Asociación ViguesaI pola Memoria Historica do 36
Viguesa Distinguida 2007
Presentación da demanda presentada no Xulgado do Contencioso nº 2 de Vigo
Ó
XULGADO DO CONTENCIOSO-ADMINISTRATIVO Nº 2 DE VIGO
GUILLERME
PRESA SUÁREZ, avogado, na representación da ASOCIACIÓN VIGUESA POLA
MEMORIA HISTÓRICA DO 36, segundo teño acreditado no Procedemento de
Protección dos Dereitos Fundamentais nº 224/2013, perante ese Xulgado comparezo e DIGO:
Que cumprimentando o trámite
conferido, por medio do presente escrito paso a FORMALIZAR A DEMANDA, baseándome nos seguintes
FEITOS
PRIMEIRO: A denominada Cruz
dos Caídos do Monte do Castro de Vigo foi erixida como consecuencia de unha
proposta que fixo ó Concello de Vigo a Xefatura Local de “Falange
Tradicionalista y de las JONS”, que escolleu tamén o lugar do seu
emprazamento actual, aprobándose a proposta en sesión extraordinaria da
Comisión Municipal Permanente de 12 de agosto de 1959.
Tras un primer proxecto mais
modesto, en maio de 1961 o arquitecto municipal presenta o proxecto definitivo,
con unha cruz de 12 metros de altura, ampliando o perímetro para unha maior
visibilidade do monumento e un maior aforo de persoas nas cerimonias,
engadíndose un sarcófago, dúas coroas de loureiro en bronce, a inscripción “Caídos
por Dios y por España ¡Presentes! 1936-1939”, un escudo de España, un
escudo de Vigo, os emblemas da “Falange” e os Requetés, unha escaleira “imperial”
de acceso e, no frontispicio do arranque das escaleiras, as figuras de un
mariño e un soldado cos uniformes da época e os emblemas en bronce dos tres
exércitos.
Foi inaugurada o 14 de setembro de
1961 persoalmente polo dictador Francisco Franco e en ese lugar realizáronse
exaltacións do franquismo sobre todo cada 20 de novembro, cabodano da morte do
fundador da “Falange”, celebracións que perduraron até a morte do
dictador, sendo tamén en ese lugar onde se realizaron as exequias polo seu
pasamento.
SEGUNDO: Ca toma de posesión
da primeira Corporación Municipal da democracia, o Partido Comunista de Galicia
(PCG), que tiña tres Concelleiros, presentou unha moción a principios de
1980 reclamando o derrubo da cruz dos caídos do Castro, requirindo en varias ocasións
para que fose elevada ó Pleno sen conseguilo.
O 30 de xuño de 1981 o Alcalde
Manoel Soto Ferreiro presentou unha moción de urxencia propoñendo instalar unha
placa no monumento adicando o mesmo ós mortos dos dous bandos, pretensión que
recebeu o voto en contra dos tres Concelleiros do PCG e da Concelleira do
Bloque Nacional-Popular Galego (BN-PG), sendo aprobada por maioría; pero dita
placa nunca foi instalada.
O que si foi aprobado por
unanimidade foi a retirada da simboloxía fascista e as inscripcións existentes
no mesmo pero aínda a día de hoxe permanecen no frontispicio do arranque das
escaleiras as figuras dos dous soldados cos uniformes da época e os emblemas en
bronce dos tres exércitos.
Na sesión plenaria do Concello de
Vigo de 27 de febreiro de 2006 foi aprobada por unanimidade unha moción do
grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego instando a retirada da simboloxía
franquista, na que textualmente se dicía:
“Tampouco non podemos deixar de
sinalar, nesta moción, o monumento ós caídos situado na ladeira do Castro e que
coa chegada dos concellos democráticos foi reconvertido en monumento ós mortos
da guerra civil, reconversión que non consegue eliminar a súa carga
simbólica inicial claramente franquista por ser un modelo típico que se repite
noutras zonas, xunto co monolito existente nun dos extremos da praia de Rodas,
nas Cíes, presidido por un “Víctor” como homenaxe a Franco.
Franco, certamente, pertence a
historia, pero non cabe que símbolos que renden recoñecemento social á ditadura
permanezan nos espacios públicos da cidade e do Concello, a non ser que se
comparta ese recoñecemento”.
O monolito das Illas Cíes foi
derrubado o 1 de xullo de 2008.
