Un documental analiza a “triloxía nazi” que o franquismo aplicou ao feminino
Xornal de Galicia.com - DANIEL PRIETO 09/05/2011
O encarceramento en 1936 no municipio lucense da Cañiza de María Purificación Gómez, a primeira alcaldesa da historia de Galicia, abre o documental Digna Rabia, da Asociación Memoria Histórica do 36 de Ponteareas e a Universidade de Vigo, que narra os efectos do franquismo nas mulleres galegas. Tras a política igualitaria republicana, os golpistas impuxeron unha lexislación que “excluía as mulleres da vida pública e da actividade laboral asalariada”, explica a historiadora María Victoria Martins. Para iso, o réxime adoptou “a triloxía nazi para as mulleres: nenos, fogar e igrexa, apoiándose no vello catolicismo conservador que desde séculos defendeu a insubmisión da muller, considerada como inferior”, aclara.
O ingreso en prisión da rexedora da Cañiza simboliza á perfección a negación política que o franquismo se encargou de implantar cara a condición feminina. A pena de morte “por rebelión militar” da rexedora da Cañiza foi conmutada por cadea perpetua e foi trasladada á terrible prisión para mulleres de Saturrarán, en Guipúscoa, onde permaneceu sete anos. No documental recóllense os castigos que soportaron as reclusas. Eran obrigadas a manter relacións sexuais con algunhas monxas, “arrebatábanlles aos seus fillos para entregarllos a familias falanxistas e moitos morrían de fame”, mantén a historiadora Arantza Ugarte. “Dicían que estaban nun buraco e que de aí non sairían nunca”, engade a investigadora María José Bernete. De feito, ese antigo convento situado no municipio de Mutriku, transformado por Franco en campo de concentración, acolleu unhas 2.000 mulleres entre 1937 e 1944, entre elas máis de cen galegas.
A través das declaracións de 27 mulleres profesionais en diversos ámbitos, Digna Rabia repasa as dificultades das mulleres ante a represión ideolóxica, primeiro para sobrevivir e, despois, para conseguir un posto de twraballo. Un dos métodos habituais dos represores era rapar a cabeza das mulleres. “Os falanxistas quitábanlle os panos que se puñan na cabeza”, lembra Chiña González, filla dun edil socialista de Ponteareas asasinado no 36.
“O sistema era absolutamente patriarcal, as mulleres non pintaban nada e estaban recluídas no mundo doméstico”, explica a escritora María Xosé Queizán. A partir dos anos 40 o réxime imporá “un novo modelo de muller”, asevera a historiadora Rosa García Orellán. “A muller é ama de casa e o home é home na medida en que é capaz de que a súa esposa non traballe fóra”, argumenta. Así é como o franquismo conseguiu a submisión feminina e a renuncia da muller á súa sexualidade, xa que “o seu obxectivo era a procreación”, indica a histórica feminista Nanina Santos.
“As mulleres competían entre elas por ver cal tiña as sabas máis brancas”, ilustra a antropóloga Rosa García. Toda a carga ideolóxica da Sección Feminina vai recaendo nas nenas da posguerra, que teñen unha escasa formación que non lles permite optar a un posto remunerado. Moitas mulleres exerceron como costureiras, leiteiras, mariscadoras, canteiras, limpadoras ou “servían na casa dalgún rico” por soldos ínfimos e recorrían ao estraperlo ao tempo que se facían cargo do fogar e dos fillos. Ademais, tiñan que facer o seu “deber nacional” durante seis meses no Servicio Social de la Mujer para poder acceder a moitos traballos, como para entrar en Telefónica. Para máis inri, debían de “ter o permiso do home”, revela a ex conselleira do PP Manuela López Besteiro.
Falanxe encargouse de inculcar que o traballo das mulleres eran “os seus labores”, á vez que “culpou” ás asalariadas “por abandonar as súas obrigas familiares”. Así, “a lexislación acurtou os seus dereitos limitando o seu acceso ao mundo laboral”. As repercusións dese proceso non remataron na posguerra. De feito o documental recolle o testemuño de varias das mulleres despedidas da fábrica de Odosa en 1989. O conflito na conserveira situada no concello pontevedrés da Illa puxo de manifesto as precarias condicións de traballo daquelas operarias e a discriminación á que foron sometidas.
O documental tamén aborda a chegada das primeiras feministas que se opuxeron ao franquismo removendo as conciencias nas organizacións de esquerda. Tras ser proxectado en Pontevedra, Vigo e Ourense, Digna Rabia –dirixido por María Victoria Martins e Ángel Rodríguez Gallardo–, presentarase o próximo día 11 ás 20 horas no Espazo de Intervención Cultural A Normal da Universidade da Coruña
Nenhum comentário:
Postar um comentário