'A memoria e o esquecemento. O franquismo en Pontevedra'
-Gonzalo Amoedo analiza nun libro o franquismo na provincia de Pontevedra
-Achega unha listaxe de máis de seis mil nomes de falanxistas
-Denuncia a complicidade de familias da oligarquía local coa ditadura
-Lembra que intelectuais e xente de esquerdas colaborou coa Falanxe
El Mundo.es Galicia - Montse Dopico - Santiago de Compostela 30/05/2011
"Na provincia de Pontevedra, o empresariado e os membros das familias da vella política borbónica, emparentados dende tempo inmemorial mediante políticas de matrimonio con criterios de empresa e con pólas na carreira militar e na Igrexa, foron extremadamente crueis, e mentres as novas xeracións das familias adiñeiradas pelexaban na retagarda ou na fronte de guerra (os menos), os seus pais facían doazón de inmensas cantidades de diñeiro, víveres ou indumentaria ao exército sublevado, que logo, andado o tempo, se cobraron". Así de claro se amosa o investigador Gonzalo Amoedo na súa obra 'A memoria e o esquecemento. O franquismo da provincia de Pontevedra', (Xerais), que presentou hai unhas semanas a A Asemblea Republicana de Vigo.
Coautor, xunto con Roberto Gil, de estudos como 'Episodios de terror durante a guerra civil na provincia de Pontevedra. A illa de San Simón', (Xerais) ou 'Redondela, crónica dun tempo pasado: a Segunda República e o primeiro franquismo', (Ediciós do Castro), Amoedo non é historiador profesional, pero conta cunha dilatada experiencia como investigador. E, en 'O franquismo da provincia de Pontevedra' realiza unha achega nada común nos libros de historia: unha listaxe de máis de 6.000 nomes de falanxistas.
O proxecto Nomes e Voces centrouse nas vítimas. Como dixo o seu director, Lourenzo Fernández Prieto, "tiñamos claro que tentar coñecer os verdugos suporía imposibilitar coñecer as vítimas". Ti ofreces, porén, nomes de verdugos, precisamente... O historiador Dionisio Pereira tivo que enfrontarse a un xuízo por facer iso...
En realidade os nomes que eu dou non son descoñecidos. A maior parte deles xa apareceran citados en distintas publicacións, desde os anos 70-80. E en todas as vilas de Galicia as persoas de certa idade sabemos os nomes desta xente, o que pasa é que unha información que non traspasaba o ámbito familiar. E eu creo que non ten nada de estraño tentar contar a historia enteira. Non se trata de enviar ó cárcere a xente que xa nin vive, senón de reparar as vítimas. E na lista de falanxistas que inclúo ó final do libro hai xente que non tivo que ver coa represión. Porque houbo xente que entrou na Falanxe para saír do paso: o medo é libre, e as persoas que pertenceran ós partidos republicanos, comunistas, PSOE, galeguistas... sabía que estaban ao fío da morte.
Non es historiador, pero repasas, no libro, o escrito polos historiadores sobre o franquismo pontevedrés, e tamén consultaches fontes primarias en varios arquivos.
Non son historiador, non. Se cadra faltan cousas, pero saíume así o libro. Consultei arquivos cos que antes non se traballara moito como, no Arquivo Histórico Provincial, os Fondos da Xefatura Provincial do Movemento. Alí hai documentos importantes, como informes realizados polos peticionarios que se cruzan con contrainformes do servizo de información da Falanxe. É un xeito de obter información sobre o que pasou.
No libro citas, entre outras fontes, as crónicas xornalísticas da represión. Á prensa recorriches, por exemplo, no capítulo adicado a Víctor Lis Quibén, citado tamén no libro 'Lo que han hecho en Galicia' polo historiador Ángel Rodríguez Gallardo.
Víctor Lis morreu no esquecemento absoluto. No ano 36-37 foi como un superheroe para os golpistas. Malia ser médico de profesión, foi extremadamente cruel. Creo que non hai vila en Galicia que non teña algún recordo asociado a el. Foi un home tremendo.
Unha das ideas principais da obra, e nisto coincides tamén cos historiadores, é que a Falanxe non era practicamente nada antes do golpe. A afiliación disparouse despois.
Eu contei como 150 persoas, que eran xente nova das familias ben. A Falanxe foi un instrumento usado polos militares, proporcionou un soporte ideolóxico ós golpistas, pero nunca contou moito. De feito, cando os militares substitúen os gobernos locais que foran elixidos democraticamente, fano con xente do vello réxime monárquico e das oligarquías locais, e non con falanxistas.
"Da totalidade dos fusilamentos hai que aplicar a responsabilidade aos militares. A outra represión, a que se aplicaba sen a necesidade dos consellos de guerra amañados e foi bautizada co apelativo de 'paseos', practicada polas patrullas nocturnas de falanxistas, gardas cívicos e gardas civís, é tamén da súa responsabilidade", indicas no libro. Militares, terratenentes, Igrexa e oligarquía industrial e financeira non estaban dispostos a perder os seus privilexios -e nisto conflúe a túa interpretación coa de historiadores como Paul Preston-.