TERCEIRO: A Asociación
demandante ven insistindo na súa petición ó Concello de retirada do obxecto
mencionado desde o 17 de abril de 2008 (rexistro de entrada nº 80047594), cando
presentou a primeira solicitude, que foi reiterada o 6 de agosto de 2008
(rexistro de entrada nº 80098451), o 31 de maio de 2010 (rexistro de entrada nº
100076283) e o 23 de agosto de 2010 (rexistro de entrada nº 100110314), e
reclamada por 4.046 cidadáns e 30 asociacións e colectivos de Vigo (como se
acreditou co escrito de 31 de maio de 2010), sen que o Concello respostase
nunca as peticións.
O 19 de xullo de 2011 presentouse
escrito exercitando o dereito fundamental de petición do art. 29 CE, regulado
pola Lei Orgánica 4/2001, de 12 de novembro, para que en virtude do disposto no
art. 15.1 da Lei 52/2007, de 26 de decembro, pola que se recoñecen e amplían
dereitos e se establecen medidas en favor de quen padeceron persecución ou
violencia durante a guerra civil e a dictadura (coñecida como Lei da
Memoria Histórica), que obriga as administracións públicas a tomar as medidas
oportunas para a retirada de obxectos ou mencións conmemorativas da sublevación
militar, da Guerra Civil e da represión da dictadura, instando a que “proceda
de maneira inmediata a adoptar as medidas oportunas para a retirada do obxecto
denominado “cruz dos caídos”, sito no monte do Castro de Vigo, propiedade do
Concello de Vigo”.
A pesares da súa obriga
constitucional de responder, o Concello non acusou recibo da petición, nin a
respondeu nin realizou actividade algunha ó respecto, motivo polo que a
Asociación demandante presentou demanda que se seguiu como Procedemento de
Protección dos Dereitos Fundamentais nº 4/2011 do Xulgado do
Contencioso-Administrativo nº 1 de Vigo, que dictou sentenza o 19 de decembro
de 2012 estimando parcialmente a demanda e ordenando “retrotraer las
actuaciones para que en el plazo máximo de un mes a partir de la notificación
de esta sentencia, por la Administración, o bien se proceda a inadmitir
motivadamente la petición de revisión formulada por la parte actora, o bien
incoe el procedimiento correspondiente y resuelva lo procedente”,
pronunciamento que se complementa co exposto no Fundamento Xurídico segundo,
penúltimo parágrafo, no que consta: “Lo procedente, entonces, es ordenar a
la Administración que se pronuncie expresamente, bien por inadmitir
motivadamente la petición, bien por tramitar el oportuno procedimiento,
acomodándose a los trámites de la LO reguladora y del Reglamento Municipal,
acordando en definitiva lo que proceda”.
CUARTO: O 10 de xanerio de 2013 o Alcalde-Presidente dictou
resolución incoando o expediente nº 1349/110 para resolver a petición que a
Asociación demandante formulara o 19 de xullo de 2011.
O 22 de xaneiro de 2013 o instructor emitiu unha proposta previa de
desestimación da pretensión, dando trámite de audiencia a Asociación que
represento para formular alegacións, que foi notificada o 30 de xaneiro.
Mediante escrito da Asociación demandante que tivo entrada no rexistro do
Concello o 12 de febreiro se formularon alegacións.
O 1 de marzo de 2013 a Xunta de Goberno Local adoptou o acordo de non
acceder a petición.
Dita resolución non foi notificada a Asociación demandante, que tivo
noticia da súa existencia cando foi presentada no procedemento de Protección de
Dereitos Fundamentais nº 4/2011 do Xulgado do Contencioso-Administrativo nº 1
de Vigo.
FUNDAMENTOS DE
DEREITO
I.- Competencia.
Corresponde ó Xulgado do Contencioso-Administrativo de Vigo en virtude do
disposto no art. 8 LXCA.
II.- Lexitimación.
Corresponde ós demandantes
conforme ós arts. 18 e 19 a) LXCA.
A lexitimación pasiva corresponde á administración demandada por ser a
autora do acto impugnado, en virtude do disposto no art. 21 a) LXCA.
III.- Obxecto do recurso.
Constitúe o obxecto do proceso o indebido rexeitamento da solicitude da
Asociación que represento para que o Concello de Vigo cumpra as obrigas que se
lle
impoñen na Lei 52/2007, e, concretamente, para que, en aplicación do art.
15 de dita Lei, adopte as medidas oportunas para a retirada do obxecto
denominado “cruz dos caídos” sito no monte do Castro de Vigo.
