Revista Les Cahiers du CTDEE nº 3, editada polo Centro Tolosano de Documentación sobre o Exilio Español |
A ensaísta e profesora galega María Lopo, doutora en Literatura Francesa pola Universidades da Alta Bretaña, presentou na revista Les Cahiers du CTDEE, editada polo Centro Tolosano de Documentación sobre o Exilio Español, un esclarecedor traballo en francés sobre a relevancia histórica e social da figura das Marías de Compostela, baixo o título de “Deux femmes contre l’oppression franquiste. Les couleurs de la dignité: María et Coralia Fandiño Ricart”
O artigo, amplamente ilustrado con significativas fotografías das Marías en diversas épocas, así como da súa escultura na Alameda de Santiago, relata as súa procedencia familiar anarquista e o devastador efecto da represión fascista sobre elas e a súa familia, así como a aínda insuficiente e deformada recuperación da súa memoria histórica.
María Lopo doutorouse en Francia cunha tese sobre o poeta bretón Guillevic, publicada como Guillevic et sa Bretagne. Como estudosa interesouse sobre todo pola poesía francesa contemporánea e polo celtismo, incluídas as relacións de Galicia co mundo celta. En francés publicou tres libros titulados Galice & Compostelle, Fisterra e La Galice. Traduciu desde o francés ao galego e viceversa, e editou correspondencia de Breton, Péret, Duchamp e Granell.
No terreo da memoria histórica ocupouse preferentemente de mulleres exiliadas, como a artista Amparo Segarra e a actriz María Casares, sobre quen publicou o libro Cartas no exilio. Correspondencia entre Santiago Casares Quiroga e María Casares. Membro fundacional de Unión Libre. Cadernos de vida e culturas, reuniu no seu último número boa parte dos seus traballos baixo o título de Ensaios en espiral.
Nenhum comentário:
Postar um comentário