CIG e Fundación Moncho Reboiras lembrarán cunha ofrenda floral o 40º aniversario do asasinato do dirixente nacionalista
O acto terá lugar o 12 de Agosto ás 12 horas no cemiterio de Imo, en Dodro
O vindeiro 12 de agosto cumpriranse 40 anos do asasinato de Xosé
Ramón (Moncho) Reboiras Noia a mas da policía fascista en Ferrol.
Desde a Fundación que leva o seu nome e maila Confederación
Intersindical Galega renderémoslle tributo mediante unha homenaxe
floral ás 12 horas no cemiterio de Imo, en Dodro, onde descansan os
seus restos. Moncho, alén da súa prolífica militancia nos
diferentes campos do nacionalismo popular, destacou tamén nos
primeiros xermes de organización obreira que deron lugar ao actual
sindicalismo nacionalista.
Moncho Reboiras Noia criárase en Teis, un dos barrios máis
populares de Vigo, moi preto da factoría Vulcano. Polo seu traballo
de electricista, durante a década dos 70 viviu tamén noutras
cidades galegas. O 12 de Agosto de 1975, foi asasinado pola policía
franquista nun portal da rúa da Terra en Ferrol, a poucos metros do
edificio do Concello, despois dunha persecución polos tellados de
varios edificios. Reboiras era unha persoa nova, tiña 25 anos, de
face sorrinte, cun engado persoal evidente, sempre disposto a
traballar polo país, a escoitar máis que falar, e que sabía o que
quería.
Contrariamente ao que algúns poderían pensar polas
circunstancias nas que morreu, Reboiras non era unha persoa que
considerase como principal a actividade armada da Unión do Povo
Galego, partido ao que pertencía. Por esta razón, o seu partido
encargoulle anos antes participar na organización da Fronte Cultural
e posteriormente da Fronte Obreira. Moncho foi un home que destacou
pola súa actividade no eido político e reivindicativo. Dende a
Fronte Obreira impulsouse o nacemento dos xermolos sindicais en
varias cidades, e estes deron lugar en maio de 1975, poucos meses
antes da súa tráxica morte, ao nacemento do SOG e do periódico
Eixo como voceiro do sindicato.
A fundación do SOG, e doutros sindicatos como a UTEG, puxo as
bases da que sería a máis forte das organizacións do nacionalismo,
e que daría lugar andando o tempo ao que hoxe é a nosa central
sindical, a CIG. A súa participación destacada na autoorganización
da clase traballadora galega foi recoñecida pola Confederación
Intersindical Galega renomeando a súa fundación de estudos e
formación sindical, co seu nome: Fundación Moncho Reboiras para o
estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza.
De vivir, Moncho Reboiras sería sen dúbida hoxe un dos
dirixentes do nacionalismo, un referente. Tiña todas as calidades
para selo. Era un home do povo, disciplinado, aberto ás novas ideas,
de fácil relación cos demais e, fundamentalmente, unha persoa
solidaria e que loitaba desde un proxecto de masas pola xustiza
social e os dereitos nacionais de Galiza. Unha parte do que é hoxe o
nacionalismo e das liberdades democráticas (aínda que limitadas e
en retroceso), debémosllas a el. O seu asasinato foi un revulsivo,
especialmente entre a mocidade. Unha vida a imitar e unha
demostración da coherencia, que colocou o movemento nacional popular
galego como referencia política nunha conxuntura decisiva.
Mais Moncho non era un caso illado. Formaba parte dun partido de
xente moza, atrevida e entregada, teimosa, procedentes das clases
populares, que tiñan como obxectivo principal da súa vida a
liberación nacional e social de Galiza. Moncho Reboiras, ademais dun
exemplo persoal, representa a todos e todas aqueles que na dura etapa
do franquismo senil fixeron posíbel que o nacionalismo das clases
populares sexa hoxe unha realidade. Non foi unha excepción, senón
alguén que estivo na primeira liña de loita contra a opresión.
Hoxe a 40 anos do seu asasinato pola ditadura, lembremos a súa caída
coa mellor homenaxe, continuando a súa obra.
Manuel Mera
Director da
Fundación Moncho Reboiras
Nenhum comentário:
Postar um comentário