II Simposio "A memoria das mulleres" dedicado nesta ocasión á escola represaliada e resistente.
Pontevedraviva.com - Óskar Viéitez 20/5/14
Pontevedra acollerá os días 29, 30 e 31 de maio, na Casa das Campás, o segundo Simposio "A memoria das mulleres" dedicado nesta ocasión á escola represaliada e resistente.
O programa arranca cun acto de homenaxe a Ernestina Otero Sestelo, profesora da antiga Escola Normal de Maxisterio de Pontevedra. Será o xoves 29 ás 20:30 horas no Paseo de Monteiro Ríos.
Manuel Puga Pereira, biógrafo e neto de Ernestina, explicou que a súa avoa "exemplifica o compromiso coas xeracións futuras", foi unha muller que nacida en Redondela se dedicou máis de trinta anos ao ensino nunha época con gran dificultade para o acceso aos estudos, especialmente para as mulleres. Unha desigualdade entre sexos recollida no código civil.
Naceu en 1890, estudou Maxisterio en Pontevedra, e dende 1915 ensinou nesta Escola de Maxisterio de Pontevedra e na Normal e colaborou ademais en moitas outras actividades sociais.
A súa implicación no sistema da Institución Libre de Ensino carrexoulle suspensións de cargos no período da guerra, sendo afastada da súa praza e trasladada a Ourense. Finalmente puido volver a Pontevedra, onde na Normal seguiu ensinando. Estivo casada con Luis Pereira e tiveron un prolífico matrimonio. Faleceu en 1956.
O Concello de Pontevedra e a vicerrectoría do campus de Pontevedra da Universidade de Vigo decidiron poñer o nome de Ernestina Otero aos premios que se concederán a aqueles estudantes que incorporen a perspectiva de xénero nos traballos de fin de grao e fin de máster.
Nenhum comentário:
Postar um comentário