IV.- Procedencia do recurso
especial.
O recuso debe sustanciarse polos trámites dos arts. 114 e ss. LXCA ó
resultar denegada pola administración municipal unha petición fundada artellada
a través do dereito fundamental de petición do art. 29 CE, segundo establece a
Lei Orgánica 4/2001 no seu art. 12.
VI.- Fondo do asunto.
I.- O Concello de Vigo é o
propietario do obxecto a retirar.
II.- O obxecto en custión
constitúe un elemento de exaltación colectiva da sublevación militar, da
Guerra Civil e da dictadura franquista, polo que está incluido no art.
15.1 da Lei 52/2007, o que obriga o Concello de Vigo a proceder a súa retirada.
O Concello recoñece na súa
resolución que “é certo e indubitado
que a “Cruz dos Caídos”, no seu día, hai cincuenta e dous anos, foi erixida
co exclusivo fin de exaltar e eloxiar a sublevación militar, a Guerra Civil e
aos mortos, aos caídos, do denominado “bando nacional”, e que tal
monumento supuxo nese ano de 1961 e posteriores un agravio inútil, unha
humillación innecesaria, un sufrimento engadido e unha afronta absurda para
aquelas persoas que non secundaron a ideoloxía
da Ditadura”.
Pero entende o Concello que con a
aprobación, afirma que por unanimidade,
no Pleno de 30 de xuño de 1981 de unha moción que declaraba que ese
monumento representaba “A todos os mortos da Guerra Civil 1936-1939” e
acordaba a retirada dos símbolos e lendas existentes, o mesmo converteuse en “un
elemento neutro de simboloxía relixiosa e hoxe non implica exaltación ningunha”.
Nembargantes, ese acordo
plenario non foi aprobado por unanimidade, senón con a expresa
oposición de catro Concelleiros (tres do Partido Comunista e un do Bloque
Nacional-Popular Galego), polo que non se pode afirmar que os representantes de
todos os cidadáns vigueses estivaran de acordo con esa decisión.
En segundo lugar, non toda a
simboloxía foi retirada xa que aínda permanece hoxe parte dela,
concretamente as figuras dos dous soldados, un do exército de terra e outro da
mariña, vestidos con uniformes franquistas, no frontispicio do arranque da
escalera “imperial”, xunto con emblemas en bronce dos tres exércitos.
Tampouco existe no monumento,
en non consta que fose instalada nunca, a placa que indique que o mesmo
está adicado “A todos os mortos da Guerra Civil 1936-1939”.
Pero, sobre todo, tal
acordo plenario non podía, por sí mesmo, mudar a significación do símbolo,
xa que para iso tería que ter seguido o procedemento administrativo legalmente
previsto, xa que os símbolos dos poderes públicos, pola súa importancia, están
sometidos ó Dereito.
Os símbolos son “representacións sensorialmente
perceptibles de unha realidade ou de unha idea en virtude de rasgos que
se asocian con ésta por unha convención socialmente aceptada”
(según a definición da RAE) e, desde o punto de vista xurídico, xunto ós feitos
e os actos xurídicos están os signos, e algúns signos producen consecuencias
xurídicas e por tanto poden denominarse “signos xurídicos” (sobre o
valor xurídico dos símbolos vid. F. GONZÁLEZ NAVARRO, “Lo fáctico y lo
sígnico: una introducción a la semiótica jurídica”, Eunsa, Pamplona, 1995).
Polo tanto, os símbolos do Estado, da rexión, da
provincia ou do municipio son signos xurídicos porque o ordenamento lles
atribúe valor xurídico, e porque poden por sí mesmos producir consecuencias
xurídicas en forma de ordes ou mandatos, como por exemplo a obriga de ondear a
bandeira ou a prohibición de usar o escudo municipal sen autorización ou, no
noso caso, a obriga legal da súa retirada.
Así, a Lei 5/1997, de 22 de julio, de Administración Local, dispón
no seu art 258, que as Entidades Locais poderán adoptar escudos heráldicos e
bandeiras propios e privativos, modificar os existentes ou rehabilitar os que
históricamente utilizaran, precisando que “se basearán en feitos históricos
ou xeográficos característicos e peculiares do seu territorio, conforme ás
normas da heráldica”. E, en relación con esta previsión, no seu art. 260
dispón que a Comisión de Heráldica adscrita á Consellería competente en materia
de réxime local, será o órgano consultivo da Xunta de Galicia ó que lle
corresponda emitir informe vinculante nos procedementos de aprobación,
modificación ou rehabilitación de símbolos (na actualidade, o Decreto 19/2010,
de 11 de febreiro, desenvolve a composición e funcións da Comisión Heráldica da
Xunta).
