Estudará os asasinatos dos antigos alcaldes de Castro de Rei e O Incio, así como veciños de Becerreá e Ribadeo
Francisco Albo -Monforte / A Voz 20 de marzo de 2014
O asasinato e a desaparición en setembro de 1936 do médico Manuel Díaz González, antigo alcalde do Incio, será incorporado á querela contra os crimes políticos cometidos baixo o franquismo que se tramita actualmente en Arxentina.
A causa foi promovida pola Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) e encabezada, entre outros, polos parentes de Severino Rivas, antigo alcalde de Castro de Rei asasinado en 1936. Agora sumáronse á querela outros dezasete casos rexistrados en Galicia, dez dos cales se sitúan na provincia de Lugo.
As denuncias foron presentadas formalmente o pasado martes ao cónsul da República Arxentina en Galicia, Roberto Gudiño, nun acto celebrado na Casa Casares Quiroga da Coruña. Nalgúns casos as demandas foron formuladas por familias das vítimas e noutros -cando non foi posible localizar aos seus parentes- por membros da ARMH.
A denuncia pola morte de Manuel Díaz González foi presentada por unha sobriña súa, Ester García Díaz. Entre os denunciantes atópase a escritora Helena Villar Janeiro, quen se presentou na querela pola desaparición dun tío seu, Ovidio Fernández Villar, veciño de Becerreá que foi apresado no seu domicilio no verán de 1936 e do que nunca se volveu saber. Ovidio Fernández tiña entón 17 anos de idade. Á querela tamén se agregaron os casos de Obdulio Naves Fernández e Leandro Llorente Navarro, membros da Federación de Guerrillas León-Galicia mortos pola Garda Civil en Baralla en 1946.
Os «cinco de Mondoñedo»
Os casos recentemente denunciados comprenden ademais as mortes do ribadense Jesús Longarela Maciñeiras e dos chamados «cinco de Mondoñedo», que segundo a ARMH «foron asasinados pola Falanxe local de Ribadeo».
Os seus cadáveres apareceron en setembro de 1936 preto da cidade de Mondoñedo. Estas persoas eran Florencio Carballo Novegil -natural de Pontevedra-, Andrés Vale Blanco -de Viveiro-, Enrique Navarret García -de Santander-, Bruno Martínez Fernández, Antonio María Martínez López e José Antonio Díaz Álvarez, todos estes últimos veciños da vila de Ribadeo.
Nenhum comentário:
Postar um comentário