canto se empezou a falar doutras cousas, manifestou que consideraba que o tema da memoria non tiña porque ser cousa da súa consellería. De feito mostrouse favorable mesmo a convocar ao Consello da Memoria, pero indicou que lle proporía ao presidente pois el insiste en que non é tema que teña que ver coa Consellaría de Cultura mais alá da investigación e divulgación.

Preguntouse expresamente sobre a referencia que se facía no comunicado a “honrar a memoria” das vítimas e mesmo se aclarou a que clase de vítimas nos referíamos (non os que afogaron no 45, nin os do lazareto), desde o xerente e o Conselleiro insistiuse en que si había vontade por desenvolver actividades neste sentido mais non conseguimos que se fixera ningunha mención a ningún acto concreto.

A cuestión é que quizais poidamos conservar as conquistas realizadas a respecto da illa de San Simón, mais vai depender en parte do activismo que poidamos realizar e do noso esforzo. Non cremos que desde a Consellaría se faga unha política activa neste tema nin en ningún outro relacionado coa memoria histórica.

1º As placas, sinalizacións, e musealización vai conservarse pero é preciso insistir en que se restaure e amplíe a exposición “illa da memoria” centrada na represión franquista.

2º As visitas van ter que ir acompañadas dun programa de actividades. Compre ter en conta a illa e traballar na súa dinamización desde as propias asociacións. Non podemos deixar de períodicamente desenvolver actividades alí

3º O Centro Documental sobre a Memoria da Colonia Penitenciaria da Illa de San Simón hai que tratar de que se leve a cabo para evitar a dispersión e perda desta documentación, para isto hai que entrar en negociacións co xerente da Fundación para ver de chegar a un acordo a partir de propostas de actuación concretas.

4º Acto Nacional de homenaxe as vítimas do franquismo o 18 de xullo. Compre facer un encontro nacional sobre a memoria histórica este ano, coa máxima asistencia posible. Sería ven concretar un programa e organizar o acto canto antes. Propoño que haxa unha xuntanza o sábado 12 pola mañá en Vigo coas asociacións do sur para tratar de concretar un programa.

EN CONSECUENCIA, propoñemos que haxa unha XUNTANZA o sábado 12 de xuño pola mañá en Santiago con todas as asociacións e colectivos memorialísticos de toda Galicia para, entre outros temas que se poidan propor “in situ”, os seguintes puntos:


a) Valoración dos resultados da xuntanza co Conselleiro de Cultura e co Director-Xerente da Fundación Illa de San Simón.

b) Posición das asociacións respecto do acto nacional de homenaxe ás vitimas do franquismo en Galicia a celebrar en San Simón o vindeiro 18 de Xullo. Organización do mesmo.

c) ¿É necesaria algún tipo de coordinación entre as asociacións?. En caso afirmativo, discusión sobre as bases mínimas de acordo.

d) Outros.

Xoán Carlos Garrido
Dionísio Pereira

Nenhum comentário:

Postar um comentário