Sobor da crise social
Telmo Comesaña Pampillón. 1 de Agosto de 2010.
Na extensa carta publicada neste xornal o día 23 de xullo pasado, e asinada por Luís Fernando Rubio Maquieira, titulada "la crisis Social" , D. Luís debroca todo canto leva no fardel da súa existencia. Laios e máis laios polo mal que o fai o goberno, a oposición, os sindicatos, os independentistas/separatistas, etc.
E para él a crise social ven a ser o "fin do mundo".Eu, D. Luís síntome moito mellor nesta sociedade que na que sufrín na longa ditadura nacional-catolicista, e polo que se ve, vostede disfrutouna. Pero o motivo de escribirlle esta carta é para tentar de reflexionar sobor do que vostede dí con respecto a: (ese intento de revivir la Guerra Civil del 36 con los muertos se han de forma selectiva para abrir viejas heridas ya cicatrizadas y provocar así nuevos rencores entre hermanos de patria, etc).
Ímos ver D. Luís: quén é vostede para aseverar que as feridas xa están cicatrizadas? Por qué dí que son vellas as feridas? Por qué fala de rancor entre irmáns? Hai algo que o atormenta D. Luís? Non pode dormir de noite por algo inconfesable, e que os fillos/as das vítimas estamos reclamando? Non se preocupe. Nós, os fillos e fillas, netos e netas, e agora tamén bisnetos e bisnetas, que non entenden o porqué asasinaron a preto de 6.000 homes e mulleres en Galicia, onde non houbo guerra, somos xente de ben; os odios e rancores deixámos-llos a vostede, os que fan manifestacións como as que vostede fai.
Dos moitos casos que se nos presentan voulle reflectír un: chega unha muller de Vigo á Asociación preguntando si podemos axudala porque quer atopar os restos do seu avó; ela soio sabe que morreu na guerra ou, cando a guerra. Na base de datos tiñamos unha parte da información que precisaba: nome,idade, fillos que deixaba (4), data do xuizo, encausamento, condena a morte, fusilado no Castro, e soterrado en Pereiró, zona... fosa... Excuso dicirlle a ledicia no medio da dor... Atopara ao seu avó!, e logo ben o interés por recuperar os restos e xuntalos cos da familia, e siguen as preguntas: -qué teño que facer para sacalo de aí? -Aí xa non está, filla, está no osario xeral... Alporizada pregunta: e quén autorizou facer iso sin consultar coa familia? Os mesmos que o condenaron a morte; coa mesma impunidade que fixeron unha cousa fixeron a outra. Cando leu a causa quedou abraiada e pensou que había un erro; díxome: -Este non debe ser o meu avó porque foi condenado por rebelión militar, e o meu abó era albanel. -Si filla o meu pai tamén era albanel.
En eles, e en preto de 6.000, cumplíase a consigna do xeneral Emilio Mola: "Hay que sembrar el terror, tenemos que crear una impresión de dominación eliminando, sin escrúpulos ni vacilación a todos los que no piensen como nosotros. Cualquiera que sea abierta o secretamente defensor del Frente Popular debe ser fusilado".
A vostede me dirixo D.Luís. Escribo no meu nome e no de moitas familias que seguen sufrindo caladamente sin saber onde repousan os restos dos seus devanceiros, ou que xa saben que foron aldraxados e amoreados nun osario común. E por favor: antes de facer públicas manifestacións deste tipo, pense.
As feridas soio se curan con: Verdadera, xustiza e reparación.
Nenhum comentário:
Postar um comentário