É que foi un golpe militar, no que todo estaba planificado para impoñer o terror, o medo, e parar así os avances acadados na República. Aí está o que dixo o xeneral Mola. As oligarquías, do sector conserveiro nas Rías Baixas por exemplo, estaban moi enfrontadas coa xente que se sublevara na República: nas folgas da sardiña, por exemplo. A oligarquía tiña moito interese en desfacerse desa xente que se distinguira política ou sindicalmente.
Non só denuncias a complicidade co franquismo de parte do capitalismo familiar pontevedrés. Tamén sinalas que esa oligarquía mantén membros nas altas instancias da sociedade actual, e dirixiu "a comedia de transformar as Cortes da ditatura nunhas supostas Cortes constituíntes que non foron nunca convocadas para esa tarefa"...
Son familias que se mantiveron no poder desde o século XIX. Aínda hoxe, os partidos democráticos están cheos de ex-franquistas ou de fillos de ex-franquistas, e iso explica por que actúan de determinadas formas. No libro poño moitos exemplos, como as primeiras fornadas de compoñentes dos gobernos da Xunta de Galicia.
O principal papel da Falanxe nos primeiros momentos do novo réxime tras o golpe foi o de "control e represión na retagarda", segundo comentas. Na Garda Cívica, por exemplo.
A Garda Cívica formaba pelotóns de fusilamento, buscaba os fuxidos no monte, vixiaba as prisións, determinados puntos como os consulados alemán e italiano ou as estacións... A Falanxe foi medrando con membros da URD -a CEDA galega-, dos partidos monárquicos... xente que se integrou na Falanxe inventada por Franco, e que pouco tiña que ver cos proxecto nacionalsindicalista revolucionario dos vellos falanxistas. Nos 'paseos' participaban a Garda Cívica, gardas civís, carabineiros, falanxistas novos e vellos...
E tamén xente de esquerdas que buscaban "limpar" o seu pasado "exercendo de matóns sen piedade", salientas no libro.
É que os conversos son moitas veces os peores. Teñen como unha necesidade de demostrar máis que os demais. Pero iso pasou moitas veces na historia.
Adicas un capítulo ós intelectuais que apoiaron a Falanxe. Porque, tal como salientas, o falanxismo foi cousa de xente con e sen educación, e de "bo e mal berce".
Hai moitos casos. Torrente Ballester pasou de ser anarquista e galeguista a participar na propaganda da Falanxe. Tamén Cunqueiro.... Eu creo que isto non os fai mellores nin peores, pero que o que non se debe é agochar a realidade. Cunqueiro é para min o mellor escritor das nosas letras, pero estivo coa Falanxe, e hai que dicilo. E entender que do 36 ó 39 moitos destes intelectuais viron que a súa vida corría perigo. Uns ingresaron na Falanxe, outros marcharon ó Frente... pois na guerra podían morrer, pero polo menos non os mataban nun camiño sen a posibilidade de defenderse.
Non esqueces tampouco o papel da Igrexa.
A Igrexa foi moi cruel, sobre todo con aquelas persoas que na República tentaran poñela no seu sitio, que é o ámbito privado. Tiña moito poder e fixo moito para que os de abaixo a odiasen. Aínda que en Galicia non chegaron a queimarse Igrexas, como noutros lugares. Malia todo, a Igrexa participou moito na represión.
O libro salienta, por outra banda, os xeitos nos que o franquismo sobreviviu. Non só a continuidade das familias no poder, senón actitudes como a que nega a recuperación da memoria histórica.
E iso non pasa só no PP. Para o PSOE a Lei da Memoria tampouco é moita cousa, e queda reducida só a aspectos formais. O PP non quere que se saiba o que pasou porque así membros das súas familias aparecerían como os corsarios que foron. O PP amosa unha dobre moral ó insistir tanto en que non se esqueza as vítimas de ETA, que por suposto deben ser recordadas, pero facer o posible porque se esqueza ás vítimas do franquismo. Non interesa que a xente teña memoria.
Tamén te amosas moi crítico coa Transición e a actual democracia, con eivas, dis, como un réxime de detencións denunciado por Amnistía Internacional, ou "micro-ditaduras municipais" alentadas polas grandes empresas de servizos, privatizacións dos beneficios públicos e socialización das perdas, deterioro dos dereitos dos traballadores, transformación dos cidadáns nunha masa acrítica e despolitizada ou negación das nacións sen Estado. Xa dis ti mesmo que é non un libro de historia, senón unha "memoria escrita desde a paixón".
É que eu creo que hai que chamar as cousas polo seu nome e non andar con eufemismos. A Transición non foi nada modélica, foi moi violenta. Houbo máis de 200 asasinatos, que cometeron grupos como o Batallón Vasco-Español. E resultado desa Transición na que non se rompeu co franquismo é a Lei de Partidos, a falsa separación entre a Igrexa e o Estado, e moitas outras cousas. Os galegofalantes, por exemplo, non teñen os mesmos dereitos que os castelanfalantes. É obrigatorio coñecer o castelán, pero non o galego. Un madrileño ten dereito a educar o seu fillo en castelán en Galicia, que claro que debe telo, pero un galego non ten dereito a que o seu fillo reciba educación en galego en Madrid.
Nenhum comentário:
Postar um comentário