O Alcalde socialisto de Vigo é condenado pola xusticia a derrubala de urxencia pero segue negándose

quarta-feira, 2 de outubro de 2013

«Hai un baleiro de información sobre a Postguerra entre os anos 1940 e 1960»


Xerais 27/9/13
Xosé Álvarez Castro: «Impresionan as persoas que eran nenos e sufriron a represión sobre os seus achegados». Entrevista arredor de «Pontevedra nos anos do medo»

O suplemento Faro da Cultura, de Faro de Vigo publicou o 26 de setembro unha entrevista de Lourdes Varela a Xosé Álvarez Castro polo seu libro «Pontevedra nos anos do medo. Golpe militar e represión (1936-1939)». 

Pontevedra nos anos do medo (Edicións Xerais) é o resultado de varios anos de investigación levada a cabo por Xosé Álvarez Castro, licenciado en Xeografía e Historia e que na actualidade imparte clases no IES de Sanxenxo. A Fundación Alexandre Bóveda concedeulle en 2011 o VI Premio “Día da Galiza Mártir” á recuperación da memoria histórico.

– Para a elaboración deste libro, recorreu Vde. a fontes documentais inéditas. Cales foron ditas fontes e como se arranxou para acceder a elas?

– Poderiamos agrupar estas fontes en dous monllos: por unha banda, o estudo polo miúdo da documentación depositada en arquivos militares (AIRMN de Ferrol), Centro Documental da Memoria Histórica (Salamanca) e diversos fondos en arquivos locais que aportaron en ocasións información moi relevante; por outro lado, tiven acceso á documentación de persoas represaliadas: falo de cartas, diarios… Canto ao propio acceso,os depositados nos arquivos non presentaron máis dificultades que a dispersión e, nalgún caso, deficiente clasificación dos mesmos; os privados foron facilitados por familiares ou outras persoas depositarias. Destacaría pola súa atención o persoal do arquivo militar de Ferrol.

– Tamén recolleu testemuñas orais. Cales foron as que máis o impresionaron e/ou as que máis o sorprenderon?

– Sempre impresionan as dalgunhas persoas que eran nenos naquel momento e que viviron e sufriron a represión sobre os seus achegados, pero as que máis emoción me causaron non eran orais, senón as derradeiras cartas de condenados a morte como unha do mestre Segundo Abal ou algunha en petición de indulto. As máis sorprendentes foron as que elaboraban un relato mítico sobre represores ou represaliados, que non concordaba cos coñecementos que se tiñan do acontecido a través doutras fontes.

– Co paso dos anos, a desaparición física das persoas que viviron directamente a Guerra Civil e Posguerra inmediata vai supoñer unha lagoa histórica irrecuperable ou todo o que había que contar daqueles anos xa está suficientemente relatado? En calquera caso, que é o que, a pesar de todo, aínda falta por mostrar?

– A desaparición de calquera persoa sempre supón un baleiro irrecuperable e unha perda de información, pero na actualidade coñecemos bastante ben as liñas básicas do sucedido arredor do golpe militar e mais a represión subseguinte, pero pode producirse un baleiro de información sobre épocas posteriores, por exemplo sobre a xeira entre 1940 e 1960. As áreas menos traballadas serían as relacionadas cos aspectos económicos da represión (incautacións, cambio de propiedades, etc), a represión das mulleres…

– Se facemos unha comparación entre Pontevedra e Vigo, en que cidade houbo máis resistencia aos sublevados franquistas e en cal delas se desatou unha maior represión por parte dos vencedores?

– Non é comparable o acontecido nestas cidades, pois as diferenzas en poboación, actividade política ou sindical, etc, son moi grandes. En Vigo tivo lugar unha maior resistencia o día do golpe e posteriores e tamén sufríu unha represión maior en termos cuantitativos. Canto ás prácticas represoras, son semellantes, se ben Pontevedra pode diferenciarse polo papel relevante asumido pola Garda Cívica, dirixida polo deputado Victor Lis.

– Que Pontevedra fose a cidade na que residía Castelao ou que alí se fundase tamén o Partido Galeguista influíu en algo para que a represión fose especialmente dura?

– Ao meu entender, non; aínda que houbo galeguistas executados, presos e represaliados, foron outros grupos como os comunistas, socialistas, sindicalistas e agrarios os máis perseguidos.

– Se Alexandre Bóveda estivera residindo en Santiago (como o avó de Mariano Rajoy, que participou moi activamente na redacción do estatuto do 36 e conseguiu sobrevivir sen marchar de Galicia), tamén tería sido executado.

– É difícil facer historia ficción, pero a significación política de Bóveda era moito máis destacada: a súa importancia como“ motor de explosión” do partido, a aposta pola participación na Fronte Popular e o seu evidente labor dentro do Comité de Defensa da República no goberno civil facían case imposible escapar da morte.

– Unha das características deste seu libro é o achegamento que Vde. fai ás historias das vidas das vítimas. Que obxectivo procurou ao facer este enfoque?

– O feito de ser fusilados en Pontevedra personaxes de gran proxección política ou social como Bóveda,Amancio Caamaño, Ramiro Paz, José Adrio, entre outros, deixou en segundo plano a outras persoas que tamén padeceron morte ou persecución e que son as grandes descoñecidas entre a poboación;dando a coñecer a historia de persoas como os irmáns Gama, líderes agrarios como Victor Moldes ou Juan Magdalena, os Zbarsky, etc acadamos un coñecemento moito máis real e completo do que pasou naqueles anos.

– En quen se cebou máis a represión en Pontevedra: nos comunistas, socialistas e anarquistas…ou nos galeguistas?

– En todos eles, se ben os anarquistas tiñan unha presenza reducida na capital; tampouco podemos esquecer a represión sufrida por militantes dos partidos moderados como Unión Republicana ou Esquerda Republicana así como sindicalistas, agrarios…

– Fálase da Pontevedra galeguista, pero, ao remate da guerra, non é certo que a burguesía pontevedresa destacou por abrazar (moi emotivamente) a causa do franquismo?, e falo, en comparación con outras cidades galegas e españolas…

– Este fenómeno non foi moi distinto que noutras cidades;o réxime franquista, logo de consegurir a neutralización dos seus opoñentes, articulou canles para integrar a determinados sectores da poboación. No caso dalgúns galeguistas, para entender o sucedido, deberiamos remontarnos á escisión de Dereita Galeguista, oposta á participación na Fronte Popular e cunha concepción da sociedade coincidente en gran medida coa dos golpistas. É entre membros desta corrente onde se atopan os máis coñecidos persoeiros que se adhiren ao franquismo. Aínda así, non se libraron dos ataques de sectores do réxime como os falanxistas.

Nenhum comentário:

Postar um comentário