Xa que logo, a normativa autonómica sobre símbolos
municipais establece a intervención dos órganos de goberno da Comunidade no
procedemento de aprobación ou modificación de símbolos, mediante un
procedemento bifásico no que a iniciativa corresponde ó ente local mediante
acordo conforme ó disposto no art. 22.2.b) da Lei 7/1985, de 2 de abril, e logo
é a Comunidade Autónoma a que aproba a creación ou modificación do símbolo
local, concretamente a través do máximo órgano colexiado de Goberno.
Polo tanto, a Corporación municipal non ten
capacidade para modificar un símbolo público sen intervención de outras
administracións nin, por suposto, pode mudar o significado de un
símbolo fascista e pretender que se trasmute en un símbolo de convivencia,
senón que o único que legalmente se pode facer con ese tipo de simboloxía
e retirala, como ordea a Lei 52/2007 no seu art. 15.
Tanto é así que no texto da moción aprobada (esta vez sí,
por unanimidade) polo Concello o 27 de febreiro de 2006, afírmase sobre a decisión
de Pleno de 30 de xuño de 1981 que esa
reconversión “non consegue eliminar a súa carga sombólica inicial claramente
franquista”.
O obxecto denominado “cruz dos caídos” non é un
símbolo relixioso senón un monumento conmemorativo da sublevación militar
golpista de 1936, da dictadura fascista que asolou o país durante 40 anos e dos
horrendos crímenes cometidos polos falanxistas e fascistas, que ten que
ser retirada para evitar a dor que a súa presencia segue a producir nas
víctimas directas e nos seus descendentes, así como a vergoña que calquera
demócrata ten que sentir polo seu mantemento.
A significación de ese monumento
resulta acreditado polo informe elaborado polo historiador José Ramón Rodríguez
Lago, que se achega con esta demanda, no que se di:
-
que “puede
asegurarse sin lugar a dudas que el “monumento a los caídos”, situado en el
Monte do Castro de la ciudad de Vigo, representa un elemento conmemorativo
relevante de exaltación de la sublevación militar golpista de
1936, de los vencedores de la guerra civil, de la posterior dictadura militar y
de las acciones represivas desarrolladas por las organizaciones de la Falange
antes, durante y después de la guerra”
-
que “desde el punto
de vista historiográfico, los denominados “monumentos a los caídos” sólo pueden
ser interpretados como indudables símbolos propagandísticos de la
dictadura militar, y más concretamente del ideario político de la Falange”
-
que “El “monumento
a los caídos” de Vigo nunca estuvo ubicado en terreno de consideración
sagrada o religiosa, o en propiedad eclesial alguna. El lugar tampoco
fue nunca de titularidad eclesial. Respondió desde sus inicios a una iniciativa
falangista arropada por el pleno municipal en la época de la dictadura, y erigida
en una propiedad del mismo, que previamente había pertenecido al Ejército”
-
e que “La retirada en los años 80 de algunos de los símbolos
escultóricos falangistas del monumento, no impide constatar en la
actualidad que su ubicación, su estética y el mismo diseño arquitectónico que
inspiró el monumento se corresponden todavía inequívocamente con la transmisión
de valores propios del modelo falangista […] jerarquía,
obediencia y virilidad, tradicionales exponentes de la
propaganda imperial falangista y claramente contrapuesta
a los valores democráticos. Su ubicación estratégica en un lugar
privilegiado y simbólico de la ciudad lo convierten en testimonio presente del
triunfo de los vencedores en la guerra civil, y memoria de humillación
para los vencidos, las víctimas y sus descendientes”.
III.- O art. 1 da Lei 52/2007, da Memoria
Histórica sinala que “A presente Lei ten por obxecto recoñecer e
ampliar dereitos a favor de quen padeceron persecución ou violencia,
por razóns políticas, ideolóxicas, ou de creenza relixiosa, durante a Guerra
Civil e a Ditadura, promover a súa reparación moral e a recuperación da súa
memoria persoal e familiar, e adoptar medidas complementares destinadas a
suprimir elementos de división entre os cidadáns ...”, co que está
recoñocendo dereitos concretos a aqueles cidadáns que, como os membros da
Asociación demandante ou os seus familiares, sufriron persecución polas súas
ideas.
