Carmen Sarille |
Montecubeiro queda a uns 20 quilómetros de Baralla. Montecubeiro foi un
inferno naquel 1937 no que se produciu a matanza de quince mulleres e
homes asasinadas polo franquismo. Con biografías que desdín ao alcalde
de Baralla. Nada fixeran. Montecubeiro é, por iso, o lugar elixido para
honrar as vítimas e reclamar xustiza pola represión que comezou co golpe
militar do 36
Unha grande pedra de dez toneladas de peso
recolle o nome das quince persoas asasinadas en Montecubeiro. Tres son
mulleres. Ao pé do monumento promovido por Manuel Sarille, irmá de
Carme, unha das asasinadas, vaise realizar este día 13 de outubro o acto
nacional convocado pola Iniciativa pola Memoria en desagravio e
homenaxe ás vítimas, de condena da impunidade e contra a apoloxía do
franquismo. Reclamarase, máis unha vez, a derrogación da Lei de Amnistía
do 77 que ergueu un muro de silencio e deixou libres aos asasinos.
"As mozas Virxinia Meilán, Manuela Graña e Carme Sarille foron das primeiras asasinadas"
En Montecubeiro a memoria das quince persoas asasinadas latexa aínda,
ao pé da antiga casa da Unión de Labradores na que se quería montar
unha biblioteca durante a República. O franquismo cebouse con saña nesta
parroquia de Castroverde de onde era viciño Bonifacio Sarille Lenceiro,
líder da Unión de Labradores que canda dous compañeiros fuxiron ao
monte despois do golpe militar, o que alertou aos sublevados da posíbel
creación dun grupo de resistencia na zona. O masacre veu despois, para
rematar con calquera fasquía dun tempo no que en Montecubeiro se soñaba
coa forza revolucionaria dunha biblioteca.
As tres mulleres foron das primeiras vítimas do masacre. A costureira
Virxinia Meilán -acusada de ter un amante- a moza que intervira nun
acto dun primeiro de maio, Manuela Graña e mais Carme Sarille Lenceiro,
irmá de Bonifacio, o mozo fuxido, mais tamén de Manuel, o supervivente
que perseguiría unha teima o resto da súa vida: recuperar a memoria das
vítimas. “Entre os toxos, sobre a neve, na seca e nas enxurradas, / tres
mapoulas iluminan/ noite e día Montecubeiro:/ Virxinia, Carmen,
Manuela./ Eran fermosas como pétalos. / Perduran como penedos”. Son
versos de Claudio Rodríguez Fer dedicados á memoria das tres mozas
masacradas na parroquia de Castroverde, unha das voces que se sentirá na
homenaxe ás vítimas do franquismo deste domingo.
O sobriño de Carmen e Bonifacio e fillo de Manuel, Xosé Manuel
Sarille -ex-presidente da Mesa- escribiría a historia dos seus na novela
Polos fillos dos fillos, publicada en 2004, aínda vivo seu pai, testemuña de excepción do masacre.
Ao mestre Arximiro Rico "cortáronlle os testículos. Quitáronlle os ollos. Cortáronlle a lingua. E rematárono a paus e a tiros de escopeta”
Canda as tres mulleres, quitáronlle a vida a dous irmáns de Manuela,
Manuel e Xosé Graña Rico, ao directivo da Unión de Labradores, Antonio
Pereira, ao fillo dun mestre paseado tamén no 36, Xosé Palmeiro, ao
labrego Manuel López, ao barbeiro Xosé Freire, ao mestre de San Bernabé,
Arximiro Rico ou ao muiñeiro Xosé Veiga López: até quince nomes de
vítimas que non cometeran máis delito que o de confiar nun mundo
mellor.
Entre eles, Arximiro Rico, mestre e promotor do teatro popular, unha
figura que ten estudado o profesor Narciso de Gabriel nun libro sobre a
súa figura no que narra o brutal asasinato. “E na serra de Montecubeiro
aconteceu o que resulta máis estremecedor. Cortáronlle os testículos.
Quitáronlle os ollos. Cortáronlle a lingua. E rematárono a paus e a
tiros de escopeta,” escribe de Gabriel do mestre exemplar que foi
substituído pola filla dun dos que participou no seu “paseo”.
Por que Montecubeiro? A só vinte quilómetros de Baralla sitúase esta
parroquia de Castroverde na que os anos non poden cunha memoria tráxica e
inxusta que masacrou a quince veciños e veciñas, xente nova e con
ilusións das que ninguén foi quen de transmitir maldade algunha.
Montecubeiro, porque ao pé da grande pedra cos seus nomes o “será porque
o merecían” do alcalde de Baralla síntese aínda máis lacerante.
Nenhum comentário:
Postar um comentário