Placeres Castellanos |
Placeres Castellanos Pan, foi unha valente muller do seu tempo. Nai de sete fillos viu como a violencia fascista lle asasinaba a un deles e ao seu home, o comunista Víctor Fraiz, en Vigo. Loitadora incansable, amiga de Líster, loitou contra o franquismo e en Francia proseguiu a loita como guerrilleira. Foi unha das galegas mais destacadas do exilio galego e español. Nova reportaxe sobre as heroínas galegas.
Calica Confidencial.com - Lois Pérez Leira | Vigo | 23/05/2014
Placeres Castellanos naceu en Pontecaldelas o 11 de xaneiro de 1896. Desde os inicios do século XX, a súa vila natal sufriu unha constante sangría migratoria. A maioría dos mozos marchaban a Portugal ou ao Brasil, fundamentalmente a Salvador de Bahia. Placeres era unha moza de aldea, fermosa, chea de ilusións. Como todas as rapazas daqueles anos soñaban con casar e ter unha boa familia. Todo transcorría monotonamente naquel lugar de vales verdes e encantados, como os seus ríos bravos. Todo era case igual, ata que chega á vila, o mestre rural Víctor Fraiz.
A chegada de Víctor espertou a ollada atenta das mozas casadeiras. El era un mozo intelectual, con moitas inquedanzas políticas, sindicais e mesmo xornalísticas. Durante os anos que reside naquela vila realiza unha intensa actividade social. Funda os xornais El Heraldo de Puente Caldelas en 1915 e El Explorador de Puente Caldelas no mesmo ano. Tamén foi o impulsor da creación dos Boy Scout. Foi presidente e fundador da Asociación de Mestres de Pontecaldelas.
A familia de Placeres Castellanos e Víctor Fraiz |
Ao pouco de chegar coñece a Placeres e comezan un curto noivado. A rapaza tiña apenas 15 anos cando casou con Víctor, que contaba xa con 24. Foi o 6 de novembro de 1911. Deste matrimonio nacerán 7 fillos. Logo desta etapa, o matrimonio trasládase a Vigo, onde Víctor é destinado a unha escola na rúa Tomás Alonso. Naquel establecemento vivirán no primeiro piso do edificio, xa que, por aqueles anos, aos mestres que non eran do lugar o goberno proporcionáballes a vivenda no mesmo colexio. Nesta etapa Placeres dedícase a criar os sete fillos, tarefa que non lle permitía moitas outras actividades. Pero, malia iso, nos momentos libres realiza algunha que outra actividade social e solidaria.
En 1924 preocupada pola infancia, ela , que tiña unha familia numerosa, interésase polo tema e participa da Xunta de Protección de Menores. Coa proclamación da Segunda República, Placeres implícase máis na actividade política. En 1932 forma parte da Liga pola Defensa dos Dereitos do Home. Esta organización foi fundada en 1913, sendo algúns dos seus fundadores Azorín, Dalí, Falla, Azaña, Ortega y Gasset, Miró, Besteiro, Simarro, García Lorca, Américo Castro, Sánchez Albornoz, Antonio Machado, Salvador de Madariaga, Ramiro de Maeztu, Gregorio Marañón, Menéndez Pidal, Miguel Morayta, Benito Pérez Galdós, Cipriano Rivas Cherif, Ramón del Valle Inclán, Ignacio Zuloaga, Pedro Rico, José María Gil Robles, Pablo Ruiz Picasso, Pablo Cassals, Lluis Companys, Francesc Maciá, Vicente Blasco Ibáñez, Angel Ossorio, Luís Araquistáin, Antonia Merce “La Argentinita”, José Giral e Manuel Aznar, entre outros. Placeres iniciouse xunto ao seu marido na militancia socialista.
Posteriormente, o matrimonio pasou ás fileiras do Partido Comunista. En 1933 foi nomeada secretaria do Comité de Vigo do Socorro Vermello Internacional. O Socorro naceu nos anos vinte do século pasado por impulso da III Internacional Comunista para enfrontarse ao fascismo, entón só incipiente. Entre os seus dirixentes formaron parte mulleres antifascistas tan coñecidas como a alemá Clara Zetkin, a italiana Tina Modotti e a rusa Elena Stasova. O Socorro Vermello Internacional entronca, pois, directamente coa historia do movemento comunista e antifascista internacional, alcanzando axiña un gran desenvolvemento en todo o mundo, destacando no apoio político, xurídico e económico a todos os represaliados, sen diferenzas ideolóxicas ou partidistas. No Estado español desenvolveuse trala insurrección de Asturias de 1934, para facer fronte á dura represión desatada pola reacción e conseguir a liberación do gran número de encarcerados que ocasionou. En 1934 durante o “Bienio Negro” Placeres foi detida baixo acusación de posesión de armas, imputación esta que non puido ser comprobada.