O art. 15
da Lei 52/2007 ordea que “As administracións públicas, no exercicio das súas
competencias, tomarán as medidas oportunas para a retirada de
escudos, insignias, placas e outros obxectos ou mencións conmemorativas de
exaltación, personal ou colectiva, da sublevación militar, da guerra civil e da
represión da Dictadura”, enfatizando a Exposición de Motivos que esa obriga
ven “sustentada no principio de evitar toda exaltación”,
salientando que “os cidadáns teñen dereito a que así sexa”,
e que “En definitiva, a presente Lei quere contribuir a pechar feridas
todavía abertas nos españois e dar satisfacción ós cidadáns que
sofriron, directamente ou na persoa dos seus familiares, as consecuencias da
traxedia da Guerra Civil ou da represión da Dictadura”.
Nos mesmos
termos imperativos se expresa a Orde CUL/3190/2008, de 6 de novembro, pola que
se publica o Acordo do Consello de Ministros de 31 de outubro de 2008, polo que
se dictan instruccións para a reirada de símbolos franquistas nos bens da
Administración Xeral do Estado e os seus organismos públicos dependentes, na
que se di: “Se procederá á retirada de todos os símbolos os
que se refire o art. 15.1 da Lei 52/2007 que se atopen nun ben propiedade da
Administración Xeral do Estado e os seus organismos públicos dependentes”.
A sentenza da Sala do
Contencioso-Administrativo do TSX de Galicia (sección 2ª) de 5 de decembro de
2012 (recurso nº 4104/2012), sobre a
eliminación do rueiro de A Coruña da rúa adicada o Xeneral Millán Astray, a
revocación do seu nomeamento como fillo predilecto da cidade e a retirada da
súa estatua di:
“No
hay Jurisprudencia de la Sala Tercera del Tribunal Supremo interpretando lo
dispuesto en la norma. Esta sala, en su sentencia de 21 de octubre de 2010
dictada en el procedimiento ordinario 4343/2010, expresa que “… [el reconocimiento que supuso la denominación de dicha
calle] es
susceptible de verse afectada por la reevaluación, que la Ley 52/2007 supone […]
en conexión con el sentido valorativo de la misma”; en su sentencia de 15 de noviembre de 2012 dictada
en el recurso de apelación
4229/2012, también expresa que “[el reconocimiento que supuso la denominación de dicha
calle] es susceptible de
verse afectado por la reevaluación que la Ley 52/2007 representa en cuanto que
no resulta desvirtuado que precisamente aquel reconocimiento conectó con las
circunstancias contempladas conforme al sentido y finalidad de dicha Ley”.
O Xulgado
do Contencioso-Administrativo nº. 5 de Valencia, na súa sentenza de 31 de xullo de 2012, sobre a retirada do
título de Alcalde honorario da cidade a Francisco Franco di:
“Aun siendo
cierto, como así lo resalta el Letrado del Ayuntamiento, que el art. 15 viene
referido a la retirada de escudos, insignias, placas y otros objetos o
menciones conmemorativas de exaltación, personal o colectiva, de la sublevación
militar, de la Guerra Civil y de la represión de la Dictadura, y que el
Acuerdo impugnado consistió en la no aceptación de la propuesta de retirada del
título de Alcalde honorario a Francisco Franco, no es menos cierto que esa
retirada ha de ser incardinada en los supuestos contemplados en el antes citado
art. 15 (que conforme al art. 5.1 LOPJ ha de ser
interpretado y aplicado según los preceptos y principios constitucionales), por cuanto
que quien ostenta aquél título no accedió a la Jefatura del Estado por las vías
democráticas entonces establecidas. A mayor abundamiento baste añadir que el
mantenimiento de la mención honorífica concedida por el Ayuntamiento de
Valencia al general Franco el 1 de Mayo de 1939, resulta incompatible con
la voluntad del legislador constituyente de 1978, proclamada en el Preámbulo de
la Constitución, de "establecer una sociedad democrática avanzada", y
resulta también incompatible con el art. 1.1 de dicha Carta Magna, en
el que se refiere que "España se constituye en un Estado social y
democrático de Derecho, que propugna como valores superiores de su ordenamiento
jurídico la libertad, la justicia, la igualdad y el pluralismo político".
Este dereito foi concretado na petición, artellada polo
canle do dereito fundamental de petición, pedíndolle ó Concello que retire a
denominada “cruz dos caídos” do Monte do Castro, elemento claramente
incluido no art. 15.1 da Lei mencionada.
