Cincuenta anos de sindicalismo agrario en España: da ditadura á democracia (1936 -1986)
Curso Universidade de Verán 2011
Estimados/as amigos/as,
Entre os días 8 e 10 de setembro, HISTAGRA. Grupo de Referencia Competitiva de Historia Agraria e Política do Mundo Rural do Departamento de Hª Contemporánea e de América da USC, organiza en Arzúa (A Coruña), un dos Cursos de Verán da Universidade de Verán 2011 baixo o título: "Cincuenta anos de sindicalismo agrario en España: da ditadura á democracia (1936 -1986)".
A inauguración oficial do curso celebrarase o xoves día 8 ás 9.30 horas no Recinto Ferial "Terra do Queixo", coa participación de José Luis García López, Alcalde de Arzúa; Francisco Durán Villa, Vicerreitor de Estudiantes, Cultura e Formación Contínua; Víctor Santidrián, Fundación 10 de Marzo de CCOO e Daniel Lanero Taboas, Director do Curso de Verán.
Acompañamos sinopse do Curso, o tríptico co programa en PDF e o cartaz anunciador do mesmo.
Un saúdo e agardamos que esta nova sexa de interese.
Para máis información:
Daniel Lanero Táboas
Universidade de Santiago de Compostela (USC)
Departamento de Historia Contemporánea e de América
Facultade de Xeografía e Historia
Praza da Universidade s/n, 15782
Santiago de Compostela (A Coruña)
Tlf: 981563100 ext:12636
MUNDO RURAL E SINDICALISMO AGRARIO A DEBATE EN ARZÚA, A CORUÑA
Entre os vindeiros 8 e 10 de setembro, celebrarase no Recinto Feiral “Terra do Queixo” (Multiusos) do Concello de Arzúa (A Coruña) o Curso de Verán: Cincuenta anos de sindicalismo agrario en España: da ditadura á democracia (1936 – 1986), organizado pola Vicerreitoría de Extensión Universitaria, Cultura e Sociedade da Universidade de Santiago de Compostela e polo Grupo de Investigación HISTAGRA: Historia Agraria e Política do Mundo Rural. Séculos XIX e XX.
Este Curso de Verán conta tamén coa colaboración do Excmo. Concello de Arzúa, do Proxecto de Investigación: Mobilización política e conflitividade social nun contexto de grandes cambios… e da Fundación 10 de Marzo de CCOO de Galicia.
Tomando como fío conductor a análise de medio século de asociacionismo agrario en Galicia e no conxunto de España, este seminario - no que participarán algúns e algunhas d@s máis nomead@s especialistas no tema nos ámbitos galego e estatal - pretende facer un balance historiográfico crítico e actualizado sobre a situación política e socio – económica do mundo rural durante a ditadura franquista, a transición e os primeiros anos da democracia (até o ingreso de España na CEE).
A primeira xornada (día 8 de setembro) adicarase a análise do sindicalismo vertical franquista no mundo rural como instrumento para a desmobilización política e o encadramento da sociedade rural, atendendo tamén a aspectos como a represión da preexistente sociedade civil rural, o cooperativismo franquista ou ós vencellos entre entidades sindicais, propietarios, poderes locais e empresariado agrícola.
As ponencias do día 9 de setembro centraranse nas organizacións do sindicalismo agrario democrático durante o tardofranquismo e a transición, é dicir, entre a clandestinidade e a legalización dos sindicatos, e no papel desempeñado por estes no agro como medio para a socialización política dos labregos e a reivindicación da democracia.
Unha mesa redonda no fin do mesmo día 9, que pretende dar voz á memoria de aqueles axentes da sociedade civil rural que protagonizaron a fase final do franquismo e a transición, analizará as grandes mudanzas estruturais (produtivas, sociais, demográficas… pero tamén políticas e culturais) que experimentou o mundo rural en Galicia e España dende 1960 en adiante, coincidindo coa chamada crise da agricultura tradicional, a imposición do paradigma produtivo da Revolución Verde e a incorporación de España á CEE e á Política Agraria Común (PAC). Unha saída de campo, na mañá do día 10, percorrendo diferentes paisaxes rurais do Concello de Arzúa e visitando unha explotación gandeira, servirá para apreciar in situ as “herdanzas”, as problemáticas e as expectativas de futuro deixadas pola industrialización da agricultura en esta bisbarra do interior de Galicia.
O Curso de Verán, de 20 horas de duración, está destinado a un público plural e diverso, que teña como denominador común o interese pola situación actual do mundo rural e pola súa xénese histórica. En primeiro lugar, a estudantes universitarios de grao e posgrao que estean a cursar estudos no eido das Humanidades e das Ciencias Sociais (Historia, Humanidades, Ciencias Económicas e Ciencias Políticas, Socioloxía, Antropoloxía, Ciencias Medioambientais…) pero tamén en ensinanzas técnicas relacionadas co mundo rural (Enxeñería Agroalimentaria, Forestal, Veterinaría...). Tamén a axentes sociais activos en entornos e sociedades rurais, como labreg@s, funcionari@s de servizos públicos vencellados á agricultura, mestres, técnic@s e empresari@s agrarios, membros de asociacións veciñais e culturais, organizacións sindicais e partidos políticos… e en xeral a calquera persoa que desenvolva a súa vida cotiá nun entorno rural… De aí a elección de Arzúa (A Coruña), un concello rural representativo dunha economía de base agrogandeira, para a realización deste Curso de Verán da USC.
Nenhum comentário:
Postar um comentário