Diario de Ferrol Sábado, 19 de Junio de 2010
Organizada pola asociación Memoria Histórica Democrática, o profesor Ángel Rodríguez pronunciou onte en Sargadelos unha conferencia sobre os fuxidos galegos a Portugal a partir do estoupido da Guerra Civil.
Para o profesor da Universidade de Vigo resulta extraño “que non se saliente máis na historiografía española a importancia do Portugal de Salazar na vitoria franquista, sendo o seu gran aliado, base de aprovisionamento militar e centro de operacións conspirativas da oligarquía e militares franquistas”, suliñou.
Traxectorias > A partir de aí o profesor analizou a traxectoria dos galegos que saíndo do seu país chegaban a Portugal, para os que había varias solucións: “Quedarse pero cambiando a súa personalidade e ocupar os traballos que os portugueses deixaban, regresar a España ou introducirse nas redes de emigración e marchar para Arxentina, México ou Estados Unidos”. Para o investigador, o estatus dos galegos era “de refuxiados sen papeis, como moitos dos que agora veñen a España”. Rodríguez sinalou a gran presenza que nos anos 30 había en Lisboa de galegos e lembrou que dos 1.500 refuxiados que o embaixador da República Claudio Sánchez Albornoz puido evacuar da capital en outubro de 1936 “a maioría eran galegos, xa que o 90% dos españois de Lisboa a esas alturas eran galegos”.
Nunha documentada conferencia, o profesor vigués salientou a “colaboración que as redes republicanas, sobre todo desde Francia, levaron a cabo para axudar aos exiliados galegos”.
A charla pronunciada onte por Ángel Rodríguez no ciclo da asociación Memoria Histórica Democrática forma parte dun traballo que en breve verá a luz na Universidade de Vigo e que leva como título “Refuxiados galegos en Portugal durante a Guerra Civil”.
Nenhum comentário:
Postar um comentário