Tal petición debeu ser atendida polo Concello de Vigo,
segundo establece o art. 11 da L.O. 4/2001 reguladora do Dereito Fundamental de
Petición, que ordea que “Cando a petición se estime fundada,
a autoridade ou órgano competente para coñecer dela, virá obrigado a
atendela e a adoptar as medidas que estime oportunas a fin de lograr a
súa plena efectividade, incluíndo, no seu caso, o impulso dos procedimentos
necesarios para adoptar unha disposición de carácter xeral”.
SOLICITO que tendo por
presentado este escrito xunto cos documentos que se achegan, os admita e
por formalizada demanda, dite no seu día
sentenza declarando non axustada a dereito a denegación por resolución de 1 de
marzo de 2013 da Xunta de Goberno Local do Concello de Vigo da petición
formulada o 19 de xulio de 2011 na que se solicitaba que, en aplicación do
disposto no art. 15.1 da Ley 52/2007, de 26 de decembro, “proceda de maneira
inmediata a adoptar as medidas oportunas para a retirada do obxecto denominado
“cruz dos caídos”, sito no monte do Castro de Vigo, propiedade do Concello de
Vigo”, recoñecendo o dereito da Asociación demandante á retirada de tal
obxecto e ordenando á administración demandada a que así o faga.
En Vigo a 17 de outubro de 2013
ADEMÁIS DIGO que
intereso o recibimento do pleito a proba, que versará sobre os seguintes puntos
de feito e propoñendo os seguintes medios de proba:
1.- DOCUMENTAL consistente no
expediente administrativo e os documentos achegados por esta parte ca presente
demanda.
2.- MAIS DOCUMENTAL consistente en:
-
que se remita oficio ó Concello de Vigo a fin de
que acheguen ó proceso certificación do acordo municipal de 30 de xuño de 1981
(alegado na resolución administrativa impugnada) polo que se acordou a
colocación de unha placa na denominada “cruz dos caídos” do Monte do
Castro con a lenda “Polos mortos da Guerra Civil 1936-1939” e a retirada
da simboloxía fascista, incluíndo o texto da moción, as intervencións de todos
os Concelleiros e o resultado da votación.
-
que se remita oficio ó Concello de Vigo a fin de
que acheguen ó proceso acreditación documental da colocación na denominada “cruz
dos caídos” do Monte do Castro de unha placa con a lenda “Polos mortos
da Guerra Civil 1936-1939” en cumplimento do acordo plenario de 30 de xuño
de 1981.
-
que se remita oficio ó Concello de Vigo a fin de
que acheguen ó proceso certificación certificación do acordo municipal de 27 de
febreiro de 2006 (aportada por esta parte como copia con esta demanda) polo que
se acordou a retirada da sombolixía franquista das fachadas, incluíndo o texto
da moción, as intervencións de todos os Concelleiros e o resultado da votación.
2.- PERICIAL a prestar por
José Ramón Rodríguez Lago, Doctor en Historia Contemporánea pola Universidade
de Santiago de Compostela, profesor de Historia Contemporánea na Universidade
de Vigo, con domicilio para citacións en Universidade de Vigo, Departamento de
Historia, Arte e Xeografía, Despacho B-206, Campus Lagoas-Marcosende, 36310 Vigo,
a fin de que aclare, amplíe e explique o informe pericial obrante no
expediente.
Trátase de probar a vinculación da
denominada “cruz dos caídos” co réxime franquista e, porén, a súa
inclusión na Lei 52/2007, coñecida como Lei da Memoria Histórica.
3.- RECOÑECEMENTO XUDICIAL a fin de que se comprobe como na
denominada “cruz dos caídos” do Monte do Castro non exite ningunha placa
que adique a mesma ós mortos de ambos bandos da Guerra Civil e como permanecen
no frontispicio do arranque das escaleiras de acceso as figuras de un soldado
en un mariño con uniformes franquistas e os emblemas en bronce dos tres
exércitos.
SOLICITO se teña por
feita a anterior manifestación ós efectos legais oportunos.
E TAMÉN
DIGO que expresamente intereso o trámite de vista e conclusións.
SOLICITO se teña por feita a anterior manifestación.
E TAMÉN DIGO que a contía de este procedemento é
indeterminada.
SOLICITO se teña por feita a anterior manifestación.
Mesmo lugar e data.
Nenhum comentário:
Postar um comentário