O Alcalde socialisto de Vigo é condenado pola xusticia a derrubala de urxencia pero segue negándose

sábado, 21 de maio de 2011

Os 'indignados' galegos seguen na rúa durante a xornada de reflexión


Praza do Obradoiro

21/05/2011 - Axencias / Galiciaé
Os indignados de Galicia, o grupo de persoas encadradas no Movemento 15-M, seguen concentrados nas principais cidades galegas, onde pasaron a noite sen incidentes, e durante a xornada de reflexión previa ás eleccións de mañá permanecerán na rúa para expresar as súas reivindicacións.
Na Praza do Obradoiro de Santiago de Compostela ao redor de 300 persoas pasaron a noite nalgunha das corenta tendas de campaña que se instalaron ou sobre o chan simplemente protexéndose con mantas e cartóns.
As persoas mobilizadas teñen previsto levar a cabo hoxe na capital galega un amplo programa de actividades culturais e lúdicas.
Entre os actos destacan actuacións circenses e de maxia, unha comida popular, unha 'grafitada', un 'collage reivindicativo' e tamén programaron un 'espazo para a reflexión'.
Un portavoz dos "indignados" de Santiago de Compostela explicou que onte á noite recibiron por escrito unha comunicación da policía na que se lles comunicaba que as forzas da orde non tiñan previsto intervir para desaloxalos "se seguimos na mesma liña pacífica", dixo.
Durante a xornada de reflexión de hoxe cada un dos "indignados" poderá expresar o seu "xeito de pensar sen falar de política", indicou o mesmo portavoz.
De igual forma, explicou que en ningún momento pediuse á xente que mañá non acuda a votar nin que se pediu o sufraxio para algunha formación política concreta. "Cada un é libre de decidir", comentou.
Na cidade de Vigo permanecen acampadas máis de cincuenta persoas que pasaron a noite con total tranquilidade.
Tras a prohibición da Xunta Electoral Central, os concentrados decidiron en asemblea non convocar actos en nome do movemento que capitalizou os actos en Vigo, "Acampadavigo", senón que cada cal, a título particular, faga o que crea convinte, indicou un dos seus membros.
Tampouco se repartirán panfletos informativos nin se recollerán firmas, como fixeron na xornada de onte, para non interferir na xornada de reflexión.
Durante a noite a policía non interveu nas inmediacións do farol de Príncipe, epicentro do movemento dos indignados vigueses. Algúns dos acampados teñen a intención de seguir concentrados máis aló da xornada electoral.
Tamén no centro da Coruña unhas duascentas persoas pasaron a noite á intemperie ou en tendas de campaña, unha cifra que se duplicou respecto dos que pasaron a noite a noite anterior.
Durante a xornada de hoxe os concentrados levarán ao cabo actividades culturais e lúdicas, nun día no que "non haberá protestas nin proclamas, só actividades artísticas", afirmou un portavoz.
En Lugo máis dunha decena de persoas pasaron a noite na Praza Maior, e xa decidiron retirar as tendas de campaña tras advertirlles a policía que non podían mantelas.
As asembleas de Ourense e Pontevedra confirmaron que continuará coas concentracións durante a xornada de reflexión, aínda que a súa actividade non vulnerará as condicións impostas pola lei.

Nenhum comentário:

Postar um comentário