O Alcalde socialisto de Vigo é condenado pola xusticia a derrubala de urxencia pero segue negándose

mércores, 12 de agosto de 2015

Moncho na memoria. Crónica do 12 de agosto


MOVEMENTO GALEGO AO SOCIALISMO
Moncho Reboiras vive na loita pola independencia e o socialismo. Máis dun cento de persoas participaron na Homenaxe Nacional que se celebrou no cemiterio de Imo, con ocasión do cuadraxésimo aniversario do asasinato do militante comunista galego, a quen o MGS lembrou todos os anos desde a súa constitución, como espello no que nos mirar e desenvolver a súa loita.

Noa Presas, membro da Mesa Nacional do MGS e de Isca!, asegurou que o acto non pretendía só restituír unha memoria usurpada, senón recoñecer a vixencia dunha figura que "representa o modelo de militancia política que aspiramos a herdar, na súa concreción ideolóxica e na súa praxe". Neste sentido, lembrou os numerosos conflitos e agresións anti-populares que enfrontamos na actualidade, desde as tractoradas en defensa do leite até os recorrentes lumes forestais, o desemprego ou as violacións de dereitos, para lembrar que son apenas consecuencias de causas estruturais, ligadas tanto ás políticas europeas como a "unha estrutura autonómica inservíbel". Así, os dous pés do cambio, afirmou, pasan pola independencia e a ruptura co capitalismo, que deben avanzar por medio do soberanismo, "único proxecto verdadeiramente transformador que pode liberarnos como clase e como pobo", sen cesión aos espellismos.

Tamén fixo alusión á necesidade da "unidade de acción e na alianza estratéxica de quen entendemos a soberanía como folla de ruta", mais sen supeditalas exclusivamente aos marcos meramente electorais. Noa Presas saudou a presenza de cada vez máis veciños de Imo, do BNG de Dodro, e de organizacións irmás como o PCPG e o Colectivo Nacionalista de Marín. Finalmente, adicou o acto a todas aquelas persoas e organizacións que durante estes corenta anos honraron a figura de Moncho Reboiras. 

Tamén interviron Xoán Bautista Mariño e Rafael Mouzo. O primeiro, concelleiro do BNG en Dodro, participara de cativo no enterro de Moncho Reboiras, en 1975, nunha vila tomada pola Guardia Civil, sen prever que tomaría despois a decisión de se implicar e representar no Concello o proxecto de liberación nacional deste país. Pola súa parte, o noso compañeiro Rafael Mouzo é un militante histórico, que foi alcalde de Corcubión entre 1997 e 2008 – cunha paréntese dun mandato – e impulsou unha das poucas rúas que homenaxean a Moncho Reboiras, unha das primeiras das moitas que algún día inzarán as nosas cidades e vilas.

Ademais das intervencións políticas, tamén a cultura serviu de vehículo da memoria, imaxinación e reivindicación. O acto comezou cunha actuación musical de Mini e Mero e tamén incluíu un recital poético. De feito, a homenaxe serviu de lanzamento do primeiro libro de Arredista Edicións!, a editorial vinculada ao Movemento Galego ao Socialismo. Trátase dunha colectánea de poesía dedicada expresamente a Moncho Reboiras, que foi coordenada por Alberte Momán e inclúe textos das autoras e autores Carmen Blanco, Claudio Rodríguez Fer, Darío Xohán Cabana, Igor Lugris, Isidro Novo, Marta Dacosta, Ramiro Vidal Alvarinho, e Teresa Moure, ademais de Susana Sánchez Aríns e Verónica Martínez Delgado, que foron as dúas autoras presentes e protagonistas do recital poético. Alberte Momán leu o poema de Dario Xohán Cabana “Reboiras na lembranza”. Un exemplar foi entregado ás persoas que participaron no acto, ademais de a Manolo Reboiras e Lita Martínez, a quen agradecemos a súa presenza e colaboración. Mini e Mero interpretaron algún dos seus temas mais coñecidos e Mini recebeu o apoio expreso polo de toda situación de política en Boimorto que o deixaría sen a alcaldía por obra do caciquismo. O acto de homenaxe terminou coa colocación dun ramo e de corenta caraveis, e co canto dos himnos da nosa clase e da nosa patria. 

A homenaxe veu precedida dunha campaña axitativa previa, coa colada de numerosos cartaces e o despregamento de faixas, que levou a lembranza de Reboiras a diversas comarcas do país, nomeadamente á de Compostela e ao Barbanza. Tamén se repintou na súa integridade un mural de catro metros de altura coa imaxe de Reboiras, que fora elaborado no ano pasado e despois fora destruído, e que se atopa nas inmediacións do cemiterio de Imo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario