Waldino Varela, Amelia Pérez e Carlos Barros nun momento do acto
Xoán C. Gil
O paro marcou un fito no movemento obreiro de Galicia
La Voz de Galicia - Vigo - S. Antón - 16 de marzo de 2013
Con medio ano de atraso, Comisións Obreiras
conmemorou onte a folga xeral do 72. Aquel mes de setembro supuxo un
fito no movemento obreiro de Galicia. Amelia Pérez, secretaria comarcal
do sindicato explicou que o acto, que contou coa presenza dalgún dos
protagonistas principais daquel paro, máis que unha mirada ao uso a
través do retrovisor, o que buscaba era ligar aqueles acontecementos á
actualidade. Entende que, salvando diferenzas non menores -«naquel
momento viviamos en plena ditadura e agora facémolo en democracia»-, hai
moitas similitudes, especialmente na perda de dereitos e o retroceso en
cuestións laborais.
Ante un auditorio abarrotado Waldino Varela,
sindicalista histórico de Vulcano, e Carlos Barros, profesor
universitario e membro do PCE -ambos moi activos na organización da
folga do 72-, recordaron aquel escenario comparándoo co actual. Entón
foron determinantes as reivindicacións do persoal de Citroën, ás que se
sumou o resto da industria da cidade aglutinados ao redor das
recentemente nadas Comisións Obreiras. Agora, coincidiron os asistentes,
as redes sociais están xerando un caldo de cultivo parecido con
movementos como o 15-M. E outro analogismo: aquel 1972 o persoal de
Barreiras foi obrigada a tomar vacacións na primavera por falta de
traballo. Os clientes non estaban conformes coa calidade da chapa.
Nenhum comentário:
Postar um comentário