O 17 de xullo de 1936 prepárase para participar da reunión que tiña en Madrid como representante de Vigo, no Socorro Vermello Internacional. O tren saía pola noite. Algunhas horas antes o seu fillo Víctor, que gañara unha praza de funcionario na capital, collía o tren de Madrid a Vigo, co fin de pasar uns días na súa cidade e visitar á súa noiva. Na estación atópase coa súa nai, coa que fala algúns minutos.
Cóntanse as últimas novas familiares, e falan do asasinato de Calvo Sotelo. O asubío da locomotora que anunciaba a partida do tren, fúndeos nel ultimo abrazo. De vagar, o tren comeza a partida. Placeres, desde o portelo, dille que á súa volta falarían máis de vagariño. O 18 de xullo o alzamento militar sorprende a Placeres en Madrid, mentres que o seu fillo aos poucos días estará baixo o dominio do fascismo.
En Vigo, os traballadores reciben a noticia do levantamento con moita preocupación. Nos primeiros días existen varias accións de resistencia contra os sublevados. En varios puntos da cidade organízanse barricadas armadas, onde os veciños partidarios da Fronte Popular resisten con armas rudimentarias. Fraiz, xunto aos comunistas, eran partidarios de pedir armas ás autoridades e de resistir militarmente, malia que a maioría das autoridades socialistas consideraban que a situación estaba controlada. Aqueles dirixentes equivocáronse e a gran maioría deles foron fusilados.
Fraiz non quería correr a mesma sorte e tirouse para o monte, con centenares de persoas, que vían a súa vida en perigo. Os falanxistas saíron na súa procura e como non podían atrapalo detiveron ao seu fillo Víctor como refén. Levárono ata o campo de concentración que montaron no centro da cidade de Vigo, onde funcionaba o club El Frontón, sobre a rúa María Berdiales. Alí amoreábanse centenares de persoas que durmían no chan, unhas apegadas ás outras.
Cóntanos Manuel Lago, que estivo no Frontón: “Recordo que comigo estaban detidos no Frontón o famoso xornalista do Faro de Vigo Lustres Rivas e o fillo do mestre Víctor Fraiz. Unha noite leváronnos ata o Areal e desde alí trasladáronnos ata o lazareto de San Simón. Desde alí unha noite foron sacados da súa cela o fillo de Fraiz e Rivas. Días despois fomos sabedores de que foron paseados e os seus corpos apareceron na estrada de Vigo a Redondela, moi preto da actual ponte de Rande. Foi un 10 de novembro de 1936. Víctor Fraiz Castellanos tiña só 19 anos de idade. Por aqueles tempos da Segunda República Víctor Fraiz era un destacado militante comunista e dirixente da Federación Española de Traballadores do Ensino (FETEN).
Así conta a propia Placeres como se desata a traxedia: “Nos últimos días do mes de novembro atopei na rúa de Alcalá ao Sr. Mella, que ao saudarme escapoulle darme o pésame por Víctor.... posteriormente a miña irmá enviábame unha mensaxe pola Cruz Vermella corrobando o masacre cometido. Coa miña dor de nai, bebendo bágoas e afogando suspiros, achegueime a unha familia amiga por saber algo máis e contáronme que aos meus fillos leváronos como reféns por que non atopaban ao pai, e para que o meu marido se entregase deran morte ao mozo anunciando que os matarían a todos se o meu marido non aparecía. O meu fillo Víctor cumprira 19 anos en setembro. Unha inocente vítima, sufriu o martirio dos xustos e na estrada de Vigo a Redondela apareceu morto. Ao saber isto o pai presentouse para evitar a matanza dos outros fillos, ao ver que o fascismo cruel se alimenta de sangue inocente, logo de condenalo a matar, ao cabo duns meses fusilárono por pensar, e porque era un Mestre Nacional que cantaba na súa escola o Himno Republicano...”.
No libro Galicia Mártir, cuxo autor escribe baixo o pseudónimo de Hernán Quijano, relátanse estes acontecementos: “Víctor Fraiz, ao que perseguiran infrutuosamente os falanxistas desde o comezo da rebelión, presentouse en Vigo e foi entregarse ao representante consular dunha republicana americana (Uruguai), quen se puxo de acordo co decano do corpo consular e xuntos ambos decidiron entregar o fuxitivo ás autoridades rebeldes, pero coa firme promesa de que non sería asasinado senón que sería xulgado en Consello de Guerra. Así tiveron que prometelo os xefes fascistas aos dous representantes consulares que fixeron a xestión e a entrega (...). Víctor Fraiz foi inexorabelmente condenado a morte, sendo fusilado o día 15 de setembro de 1937 en unión doutro comunista, Manuel Fernández Careu, alias “El Chato...”. Placeres mobilízase a través da FETE (Federación Traballadores da Educación) traballando en varias garderías de Madrid, a primeira foi na rúa dos Madrazos e a outra na rúa Carabanchel. Tamén foi enfermeira nas frontes de combate de Xaraman, no hospital Tarancón e logo no 6 Corpo do Exército, na fronte do Pardo. En agosto de 1937 declara para Nueva Galicia: “A unión de todos os galegos paréceme que será a máis firme e sólida demostración do noso interese en facer un bloque galego só comparábel ao Everest contra o que vaian despedazarse todas as pólas dos traidores. O meu espírito querería rachar os lazos da materia para poder voar en busca de todos os galegos espallados e unilos como un só corpo pois así demostraremos á humanidade enteira que a nosa Galiza non morre mentres haxa corazóns galegos que, vibrando ao unísono, fundan ao mesmo tempo no crisol do amor e a xustiza. Ata conseguir a redención da Humanidade...”. En 1938 seguindo o goberno republicano trasládase a Valencia e incorpórase a Solidariedade Galega Antifascista organismo unitario onde participaban galeguistas, comunistas e socialistas. Naquela organización coincidirá con outras dúas mulleres destacadas do seu tempo, Amparo López Jean e a súa filla Amparo Alvajar.
