O acto terá lugar o vindeiro sábado 9 de xuño ás 19:00 h. Na Galería Dispara (Rúa Virxinia Pereira, nº 4. A Estrada).
Con motivo do 75 aniversario do fusilamento dos máximos representantes do pobo estradense elixidos democraticamente o 5 de xuño de 1937, a Asociación Cultural “Vagalumes”, vai levar a cabo unha actividade na súa honra de difusión da nosa memoria histórica coa presentación de dous libros que constitúen achegas moi importantes para iluminar o noso recente pasado e no que colaboran autores estradenses (David Otero e Xoán Carlos Garrido): “A guerrilla antifranquista galega. Actas do Congreso” e “Perspectivas sobre Bóveda: Ensaios e poemas polo seu 75º cabodano”. Ademais dos devanditos escritores estarán presente os seus editores. No primeiro caso da Asociación Cultural “Alexandre Bóveda” da Coruña, coa presenza do seu presidente e editor do libro, e a participación da filla e do neto de Alexandre Bóveda Amalia e Valentín. E no referente ao congreso da Guerrilla, contaremos coa intervención do presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña Fernando Souto. Como remate a este acto actuará o grupo musical “A Quenlla”.
O 5 de xuño de 1937 confluía a sorte de seis estradenses diante dun pelotón de fusilamento na estrada que vai de Pontevedra a Monteporreiro, a beira do Lérez, na Xunqueira. Levaban tempo despedíndose dos seus amigos e parentes, mais esta última noite que pasaron en vela foi especialmente produtiva. Algún mesmo aproveitaba as notas de pago da súa última cena para escribir as que serían as últimas palabras. O alcalde Jesús Ignacio Puente Fontanes, os Tenentes de Alcalde, Ramón Fernández Rico e José Rodríguez Sangiao; e os veciños José María Pena López, Manuel Nogueira González e Cándido Tafalla Froiz. Ningún deles cometera delito algún, senón, pola contra, eran condenados por defender a legalidade vixente.
Lembramos que o último desexo que legaron aos seus veciños e veciñas polos que morreron foi o de ser recordados. Mesmo propuxeron que se lle dedicara unha rúa que rezara “Rúa dos mártires da Estrada”. Manda que aínda non se cumpriu senón que pola contra aínda preside a rúa principal da Estrada unha das iconas do réxime franquista, Calvo Sotelo, usado como escusa da súa barbarie.
Nenhum comentário:
Postar um comentário