CRMHC 30/5/12
A Comisión pola Recuperación da Memória Histórica da Coruña felicítase pola desestimación do recurso por parte do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG), contra a decisión do goberno municipal, na anterior lexislatura, no sentido de retirarle a Millán Astray, tanto a distinción do nome da rúa, como a estatua –xa retirada polo anterior goberno municipal-, como o nomeamento como “Fillo Predilecto” da Coruña, recurso posto pola “Asociación Deportiva y Cultural de Veteranos de la Legión”.
A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, comprácese en observar que os argumentos utilizados polo TSXG están en perfecta sintonía co recurso interposto pola devandita Comisión ante a negativa do actual goberno municipal da Coruña en negar a lexitimidade do acordo tomado polo propio goberno municipal, na anterior lexislatura, exercendo un silencio cómplice que non fai máis, como soubo expresar o TXSG, que darlle a razón á “Asociación Deportiva y Cultural de Veteranos de la Legión”, e negándolla ao propio goberno do concello da Coruña, que tiña retirada toda distinción a tan nefasto persoeiro como foi Millán Astray. As razóns que esgrimiu o actual alcalde, Carlos Negreira, do PP, eran que Millán Astray “era un coruñés de pro”, obviando así tódolos “méritos” de tan sinistra “figura” : participa activamente na preparación da sublevación militar de 1936, na represión do franquismo, ocupando importantes responsabilidades na ditadura, como Xefe de Radio, Prensa e Propaganda -ensalzando a figura de Franco como caudillo e salvador invencible da patria- e procurador en Cortes, por designación directa do ditador. Estes son os méritos de José Millán-Astray y Terreros.
Cando Millán-Astray regresa en 1938 dunha viaxe a Italia, afirma: “España pronto tendrá una merecida victoria fascista. Fascismo, nacional-socialismo y falangismo son en el fondo la misma cosa”. Era un fascista convencido que, segundo o historiador Paul Preston, contribuíu ao ideario da extrema dereita española.
Unha persoa que proclama “Mueran los intelectuales”, “Viva la muerte” non é un exemplo para ninguén. Pasará, xa que logo, á historia como un fascista e un golpista, que non ten méritos, nin prestixio, nin consideración social para ser recoñecido como “Fillo Predilecto” da Coruña, tal e como esixe o citado Regulamento.
Estabamos a dar un espectáculo lamentable, que non tería lugar en ningún país democrático europeo, goberne a dereita ou a esquerda. Haberá en Alemaña algún goberno municipal que se atreva a manter a distinción de fillo predilecto a un colaborador de Hitler e ministro da propaganda como Goebbels?
A Comisión Constitucional do Congreso dos Deputados de 20 de decembro de 2002, coincidindo co aniversario da morte do ditador, denunciaba a utilización da violencia para impor as súas conviccións políticas e establecer réximes totalitarios.
Manter hoxe na Coruña a distinción honorífica de “Fillo Predilecto” a Millán-Astray é unha auténtica indecencia, unha indignidade, unha humillación, un oprobio e un insulto á cidadanía –especialmente ás familias dos represaliados- que non pode permitir unha sociedade democrática.
As distincións honoríficas, os monumentos, os nomes das rúas, deben servir para recoñecer o mérito dalgunha persoa, exhaltar principios ou valores, é decir, un exemplo para toda a cidadanía.
O propio Regulamento municipal para a concesión de honores e distincións, no seu artigo 17, sinala que o título de “Fillo Predilecto” só poderá recaer en persoas que “polas súas destacadas cualidades persoais ou méritos sinalados e singularmente polos seus servizos en beneficio, mellora ou honor da Coruña, alcanzaran o prestixio e consideración xeral”.
A sentenza da xuíza do xulgado do Contencioso Administrativo nº 3 fai referencia ao citado Regulamento e sinala que “Non cabe negar al Concello demandado la potestad para dejar sin efecto los honores concedidos”, é dicir, deixa ben claro que estaba nas mans do goberno municipal, liderado por Carlos Negreira, facendo emprego das súas competencias, retirar a Millán-Astray a condición de “Fillo Predilecto”, así como a rúa e o monumento. Este foi o procedemento seguido por numerosos concellos, que xa retirararon a simboloxía franquista, incluso antes da aprobación da Lei de Memoria Histórica.
Por outra parte, a sentenza do xulgado do Contencioso Administrativo nº 1 da Coruña -comunicada ao concello o 2 de maio de 2011 e da que non tivo coñecemento a opinión pública ata o 28 de agosto- sinalaba, refiríndose a Lei da Memoria Histórica, que “no existen dudas” de que o acordo plenario de 7 de setembro de 2009, que retiraba a Millán-Astray a distinción de “Fillo Predilecto”, “es incardinable en dicha ley”.
O tema de fondo é que se necesita vontade política para retirar esa distinción honorífica, deixando ben claro ante a cidadanía que o concello da Coruña vai ter tolerancia cero co franquismo.
Vontade política xamáis amosada polo goberno municipal dirixido por Carlos Negreira, quen sistemáticamente estivo –e aínda está-, incumprindo o própio acordo do pleno da corporación municipal de 7 de setembro de 2009, que aprobaba, sen ningún voto en contra, e en aplicación da Lei da Memoria Histórica, a eliminación de máis de 50 símbolos franquistas, entre eles, 23 rúas da cidade.
Hoxe, por fin, podemos dicir que a mensaxe expresada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, amparándose na lei da memoria histórica, ao entender que dita lei “é perfectamente aplicable, xa que dita lei ordena a retirada de tódolos símbolos da ditadura”,negálle ao goberno municipal do PP, dirixido polo alcalde Carlos Negreira, tódolos seus argumentos políticos, ao defender, co seu silencio, que unha persoa como Millán Astray, no século XXI, e a 37 anos da morte do ditador Francisco Franco, aínda teña a distinción como “Fillo Predilecto da Coruña”. A CRMH da Coruña ten posto un recurso exixindo o cumprimento da lei, e a retirada, tanto de tódolos símbolos franquistas, como das distincións públicas a Millán Astray.
Daquela, instamos ao goberno municipal a cumplir cos seus propios acordos, e retire dunha vez xa tódolos símbolos franquistas aínda presentes na nosa cidade, incluídos os nomes de 23 rúas.
Nenhum comentário:
Postar um comentário