Durante os anos da guerra escribe en distintas publicacións periódicas, nomeadamente en Nueva Galicia. Ao terminar a guerra ten que partir por mar ao exilio. O 30 de marzo chega a Francia no Burrington Combe. Os primeiros días é instalada nuns pavillóns, na praia de Corniche, e posteriormente é trasladada ao campo de concentración para mulleres e nenos de Cenilles.
En Francia traballará de enfermeira ata que en 1941 se incorpora á guerrilla ocupando o posto de Sarxento da 3 brigada de Guerrilleiros da Amical F.F.I. (francotiradores) co número 35.435. Placeres realiza distintas operacións guerrilleiras chegando a ser coñecida como a Española Clavets D´Unijot. Ao terminar a guerra continua o seu labor politica na provincia de Ariege.
Participou en representación de España no I Congreso Mundial de Mulleres celebrado en París en 1945. En Francia coñece a Neruda e a mais a Alberti. Tamén frecuenta a personalidades como Líster, a quen coñeceu durante a guerra civil. Ao rematar a segunda guerra mundial a través dunha organización que se dedicaba a reagrupar aos fillos dos exiliados, Placeres pode reencontrarse en París co seu fillo menor Manuel. O propio Manuel relata esta parte da historia: “era un mozo que tiña apenas 17 anos cando a miña nai fixo as xestións para que nos puidésemos encontrar novamente. Trasladeime ata Irún, no País Vasco, e desde alí cun grupo de persoas demos en cruzar os Pirineos. Tivemos que camiñar polas montañas toda a noite, ata chegarmos a Francia. Nun lugariño da fronteira botamos un par de días ata que collemos un tren ata París. Alí estaba miña nai esperando por min”. Durante varios meses Placeres intenta conseguir os documentos para o seu fillo, co fin de poder embarcar cara a Bos Aires. En 1949 logran embarcar cara á Arxentina onde estaba Celso Fraiz, irmán do seu marido. Ao chegar estabelécense en Marcos Juárez na provincia de Córdoba.
Aquela zona tiña un aquel con Galiza. Posuía montes, ríos e vales. Parecíase moito á súa Pontecaldelas natal. Logo dalgúns anos nesta vila da serra trasládase co seu fillo á zona sur do Gran Bos Aires. Manuel, o fillo menor, casa e forma a súa familia. Placeres de cando en vez achégase a algunhas actividades dos exiliados que se realizaban na Federación de Sociedades Galegas. “Lembro que fun coa miña nai á Federación a escoitar a Rafael Alberti e a outros intelectuais nun acto literario antifranquista”.
En 1955 regresou a Vigo e finou o 25 de xuño de 1971. O corpo de Placeres descansa xunto ao do seu home no cemiterio de Pereiro. Placeres deixo sen concluír un libro autobiográfico, poesías e apuntamentos. Algúns, coma este, onde crea un Pai Noso comunista: “Pai da liberdade, que estás no Kremlin, sempre invocado sexa o teu nome, manda a nós a túa protección, non nos deixes caer en mans inimigas, líbranos do fascismo cruel e fágase a túa vontade internacional. Así sexa”.
Entre os seus poemas, pódese citar o intitulado “Terra Galega*”, que di literalmente así:
*Traducción Estación Atlántica
¡Oh Galicia matriarcal
con fillo de Breogán,
Pardo de Cela, Pondal
Curros e Concepción Arenal.
Nai de galegas nais.
Mártires e dolorosas.
¡Cántalle aos inmortales
que dormen baixo as losas!
Mécelos no teu colo.
Rumoreando un a-la-la,
Dilles que sempre nos beizos
Do pobo, os seus nomes van.
Invocándoche viviron.
Con bágoas regáronche,
Ao non haberche redimido
A vida hanche ofrendado.
con fillo de Breogán,
Pardo de Cela, Pondal
Curros e Concepción Arenal.
Nai de galegas nais.
Mártires e dolorosas.
¡Cántalle aos inmortales
que dormen baixo as losas!
Mécelos no teu colo.
Rumoreando un a-la-la,
Dilles que sempre nos beizos
Do pobo, os seus nomes van.
Invocándoche viviron.
Con bágoas regáronche,
Ao non haberche redimido
A vida hanche ofrendado.
Nenhum comentário:
Postar um comentário